Can vacinado, can protexido

As principais enfermidades infecciosas contra as que se vacinan os cans son o moquillo, a parvovirose, a hepatite canina, a leptoriose e a rabia
1 Marzo de 2012
Img mascotas listado

Can vacinado, can protexido

Quen convive cun can sábeo. Non só é un membro da familia máis que, coma o resto, ten a súa cama para durmir, o seu prato para comer, o seu momento para botar a sesta e os seus hábitos de xogo. Os cans tamén enferman, tanto ou máis ca os seus donos, por iso precisan vacinarse. Esta é a fórmula máis efectiva de previr enfermidades infecciosas. Ao igual ca as persoas adultas e ca os nenos, os cans tamén contan cun calendario de vacinacións que garante a súa saúde. Non obstante, nestes momentos non hai ningunha vacina obrigatoria; ata hai pouco a única vacina obrigatoria para os cans era a da rabia, pero agora xa non o é. Ante calquera dúbida, convén consultar calquera decisión en materia de vacinación co veterinario.

Efectividade das vacinas para cans

As vacinas melloraron a súa eficacia nos últimos anos. Así e todo, nalgúns casos, poden provocar reaccións graves que aparecen de xeito inmediato ou mesmo 48 horas despois da súa aplicación. As principais enfermidades infecciosas contra as que se vacinan os cans son o moquillo, a parvovirose, a hepatite canina, a leptoriose e a rabia. Non obstante, cómpre ter en conta dúas recomendacións: non é aconsellable vacinar un animal enfermo, polo que para evitalo é recomendable que antes se lle faga un estudo clínico. Por outra banda, antes de comezar co calendario de vacinacións hai que se asegurar de que o can estea desparasitado. A primeira vacinación para as catro primeiras enfermidades hai que levala a cabo antes das oito semanas de idade.

Hai circunstancias nas que non é recomendable vacinar o animal, como cando o can padece enfermidades infecciosas, alteracións inmunitarias ou alerxias. Fronte a estas situacións é mellor consultar co veterinario, quen decidirá atrasar a vacinación ou non.

Revacinacións

Co fin de conseguir unha correcta inmunidade sobre o animal, hai que realizar unha segunda, e nalgunhas razas mesmo unha terceira aplicación das vacinas nas primeiras 15 semanas de idade. Ao cabo do ano convén realizar unha revacinación. Se o risco de contaxio é moi alto, é preciso vacinar ao can cada ano de leptospirose, bordetela bronquisética ou de parainfluenza canina.

A vacinación contra a rabia, non obstante, depende da lexislación sanitaria de cada país. Así e todo, o veterinario é quen mellor pode aconsellar sobre o calendario de vacinas que hai que seguir. Os cans de máis dun ano, co plan de vacinacións ao día, é imposible que contraian moquillo, parvorirose ou hepatite canina. E para que as vacinas sexan eficaces é recomendable revacinar os cans de moquillo e de hepatite vírica durante dous ou tres anos.

Enganar ao sistema inmune

A vacinación é un “engano” ao sistema inmunitario do animal co fin de conseguir que as súas defensas se preparen con antelación fronte aos ataques dos virus. Deste xeito, se está prevido e recoñece as bacterias que provocan a enfermidade, o seu sistema inmunitario poderase enfrontar a elas e gañar a batalla.

O veterinario inocula a vacina, que lle fai crer ao organismo que o atacan xermes patóxenos. Non obstante, a clave consiste en introducir fraccións ou pequenas cantidades do virus que son patóxenas. Deste xeito, o sistema defensivo do can crea unha memoria sobre eles, que o axuda a reaccionar con eficacia cando o organismo do animal entre en contacto co virus en pleno apoxeo.

Posibles efectos secundarios

Despois de cada vacinación o animal pode sufrir unha reacción alérxica, inflamación, edema na cara ou vómitos. A razón é que coa vacina se estimula o sistema inmunitario que favorece o proceso inflamatorio. Aínda que non é habitual, pódense dar casos de morte súbita. Agora ben, malia a estes riscos, as vacinas son importantes para a saúde do can. O máis frecuente cando se produce unha reacción fronte á vacina é que se trate de efectos secundarios de carácter leve e de episodios breves. As reaccións fronte á vacina poden aparecer inmediatamente ou ben 48 horas despois da súa aplicación.

Consellos fronte a unha reacción
  • Se se observa algunha reacción adversa, hai que acudir ao veterinario ou servizo de urxencia. En xeral, a inxestión dun antiinflamatorio abonda para solucionar o problema.
  • Se unha vacina provocou problemas no animal, non se debe volver administrar.
  • O período mínimo de marxe entre a administración dunha vacina e outra é de 15 días.
  • Hai que levar a cartilla de vacinacións á consulta, que debe ser un centro autorizado.
  • Para que o calendario de vacinacións resulte efectivo, hai que cumprir os prazos propostos e administrar o total de doses recomendadas, sempre segundo a supervisión dun veterinario.

Dúbidas habituais sobre a vacinación

  • Que vacinas son obrigatorias? Ata hai pouco, a única vacina obrigatoria para os animais de compaña era a da rabia, pero nestes momentos xa non o é.
  • Existe unha época concreta para a vacinación? Non se pode falar de épocas mellores ou peores. En xeral as vacinas aplícanse unha vez ao ano, cando corresponde segundo cada caso particular.
  • As vacinas son as mesmas para todas as razas ou tamaños? A dose de antíxeno que contén unha vacina acada o mesmo efecto nun can de tamaño pequeno, como por exemplo un chiguagua, ca nun mastín. Ademais, tamén serven para cans que non son de raza.
  • Cada can, un caso de vacinación: Hai unha morea de enfermidades contra as que podemos vacinar os cans. Pero o tipo de vacina e o calendario para aplicalas debe propolo o veterinario e depende de factores como os seguintes:

    • Idade e raza do can. Se o cachorro se destetou de xeito temperán, haberá que vacinalo ás seis semanas contra a parvovirose, pero se ten máis de dous meses, pódese inmunizalo contra un maior número de enfermidades na mesma vacinación. As enfermidades de maior risco para os cachorros novos son o moquillo e a parvovirose, e son as primeiras contra as que cómpre administrar as vacinas. No tocante á raza, os Pastor Alemán, Rottweiler, Bóxer e Pit Bull, entre outras, rexistran un elevado risco a padecer parvovirose, moquillo e coronavirus, polo que hai que vacinalos sobre todo contra estas enfermidades víricas.
    • Estado inmunolóxico do can. Se o cachorro estaba a tomar o leite materno no intre de adquirir o virus, débese agardar arredor de dúas ou tres semanas para vacinalo co fin de evitar que os anticorpos da vacina se solapen cos que lle proporcionou o leite materno. Tamén hai que ter en conta se a nai estaba vacinada e desparasitada, é dicir, cun bo estado inmunitario, xa que iso será un reforzo para as defensas do cachorro. Tanto a nai como os cachorros ben alimentados e cun peso corporal axeitado teñen máis probabilidades de que o seu estado inmunolóxico sexa óptimo.
    • Zona xeográfica na que habite o can. Determinadas áreas xeográficas rexistran unha maior prevalencia de enfermidades tales como moquillo ou parvovirose. Por exemplo, en zonas rurais, nas que non todos os animais están axeitadamente vacinados, ou en áreas nas que existen cans asilvestrados, o risco de enfermidades víricas é maior.
    • Hábitos do can. O cachorro que convive con outros cans, ben porque se dedica a competicións de beleza ou de Agility, ou porque pasa tempadas en residencias caninas, ten maior risco de contraer enfermidades víricas, e a súa vacinación debe ser estrita e completa.
Calendario de vacinacións

Tipo de vacina

Idade do animal

Parvovirose

6 semanas

Moquillo / Parvovirose / Hepatite / Leptospirose / Coronavirus ou Tose Perreras

8 semanas

Moquillo / Parvovirose / Hepatite / Leptospirose e/ou Coronavirus / Tose

12-13 semanas

Moquillo / Parvovirose / Hepatite / Leptospirose + Rabia

5-6 meses

Cando una mesma vacina se repite en idades diferentes, trátase de vacinas de recordo ou repetición.