Zapatos: deixan pegada na nosa saúde
Nin o corazón, nin o cerebro: no relativo á mecánica, o elemento máis complexo do corpo humano é o pé. Ou o que vén sendo o mesmo, unha excelsa obra de enxeñería composta por 26 ósos, 33 articulacións, 19 músculos e máis de 100 tendóns que o converten nun todoterreo que se dá adaptado a calquera superficie que pise e capaz de percorrer miles de quilómetros ao longo da nosa vida. Ao cabo do día, unha persoa dá de media entre 8.000 e 10.000 pasos, o que nun ano supón máis de 3 millóns de pasos. Pois ben, a maneira de dar eses pasos ten unha grande importancia para a saúde. Porque alén de nos servir para nos movermos dun lugar a outro, os pés soportan o peso do corpo e fano de xeito que constitúen o seu principal punto de apoio. Ninguén podería discutir, chegados aquí, que os pés merecen un pouco máis de atención da que reciben, e non só no verán, para poder lucir sandalias ou chancletas, senón todo o ano. A Asociación Española de Medicina e Cirurxía do Pé asegura que un 70% da poboación padece en España algunha enfermidade podal, prognóstico que amplían os laboratorios Cinfa, que estiman que o 85% dos españois sofre polo menos unha vez na vida problemas nos pés. Un calzado axeitado é o primeiro paso para evitalos.
Deixamos ás veces que a mera estética, seguir os patróns da moda e o prezo competitivo pesen demasiado na compra do calzado, e esquecemos dous aspectos esenciais, moi obvios: a funcionalidade, é dicir, que sirvan para o propósito pensado, xa que non é o mesmo un zapato de chuvia ca un para o bo tempo; e a comodidade, é dicir, que sexan bos de levar e que non fagan dano. Rozaduras, unlleiros, xoanetes e calosidades son as repercusións máis comúns e visibles de calzar un zapato inadecuado. Pero non só sofren os pés: a columna, a cadeira, os xeonllos e mais as articulacións padecen tanto ou máis ca os pés as consecuencias de utilizar calzado moi axustado, pequeno, con tacóns elevados ou de mala calidade.
Tacóns altos e pouco saudables
“Encántanme os tacóns, síntome máis segura e máis atractiva levándoos”. Si, o zapato, amais da súa función primaria, cumpre outras funcións, de carácter estético e simbólico, se ben case o mesmo se pode dicir de boa parte dos artigos de consumo. E o tacón alto é o exemplo por antonomasia, malia prexudicar a saúde de quen o calza con frecuencia. A distribución do peso cambia: canto máis alto é o tacón, máis se carga a zona dianteira. Ademais, é frecuente que o zapato de tacón alto sexa aberto e de empeña baixa, o que fai que moitas mulleres elixan un talle máis pequeno do habitual co fin de que “non baile” o pé. O zapato fíxase mellor, sen dúbida, pero ao apertar tanto aumenta a presión que reciben os pés. Esta irregular distribución dos esforzos do pé orixina, ademais, unha sobrecarga no antepé, ao que hai que engadir unlleiros, xoanetes e dores na planta do pé. Pero, aínda así, o prexuízo máis grave causado polos zapatos de moito tacón é que os xeonllos e as cadeiras se articulan en semiflexión e cando se intenta manter estática a columna prodúcese unha forte lordose (excesiva curvatura de corpo) que derivará co paso do tempo en lumbalxias e artroses vertebrais. Tampouco no outro extremo, os zapatos de todo planos, está a solución. As hoxe case imprescindibles bailarinas propician cambras, dores musculares e contracturas pola súa nula elevación sobre o chan.
Os zapatos fetén
Amais de reparar no prezo e mais no deseño, cómpre tomar en consideración o tacón do calzado elixido. En realidade, abonda con se asegurar de que ten entre 2 e 4 centímetros, e de que, se o imos usar a miúdo ou durante moitas horas, non supere os 6 centímetros. A forma é outro dos elementos clave do zapato, xa que é a forma a que se debe adaptar á forma do pé e non ao revés. Se o pé non entra con facilidade no zapato, zapatilla ou bota, hai que descartar a súa compra. A sola e o contraforte, situados na parte posterior do zapato, tamén se deben ter en conta antes de elixir un calzado ou outro. A sola será resistente pero flexible, para permitir o correcto movemento de todas as articulacións do pé. O coiro e o caucho sintético son os materiais máis axeitados. O contraforte débese fabricar cun material menos flexible, para que suxeite ben o talón e para que proporcione a altura xusta: por baixo da articulación do nocello. E son importantes os amallós? Pois si, son convenientes, así como as presillas, lazadas ou fibelas na empeña, xa que, amais de amarraren mellor o pé, se adaptan con maior facilidade aos distintos tipos de pé. Non convén atar os amallós moi forte, xa que iso preme en exceso o pé e pode dificultar a circulación do sangue. Pero cómpre saber tamén que un exceso de folgura ao amalloar o calzado fai que, dun modo inconsciente, tendamos a suxeitar o zapato coas dedas e sobrecarguemos así a parte dianteira do pé.
De tendas, mellor ao final do día
É despois de acumular toda a actividade dunha xornada cando o pé se atopa máis dilatado, con maior volume. E é por iso que as horas finais do día son as máis adecuadas para probarmos os zapatos na tenda. Convén facelo co tipo de calcetín ou media co que se van usar. É moi normal que un pé sexa máis grande ca o outro, e por iso hai que probar os dous zapatos e non só un, como adoitamos facer. Se o talón queda ben calzado, o dedo gordo non monta nos demais e hai polo menos un centímetro de separación entre este e a costura do interior do zapato, ese modelo superaría a proba ergonómica.
Calzado infantil
Os pés dos nenos precisan especial coidado e atención para asegurar un crecemento axeitado, para previr lesións e para reducir o risco de malformacións futuras. Ademais, un bo calzado contribúe a que a estrutura ósea se manteña equilibrada cando cheguen a adultos. Os pais non saben se o zapato é do tamaño adecuado cando o neno aínda non fala, e o seu pé medra de 7 a 8 milímetros cada tres meses. Se o neno adoita quitar o zapato ou chora a miúdo ao levalos postos, sinal de que lle mancan. Pódese comprobar se ten nos pés marcas de calcetíns, costuras ou fibelas, ou a pel colorada por presións inadecuadas. De ser o caso, habería que mudarlle os zapatiños ou zapatillas. Non sempre é fiable se guiar polos talles, xa que varían dunha marca a outra e tamén entre estilos de calzado.
Son os grandes esquecidos do corpo humano. Non se coidan como merecen e, por se fose pouco, en ocasións martirizámolos cun calzado inadecuado. Velaquí os problemas máis comúns que sofren os nosos pés, segundo o tipo de calzado:
- Bailarinas e zapatos extra planos: Teñen solas finas e flexibles que non proporcionan o soporte axeitado para o pé nin amortecen eficazmente o impacto das pisadas. O seu uso frecuente pode producir dor no tendón de Aquiles, contracturas, cambras e dor no arco plantar e no talón. É aconsellable non empregar este calzado para camiñar moito: mellor calzar un zapato con tacón de entre 2 e 4 cm. Non está de máis incorporar soletas específicas para absorber o impacto da pisada.
- Zapatos puntiagudos: A punteira estreita oprime os dedos, co risco de montaren uns sobre outros. A opresión empurra os bordos das uñas cara ao interior da pel e así aparecen a uñas encarnadas ou unlleiros. Co tempo, esa presión xera unha protuberancia ósea, o dedo de martelo.
- Tacóns altos: Dor nas plantas dos pés, nos dedos, xoanetes, calosidades, problemas lumbares… Os zapatos de tacón alto causan moitos e importantes problemas. Se ademais teñen tacóns finos, impiden que a pisada sexa firme e propician escordaduras no nocello e caídas, xa que o tacón se introduce máis facilmente no pavimento. O mellor é que non superen os 4 cm, pero se non nos resistimos a levalos, que non superen os 6-8 cm. Non se deben usar a miúdo e cómpre procurar utilizar unha almofada de xel ou de silicona para aliviar a presión na planta.
- Plataformas: Aínda que pola súa aparencia poida parecer o contrario, este tipo de sola non está preparada para absorber os impactos da pisada, de xeito que provocará dor nos xeonllos, na cadeira e nos cadrís.
- Zapatillas deportivas: Están deseñadas para facer deporte e son adecuadas para este uso, pero non para outros. Se se abusa das deportivas, os pés sométense a unha excesiva calor e humidade, o que causa hipersudoración, que, á súa vez, pode desencadear a aparición de fungos e infeccións. Convén alternar diferentes tipos de calzado e utilizar calcetíns de fibras naturais.
- Chanclas ou sandalias de dedo: O seu inconveniente é que apenas amortecen o impacto debido a que as súas solas son brandas, carecen de tacón e o o pé non está suxeito. Poden ocasionar escordaduras de nocello, rozaduras e bochas nos espazos entre dedos. Outro problema é que a pel dos talóns seca, morre e aumenta a presenza de calos nesa zona. Para evitar a súa aparición, convén utilizar as confeccionadas con material suave e cunha sola ríxida e consistente.