Froitas, verduras e peixe tamén son cousa de nenos

Pais e nais na casa, e educadores e profesionais de restauración colectiva no comedor escolar deben asumir a responsabilidade de que os nenos adquiran hábitos alimentarios saudables
1 Marzo de 2010
Img alimentacion 2 listado 141

Froitas, verduras e peixe tamén son cousa de nenos

“Sempre lle agradecín á miña nai que me ensinase a comer de todo e que me insistise na importancia que ten unha boa alimentación”. Esta declaración de fillo orgulloso que escoitamos de cando en vez representa unha cara da moeda, a positiva. A outra témola nunha escena moi común que se produce acotío no comedor de empresa ou na cea cos amigos: alguén faise o tolo e deixa no prato a metade da comida, e explica -laconicamente e só se lle preguntan- “nunca me gustaron as verduras”, ou ” é que eu sonche máis de carne: o peixe nin mi vai nin me vén”. Velaquí as dúas caras da moeda dunha realidade, os hábitos alimentarios, que os especialistas relacionan cada vez máis coa saúde, en particular coa obesidade e coas enfermidades cardiovasculares. E, tamén, dun estado da situación que ten a súa orixe no que se aprende dende a infancia.

Na mesa familiar, se pomos o foco nos nenos e no seu comportamento ante a comida que lles servimos, vemos que a carne e mais as patacas fritidas voan, pero que deixan case toda a verdura; que se relamben de gusto coa pasta con tomate e queixo pero ollan de esguello para as lentellas e xamais acaban o peixe non sendo que careza de espiñas e non saiba moi forte; adoran os fritos, os doces, os lácteos e os bolos, pero non hai quen os dea feito comer con frecuencia ensaladas ou froita. Poderíase dicir que estes non son máis ca topicos, e que cada neno é un mundo, e sería ben certo, pero tanto os nutricionistas como os educadores, os profesionais do sector da restauración colectiva e os pais saben ben que esta situación se repite acotío en moitas familias e comedores escolares: os nenos comen mal, e seguro que hai desculpas e razóns que o explican, pero o feito ten unhas repercusións moi prexudiciais na súa saúde. Case un de cada seis menores españois de entre 6 e 12 anos padece obesidade, e a unha cuarta parte dos que non cumpriron 24 anos a báscula advírteos de que pesan máis do que lles convén. España é un dos países europeos con maiores taxas de obesidade infantil. A razón? O excesivo consumo de alimentos ricos en graxas e de produtos doces, e a tradicional reticencia dos nenos a inxerir froita, peixe e hortalizas. Os novos costumes de cativos e mozos, máis sedentarios ca os das xeracións anteriores (o uso intensivo de Internet, coas súas absorbentes redes sociais e mais a adicción aos videoxogos algo teñen que ver con eles) e mais a escasa actividade física compoñen o resto deste explosivo cóctel que hipoteca a saúde de moitos nenos e mozos.

A solución

Para os nenos o día ten poucos momentos gratificantes (hai que se erguer cedo, asearse, estudar e atender na clase, moverse de aquí para acolá…) e o da comida é un deles. Ao igual do que acontece cos adultos, gústalles gozar ao se alimentaren. De feito, non pensan en nutrirse, senón en comer o que máis lles gusta. Que se pode facer para que aprendan a comer ben, e para que gocen comendo o que, de entrada, non lles gusta ou mesmo detestan? A recompensa é un método pouco aconsellable. Ofrecerlles como premio algo que os atrae moito, como a sobremesa ou as “chuches”, se comen o que non lles agrada non é un bo método. Especialistas en nutrición infantil das universidades de Surrey e de Gales, ambas as dúas no Reino Unido, acaban de publicar unha investigación na que conclúen que este sistema de recompensar con alimentos pode incrementar aínda máis as preferencias dos nenos pola sobremesa ou polos doces, pois o emparellamento de dúas comidas tradúcese en que a comida de recompensa se considere máis positiva ca a de acceso. Outros especialistas aseguran que en certas circunstancias os premios poden aumentar a dispoñibilidade para modelar a conduta alimentaria, pero suxiren ofrecer recompensas non alimentarias, como o recoñecemento (“estou moi orgulloso de ti”, “estás a aprender moito”) ou pequenos obxectos, como adhesivos ou un lapis de cores cando acadan éxitos, noutras palabras, cando comen o que preferirían non comer.

Insistir na casa e mais no centro escolar sobre a importancia de adquirir hábitos alimentarios saudables, e compaxinar esta formación co ofrecemento cotián de menús equilibrados e ben pensados que acaben agradando aos pequenos é a mellor maneira de que aprendan a comer de todo.

O exemplo, na casa

O neno come o que ve que comen os pais. A razón de que o menor coma mal débese, en boa medida, a unha conduta alimentaria mal aprendida na casa e a unha relación pouco reflexiva coa comida, a non lle conceder a importancia que ten. Por iso, resulta determinante que os pais, os avós e os educadores analicen ata que punto, co seu comportamento alimentario cotián, coa súa disciplina e co tempo e modo que invisten en ensinarlles a comer aos máis pequenos, son responsables da súa inadecuada conduta alimentaria. Hai que educar os nenos en sabores diferentes que lles permitan gozar dunha alimentación rica, variada e saudable. É tarefa dos pais e das nais no fogar, e dos educadores e profesionais de restauración colectiva no comedor escolar, inocularlles hábitos alimentario saudables. Iso si, sen renunciar a que as comidas constitúan un momento pracenteiro. E se, de paso, os maiores aprenden a comer algo mellor, a xogada sairá perfecta.

Froitas

Os máis pequenos amósanse remisos, polo xeral, a consumiren froita, agás o plátano, doado de pelar e de agradable sabor doce. Pero a clave para iniciarse nunha dieta sa e variada está en que proben outras froitas, xa que certas vitaminas e minerais abundan nuns tipos de froita mentres que escasean noutros. O plátano contén moito potasio, pero apenas vitamina C. Os nenos deben comezar o día tomando froitas: un zume no almorzo, ou rebandas de plátano, amorodos. Na guía de EROSKI CONSUMER “Como previr a obesidade infantil” enuméranse unha serie de consellos para lograr que os nenos coman froitas e verduras. Pódena consultar en http://obesidadinfantil.consumer.es/web/es/frutas_verduras/2.php

  • Sempre á man. As froitas con pel dura -plátano, laranxa, mandarina- ou máis duradeiras -mazá- pódense levar a calquera lugar na mochila, no coche…
  • Á vista. Na casa, coloque as pezas de froitas, dispostas dun modo atraente, xogando coas cores e coas formas, nunha cunca sobre o mesado da cociña, na mesa do comedor ou á vista no frigorífico. Se os máis pequenos as ven e, sobre todo, comproban que os pais comen froita a miúdo, é moi probable que eles tamén se animen.
  • Cociñadas. Engádalles froitas e verduras en pequenos anacos ou en puré ás receitas: lombo con puré de mazá, polo con piña, peixe espada á laranxa, flan de espinacas e gambas, espaguetes con champiñóns.

Verduras

A maioría dos nenos non comen as dúas porcións de vexetais diarias necesarias e fáiselles aínda máis costa arriba comer ensalada decote.

  • Verduras todo o ano. Recorra a verduras conxeladas ou en conserva cando sexa difícil conseguilas de tempada. Débense consumir acotío.
  • Nutritivos espesantes. Use puré de verduras para espesar sopas e para engadir sabor.
  • De sobremesa. Prepare sobremesas doces con hortalizas (torta de cenoria, bocadiños doces de cabaza) e con froitas (biscoito recheo de froitas, pastel de mazá, iogur con culís de kiwi, amorodos).
  • Receitas orixinais. Presente os pratos de forma curiosa e orixinal para chamar a atención dos nenos. Os sándwichs vexetais cortados en círculo; as cremas en cuncas ou pratos vistosos; os flans ou pudins de verduras; en espeto combinado con anacos de carne ou peixe; pizzas caseiras con vexetais; lasañas e canelóns de verduras; tortillas con verduras (cogomelos, champiñóns, cabaciña, pementos, allos, espinacas).

Peixe

Así que os nenos cumpriron un ano, poden comezar a comer o peixe esmiuzado ou en cachiños, axustando a cantidade ás súas necesidades.

  • Sen espiñas. Escolla peixes que veñen limpos, como os conxelados (pescada, alabote, linguado, emperador, colas de peixe sapo), ou pida na peixería que llos preparen en filetes sen espiñas. Así e todo, procure que coman tamén peixes con espiñas, que se afagan, e que vexan o acto de separar as espiñas case como un xogo; se rexeitan de entrada os peixes con espiñas, negaranse a posibilidade de gozar de especies saborosas, económicas e saudables.
  • Receitas orixinais. Algúns nenos abúrrense de comer peixe porque sempre se lles ofrece o mesmo ou preparado de idéntico xeito. Faga unha lista de receitas orixinais e apetitosas: empanadillas, croquetas, chulas, albóndegas, pizzas, flans de peixe, lasaña ou canelóns, en tortilla, con salsas diversas, con patacas, con verduras, fritido, á prancha, ao forno, á grella, recheo… e ata en bocadillo (de atún, sardiñas, anchoas, salmón afumado…). En www.consumer.es atopará centos de receitas orixinais e saudables a base de peixe.
  • Fresco, conxelado ou en conserva? O peixe conxelado mantén todas as propiedades nutritivas do fresco e é moi práctico, ao telo sempre dispoñible no frigorífico. E as conservas de atún, bonito ou sardiñas e as semiconservas de anchoa son unha perfecta opción para iniciar os nenos no gusto polos peixes.

Legumes

O papel esencial que xogan os legumes no crecemento e desenvolvemento dos nenos obriga a incorporar nos menús infantís pratos tradicionais, como os cocidos de lentellas, garavanzos ou fabas. Deben aprender a comelos a miúdo, non todo pode ser pasta e arroces. Tamén podemos ofrecer receitas modernas e atractivas con legumes, que sorprenderán aos máis pequenos.

  • Prato combinado. Legumes, cereais e froitos secos concentran en si mesmos todos os elementos nutritivos para converter o menú infantil en equilibrado. Esta combinación é común en pratos case esquecidos, como lentellas con arroz, garavanzos con piñóns ou pan relado, ou o cocido de sopa e garavanzos.
  • Fríos ou quentes. En inverno, o aroma dun prato fumegante de lentellas convida a probalo. No verán, descubrir o sabor de garavanzos, lentellas ou os feixóns fríos en ensalada sorprenderá aos cativos e aos maiores, afeitos a comérenos quentes.