Eles miran por ti, mira ti por eles
É a único parte do noso corpo que non precisa crema solar e que non se broncea. Así e todo, é máis sensible ao sol ca calquera outra. As radiacións solares, mellor dito, os seus efectos, pódenlles causar aos nosos ollos patoloxías irreversibles. A razón é que os ollos son vinte veces máis sensibles aos raios solares ca a pel. E, a diferenza desta, os ollos non producen melanina, polo que é menor a súa capacidade natural de se protexeren fronte á radiación do sol. Éche ben certo que hai moitas persoas que utilizan lentes de sol habitualmente, pero o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos asegura que tan só un 4% da poboación española é consciente dos danos que o sol pode provocar nos ollos, o que fai que se adquiran numerosos pares de lentes que non cumpren cos estándares de calidade necesarios para evitar os problemas dunha sobreexposición solar. Porque non serve calquera. As lentes deben estar homologadas e cumprir uns estándares mínimos de calidade. Isto é algo que aínda non temos moi claro, xa que se estima que de cada tres pares de gafas de sol vendidas en España durante o ano pasado un non superaba os criterios de calidade esixibles. Aínda que anualmente se vendan no noso país uns 28 millóns de pares de lentes, o problema é que a miúdo se elixen os modelos de moda, os máis baratos ou os que un coida que favorecen esteticamente, e desprézanse criterios esenciais, como a calidade do produto e os riscos que supón usar unhas lentes inadecuadas ou de deficiente calidade.
As lentes malas enganan o ollo
O ollo humano é un órgano tan fráxil como valioso: máis do 80% da información que recibimos chéganos a través dos ollos. Agora ben, neste conxunto veñen tamén as radiacións solares, e unha prolongada exposición fronte a elas sen a protección axeitada pode causar graves problemas oculares. A diferenza fundamental entre unhas lentes de sol sen a debida homologación e as que si a teñen é que as primeiras só filtran os raios visibles, e non a radiación ultravioleta. Deste xeito, enganan o ollo: a pupila dilata máis ao detectar menos cantidade de luz, pero no ollo entra unha maior cantidade de radiación ultravioleta e infravermella prexudicial, co que se incrementa o risco de lesións oculares. O problema é que a radiación solar se almacena no cristalino e non se elimina. Os ollos teñen capital solar, é dicir, o efecto das radiacións é acumulativo.
Ollo coas lesións oculares
De moteiro, de surfista, de aviador, as máis fashion… as gafas de sol representan toda unha expresión de estilo. Non hai problema ningún niso, pero si o hai cando o fabricante crea un complemento estético que carece de garantías e que non cumpre con eses estándares de calidade que tornan as lentes nun elemento de protección para os nosos ollos. Esa falta de protección é, precisamente, a responsable dun número cada vez maior de doenzas oculares, moitas delas graves. Dores intensas de cabeza, conxuntivite e fotofobias anormais (intolerancia e temor á luz) débense á utilización de lentes de sol de mala calidade. A aparición de cataratas prematuras ou da dexeneración macular, enfermidade que afecta ao centro da retina, son outras das lesións oculares que calquera pode sufrir se non protexe os ollos correctamente.
- As lentes de filtro cero absorben un 20% da luz solar. O cero utilízase para lugares de pouca luz, para o inverno ou para ceos moi cubertos.
- O filtro 1 é o máis apropiado para espazos con baixa luminosidade solar: cidades con luz e sol moderado, xa que estas lentes absorben ata un 56% da radiación.
- O filtro 2 utilízase para lugares cunha luminosidade media, incluídos os invernos moi luminosos. É idóneo para actividades deportivas como correr ou andar en bicicleta e son, xunto coas lentes de filtro 3, as máis vendidas.
- O filtro 3 é adecuado para contornos cunha gran luminosidade solar, como a existente nun día soleado na praia ou no campo, e absorbe ata un 90% da luz.
- O filtro 4 está deseñado para lentes de sol que se utilicen en deportes de alta montaña, superior a 3.000 metros, ou acuáticos. A súa capacidade de absorción solar, que chega ata o 97%, convérteas en inadecuadas para a condución de automóbiles, xa que nun túnel ou zona sombreada limitaría excesivamente a visión.
Elixir ben as lentes de sol
A normativa comunitaria de 1997 (EN 1836) recolle unha serie de estándares que deben cumprir as lentes antes de saíren ao mercado. En primeiro lugar, deben superar as probas de laboratorio, dende as mecánicas, como valorar as posibilidades de que se deforme a montura, ata medicións cun espectrofotómetro que analiza a capacidade de filtrar a luz visible e os raios ultravioleta. Tras superar estes controis, conseguen a ‘marca CE’, criterio de calidade mínimo, aínda que algunhas lentes de mercados e bazares locen esta marca sen superaren os controis de calidade. Amais da certificación CE, hai que fixarse en que na etiqueta ou adhesivo colocado na lente se faciliten certas informacións, como o filtro solar, a normativa que cumpre ou se protexe ou non contra os raios ultravioleta (UV). Estes filtros van do 0 ao 4, e canto maior sexa a luminosidade solar do ambiente, máis alto deberá ser o filtro da lente.
O prezo pode ser indicativo da calidade, e de feito as lentes máis caras adoitan ser de boa calidade, pero, e velaquí a clave, hainas baratas e de calidade satisfactoria. Unha análise comparativa desta revista na que se estudaron 20 lentes con prezos que ían dende 12,90 ata 286 euros comprobou que todas cumprían coas esixentes probas da norma europea EN 1836:2006 que regula a calidade das lentes de sol. Isto é, as vinte filtraban a radiación ultravioleta case por completo, eran aptas para conducir e superaban as probas de resistencia. Os especialistas en óptica poden argumentar que entre lentes con tanta diferenza no prezo as diferenzas non se reflicten na protección solar, senón na calidade e nitidez da visión. Parece moi probable que sexa así, pero o certo é que o relevante en materia sanitaria é a protección ante os raios solares, a saúde dos ollos.
Os nenos poden sufrir problemas nas pálpebras ou nos lacrimais como consecuencia da exposición solar, pero son os que menos utilizan as gafas de sol. Debemos convencer os cativos de que poñan as gafas de sol no verán, ás veces mesmo na sombra, xa que superficies como a area e a auga reflicten a luz solar. E cómpre procurarlles as lentes axeitadas e acostumalos dende ben pequechos a levalas. O criterio que se debe seguir na elección de gafas infantís é o mesmo ca para os adultos, non sendo que convén mercalas máis pechadas polos laterais para nos asegurarmos de que non entre a luz. As máis apropiadas para os pequenos son as que, no canto de suxeitarse con patillas, incorporan unha goma axustable á cabeza. Deste xeito evítase que caian e escachen mentres corren e xogan. Dicirlles que lles quedan ben e que así parecen máis guapos ou maiores, e mercarlles unhas que lles gusten e que lles sexan cómodas é comezar con bo pé.
Non serve calquera par de lentes de sol. Os expertos en saúde de EROSKI CONSUMER propoñen unha serie de consellos para atinar na compra:
- Establecemento. Hai que acudir a establecementos especializados como ópticas ou farmacias, nos que contaremos co asesoramento de profesionais. Así e todo, tamén moitas tendas de moda venden lentes de sol coa protección solar axeitada.
- Material. As lentes deben ser de cristal ou orgánicas, e nunca de plástico. Nas lentes orgánicas é máis sinxelo introducir substancias absorbentes dos raios UV, mentres que as lentes de cristal deben incluír filtros especiais, que se colocan por riba do cristal.
- A cor. As cores máis aconsellables son o gris, por ser a máis neutra, a que menos distorsiona as tonalidades; e o castaño, porque mellora os contrastes e ofrece unha protección maior.
- Filtro. Hai que establecer o filtro en función do contorno no que se vaian usar preferentemente esas lentes. Os filtros solares das lentes van do 0 ao 4.
- O tamaño. Convén seleccionar modelos que protexan os ollos na súa totalidade entre a montura e o cristal, e non soamente contra os raios que chegan frontalmente, senón tamén contra os laterais.
- Homologadas. As lentes de sol deben lucir o selo CE que asegura que cumpre coa normativa da Unión Europea. Pero deben cumprir tamén o estándar europeo sobre lentes de sol EN 1836:1997, especificar o número de filtro solar que incorpora a lente e aclarar se protexen ou non contra a acción dos raios ultravioleta (UV).
- Cando usalas. O risco de lesións oculares causadas pola luz solar é maior entre as 10:00 h e as 16:00 horas, xa que é a franxa horaria na que maior penetración teñen os raios solares.