Webs de emprego: un de cada dous traballos que ofertan non se axustan ao perfil do usuario
Os camiños que conducen ao emprego nun país no que o 19% da súa poboación activa está no paro cotízanse á alza. Á lectura dos anuncios dos xornais, á visita á oficina do INEM ou ao envío do currículo sumáronse os portais web de emprego, utilizados o ano pasado por case seis millóns de usuarios. As vantaxes parecen evidentes: é máis económico, máis rápido e con maior oferta ca a dos sistemas tradicionais. Pero, son realmente prácticos estes portais? Para comprobalo, EROSKI CONSUMER deu de alta durante 6 meses (de xullo a decembro do 2009) 50 currículos coas súas correspondentes contas de correo electrónico en catro das principais web do sector: Infojobs (que superou en marzo do 2009 os 3,2 millóns de visitas), Infoempleo.com, con 1,5 millóns de visitas, Trabajar.com, con 1,1 millóns de internautas, e Monster, un portal de emprego de referencia internacional.
Estas webs non poden garantir o éxito na busca de traballo, xa que o seu labor se limita á intermediación e á información. Pero si está entre os seus labores remitir ofertas de emprego que se adecúen ao perfil e ás demandas do usuario. E neste labor o servizo que prestan dista de ser o óptimo. Menos da metade das ofertas recibidas, excluídas as que se repetían, se axustaban ás características dos candidatos seleccionados (un 41% fronte a un 59% de propostas que non respondían aos intereses ou á formación do usuario). Monster foi o único portal de emprego do que non se recibiu ningunha, xa que é o propio candidato quen debe realizar a busca de ofertas que, iso si, se envían ao correo electrónico oportuno.
Por portais de emprego, a través de Trabajar.com atopouse a maior porcentaxe de ofertas que se adecuaban ao perfil do candidato (un 45%), aínda que a diferenza non é moi significativa se se compara coas proporcións rexistradas en Infojobs e Infoempleo (en ambos os dous casos, un 40%). Como aspecto negativo, Trabajar.com sobresae, e con diferenza, como a web na que o número de ofertas repetidas foi moi superior ao dos anuncios novos. A proporción é moi esclarecedora: catro de cada cinco ofertas recibidas eran repetidas.
De universitarios a persoas sen estudos
Os 50 currículos pertencían a persoas ficticias cun perfil diferente: 24 eran universitarias, 10 tiñan unha formación profesional, 10 a educación obrigatoria e só 6 non tiña estudos. A metade dos currículos correspondían a mulleres e a outra metade a homes. No tocante á idade, 24 dos perfís eran menores de 30 anos, outros 20 tiñan entre 31 e 45 anos e os 6 restantes eran maiores de 46 anos. Só 10 dos perfís seleccionados carecía de experiencia laboral e a metade dos que si a tiñan estaban no paro.
O estudo dividiuse en dúas partes. Por unha banda, contabilizáronse as ofertas de emprego recibidas durante unha semana cada mes (escollidas por orde correlativa) e analizouse se estas se axustaban ás características de cada perfil, sen ter en conta as repetidas. Ademais, durante as semanas escollidas en outubro e novembro tratouse de inscribir a cada candidato en dúas ofertas de emprego (25 por portal de emprego), aínda que finalmente só se puideron realizar 83 rexistros. Por outra banda, analizáronse a información, usabilidade, deseño, atención ao cliente e contidos dispoñibles en cada un dos portais.
Poucas visitas das empresas aos currículos dos aspirantes
Os portais de emprego permiten que a persoa elixa ofertas utilizando filtros moi útiles, como a provincia, o sector de actividade, a titulación esixida ou o soldo estimado. O mesmo patrón serve para as empresas, que poden iniciar unha busca sen lanzar publicamente unha oferta, escollendo as características do seu traballador ideal. Un dos compoñentes fundamentais destes sitios web de busca de emprego é a posibilidade de “subir” o currículo vítae, actualizalo permanentemente e pólo á disposición das empresas que ofrecen emprego, que poden consultalo motu proprio e que recibirán unha copia se o candidato se apunta a unha das súas ofertas.
Durante os seis meses que durou a proba práctica realizada polos técnicos de EROSKI CONSUMER só se contabilizaron 49 visitas de empresas aos currículos inseridos nos catro portais de emprego seleccionados (en concreto, 25 en Infojobs e un menos en Monster). Ningunha empresa se interesou polos perfís dos candidatos incluídos en Infoempleo, mentres que en Trabajar.com non se puido coñecer o número de visitas rexistradas (intentouse, en van, buscar un teléfono de axuda ou mandar un correo electrónico para coñecer esta opción).
As empresas descartan máis da metade dos currículos rexistrados en ofertas Amais de incluír os currículo vítae de cada un dos 50 candidatos nas catro páxinas de busca de emprego seleccionadas, os técnicos da revista realizaron un cento de rexistros ás ofertas de emprego que máis se axustaban ás características dos usuarios (en concreto, dous rexistros por perfil). Non obstante, só se puideron completar 83. Máis da metade dos currículos enviados a ofertas de emprego que se podían axustar ás súas características foron descartados polas propias empresas antes de comezar o proceso de selección (así sucedeu en 45 dos 83 rexistros realizados). Dos que pasaron esa primeira peneira, 26 aparecen como recibidos pola empresa, 11 continúan en proceso de selección (a última actualización fíxose os días 13 e 14 de xaneiro) e só un dos candidatos recibiu unha chamada como finalista para facer unha entrevista persoal. Esta oferta recibiuse a través do portal Infojobs para un aspirante do seguinte perfil: un home novo, de 40 anos, licenciado en Medicina e con algo menos de 10 anos de experiencia.
Pouca información sobre os postos ofertados
Antes de se inscribiren nunha oferta para poderen optar a un futuro traballo, os candidatos comproban a información que aparece sobre ese posto laboral e mais os requisitos previos que demandan as empresas para poderen ter en conta ese aspirante para o proceso de selección. En 59 das 83 esíxese como condición que o aspirante acredite unha experiencia en postos similares ao ofertado.
Coñecer o tipo de contrato do traballo que se ofrece e mais a súa retribución económica mensual ou anual é unha boa pista para que o candidato se decante por unha ou por outra oferta. Infoempleo é a páxina que menos información amosaba sobre as características e tipo de traballo que se ofrecía: en 12 ocasións non se especificaba nada ao respecto, mais si que o facía noutras sete ofertas con carácter temporal pero con opción a contar cun contrato indefinido nun futuro. Aínda unha maior reserva na publicación de información se pon de manifesto no que atinxe ao salario que vai percibir o futuro traballador, xa que en 45 ocasións non se concretaba nada sobre o soldo (especialmente nas ofertas rexistradas en Infojobs). Das que si ofrecen datos económicos, as máis (21 delas) ofrecen un soldo menor de 18.000 euros anuais. Prométense algúns cartos máis, entre 18.000 e 24.000 euros ao ano, noutras 13 ofertas de traballo, e en apenas catro delas o salario supera os 24.000 euros ao ano. A mellor oferta económica recibiuna un médico, o mesmo que era finalista nun portal de emprego, que podería chegar a cobrar entre 60.000 e 68.000 euros anuais se finalmente conseguía o traballo.
A maior formación, menor número de ofertas
Na proba constatouse que canto maior é a formación recollida no currículo do usuario, menor é o número de ofertas que recibe. E iso que foron ata agora as persoas con maior cualificación os principais clientes destes portais (no 2008 as estatísticas debuxaban un perfil de usuario de entre 25 e 34 anos, con estudos universitarios e con ingresos altos, que desexaba mudar de traballo e mellorar a súa carreira profesional). A extensión do uso de Internet e a crise diluíron esta descrición.
Na investigación de EROSKI CONSUMER, as persoas co graduado escolar e sen formación foron os que máis ofertas recibiron (sumaron 23,8 ofertas por persoa e día, un 68,7% máis ca os perfís con formación profesional e un 44,2% máis ca os universitarios). Aínda que foron os perfís con formación profesional os que tiveron máis ofertas novas axustadas ao seu perfil (un 45,1%), os graduados escolares ou sen formación non quedaron atrás (case un 42%), mentres que os universitarios quedaron cun 38%. De feito, foi unha persoa sen formación a que recibiu un maior número de ofertas novas axustadas ás súas características (un 83% respecto do total de ofertas, excluíndo as ofertas repetidas).
Amais de ser o grupo que recibe menos ofertas axustadas ao seu perfil (un 38%), o dos universitarios é o sector no que estas se repiten máis día a día, nada menos ca un 67%, a diferenza dos outros grupos, nos que esta proporción non chega á metade.
O Ministerio de Traballo e Inmigración puxo en marcha a finais do pasado ano a web de referencia para persoas e empresas usuarias dos Servizos Públicos de Emprego, www.redtrabaja.es, que vai substituír o antigo portal electrónico do INEM.
Dun xeito semellante ao doutros portais de emprego, www.redtrabaja.es permítelle a quen estea a buscar traballo acceder a ofertas de emprego, a cursos de formación para desempregados ou para traballadores en activo, aos trámites de prestacións ou a formularios para redactar currículos. Facilítalles ás empresas o anuncio de postos de traballo e acceder aos datos dos demandantes de emprego. Tamén contén máis dun cento de vídeos e de aplicacións multimedia para formar e para informar sobre temas estratéxicos relacionados coa busca de emprego.
Máis ofertas para os máis maiores
Medra o número de mozos de entre 18 e 24 anos que utilizan Internet para buscar traballo. Non obstante, non son os que máis ofertas reciben, máis ben ao contrario. Durante a análise, foron os maiores de 46 anos os que máis ofertas recibiron, 26,4 por persoa e día (un 82% ca que os perfís cunha idade de entre 31 e 45 anos e un 34,6% máis ca os menores de 30 anos, se ben só se axustaron en dúas de cada cinco ocasións (unha proporción similar á do grupo dos menores de 30 anos e maiores de 46 anos).
O número de ofertas para homes e para mulleres, similar
Tamén son máis as mulleres que utilizan intensamente Internet para buscar emprego. Segundo a análise realizada por EROSKI CONSUMER, as 25 mulleres do estudo recibiron máis ofertas ca os homes, aínda que a diferenza foi mínima: 19 ofertas por persoa e día fronte a 17,6. Non obstante, nin sequera dúas de cada tres ofertas novas se axustaban ao perfil establecido. De novo, a maior parte das ofertas (un 56%) repítense un día tras outro.
A busca de emprego debe ser un proceso activo que require esforzo, e en Internet a situación non difire. Aínda que as fórmulas tradicionais (enviar o currículo e mais a carta de presentación, e contestar aos anuncios dos xornais ou de publicacións especializadas) levan máis tempo, en Internet o proceso tamén demanda dedicación.
Aos técnicos da revista, usuarios cun nivel medio de manexo de Internet, levoulles aproximadamente entre dez e vinte minutos dar de alta cada currículo, tempo que variaba en función da formación e da experiencia laboral de cada perfil. Así e todo, trátase dun prazo de tempo moito maior ca os tres minutos sinalados por Infojobs.
Os sitios web analizados
Analizáronse exhaustivamente os catro portais en función de 36 parámetros, que inclúen os datos de contacto da empresa e mais a súa identificación fiscal (se son bos de atopar e están ben visibles), a atención ao cliente, a súa navegabilidade e usabilidade, o currículo vítae (crealo ou subilo, o formato, a páxina persoal, etc.), a axuda para buscar emprego (alertas, seguimento, información sobre o posto, etc.), os contidos e servizos que ofrece cada un deles (formación, noticias e reportaxes, consellos, orientación e consulta a expertos), os foros, blogs e redes sociais, e o buscador de ofertas de emprego.
- Monster: boa usabilidade e mellor atención ao cliente. Con diferenza, é o servizo máis cómodo de usar: a inscrición é rápida, o acceso doado e o perfil do candidato é ben doado de cubrir. É a que mellor e máis clara atención ao cliente ofrece. Conta cun sistema moi sinxelo para atopar os datos todos da empresa, cun formulario para realizar consultas e reclamacións e mais cun teléfono gratuíto de atención ao cliente. Non obstante, a información sobre as empresas contratantes é mellorable. O proceso de solicitude de traballo é pouco claro e logo de completar o pertinente currículo, ás veces hai que repetir a operación na web da empresa que oferta ese emprego.
- Infojobs: o máis regular.Esta páxina, herdeira da publicación Segunda Man, destaca pola súa regularidade en todos os campos analizados, xa que se ben en ningún ou en case ningún dispón do mellor servizo, o seu nivel medio é satisfactorio. Sobresae o bo resultado no servizo de alertas, con información polo miúdo tanto das empresas como dos requisitos previos que se demandan para poder entrar a formar parte do proceso de selección. Os seus puntos febles: a publicidade e información adicional (a súa páxina principal está sobrecargada de información e de publicidade).
- Infoempleo: boa información adicional e vocación social. Esta páxina web de ofertas de traballo perde moitos puntos porque un paso tan importante como o de cubrir o perfil e correspondente currículo vítae do candidato resulta moi deficiente: a fotografía non se encadra ben, fanse demasiadas preguntas innecesarias e apartados como o de idiomas non aparecen correctamente cubertos por máis que o usuario teime en conseguilo. No tocante aos elementos positivos, dispón dunha valiosa e traballada información adicional (consellos útiles para atopar un posto de traballo, para conservalo e para mellorar o nivel profesional, entre outros). Destaca a ampla rede social de blogs coa que conta: créanse dende a páxina persoal de cada candidato de modo gratuíto e con amplas posibilidades de deseño. Cada semana colócase en portada un dos mellores. Tamén inclúe ofertas de traballo fóra de España.
- Trabajar.com: moi pouca atención ao usuario. A páxina peor valorada por ser pouco máis ca unha base de datos sobre ofertas de traballo cun sistema de alertas de correo electrónico por palabras clave que nin sequera se fixa na residencia do candidato. Suspende en case todos os campos e só innova en que dá algunhas das súas ofertas a través da súa conta Twitter.