Que se precisa para criar un bebé de “xeito natural”?
A crianza natural engloba accións como responder ao choro do neno, facerlle caso, procurar estar con el sen medo a que se malcríe, etc. E, por outra banda, aínda que normalmente inclúe a lactación materna, unha nai que non dá o peito tamén pode criar o seu fillo de xeito natural.
A crianza natural é tan importante coma a lactación natural?
É máis importante, xa que ao longo do século XX e finais do XIX se nos volveu moi difícil criar os nosos fillos. Espalláronse toda unha serie de normas acerca de que non hai que collelo no colo porque se malcría, como que chorar é bo para os pulmóns, como que non hai que metelo na cama contigo porque non sairá na vida… ata o punto de que criar os nenos é case algo molesto. Pero se non tes o teu fillo para o coller no colo e contarlle contos, para que o tes.
Esa é a teoría do “malcriar” que critica nos seus libros
Si, as persoas deben comprender que malcriar é criar mal. Malcriar non é collelo moito no colo, estar moito con el ou cantarlle moitas cancións. Malcriar é non lle facer caso, abandonalo…
Pero vostede coida que agora os nenos se malcrían, de acordo á definición que acaba de expor?
Hai de todo. Depende da teorías que seguiran os pais e das circunstancias socioeconómicas. Refírome a aquilo de que se non fas o que pensas, acabarás pensando o que fas; os pais que se ven máis ou menos obrigados a deixaren o neno moitas horas porque teñen que ir traballar para pagaren a hipoteca acabarán pensando que iso é o mellor para o neno, porque na gardería os estimulan moito e os tratan moi ben. Se pensasen que na gardería hai moitos nenos e que non hai tempo material para estimulalos, sentiríanse moito peor.
As propias condicións de vida nas que nos movemos na sociedade actual invitan a malcriar?
Si, o problema é que se pode formar con facilidade un círculo vicioso, é dicir se sabes que o que está a acontecer está mal, aínda que non quede máis remedio que facelo, procurarás cambialo. Pero se chegas a crer que está ben, xa quedas así. En Alemaña só o 6% dos nenos acoden á gardería antes dos tres anos e en Finlandia a porcentaxe é menor aínda, e son países cun mellor rendemento académico ca o noso.
Pero para gozar destes estándares que predominan noutros países cómpre pagar máis impostos e que as empresas muden de actitude.
Ben, neses países tamén tiveron que tomar decisións, e a min dixéronme que xa temos brotes verdes. Habería que comezar a pensar en que gastamos os cartos.
Unha parella nova traballadora e sen familia preto do fogar non ten outra opción que deixar o seu fillo na gardería. Está a malcriar o seu fillo?
Non hai un só xeito de criar ben un fillo nin hai un só xeito de crialo mal. Eu o que non aturo é que haxa xente por un lado que ten boas ideas e que a enganen e lle fagan crer outra cousa: “eu colleríao no colo, pero non o fago porque disque se malcría” ou “eu meteríao na cama a canda nós cando chora, pero non o fago porque me dixeron que logo vai ter problemas de sono toda a vida”. Estas persoas estanse a sacrificar facendo cousas que no fondo lles molestan e que non son naturais, que non lles gustan, pero fano por seguiren as normas que fixan outras persoas. E, por outra banda, hai quen toma decisións das que é posible que ao longo dun tempo se arrepinta, xa que non todo o mundo ten todos os datos da ecuación para poder decidir. Se che din que “traballar os dous é imprescindible” e, por outra parte, que “o neno na gardería está de marabilla”, non hai problema. Pero se che explicasen que na maioría dos países occidentais o máximo dos bebés por coidador nunha gardería é de catro legalmente, noutros de tres e que en España é de oito, se cadra a conclusión á que chegarían os pais sería ben distinta. Trátase de reflexionar sobre cantos cartos podes gastar nun coche, cantos nas vacacións, cantos en mercares un apartamento na praia e cantos en criares o teu fillo.
É unha cuestión de prioridades, daquela.
Exacto. Os pais teñen que tomar a decisión con liberdade e eu o que fago é darlles toda a información necesaria para axudalos a que a tomen. Estou convencido de que non fan falta libros para criar un fillo e non quero que os fillos teñan manual de instrucións. É necesario máis cariño e menos instrucións para criar un neno. Para aprender é mellor falar e estar cun grupo de nais cos seus fillos ca ler un libro na casa.
O instinto tamén é importante, hai que deixarse levar por el?
É importante e nalgunhas cousas si que se hai que deixar levar e noutras non. O noso instinto dinos que coidemos os nosos fillos e é positivo, pero tamén nos di que cando alguén nos molesta hai que lle dar unha labazada e non o facemos.
E no caso dos nenos, o instinto hai que seguilo ou non?
As máis das veces si, porque o instinto axudou durante millóns de anos aos pais a coidaren os seus fillos, e se non non estariamos aquí.
Daquela, garderías si ou non?
Debería ser só cando se non hai máis remedio. Sería conveniente cambiar o noso sistema socioeconómico para que na maioría dos casos non fose imprescindible levar o neno á gardería, e para aqueles casos nos que si fose imprescindible habería que facer mellores garderías.
O consolo é que na gardería socializan, non?
A socialización non require para nada as garderías, xa que, de entrada, os nenos pequenos non socializan. É a partir dos tres anos aproximadamente cando comezan a xogar uns cos outros. E iso pódeno facer noutros sitios. Moitas veces pensamos que os nenos cambian porque os educamos, e nalgúns aspectos así é, sen dúbida ningunha, pero a maioría dos cambios que experimentan os nenos débense a que medran. Aos dous anos din unhas cousas, aos cinco outras e aos doce outras.
Avós. si ou non?
Os avós son o mellor que hai despois dos pais. É moi positivo que os avós participen moito na vida do neno. Postos a separarse durante sete horas da nai, seguro que para un neno de dous anos é mellor estar cos avós que estar ata sete horas na gardería. Agora, tampouco recomendo que estean sete horas cos avós, xa que o que o neno realmente precisa é estar cos pais, sobre todo coa nai. Os pais axiña aprenden que esa pregunta de “a quen queres máis, á túa mamá ou ao teu papá” sobra.
Daquela, onde queda na crianza do neno a figura do pai?
Todos os nenos precisan ter un vínculo afectivo cunha persoa concreta, á que na teoría se lle chama “figura primaria” e á que na práctica se lle chama mamá. Pode non ser a nai e un neno pode establecer o seu vínculo primario coa avoa, co pai… O que é seguro é que hai só un primario, o resto son secundarios. O pai, se se esforza un pouco, pode gozar dos primeiros postos entre os secundarios, pero tense que esforzar. Non podes pretender que o teu fillo te queira moito porque é o seu papel de fillo. Se o pai quere ter un papel activo terá que lle dedicar tempo ao neno. Pero como todo nesta vida, cantas máis horas lle dediques, mellor sairá. Son necesarias as dúas cousas, pasar co neno moito tempo e que ese tempo sexa de calidade. Logo xa, co tempo, os nenos van necesitando máis do pai.
Fálase moito do tempo de calidade, “pouco tempo cos nenos pero de calidade”
Os nenos están namorados das súas nais e hai que saber que unha separación da nai durante tantas horas ten como consecuencias que o neno se anoxe, que solte un lapote…
Entón cos bebés hai que ter tolerancia total?
Non, tolerancia en todas as cousas que se poden tolerar.
Cales non se poden tolerar?
Cada un ten que tomar as súas decisións. Seguro que se ves o teu fillo tirando un testo polo balcón ou abrindo a chave do gas llo vas impedir. Pero se o bebé chora e reclama atención as 24 horas do día, non é que haxa que toleralo, é que iso é ter un bebé normal.
E que hai da necesidade de ter tempo para os pais.
Non é excluínte, por que non estar co teu fillo. Cando casas todo o mundo está de acordo en que a túa vida de solteiro acabou; non sei por que ninguén che di cando tes un fillo que hai que facer unha despedida de parella no último mes de embarazo.
Estas opinións que defende están estendidas na comunidade científica ou é un pouco outsider?
Dáme a impresión de que comecei como outsider, pero que cada vez o son menos.
O sono é un dos crebacabezas dos pais cos bebés. Algún consello?
Coido que antes os pais ben o sabían, que xa sabían que ter un fillo significaba pasar a noite en vela, e a ninguén se lle ocorría que ese era un problema médico que lle había que consultar ao pediatra. Como moito, se cadra pedíanlle ao médico de adultos vitaminas para aturaren esas noites. Pero, claro, creáronse unhas expectativas! Aos pais dixéronlles por unha parte que os nenos teñen que durmir sós e, ademais, pola noite de vez. Os meus pais, por exemplo, non sabían iso. Eu durmín cos meus pais deica os seis anos, polo tanto eles non sabían que había que durmir sós e como non había outro cuarto na casa… Por outra banda, creouse un temor: díselles aos pais que “se o neno non fai iso deste xeito vai ter problemas cando sexa maior, non vai saír nunca da cama dos pais…” e todos se preocupan. Pero non é certo que os bebés teñan que durmir sós -e ben se ve que lles gusta durmir con xente-. Como se lle pode facer máis caso ao que les nun libro que ao que ves acotío cos teus propios ollos! É o instinto reforzado pola observación. Escríbenme nais que me din “cando deixo o neno no berce chora e só acouga cando o collo no colo”. Xa atopou a solución. Ninguén se laiaría nin se abraiaría se lle recomendase unhas pastillas homeopáticas para que acougase ou se lle fixese unha masaxe… Daquela, por que causa tanto problema aceptar que o bebé se calma co peito e cando o colles no colo? Sempre dá a impresión de que é unha desgraza! Ninguén di: que marabilla, cada vez que o meu fillo esperta métoo na cama e volve durmir decontado. É unha solución doada, barata.
Pero require esforzo
Non, non. O que precisa esforzo é o outro. Se eu recomendase que cada vez que o neno esperte cómpre que os pais se ergan e lle dean unha masaxe… iso si é esforzo.
Cal é o sono normal dun bebé?
Non hai pautas. Se un bebé esperta moitas veces pola noite o problema telo ti, que te tes que erguer á mañá para ires traballar, porque logo o bebé segue durmindo. Todos os bebés acaban durmindo as horas que precisan, e se non o fan pola noite farano durante o día.
Os seus fillos deixárono durmir ben?
Ben, fixeron o que puideron. Cando tes fillos non dormes igual, aínda que iso non signifique que durmas peor. Lembro unha época na que espertaba para estar de noite cos meus fillos pero non o lembro como un momento de desespero. Iso é como cando vas de marcha pola noite, a pregunta é: que ben ou que mal o pasei?
O problema é que se estás unha semana seguida de marcha e hai que traballar podes tirar a conclusión de que non queres saír de marcha.
Ou de non querer traballar. Está claro que non se dorme coa mesma intensidade, pero ter fillos é iso, dedicarlles tempo, estar con eles, consolalos cando choran, contestar as súas interminables preguntas…
Son moitos os que din que os nenos se guían por rutinas, é así?
Non creo que as rutinas sexan necesarias e convenientes para o desenvolvemento dun neno, e habería que ver se a túa vida é máis doada con rutinas. Estou convencido de que non son necesarias as rutinas, xa que os nenos se adaptan a moitas cousas distintas, igual ca os adultos. Por iso creo que se en algo temos que axudar os nosos fillos na súa educación é a non ter rutinas. Eu quero ter un fillo adaptable, non un fillo que teña rutinas.