Piollos: hóspedes que nos traen de cabeza
Disque o can é o mellor amigo do home, pero non nos precisa tanto como o piollo, que só pode vivir á nosa costa: somos a única especie animal que estes minúsculos parasitos admiten como morada. Nas escolas son un clásico, repiten curso unha e outra vez. Segundo un estudo de Laboratorios OTC, o 14% da poboación escolar padeceu o curso pasado a presenza destes molestos inquilinos, se ben case todos os nenos teñen piollos polo menos unha vez na vida, normalmente no seu paso pola escola e na franxa de 3 a 12 anos. Pero os adultos non están a salvo: o continuo contacto cun neno infectado por piollos pode rematar co adulto rañando tamén na cabeza. Os piollos, amais de molestos pola comechón que producen, son mestres da camuflaxe e detectalos a simple vista entraña dificultades. Os expertos en saúde e hixiene de EROSKI CONSUMER recomendan non baixar a garda e, no canto de cruzar os dedos e confiar na sorte mentres non chegue unha circular da escola que alerte da presenza destes parasitos na aula, hai que adoptar unha serie de precaucións e, sobre todo, saber cales son as mellores medidas en caso de infestación.
Perfil do inimigo: molesto, pero non perigoso
Os mitos e as falsas crenzas sobre os piollos abundan. Quizais a máis espallada sexa a que asocia a súa aparición coa falta de limpeza e cos malos hábitos hixiénicos. Esta situación é a que explica que en moitas familias a aparición de piollos sexa aínda un tabú, e que, en consecuencia, os contaxios se oculten e non se comuniquen na escola, por pura vergoña.
Hai tres clases de piollos, e cada unha afecta exclusivamente a unha parte do corpo humano. Dous deles (o piollo da pube ou piollo pato, e o do corpo) si están asociados á sucidade, ao amoreamento e á falta de hixiene. En cambio, non se pode dicir o mesmo do piollo da cabeza, o máis común e o que ataca aos escolares, xa que aparece por transmisión e contaxio. En ningún caso os piollos da cabeza se aloxan na zona perineal ou os do corpo na cabeza.
Outra lenda é que transmiten enfermidades a través das súas picaduras. Falso: os piollos da cabeza son moi molestos, pero nada perigosos, xa que o único problema de saúde que poden orixinar é o de sobreinfección das bostelas e feridas producidas pola intensa comechón que lle producen a quen os sofre. Non obstante, hai indicios científicos de que os piollos do corpo foron, ao longo dos séculos, transmisores de enfermidades graves, como a “febre das trincheiras” ou o tifo.
O verdadeiro problema dos piollos da cabeza é a facilidade coa que se reproducen e se espallan. Os piollos poden vivir no cabelo un mes e nese tempo dan posto uns 110 ovos, dos que o 60% chegará a adulto.
Como evitar contaxios e previr os piollos
Evitar contaxios
A femia fixa os ovos ou lendias a 1 ou 2 milímetros do coiro cabeludo (gústalles a calor corporal que emana esta zona) cunha substancia viscosa que actúa de pegamento e deste xeito impide que as lendias se poidan despegar manualmente. A presenza destas lendias é o primeiro signo de alarma: o neno está infectado. Transcorridos 10 días da posta, o ovo eclosiona e, se non se pon remedio para frealo, comeza de novo o proceso de reprodución. Aínda que se pense ás veces o contrario, os piollos non os transmiten os animais domésticos, a auga, a area ou as herbas, nin tampouco poden saltar, nin voar, nin desprazarse por superficies distintas da do coiro cabeludo. Pola súa fisioloxía só están capacitados para se agarraren ao cabelo, de aí que unicamente se poidan contaxiar por contacto directo de cabeza a cabeza ou polo intercambio de cepillos, gorros, gomas do pelo, diademas e doutros obxectos que tiveran contacto directo co cabelo, como auriculares, bufandas ou lentes de sol.
Prevención: piolleira e paciencia
Os síntomas de que o noso fillo ten pediculose, nome científico do contaxio destes parasitos, son a comechón persistente e fretarse intensamente, se ben cando se teñen por primeira vez o prurito pode aparecer ben tarde. Por iso, para previr o contaxio dos piollos convén adiantarse, e ante a sospeita de que o neno poida estar en contacto cun compañeiro que xa os teña hai que revisar polo miúdo a súa cabeza. E non abonda con facelo unha soa vez ou puntualmente, senón que cómpre vixiala acotío, con paciencia, cunha piolleira e cun pano branco. A piolleira, peite de pugas específico para os piollos, é o máis eficaz para a revisión e, no seu caso, para retirar os piollos adultos e as crías, se as hai. É fundamental que o espazo entre as pugas non supere os 0,2 mm e son preferibles as piolleiras con pugas de metal, pola súa maior rixidez. Convén pasar a piolleira co cabelo húmido e suave (usemos un acondicionador no lavado) e nun lugar ben iluminado.
As locións e os xampús non serven para previr
Así que esteamos seguros de que os parasitos tomaron a cabeza do neno debemos avisar na escola para que avisen ao resto dos pais. Este si é o momento de aplicar pediculicidas, insecticidas de uso externo que se venden en farmacias en forma de xampús, sprays, locións e ata de colonias e que atacan o piollo e a lendia provocándolles a morte. Aplicalos antes de saber con certeza se o neno ten piollos é un erro: os insecticidas non se deben utilizar como preventivos porque, ademais de que ocasionalmente poden causar efectos secundarios, co tempo os piollos poderíanse facer resistentes aos tratamentos. A maioría dos pediculicidas compóñense de permetrina, malathión ou lindane. As piretrinas deben ser a primeira opción e, entre elas, os produtos que a conteñen nunha concentración do 1%, a máis conveniente porque destrúe as lendias e os piollos con moi escasos efectos adversos. En segundo lugar, recoméndase o uso de malathión. E no que atinxe ao formato que mellor garante o contacto do produto co coiro cabeludo do infestado, os mellores son os xeles e as locións. En todo momento cómpre seguir as indicacións do fabricante do produto para a súa correcta administración, pero saibamos que hai que o aplicar por todo o cabelo para garantir unha distribución homoxénea do tratamento.
- O outono e a volta ao cole son datas celebradas polos piollos: é a época das minipragas nas escolas. Por iso, e aínda que non o avisaran na escola da presenza destes molestos inquilinos, vixíe de preto a cabeza dos seus fillos pequenos.
- Nin saltan, nin voan, nin os transmiten os animais domésticos. O único modo de contaxio dos piollos é de cabeza a cabeza. Por iso, evite que os nenos intercambien gomas do pelo, pinzas, ganchos, lentes… calquera artigo que estivera en contacto co pelo.
- Para revisar o cabelo precisa unha piolleira, un peite de pugas estreitas e moi pouco separadas unhas doutras para que os piollos non escapen. Hai que ter unha boa paciencia para pasar este peite guecho a guecho. Empregue un pano branco para depositar os parasitos atopados e velos con facilidade.
- Use acondicionador no lavado de pelo dos nenos: eliminará nós e enredos no cabelo, e o paso da piolleira molestaralles menos aos seus fillos.
- As primeiras zonas nas que hai que pasar a piolleira: a caluga e a parte posterior das orellas, os lugares preferidos dos piollos, porque atopan calor e seguridade.
- Por se nunca viu un piollo: teñen un tamaño semellante ao dunha semente de sésamo e son escuros. Repare especialmente atención nos ovos, de aspecto semellante ao da caspa, da que se distinguen porque as lendias se pegan con forza ao cabelo.
- Así que se constata que o neno ten piollos, aplique os tratamentos antiparasitarios. Pero non antes, porque non serven para previr o contaxio dos piollos nin para repeler a súa presenza. Só se deben usar cando xa están na cabeza dos nenos.
- Lea as instrucións de aplicación do produto, e respecte os tempos, as repeticións e calquera outra recomendación do fabricante. Se non, é moi probable que o tratamento falle e que teña que repetir o proceso dende o principio.
- Aínda que aplicase o tratamento con éxito, siga coas revisións periódicas para comprobar os resultados do produto.