Axuda domiciliaria: os mellores coidados, na casa

A axuda domiciliaria ás persoas maiores fai posible que vivan e gocen a vellez na súa propia casa, pero convén contratar persoal titulado e experimentado
1 Abril de 2010
Img salud 2 listado 181

Axuda domiciliaria: os mellores coidados, na casa

Soidade, tristura, menos cartos ca nunca, deterioración física e enfermidades…: abundan os medos asociados a unha fase tan natural como pouco aceptada do ser humano: o avellentamento. Case por inercia téndese a pensar que malestar, dependencia e abandono veñen nun paquete indivisible así que se superan os 70-75 anos. Pero non sempre é así. Un dos factores que inflúe na calidade de vida é un contorno agradable. Somos animais de costumes: gústanos espertar cada mañá nun cuarto que coñecemos de memoria, vivir no barrio de toda a vida, rodeados das nosas pertenzas e das lembranzas máis queridas. Nos vellos, abandonar o medio habitual pode causar un forte desarraigamento emocional, polo que, en xeral, convén non só atrasalo senón tamén evitalo mentres sexa posible.

O problema maniféstase cando os anciáns se manteñen firmes no seu propósito de non abandonaren a súa casa. Este panorama provoca apresuradas idas e voltas dos familiares e un temor continuado a que caian ou sufran un accidente doméstico. Ante esta situación, os servizos de axuda domiciliaria son unha opción eficaz para os vellos e mais para os familiares que os atenden. En moitos casos, a axuda personalizada dun profesional que asiste ao ancián nas tarefas domésticas, na súa hixiene persoal ou, simplemente, acompañándoo durante unhas horas ao día convértese nunha necesidade esencial. Segundo as proxeccións que se realizan sobre o aumento de poboación, en apenas dez anos o número de maiores de 65 anos medrará máis dun 25%. As necesidades ao respecto, polo tanto, presúmense crecentes.

Aínda que estes servizos os prestan dende hai anos tanto entidades públicas como empresas privadas especializadas neste servizo, non son poucos os que por aforraren uns euriños contratan para coidaren dos seus vellos a particulares que carecen non só da titulación axeitada, senón ás veces mesmo dos mínimos coñecementos para realizaren a tarefa encomendada. Os expertos en saúde de EROSKI CONSUMER aconsellan que sempre que se poida evitar non se cometa o erro de priorizar absolutamente o criterio económico fronte á calidade e seguridade do servizo. Pagar un chisco menos pode saír ben caro. Saber onde hai que acudir para solicitar a axuda domiciliaria pública ou ben, se é preciso, coñecer as pautas que se deben seguir para contratar unha asistencia privada eficaz e non moi cara axuda a conseguir que os maiores se atopen nas mellores mans. A guía práctica Como atender aos maiores (http://mayores.consumer.es/) informa dun modo moi sinxelo e ordenado sobre por que se avellenta, cales son os sinais de alarma ante os que deben reaccionar os familiares, como se debe planificar o coidado da persoa maior e onde e como pedir axuda.

Vivir só e na casa, pero con axuda

Os servizos de axuda a domicilio non só prestan asistencia nos angueiras cotiás do fogar, tamén impiden situacións de soidade extrema e illamento social. Facer a compra diaria, acudir a unha revisión médica ou a calquera outra xestión é cousa ben distinta se se fai só ou acompañado, sobre todo se se superan os 75 anos e non se goza de boa saúde. Con independencia de que a axuda a domicilio sexa prestada por organismos públicos, empresas privadas ou particulares, os servizos que se ofrecen son moi diversos, e convén coñecelos. A asistencia domiciliaria pode incluír a atención persoal do maior (hixiene, seguimento na alimentación e medicación, e apoio nas horas da comida), e tamén coidados especiais (facer a cama co enfermo encamado, farmacovixilancia, cambio de cueiros…) se o ancián sofre minusvalidez ou enfermidade. Todo iso, amais do apoio nos labores domésticos -limpeza e orde no fogar- e do acompañamento en paseos, lecturas ou merendas.

A axuda domiciliaria préstase por horas: pode supor dende un par de horas cada día ata a asistencia permanente, 24 horas do día os sete días da semana. Se a persoa maior ten sorte e goza da axuda a domicilio ofrecida por entidades públicas, o propio Concello ou o organismo responsable de prestala ocúpase de establecer a duración do servizo e os seus horarios, tras avaliar a situación persoal do solicitante.

Tipos de axudas e como solicitalas

Como solicitar a axuda

Antes de se botar á aventura de contratar os servizos dunha empresa privada ou dun particular, convén acudir aos servizos sociais do Concello da localidade na que reside o vello. A asistencia a domicilio é competencia das administracións públicas que, por norma xeral, a prestan mediante persoal municipal encargado deste labor ou con empresas privadas e organizacións como Cáritas ou a Cruz Vermella coas que se asinaron acordos.

Este é o mellor xeito de recibir asesoramento e de coñecer os prazos, os requisitos e os trámites que hai que seguir para solicitar a axuda. A principal vantaxe de ser beneficiario deste servizo público é contar coas garantías e co respaldo en seguridade que proporciona saber que detrás da persoa que entra na casa está o Concello ou outra entidade pública. Ademais, é a opción máis barata: as tarifas poden ser gratuítas ou representar unha pequena proporción do custo total da axuda.

Agora ben, non todas as persoas maiores son candidatas á concesión desta axuda pública, xa que os servizos sociais esixen o cumprimento dunha serie de requisitos. O grao de autonomía para se valer por si mesmo, a dispoñibilidade de familiares que poidan prestar axuda e o seu grao de parentesco, amais da capacidade económica do solicitante, son os principais criterios que se manexan para baremar as solicitudes. Se ao solicitante se lle denega a asistencia domiciliaria pública, é hora de analizar a oferta privada especializada nestes coidados.

Atención privada, mellor empresas especializadas

Débese confiar o coidado das persoas maiores preferentemente a empresas que contan coa autorización administrativa para ofrecer o servizo. O primeiro paso é consultar os servizos que prestan varias compañías e comparar, como sempre, calidade e prezo. Un primeiro requisito é que o persoal da empresa en xeral e o coidador que se lle asigne en concreto á persoa maior estean cualificados; para iso, debe contar coa titulación de Auxiliar de Enfermería, Clínico ou de Xeriatría, e coa experiencia abonda para atender unha persoa nas circunstancias do noso familiar ou similares. Hai que esixir o título de capacitación do coidador.

Convén desconfiar das empresas que non amosan axiña esta documentación. Sempre que a axuda domiciliaria se contrate cunha empresa privada, débese esixir un contrato: formaliza a relación e evita malentendidos e sorpresas desagradables. No contrato figurarán as prestacións que se inclúen no servizo, os horarios estipulados e o prezo total pola axuda asistencial. As tarifas dependen sobre todo do número de horas contratadas e do tipo de servizos solicitados. Un exemplo: por unha asistencia a domicilio de catro horas á semana que comprenda coidados persoais e apoio nos labores domésticos cóbrase, segundo comprobou EROSKI CONSUMER, dende 12 ata 20 euros por hora. O orzamento, obviamente, é moi oneroso: dende uns 1.000 euros ata uns 1.750 euros mensuais.

Teleasistencia: outra opción

As novas tecnoloxías tamén xogan o seu papel nos coidados que precisan as persoas maiores. A teleasistencia permite axudar o ancián a distancia durante as 24 horas do día mediante diversos dispositivos. Cunha pulseira, cun chaveiro ou cun receptor máis pequeno ca un teléfono móbil colgado ao pescozo, o ancián pódese comunicar cunha central telefónica de auxilio preparada para axudar no que o usuario precise.

O manexo destes mecanismos non é complicado: abonda con pulsar un botón -de grandes dimensións, resulta máis ergonómico- para que o vello se poña en comunicación coa central. Caídas, accidentes domésticos ou simplemente unha breve conversa cando os anciáns se senten demasiado sós son as solicitudes máis atendidas polos servizos de teleasistencia.

Ademais, as empresas fan chamadas de control para supervisar que todo está en orde e para ofrecer servizos de recordatorio e de axenda para citas médicas ou para datas destacadas, como aniversarios. Este é un servizo que se pode solicitar a través da vía pública e mais da privada.

Para contratar a mellor axuda domiciliaria

  • Acuda aos servizos sociais do seu Concello. Alí asesorarano e facilitaranlle toda a información para solicitar esta axuda.
  • Malia a ser un servizo público, é posible que o solicitante deba pagar unha porcentaxe do gasto de acordo á súa situación económica.
  • Asegúrese de que o coidador que lle van asignar sexa experimentado e teña unha titulación que o cualifique para lle prestar axuda a domicilio a un ancián.
  • Desconfíe das empresas que non facilitan facturas e das que non proporcionan a documentación válida para verificar que o seu persoal é titulado.
  • Esixa un contrato polos servizos de axuda domiciliaria e comprobe que nel se inclúen os horarios, os servizos que se van desempeñar e o seu custo.
  • Lembre que un coidador sen experiencia nin formación no ámbito sociosanitario non está capacitado para administrar inxeccións, realizar curas ou manipular sondas.
  • Se o vello non se adapta aos coidadores porque quere continuar a vivir só, valore a posibilidade da teleasistencia.