O mantemento de un de cada tres elementos de xogo é insuficiente
Arriba, abaixo, arriba, abaixo… Os parques infantís adquiriron nos últimos anos un aspecto futurista, con intricados aparellos de atrevido deseño. Pero a esencia do seu estilo non mudou: arriba, abaixo, arriba, abaixo… Nenos e nenas que soben aos bambáns ou aos tobogáns, nenos e nenas que baixan. Nesta demostración constante dos efectos da lei da gravidade, é fundamental que estas zonas se atopen nas mellores condicións para evitar que aos pais lles dea unha volta ao veren os seus fillos baixaren demasiado rápido ou dun xeito pouco ortodoxo. A teor dos resultados da investigación realizada por EROSKI CONSUMER, o servizo que ofrecen as zonas infantís do noso país aproba, pero polos pelos. A súa valoración é un pobre ‘aceptable’, idéntica á obtida nun estudo semellante elaborado hai cinco anos. Aínda que se observaron melloras, distan de seren as desexables. Entre as razóns desta pobre valoración están o deficiente mantemento observado en case un de cada tres elementos de xogo, o que pode pór en perigo a integridade dos máis cativos, e que en máis da metade das áreas de recreo non hai carteis que informen do grupo de idade ao que están destinados os xogos. En materia de seguridade, a realidade evolucionou positivamente: en sete de cada dez áreas de recreo as superficies son de caucho reciclado e o 84% das zonas de xogo estaban delimitadas.
EROSKI CONSUMER analizou entre finais de xaneiro e comezos de febreiro un total de 739 aparellos de xogo de 132 zonas públicas de xogo infantil situadas en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Valorouse a seguridade, o estado de mantemento, a información e accesibilidade dun total de 40 balancíns, de 50 tobogáns, de 129 estruturas multixogo, de 254 asentos de bambáns e de 262 resortes. A metade destas zonas infantís atopábanse no centro das cidades e a outra na periferia ou en barrios non céntricos. Tamén se lle solicitou información aos concellos sobre o número de parques infantís e mais o orzamento destinado ao seu mantemento.
As zonas infantís visitadas con mellores cualificacións foron as de Cádiz, Barcelona, Córdoba, Vitoria, Pamplona e Granada (cun ‘ben’). Bilbao, Madrid, Murcia, San Sebastián, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Alacante e Málaga recibiron un ‘aceptable’. O suspenso recae nas zonas infantís estudadas en Oviedo, Sevilla e Valladolid (‘regular’).
Os parques infantís atraen os rapaces pola súa combinación de diversión e risco. Así e todo, os máis pequenos non son realmente conscientes dos perigos aos que se poden enfrontar. De aí que para que estas zonas sexan seguras, non só sexa importante o mantemento e bo estado de cada elemento de xogo, senón a educación dos pais e as normas de comportamento que lles deben transmitir aos seus fillos:
- Respecto. Os cativos non se deben empurrar ao xogaren cos equipos de xogo. O conveniente é que o usen sen présa e, na medida do posible, con orde.
- Ao utilizaren os xogos, débeno facer correctamente: por exemplo, ao se lanzaren polo tobogán, teñen que facelo sentados, cos pés cara a diante e non se recomenda que se poñan de pé nos bambáns.
- Hai que ter coidado coa roupa: non é conveniente levar roupa moi folgada, con cordóns ou cordas cando se xogue nun parque infantil. Pódese tornar nun serio perigo, xa que poden quedar enganchados no aparato e causarlles lesións ao menor.
- É recomendable avisar os cativos de que se deben fixar nas superficies que pisan e agarrarse firmemente nas estruturas de trepar. Evitaranse así esvaróns e sustos.
- Os nenos menores de tres anos deben ir acompañados constantemente dun adulto, que non os deixarán sós en ningún momento.
Seguridade na zona de xogos
En España non hai unha lexislación que regule como debería ser a seguridade dos parques infantís. Tan só Andalucía e Galicia avanzaron nesta materia co desenvolvemento de decretos baseados na normativa comunitaria vixente: UNE-EN 1176 e 1177. Con estes textos como referencia, EROSKI CONSUMER comprobou que a seguridade dos parques continúa a ser ‘boa’, igual ca no estudo elaborado no 2005 por esta revista. Non obstante, e ao igual ca daquela, aínda quedan aspectos por mellorar.
Un parque infantil debe estar acoutado de maneira segura e separado do tráfico rodado. Así e todo, en tres de cada cinco parques infantís analizados había tráfico preto, aínda que, iso si, a área estaba correctamente delimitada. Ademais, a superficie debe estar composta por materiais brandos que permitan a absorción de impactos e que amortezan golpes. Os expertos recomendan o caucho reciclado ou os chans naturais (como a area, o céspede ou a codia de árbore), aínda que cun mantemento axeitado. O caucho está instalado en dous de cada tres parques infantís visitados, por riba doutros chans naturais como a area (único material no 26% dos casos), o granulado, o céspede e a codia de árbore. Malia ao arriscado que resulta, aínda se utilizan materiais duros e con moi pouca capacidade para absorber impactos como as lousas (nunha zona de Zaragoza).
Comprobouse tamén o estado de conservación dos aparellos de xogo (se había partes rotas ou soltas, parafusos que sobresaían, elementos oxidados, zonas quebradas, arestas perigosas e estruturas mal ancoradas ao chan) e avaliouse o risco de atrapamento (cordas rubideiras demasiado anchas e nas que un neno pode meter a cabeza; aberturas en forma de V con perigo de que o neno enganche a roupa ou, o que é peor, o pelo; superficies con aberturas excesivas ou cadeas de bambáns demasiado anchas nas que os nenos poden ter a “curiosidade” de meter o dedo entre as arandelas, entre outros).
No tocante ás ancoraxes que fixan os aparellos ao chan, constatouse que, agás no 3% dos resortes e balancíns observados, os máis estaban ben fixados ao pavimento. Tan importante como a ancoraxe é que os seus compoñentes estean correctamente unidos. A normativa de seguridade de aparellos infantís determina que os parafusos deben estar en bo estado, protexidos ou redondeados e, no caso de sobresaíren, que esa medida non exceda dos 8 milímetros máximos permitidos. Así acontecía as máis das veces. En liñas xerais, os mellores aparatos en materia de seguridade localizáronse nos parques infantís visitados en Pamplona e Córdoba (ningunha deficiencia nas áreas avaliadas), e os peores en Sevilla e Oviedo. E é que en Sevilla máis da metade dos elementos de xogo se atopaban en mal estado de conservación e en un de cada cinco observouse a posibilidade de que o neno pille os dedos ou que a roupa lle quede enganchada. En Oviedo, en un de cada seis aparatos detectáronse elementos que podían facer que os nenos se mancasen ao utilizalos.
O mantemento dun parque infantil implica cartos e esforzo. O investimento está condicionado polo tamaño da poboación e pola extensión urbana da cidade: vai dende os 9’6 millóns de euros de Madrid aos 40.000 euros de Cádiz. Os técnicos de EROSKI CONSUMER certificaron que a maioría dos parques infantís se atopaba nun estado xeral correcto, e que só un 12% deles tiñan deficiencias. Destacaban negativamente Oviedo e Valladolid, onde oito das doce zonas visitadas estaban porcas, con pintadas, refugallos, cristais, excrementos de can e cabichas.
Malia que a maioría dos 739 elementos de xogo examinados polos técnicos da revista funcionaban correctamente e podían usarse sen problemas, non faltaron deficiencias: cadeas de suxeición rotas ou en moi mal estado, estruturas febles, desgaste de ramplas e resortes non óptimos de todo. O vandalismo é, sen lugar a dúbidas, a causa máis importante do estrago e estado do xogo. Nun 12% dos aparellos, os graffitis ou pintadas decoraban o elemento de xogo, unha proporción inferior á do informe do 2005. Malia todo, estas pintadas non enmascaran o mal estado dalgúns destes elementos de xogo que quedaron obsoletos e pendentes dunha boa revisión. Entre os aparellos con defectos de mantemento (que representan case a terceira parte do total analizados), a falta de pintura era rechamante en un de cada cinco casos, en case o 10% dos xogos infantís observáronse elementos oxidados e nun 5% había zonas escachadas, rotas ou soltas. Por cidades, nos parques analizados en Córdoba e en Pamplona non se viu este tipo de estragos; ao contrario ca en Oviedo, na Coruña e en Sevilla, onde os había en máis da metade dos espazos infantís.
Bambáns, tobogáns, resortes, estruturas multixogo e balancíns. EROSKI CONSUMER analizou un a un os cinco elementos de xogo máis habituais nestes recintos para comprobar posibles carencias en materia de seguridade.
- Estruturas multixogos: Os aparellos con mais problemas de seguridade, xa que en case unha de cada dez (en total tomáronse en conta 129) non había varandas nin asideiros para subir ás plataformas superiores ou para agarrarse, e si había partes do xogo rotas ou soltas (nun 5% dos casos) ou parafusos sobresaíndo e non debidamente tapados (nun 3%).
- Bambáns: Un dos aparellos de xogo con claros defectos en materia de seguridade. As carencias máis significativas correspóndense co estado das cordas ou das cadeas de onde colgan os asentos, xa que no 12% dos 254 bambáns avaliados non estaban tapadas e nalgúns casos se atoparon ocos por onde os nenos podían meter os dedos e mancarse.
- Balancíns: A metade dos 40 balancíns analizados non contan con reposapés e só dous de cada dez dispoñen de elementos baixo o asento para amortecer a caída.
- Resortes: Só no 13% dos 262 resortes analizados se observou na súa parte inferior un elemento para amortecer unha posible caída. As ancoraxes que fixan este aparello ao chan atopáronse en mal estado nun 3% dos casos.
- Tobogáns: Dos 50 tobogáns analizados, un 16% non dispuña de varanda para subir e ademais un 8% non contaba con asideiro na plataforma superior onde os nenos agardan para baixar polo tobogán. Non obstante, o estado de ramplas e chanzos era adecuado na maioría destes elementos.
Información e accesibilidade das zonas de xogo e táboa comparativa
Nos parques infantís deben figurar carteis que indiquen as obrigas dos usuarios ao usaren os elementos de xogo, así como información fundamental en caso de emerxencia, todo iso dunha maneira lexible.
Unha información imprescindible para os usuarios dos parques infantís é a que grupo de idades se destina. Non obstante, estes datos só se proporcionaron no 46% dos casos e, por cidades, non se viron en ningún dos parques analizados de Córdoba, de Murcia, de Valencia e de Valladolid. Ademais, é fundamental tamén que o cartel reflicta o número de teléfono ao que chamar en caso de urxencia por accidente e mais cales son os centros sanitarios que están máis preto. O primeiro só se viu no 45% das zonas de xogo (sobresaen Cádiz, Granada e Vitoria, mais non Alacante, Valencia e Valladolid), e o segundo tan só en un de cada cinco parques (destacan Granada e Cádiz). Tampouco se informaba na metade das zonas de xogo sobre a prohibición de introducir animais de compaña. É o caso, por exemplo, de Málaga e de Pamplona, onde non se viron en ningún dos parques visitados.
Na inmensa maioría das zonas analizadas podíase acceder cun cochiño ou con cadeiras de rodas. Tamén é recomendable que os elementos de xogo se pinten con cores rechamantes para que os identifiquen nenos con deficiencias visuais. Non obstante, durante a visita, os técnicos comprobaron que non o estaban en un de cada dez parques infantís. Menos habitual aínda é atopar aparellos a rentes do chan para que xoguen nenos con dificultades de mobilidade (tan só se atoparon nun 22% das áreas infantís analizadas) ou carteis en braille (só se viron nun parque infantil de Barcelona).
O parque infantil ideal ofrécelles seguridade aos pais e entretemento aos máis pequenos. Pola súa condición de equipamento ao aire libre, o seu mantemento debe ser continuado para garantir polo menos 5 anos de vida útil. Velaquí algúns dos aspectos nos cómpre reparar:
-
Área protexida: a cidade é un lugar cheo de perigos para os nenos. Os parques infantís son pequenos espazos nos que os menores se poden divertir con seguridade. Por iso:
- Deben estar situados en lugares sen unha elevada contaminación atmosférica e acústica, e afastados de tendidos eléctricos, de vertedoiros ou de canalizacións de auga de gran capacidade.
- Deben estar acoutados e separados do tráfico rodado (mínimo a 30 metros).
-
Xogos atractivos, seguros e resistentes: os xogos deberán ser seguros e resistentes, así como visualmente atractivos, de xeito que resulten estimulantes para os máis pequenos. Para iso:
- O chan deberá estar composto de materiais brandos que amortezan caídas, como o caucho reciclado ou chans naturais como céspede e codia de árbore.
- Os elementos de xogo deben estar elaborados con materiais que non sexan metálicos, tóxicos, nin condutores da electricidade. Ademais, deben tratarse para que, co uso e co paso do tempo, non escachen nin se xeren ángulos perigosos.
- As ancoraxes e suxeicións dos elementos de xogo ao firme serán estables.
- Entre os xogos deberá existir unha distancia mínima de seguridade con espazos libres de obstáculos.
- Inspección e mantemento: as áreas de xogo deben manterse en condicións de limpeza para que sexan completamente seguras. Os seus propietarios son os responsables do seu mantemento e conservación e cómpre realizar inspeccións e revisións anuais.
-
Sinalización: é fundamental indicar a idade dos menores que poden utilizar os xogos, a onde acudir en caso de se detectaren danos ou situacións de perigo, e mais a situación dos centros sanitarios máis próximos. Para iso, cómpre instalar carteis nos que, polo menos, se sinale:
- A recomendación de uso dos xogos por treitos de idade
- A prohibición de uso dos xogos aos maiores de idade
- A prohibición de entrada a animais domésticos
- A situación do teléfono público máis próximo
- A localización do centro sanitario máis próximo e a indicación do número de teléfono das urxencias sanitarias, en caso de accidente
- O número de teléfono do servizo encargado do mantemento e reparación de danos do parque infantil.
- A prohibición de circulación de vehículos de motor e a limitación de uso de bicicletas, patinetes e similares.
- Accesibilidade: os parques infantís deberán ser accesibles, en especial para persoas minusválidas. Xa que logo, entre outras cousas, as entradas e mais as saídas deberán estar libres de obstáculos e haberá que instalar ramplas en caso de que haxa escaleiras para acceder ao recinto. Ademais, se a superficie é de difícil acceso, é conveniente instalar rutas accesibles ata os elementos de xogo.
- Vehículos a excesiva velocidade: debe estar prohibida a circulación de calquera vehículo que circule a unha velocidade que poida causar danos persoais. Por exemplo, vehículos a motor, bicicletas, patinetes, etc.