Operación: a viaxe da arte
Os museos salvagardan a arte. Son responsables da conservación do patrimonio sobre o que exercen de sentinelas. A esta función suman a de facilitaren o encontro co público, un público cada día máis ávido de gozar coas expresións plásticas e de satisfacer a súa curiosidade cultural. Décadas atrás debíase resignar a contemplar fotografías ou agardar a oportunidade de achegarse á expresión de artistas, movementos e obras. Non obstante, rematada a Gran Guerra, os museos comezaron a falarse entre eles e acordaron intercambiar fondos e exposicións. O éxito desta iniciativa non ocultou os seus riscos. A arte perigaba, os cambios de escenario, de luz, de temperatura e o propio traslado carrexaban o estrago de pezas delicadas e ante todo únicas e insubstituíbles. Sucedeuse entón un tempo de reflexión, e se ben non se renunciou a proseguir o camiño emprendido, lexisláronse e reforzáronse os métodos. Hoxe, o traslado dunha obra de arte é un procedemento cirurxián medido e controlado polo miúdo. Asegúrase e inspecciona cada peza e no proceso interveñen especialistas, presentes en todas as fases dende a embalaxe, o traslado e a apertura das caixas.
Seguimos a viaxe da ‘A sombra de Oteiza na arte española dos anos cincuenta’, unha exposición comisionada por Alfonso de la Torre, á que o artista Javier Balda dotou de harmonía espacial e de pezas procedentes de diferentes museos e de coleccións particulares. Recalou ata abril en Alzuza (Navarra) e dende alí trasladouse a unha sala de Zaragoza. Suma trinta pezas de incalculable valor económico e de recoñecido valor artístico. O equipo que se encargou de embalar cada unha delas precisou cinco días para completar a exposición e para emprender a viaxe.
Unha exposición itinerante ocupa un lugar circunstancial pero definido. O espazo que acolle as obras debe garantir unhas medidas de temperatura e de luz determinada. As pezas son sensibles á intensidade da luminaria e están afeitas a uns graos concretos de climatización.
Unha obra de arte cando viaxa está asegurada. Acompáñaa no seu tránsito unha documentación aceptada polas partes que refire o estado no que se presta. Detállanse os fallos, as imperfeccións e toda alteración da que haxa constancia. Fotos e certificados dan fe do seu estado. Nas operacións previas ao traslado está presente o representante da propiedade, bautizado como “o correo”, a quen acompaña o conservador do museo ou da sala de acollida. Cada saída e cada chegada queda documentada con fotos e informes.
O coordinador do traslado e os operarios agardan o visto bo do correo para proceder a mover a peza. Deslígana da sirga coa que estaba suxeita á peaña e colócana sobre unha mesa cuberta dun lenzo virxe para proceder ao seu exame. Son momentos moi delicados. Os montadores son licenciados en Belas Artes ou historiadores especializados en conservación e restauración. Os seus movementos reflicten respecto e precaución.
Cada detalle debe de ser examinado. O correo é o valedor da peza, é o seu notario. O habitual é que non haxa nada que salientar, pero, se o houbese, a peza quedaría retida á espera do ditame do perito. Dende que foron modificadas e extremadas as medidas de traslado, as accións están encamiñadas á prevención, e o control protocolario demostra a súa eficacia.
As pezas trasládanse en caixas deseñadas e confeccionadas en exclusiva para as súas características morfolóxicas, tendo en conta o seu material e o seu estado de conservación. A peza protéxese con papel tisú poroso e de ph neutro, de igual acidez ca a de todos os adhesivos que se utilicen. A caixa é de madeira de piñeiro contrachapado e hidrófuga, cuberta no seu interior por un illante térmico e antivibrador. Todas as xuntas son de neopreno. A peza está encaixada nunhas costelas de poliestireno coas que non teñen contacto. Introducida, asegurada e, se cómpre, co espazo completado con bóliñas, encáixanse as partes do cubo e aparafúsanse.
Transcorreron dúas horas dende o comezo da operación. A caixa está selada e un código identifica a obra de arte que está no seu interior. A embalaxe está deseñada para minorar as vibracións e para evitar influencias externas. O camión que traslada as caixas tamén cumpre unhas medidas especiais de suspensión e de climatización. No seu destino, as caixas agardarán polo menos vinte e catro horas antes de seren desembaladas, un tempo que serve para minorar contrates. O mesmo equipo que embalou as pezas será quen desembale. Deste xeito asegúrase un coñecemento empírico moi valioso que evita erros fatais e rubrica as grandes oportunidades que significa que a arte poida viaxar segura.