Tecnoloxía téxtil
Nos últimos anos a tecnoloxía introduciuse no sector téxtil para mellorar os tecidos e para facelos máis funcionais. Pódense atopar prendas que controlan a temperatura, traxes de baño que reducen a resistencia na auga e camisetas que contan con sistemas de detección de sinais wifi ou de díodos LED. Esta innovación pode resultar extravagante, pero diferentes marcas xa traballan na inclusión de pantallas e luces na roupa. Phillips dispón dun prototipo de tecido luminoso, mentres que Corea del Sur desenvolve pantallas ULIDE flexibles que se poidan adaptar a diferentes pezas de vestir. Tamén se está a traballar no deseño de pezas de roupa nas que se insiran reprodutores multimedia, teléfonos móbiles ou navegadores GPS no mínimo espazo e sen que aumente en exceso o peso das prendas nin se altere a súa vertente estética.
Baterías nas costuras
Outra tendencia extrema é a integración de baterías, de paneis solares e de microchips na roupa para engadirlles autonomía enerxética aos aparellos que se leven. As liñas de desenvolvemento e investigación son varias: dende a instalación dunha batería por baixo das costuras á inclusión de pequenos e flexibles paneis solares.
A Universidade de Carolina do Norte (Estados Unidos) desenvolveu unhas placas solares que se poden instalar nunha gravata ou nun traxe. O enxeño está dotado de diversas placas fotovoltaicas que alcanzan 3,6 voltios a plena carga en calquera aparato. Con esta enerxía pódense cargar un teléfono móbil ou un reprodutor de MP3. Polo de agora, non se superou a fase de probas, pero xa é posible atopar no mercado diferentes prendas con cargadores solares.
Moda con chips
A moda e a tecnoloxía non están disputadas. Na tempada 2007/2008, a marca de deseño italiana Ermenegildo Zegna lanzou a chaqueta SolarJacket, con placas solares no pescozo da americana capaces de xerar enerxía eléctrica abonda para recargar un dispositivo portátil. A chaqueta, que dispón dunha saída para auriculares, tamén conta cunha batería á que se conecta o dispositivo e que se recarga por completo mediante unha exposición ao sol das placas durante catro horas. Agora ben, non todo son vantaxes. Tanto as baterías como as placas solares engádenlle un peso extra á peza téxtil. Non obstante, pódense crear pezas de roupa que activen unha carga eléctrica ante un cambio atmosférico ou que xeren enerxía pola simple fricción dos seus tecidos. O Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia (Estados Unidos) desenvolveu unhas “nanofibras” que xeran impulsos eléctricos coa fricción.
Pódense recargar pequenos dispositivos electrónicos con só utilizar unha peza de roupa confeccionada neste material. Polo de agora é unha tecnoloxía en fase de investigación, xa que as fibras non se poden mollar porque dispoñen dunha cobertura de óxido de cinc que se disolve coa auga.
Tamén se comercializan tecidos que propician prendas funcionais con utilidades que van maís alá das tradicionais. A empresa británica Babyglow vende un pixama para bebés de ata 24 meses que muda de cor se a temperatura do bebé supera os 37 ºC. Estes pixamas deséñanse en diferentes cores, pero tórnanse brancos se o bebé ten febre.
E en chaquetas e luvas, que se leva?
Chaquetas con GPS e con Bluetooth
Outra tendencia nas prendas tecnolóxicas son os artigos para climas de frío extremo nos que expor un aparello á intemperie ou quitar unha luva pode resultar moi molesto. A compañía norteamericana Scottevest vende chaquetas pensadas para gardar dispositivos electrónicos. Cada unha destas prendas está deseñada para que os usuarios poidan desprazarse cos seus aparatos de forma sinxela. Hai chaquetas con petos interiores transparentes que permiten interactuar cun dispositivo con pantalla táctil sen necesidade de sacalo da peza de roupa.
NavJacket é unha chaqueta para deportes de montaña cun receptor de GPS e cun sistema de navegación integrados. Inclúe unha pantalla display na manga e uns auriculares na carapucha para oír as instrucións de uso. O usuario pode elixir unha ruta e o display indícalle a dirección e a distancia á que se atopa dela. Pode resultar moi útil para atopar pistas e restaurantes nunha estación de esquí. Ademais, pódense marcar os sitios favoritos e gravar unha ruta para a súa posterior utilización.
Pola súa banda, o fabricante Motorola dispón dunha chaqueta denominada Audex Jacket, desenvolvida xunto coa compañía Burton. Esta prenda ten conexión Bluetooth e miniUSB. Permite responder chamadas dun teléfono móbil sincronizado ou ter o control sobre un reprodutor multimedia. Para iso, dispón dun control integrado na manga, mediante unha pantalla TDT de 96 pixeis x 32 pixeis, e de dous altofalantes estéreos no pescozo. A este equipamento engádese unha batería recargable cun tempo de utilización de ata cinco horas.
Luvas para pantallas táctiles
No inverno, en zonas de temperaturas moi baixas, a utilización de dispositivos con pantalla táctil, como teléfonos móbiles ou reprodutores multimedia, conta co inconveniente de que esta pantalla non responde ao tacto dos dedos se as mans dos usuarios se atopan enfundadas en luvas para se protexeren do frío. As solucións a este problema son diversas. A empresa Dot Gloves comercializa unha liña de luvas con pequenos botóns na xema dos dedos. Deste xeito, as pantallas táctiles responden ao movemento dos usuarios ao atopar unha superficie de contacto. A empresa Apple dispón dunha patente que describe unha luva capaz de xerar unha corrente capacitiva -similar á producida pola xema dos dedos- para operar co sistema do iPhone e do iPod Touch.
Para deportes de inverno, como prácticas de esquí e de montañismo, The Northern Face vende luvas unisex, denominadas Etip Glove, transpirables e pensadas para utilizar ordenadores portátiles e reprodutores de MP3 sen que cumpra quitalas. Ademais, os usuarios poden utilizar un par de luvas extra enriba, xa que se deseñaron como unha primeira capa para o contacto extremo coa neve. I Three Sixty ideou gorros para aloxar no seu interior un reprodutor de MP3, cun compartimento especial no lateral para reprodutores Ipod nano de 1ª, 2ª, 4ª e 5ª xeración. Incorpora ademais auriculares e un altofalante interno.