Os puntos cardinais para elixir un navegador GPS
Quen se acorda do compás! Este pequeno e eficaz dispositivo pasou a ser historia, e o culpable non é outro que outro ben novo que responde ás siglas de GPS. A revolución tecnolóxica vivida nos últimos anos permite que nestes intres nos poidamos beneficiar da localización de satélites para coñecermos a posición exacta na que nos atopamos e o percorrido que debemos seguir ata alcanzar o destino desexado, xa sexa a pé ou dende un vehículo. A súa comodidade, efectividade e a popularización que experimentaron os prezos contribúen a que un número crecente de condutores se animen a instalar este aparello no seu vehículo.
Agora ben, as prestacións e a utilidade dos GPS non son uniformes. O mercado ofrece unha ampla gama, incluída a específica para os profesionais da estrada, con prezos moi superiores aos que paga a pena pagar por un dispositivo similar para turismos. Neste apartado convén especificar que aínda que se poden atopar GPS a partir de 100 euros, o prezo dos máis demandados rolda os 200 euros. Trátase dos seguintes: Garmin Nüvi 200, Tomtom One e Navman S50. Hai que ter en conta que adquirir un destes aparellos a un prezo elevado, que se achegue aos 600-700 euros ou máis, pode resultar frustrante, xa que a infinidade de opcións que ofrecen non farán máis que dificultar o seu uso. Tampouco convén escatimar en exceso: se se adquire un modelo inferior ás necesidades do condutor, é moi posible que o substitúa por outro máis moderno en poucos meses ou mesmo semanas. Por estas razóns é moi importante coñecer aqueles factores que determinan o modelo concreto para cada usuario. Un obxectivo ao que só se chegará mediante a elaboración dun mini cuestionario que o vendedor deberá contestar polo miúdo.
O seu funcionamento
Antes de debullar os parámetros que definen o navegador, é imprescindible coñecer en que consisten e como traballan estes aparellos. Aínda que se coñecen popularmente como GPS, esta é unha acepción equivocada, pois GPS é unha tecnoloxía de posicionamento (“Global Positioning System” ou Sistema de Posicionamento Global) que define en cada momento a posición sobre a Terra dun dispositivo capaz de captar os sinais de diversos satélites que lle dan volta ao noso planeta. E estes dispositivos son os navegadores GPS, que teñen como principal función determinar o tempo que transcorre en chegarlles os sinais dos satélites, calcular a súa posición e traducila aos mapas que se lle amosan ao usuario. A partir destas funcións básicas, engádense outras adicionais que axudan a que o seu uso sexa máis sinxelo e a que nos guíen cara ao noso destino cunha precisión case exacta. Ambas as dúas características, comodidade no seu uso e precisión, son fundamentais, non só porque supoñen un aforro do noso tempo, senón porque contribúen a que o condutor estorbe menos ao resto de condutores.
Velaquí os aspectos máis importantes que cómpre ter en conta antes de tomar a decisión final sobre un modelo concreto:
- O tempo de recepción dos satélites: Sempre que se acende un GPS, este tarda un tempo, que varía entre o medio minuto e os cinco minutos, en localizar os satélites e computar o seu sinal. A partir de entón poderá determinar tanto a posición do vehículo como a do destino. Con estes datos calcula a ruta e aplícaa sobre os mapas que mostra. Polo tanto, canto menos tempo precise en recibir o sinal dos satélites, antes se poderá comezar a marcha. Outro factor interesante é o número de satélites que dá detectado: cantos máis, maior precisión ofrecerá.
- A cobertura: O sinal dos satélites GPS non traspasa muros. Polo tanto, non se recibe ben en rúas estreitas ou túneles. Por iso, se a cobertura se perde nun túnel, abonda con saír del para recuperala, pero de se perder nún lío de ruelas, o navegador pode deixar de guiarnos coa exactitude desexada. Así e todo, os navegadores actuais dan calculado a posición do coche pola súa velocidade e recolocalo sobre o mapa con rapidez cando recuperan a cobertura.
- O tamaño da pantalla: A pantalla é un elemento importante tanto pola comodidade que pode achegar como pola seguridade do condutor, xa que este non se debe distraer facendo esforzos para determinar aquilo que observa no navegador. Polo tanto, débese optar por unha pantalla grande para evitar forzar a vista e non apartala en momento ningún da estrada. Esta pantalla proporcionará ademais unha maior superficie para que se inclúa nela un menú gráfico con todas as opcións das que dispón o navegador. Outra das vantaxes é que co tamaño da pantalla aumenta o detalle dos mapas, aos que se lles poden engadir puntos de interese como gasolineiras, centros comerciais ou datos sobre as poboacións que atravesamos. Unha pantalla de 4,8 polgadas é a máis recomendable para tales efectos, aínda que con 3,5 polgadas se visualiza a posición nos mapas con comodidade.
Pantalla táctil: Unha pantalla que conte cunha boa superficie e que sexa táctil permite que se visualicen as opcións de menú dun xeito sinxelo sen entorpecer os mapas. Permite ademais que se poida pulsar sobre esta superficie con rapidez e eficacia.- A ancoraxe: O GPS débese ancorar con forza no cadro de instrumentos ou no cristal do coche, de xeito que non se poida soltar durante a marcha e entorpecer a condución. Hai ancoraxes de fábrica que non ofrecen a fiabilidade desexada, polo que algúns usuarios optan por comprar unha ancoraxe complementaria, co conseguinte gasto extra. Outras ancoraxes son moi sólidas, pero resultan moi complicadas de montar e desmontar. Por iso, convén estudar na tenda a ancoraxe e comprobar que é sólida e mais sinxela de usar.
A conectividade: É fundamental que o navegador dispoña dun porto mini USB para conectar tanto o cable que se une ao cargador da batería do coche como para a súa conexión na casa co ordenador. As baterías teñen unha autonomía de entre dúas e cinco horas nos modelos medios, de maneira que de cando en vez haberá que enchufar o navegador ao cargador do chisqueiro. Por outra banda, hai que ter en conta que a conexión ao ordenador é básica para actualizar os mapas por Internet ou dende discos ópticos. Como un elemento adicional, resulta moi interesante que o navegador permita a conectividade sen fíos por Bluetooth para configuralo, por exemplo, para funcionar co teléfono móbil como mans libres. Outro porto que se pode incluír é o da conexión cun dispositivo RDS TMC, que ofrece a información do tráfico en tempo real mediante un sistema de radio FM.- Rañura para tarxetas SD: A información dos mapas, así como a súa actualización, pódese introducir no navegador mediante un cable ou ben por tarxetas de memoria SD. É recomendable que o dispositivo conte cunha rañura para ler as tarxetas porque facilita o proceso de actualización.
Modo nocturno: Cando chega a noite a visibilidade redúcese, polo que todos os navegadores ofrecen a opción “modo nocturno”, coa que se ilumina a pantalla e se contrastan as cores do mapa para facerse máis visibles. É importante que o cambio ao devandito modo o poida levar a cabo o navegador de xeito automático.- Os mapas e a súa actualización: Os navegadores inclúen de fábrica unha serie de mapas básicos que conteñen información sobre o trazado das estradas e rúas das poboacións. En moitas ocasións, carecen de detalles sobre puntos de interese para o condutor, como as gasolineiras. De non se actualizaren estes mapas, non só será imposible obter esta información a través do dispositivo, senón que o navegador tampouco indicará os posibles cambios que se realizasen na ruta, xa sexa novas estradas, desvíos ou rúas. Aínda que os foros e comunidades en Internet que ofrecen as actualizacións gratuítas son moi diversos, o modo máis común de obtelas é a través da páxina do fabricante e logo de pagamento. Polo tanto, canto máis precisos e detallados sexan os mapas que acompañen ao navegador de serie, mellor.
Fundas e bolsas transportadoras: Aínda que poida parecer un complemento menor, non o é. Unha boa funda ou unha bolsa transportadora cómoda facilitará o transporte do navegador e evitará que se erosione con caídas ou rozamentos.