Como elixirmos psicoterapeuta

Ante as sensacións de tristura, indefensión ou sufrimento que superan a capacidade de aturalas, convén buscar axuda especializada
1 Xuño de 2010
Img salud1 listado

Como elixirmos psicoterapeuta

Un de cada cinco españois sofre síntomas relacionados con trastornos mentais. Outros problemas de inseguridade, timidez ou sono, sen chegaren a ser patolóxicos, compórtanlle incomodidade, cando non sufrimento, a un número aínda maior de cidadáns. Para todos eles, a axuda profesional é un recurso que deixou de ser tabú. O temor, os prexuízos e a asociación do recurso ao psicólogo ou ao psiquiatra co feito de estar tolo perderon forza. Aumenta a demanda, e tamén se incrementa a oferta. Por iso, o primeiro paso é elixir o psicoterapeuta axeitado que atine co modelo de tratamento.

Un psicoterapeuta é un profesional da saúde mental (psicólogo ou psiquiatra) que está preparado para realizar un tratamento psicolóxico. Pero a primeira pregunta que moitas persoas non saben responder é: Preciso acudir á súa consulta? A Asociación Americana de Psicoloxía (APA) recomenda facelo se se ten a sensación abafadora e prolongada de indefensión e tristura, de que os problemas non melloran malia aos esforzos, se resulta complicado realizar as actividades cotiás, se se está nervioso de xeito constante ou se cometen accións nocivas para un mesmo ou para os demais.

Enténdese como un tratamento psicoterapéutico a intervención profesional baseada en técnicas psicolóxicas. Estas buscan eliminar o sufrimento do afectado e ensinarlle as habilidades axeitadas para lles facer fronte aos problemas da vida cotiá. Un individuo (neno, adolescente ou adulto) acode ao psicoterapeuta por depresión, ansiedade, obsesións, falta de habilidades sociais ou problemas sexuais. Pero tamén solicita axuda unha parella con altibaixos na súa relación ou uns pais que precisan consello ou tratamento para o seu fillo. A terapia pode ser individual, de parella, en grupo ou familiar.

A primeira visita

Na primeira visita, convén formularlle todas as dúbidas ao especialista. Cómpre ter claro que pode esperar da terapia, canto pode durar e cal é o prezo. Na actualidade, mutuas de servizos e seguros médicos de saúde contemplan varias consultas gratuítas ou a un prezo rebaixado. Elixir un psicoterapeuta entre os profesionais que colaboran coa mutua é unha posibilidade de contactar a un prezo módico. Outra opción é acudir aos servizos sanitarios da Seguridade Social. As sesións de psicoterapia dirixidas por psicólogos son un servizo máis, sempre que as prescriba un psiquiatra. O afectado debe saber que o psicoterapeuta lle axudará a superar os problemas, pero a terapia baséase no traballo conxunto. Grazas ao asesoramento do experto, o paciente aprenderá a coñecerse mellor, a mudar os aspectos da súa vida que non lle gustan e a sentirse máis autónomo. En principio, todos os modelos de tratamento son adecuados para calquera persoa, aínda que ante algúns trastornos moi concretos é preferible buscar un profesional especializado nese ámbito, que coñeza o tratamento máis apropiado.

Principais tratamentos

A terapia busca eliminar o sufrimento do afectado e ensinarlle habilidades axeitadas para lles facer fronte aos problemas da vida cotiá.

Así que se tomou a decisión de acudir ao psicoterapeuta, chega a pregunta: Cal é máis conveniente? Moitas persoas optan por preguntarlle a algún amigo ou coñecido, pero é importante ter en conta que, á parte das aptitudes do especialista, hai diferentes modelos psicoterapéuticos. Cada terapia parte de distintas teorías sobre os problemas psicolóxicos.

Os tratamentos máis relevantes son os cognitivo-conductuais, os psicanalíticos, as terapias humanistas e as sistémicas, coas súas diferentes orientacións. Os colexios oficiais de psicólogos dispoñen a miúdo dun servizo de asesoramento para resolver dúbidas sobre as diferentes psicoterapias. Os prezos das sesións van dos 40 aos 90 euros.

Terapia cognitivo-conductual

O principal obxectivo das terapias cognitivo-conductuais é identificar os pensamentos distorsionadores (por exemplo, “nunca terei parella”) para substituílos por ideas máis adaptativas e realistas (“Ter parella depende do meu esforzo, así que me vou arranxar e conversar coas persoas que me interesen”). Tamén se coñece como reestruturación cognitiva e céntrase en crear habilidades para que o paciente poida interpretar de xeito máis racional a súa realidade e se dea enfrontado aos seus problemas. Nesta terapia, tras a entrevista clínica, decídese o plan de traballo. Por norma xeral, realízase unha sesión por semana e todo o tratamento dura entre seis e sete meses. Este modelo está considerado como un dos que precisa un maior control por parte do terapeuta (un modelo máis “directivo”, en termos técnicos. O psicoterapeuta prescríbelle ao paciente modos de pensamento e de acción. Dille que pensamentos e condutas son máis axeitados para que o paciente os incorpore á súa vida.

Terapia psicanalítica

Este tratamento persegue facer consciente o inconsciente. E que é o inconsciente? Todos os factores que inflúen nos sentimentos, pensamentos e condutas sen que a persoa sexa consciente diso. A persoa que inicia unha psicanálise atopa unha relación co especialista, que lle permitirá explorar os seus conflitos para se sentir mellor e mudar as condutas que coide que cómpre modificar. Este modelo é moi pouco directivo, xa que o psicoterapeuta coloca no paciente toda a responsabilidade de tomar decisións sobre os seus modos de pensamento e de acción. Este é o que deberá decidir como debe pensar e comportarse, e numerosas persoas cren que os beneficios desta terapia chegan tras anos de tratamento. Non obstante, os efectos percíbense decontado. Diminúe a angustia, melloran outros síntomas… Pero é necesario, como mínimo, un ano de tratamento para que a mellora se estabilice e o paciente se independice do psicanalista. A frecuencia habitual é unha sesión por semana de 40-50 minutos.

Terapia sistémica

As terapias sistémicas parten da base de que os problemas psicolóxicos están moi influídos pola relación do individuo coas persoas significativas do seu ámbito. Nestas terapias inténtase convocar os achegados máis significativos, como os pais, os amigos, a parella, etc. Non obstante, non é necesario que acudan. Se non é posible, trabállase dun modo simbólico con técnicas como a cadeira baleira, que consiste en que o paciente imaxine que nunha cadeira está sentada a persoa coa quen ten un conflito para que lle verbalice este. As terapias, axeitadas para calquera problema, están indicadas de xeito especial para problemas, actuais ou pasados, de parella ou de familia.

Terapia humanista

A psicoloxía humanista xurdiu na década de 1960 como reacción ao condutismo e á psicanálise, os dous grandes modelos imperantes nesa época. Varias terapias ou técnicas forman parte deste modelo. Unha das máis coñecidas é a Gestalt, que ten como obxectivo a satisfacción da necesidade non resolta mediante a identificación das “autosabotaxes” que se provoca unha persoa para afastarse do seu obxectivo. Pero non é a única. Tamén cómpre salientar a análise transaccional, a bioenerxética -na que se traballa moito o corpo- e a terapia humanista integrativa, que ten como obxectivo que o paciente elabore un dó terapéutico do seu conflito, que pode ser unha ruptura, unha relación enfermiza co traballo, etc. Esta terapia dura, como mínimo, un ano.

Entre psiquiatras e psicólogos

Ao comezar un tratamento, cómpre ter claras as diferenzas entre un psiquiatra e un psicólogo. Estes son os dous profesionais que exercen como psicoterapeutas. O psiquiatra é un médico que se especializou nesta rama da medicina, mentres que o psicólogo cursou a carreira de psicoloxía. Só o psiquiatra pode receitar psicofármacos. A psiquiatría pon a énfase nas causas orgánicas dos trastornos mentais, mentres que a psicoloxía lle dá importancia a factores psicolóxicos, como a educación recibida, as relacións sociais, como se percibe a persoa a si mesma, como inflúen os sentimentos e emocións, entre outros. A miúdo, o psicólogo encárgase do tratamento psicoterapéutico e o psiquiatra controla a medicación no caso de que sexa necesaria.