Ir por la e saír rapada
Usada como tecido dende o Neolítico, a la está enraizada na formación da nosa sociedade ata o punto en que deu orixe a un dos primeiros organismos internacionais que aínda hoxe conserva a súa función e sede en Londres: o Secretariado Internacional da La. A tricentenaria institución é un sinal da importancia da obtención e comercio desta fibra natural que marcou evolucións económicas e culturais. Sempre en movemento, como as ovellas na súa transhumancia polas canellas, en España o proceso comezaba nos campos do sur, a onde chegaban no verán os rabaños ovinos. Os rapadores obtiñan o vellón e limpo viaxaba a Flandres, onde se lle puña prezo e tomaba rumbo aos centros téxtiles. Hoxe a viaxe variou, pero rapar as ovellas continúa a ser unha obriga: o animal pode morrer se non se lle libera do seu pelame. Así e todo, o mercado das fibras naturais perde terreo, polo que se está a promover a la como materia prima para outras funcións alternativas (illante para paredes, absorbente industrial ou parte de ferramentas de limpeza). Mentres, os rapadores conservan o seu traballo e o potencian dando testemuño dun oficio necesario, preciso e milenario.
Cinco minutos á man
Dende primeiros de abril, antes de que chegue o estío, os rapadores enfróntanse a un traballo intenso e obrigado para a saúde dos animais, afeitos dende novos a se enfrontaren á calor sen a protección da la que cobre o seu corpo. Pélanselles os cuartos traseiros, a rexión costelar e mais a pa. É importante que o vellón estea totalmente seco no momento da rapa. A la dá absorbido corenta veces o seu volume, polo que días antes da rapa, se cómpre, encérrase o rabaño baixo teito. Un rapador completa unha rapa á man en cinco minutos.
Dous minutos a máquina
Cando o pastor se axuda dunha máquina, en só dous minutos remata a operación. Hai que situar correctamente o animal, para o que se prende polas patas ou se encaixa nun caixón co propósito de evitar que o rapador, que apura para lograr o mellor corte, o fira. O animal sofre certo estrés pero precisa desprenderse da súa la. De feito, as ovellas que chegan a adultas non poñen resistencia á manobra do nu obrigado.
Con orde e precisión
O corte empézase no baixo ventre, pásase ás patas e logo ao resto do corpo. Aínda que esta orde pode alterala cada pastor. A la que se atopa no estómago é de baixa calidade e de pouca utilización, está estragada e erosionada; a máis prezada é a queixada. Con indiferenza da súa localización sempre se apura a rentes da pel e evítase facer un dobre corte do guecho que provoca un despunte e reduce a calidade do vellón.
A calidade tamén está nas tesoiras
A categoría da la depende da raza, da xenética e da nutrición da ovella, pero tamén do manexo e das técnicas empregadas antes, durante e despois da rapa dos animais. Unha la de alta calidade posúe unha mecha ben definida, con boas ondulacións, é longa, resistente e de cor homoxénea. Descóbrense as súas características así que se rapou e se separaron das fibras todos os materiais estraños, sexan restos vexetais, espiñas, palla, lixos ou outros elementos que desmerecen a calidade.
Almacenada en sacos
Lavada con auga e xabón, antes cepillada, estendida ao sol para secala, a la almacénase en sacos. Hai anos, non tantos, esperaba ao marchante, que era quen mercaba o resultado da rapa. Agora non chega. Os novos tempos impuxeron tecidos máis sinxelos, fibras sintéticas como o acrílico, o nailon, o poliéster e o polipropileno. Tamén ocultaron o velloneiro, o pastor encargado de xuntar e dobrar a la para confeccionar os vellóns. O proceso da rapa en moitas ocasións acaba nel mesmo.
Eco moda e material para a industria
A la conserva o seu lugar como produto apreciado. Os tecidos de calidade locen con orgullo as etiquetas outorgadas polo Secretariado Internacional que certifican o uso de Pura La Virxe, pero, ademais, engadíuselle unha nova característica: a eco moda. Correntes en defensa das fibras naturais (o algodón, o liño, o cánabo, a seda…) alegan que con elas se consegue roupa sostible e se impulsan as opcións responsables que apoian a economía local. Ademais, reveláronse como un material óptimo para a alta tecnoloxía aplicada á industria automotora, á construción e mesmo aos paneis termoplásticos.