Gozar dunha saúd de ferro

O ferro é un mineral indispensable para a correcta función do organismo pero debe estar presente na súa xusta medida
1 Outubro de 2012
Img salud listado 852

Gozar dunha saúd de ferro

Aínda que é un mineral, funciona como un termómetro. É un dos principais indicadores de que o organismo traballa de xeito correcto ou de que algo falla. O ferro é polo tanto, un mineral indispensable para o corpo humano, pero na súa xusta medida. Se escasea, xorde a anemia ferropénica e se sobra, ademais de acurtar a vida, provoca unha enfermidade chamada hemocromatose. Ter unha saúde de ferro é cuestión dun fino equilibrio. Agora ben, gozar dunha saúde de ferro non significa acumular moito ferro no organismo. Hai que ter só o necesario para que exerza as súas funcións, como formar parte do pigmento da hemoglobina (glóbulos vermellos), responsable do transporte de osíxeno a todas as células do organismo.

Cantidade óptima de ferro

O ferro está en todos os glóbulos vermellos do sangue, pero tamén se acumula a xeito de depósito no fígado. O corpo humano non está preparado para eliminalo de xeito eficiente e acumúlao durante toda a vida. A cantidade óptima corporal é de 1,2 g nunha persoa adulta. Se é inferior, significa que o mineral é deficitario e se padece anemia ferropénica. A partir de 2 g considérase que é excesivo e que se sofre hemocromatose ou sobrecarga de ferro, tan prexudicial para a saúde como o seu déficit. A cantidade pódese coñecer mediante o índice de saturación de transferrina ou a ferritina, cunha análise de sangue habitual. Non hai que confundilo co reconto de glóbulos vermellos -ou hemacias- que tamén se realizan nas mesmas análises co fin de detectar se se sofre anemia por concentración baixa de hemoglobina.

Cando falta

A anemia ferropénica é a enfermidade máis frecuente na humanidade. Está moi estendida en países con problemas nutricionais e é máis común en mulleres que en homes debido ás perdas do mineral de forma natural coas menstruacións. Estímase que afecta o 10% das mulleres en idade fértil e tamén a nenos de 2 a 5 anos que pola súa causa poden sufrir alteracións cognitivas.

Un síntoma propio da anemia é o cansazo extremo, a palidez e outras repercusións na pel, caída e deslucimento do pelo, uñas crebadizas ou desenvolvemento de estrías arredor da boca. Segundo estudos recentes, o déficit de ferro podería relacionarse, ademais, coa síndrome das pernas inquedas, un trastorno neurolóxico que impide durmir e que leva a mover de xeito compulsivo as pernas.

A anemia trátase con suplementos de ferro, baixo prescrición médica e un control na alimentación, que debe incluír carne vermella (tenreira), aínda que tamén pode ser branca (polo), vísceras (fígado) ou produtos con sangue (morcilla). O que achegan as espinacas ou as lentellas é máis difícil de absorber.

Cando sobra

A metade da poboación de máis de 50 anos rexistra no seu organismo un exceso de ferro. Esta enfermidade, denominada hemocromatose, pode ser hereditaria por causas xenéticas que impiden absorber o ferro pola dieta normal e que fan que se acumule ao longo da vida. Ao redor de unha de cada 1.000 persoas (o 1% da poboación) están predispostas á hemocromatose e ten especial incidencia entre a poboación masculina.

Tamén pode ser unha doenza secundaria, debido a enfermidades que obrigan a facer transfusións periódicas os afectados que, á súa vez, producen unha sobrecarga de ferro (unha unidade ou bolsa de sangue contén ao redor de 200 mg) en varios órganos que o organismo non pode eliminar e que se acumulan.

Cando a acumulación de ferro alcanza os 5 g no corpo pode provocar problemas de saúde moi graves, como cirrose hepática, cancro de fígado, de páncreas, diabete, artropatías e, mesmo, a morte, se non se trata a tempo. O tratamento consiste en administrar un medicamento (quelantes do ferro) para eliminar o exceso polos ouriños ou a bile e, sobre todo, en realizar sangrías (flebotomías) ou doazóns de sangue de xeito periódico.

Consellos para ter niveis óptimos de ferro
  1. Os homes non deberían comer carne vermella máis dunha vez á semana porque non perden ferro de ningunha forma.
  2. As persoas de máis de 50 anos han de absterse de tomar alimentos enriquecidos con este mineral, como leites ou cereais.
  3. As mulleres en idade fértil deben tomar polo menos dúas ou tres veces por semana carne, fígado ou produtos procedentes do sangue como a morcilla.
  4. Convén, sempre que sexa posible, dar leite materno ou leite maternizada e cereais enriquecidos aos nenos máis pequenos.
  5. Beber algún zume ácido, de laranxa ou limón, despois dun alimento con ferro axuda a que o noso organismo o poida absorber mellor.
  6. Facerse doador de sangue beneficia os demais e a un mesmo, porque permite eliminar o mineral sobrante sen chegar á anemia.

Fonte: Albert Altés, xefe do Servizo de Hematoloxía da Fundación Althaia, de Manresa (Barcelona), profesor asociado da UIC e presidente da Asociación Española de Hemocromatosis