Doutor Javier Aranceta, presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC)

"Poñer a dieta a poboación é un erro, non se deben abordar as recomendacións dietéticas de costas á realidade nin ás persoas"

1 abril de 2016
Img entrevista listado 1101

Que hai tras a pirámide nutricional?

Moito traballo. Antes de trazar a pirámide, créase un documento técnico onde se expón cal é a situación alimentaria, como evolucionou nos últimos anos e que novas cousas coñece a ciencia que poden ser positivas ou negativas para a saúde e para a calidade de vida en relación co proceso alimentario. A elaboración dunhas guías alimentarias ten certa complexidade. O seu labor é axudarlles ás persoas a que trasladen a información científica á súa área de coñecemento, á lista da compra e ao momento de preparar, comer e compartir a comida.

Por que era necesario actualizala?

Xorden novas recomendacións que podemos formular á luz da evidencia científica que nos mostra aspectos que convén modificar ou nos que hai que poñer máis énfase. Neste sentido, non se deben abordar as recomendacións alimentarias de costas á realidade nin á poboación. É preciso acompañar as persoas para mellorar algunhas cousas de acordo co que a ciencia sabe, pero non se pode poñer a dieta a poboación; isto é un erro. As propostas teñen que ser algo posible e confortable, algo que se entenda e que permita seguir facendo a vida con normalidade.

Pero os hábitos cambiaron e cada vez somos máis sedentarios e escollemos menos alimentos saudables.

Si, pero hai matices. Dicimos, por exemplo, que os lácteos teñen que ser desnatados e logo descubrimos que a graxa do leite ten substancias interesantes para a saúde. Si hai que reorientar un pouco o perfil alimentario das persoas, aínda que sen ser radicais. Moitas recomendacións quedan moi ben no papel e logo non se poden trasladar ao prato. Os consellos débense poder inserir nos hábitos alimentarios. E iso non equivale a ser permisivo coa punta da pirámide.

Cales son os principais cambios?

Recollemos outros factores que condicionan a alimentación e forman parte do concepto de dieta. Isto apréciase na base da pirámide, onde hai unhas iconas novas, como a da actividade física. Recomendamos unha hora ou dez mil pasos diarios, un obxectivo razoable que axudará a que a comida non caia en baleiro. Outro punto que incorporamos é o equilibrio emocional, porque non compramos, cociñamos ou comemos da mesma maneira se temos un bo día, se estamos deprimidos ou se estamos enfadados. Se un ten un mal día, seguramente terá apetencias por alimentos doces, de alta densidade enerxética, fáciles e rápidos de preparar. É importante lembrar que comer ben inflúe no equilibrio emocional e este non debe impedir que sigamos comendo ben.

Que significa a icona do balance enerxético?

Significa que para manter unha boa composición corporal debemos tentar que haxa unha correspondencia entre a inxestión e o gasto de enerxía. Así, se un ten máis compromisos para comer ou cear fóra, a solución será andar un pouco máis, ir máis días ao ximnasio ou introducir algún elemento compensatorio. Non é necesario vivir a dieta, pero hai que moverse máis cando se come máis.

As técnicas culinarias tamén son unha novidade.

Si. Moitas veces eliximos ben os alimentos, pero cociñámolos mal. Cada técnica, coma o cociñado ao vapor, os fervidos, o forno ou as tempuras, incide en como os alimentos conservan o seu valor nutricional e a súa textura. Ademais, en canto aos recipientes, sinalamos que non é o mesmo cociñar en cazolas de aluminio, que se deben rexeitar, ca cociñar en aceiro inoxidable. Non é o mesmo facer frituras en tixolas de titanio, onde non hai transferencia entre o recipiente e a comida, ca en tixolas doutro material.

A nova pirámide achega un enfoque desde a seguridade alimentaria?

Efectivamente. A idea é evitar a transferencia de elementos que poden funcionar como disruptores endócrinos ou ter outras implicacións para a saúde que aínda non coñecemos ben, pero que se poden intuír. Para conxelar e quentar no microondas recomendamos usar exclusivamente envases de vidro.

Recomendan os alimentos integrais?

Non só aconsellamos que os hidratos de carbono sexan integrais, senón que o pan ou as pastas se elaboren con fariñas de gran enteiro. Algunhas veces vemos pans integrais que, en realidade, non son máis ca pan branco ao que lle engadiron salvado e un pouco de malte para escurecer esa fariña. O que expomos é que o pan se elabore con fariña sen refinar de verdade, de gran enteiro, e que isto se traslade tamén ás pastas e a outros produtos secundarios.

Cales son os alimentos cuxo consumo debemos moderar?

Por unha banda, o de embutidos e carnes vermellas e procesadas. Debe ser máis ocasional e de mellor calidade. Tamén é importante o método de cocción e acompañar sempre as carnes con vexetais crus, como unha ensalada. Doutra banda, temos todos os alimentos ricos en sal, azucres e graxas. Suxerimos un consumo ocasional e reflexivo. A calidade tamén é importante: é mellor preparar na casa un biscoito ca consumir produtos de bolería industrial. Canto mellor comamos, mellor futuro teremos.