Que dimensións atinxe a pesca ilegal?
É como a corrupción ou a droga, resulta moi difícil de medir. Vai desde a pequena fraude dun barco que non declara as capturas, ata a pesca ilegal a grande escala en augas internacionais non declarada e non regulamentada de todos os países do mundo.
E en España?
Os españois temos un papel moi destacado. Por exemplo, no Nadal pasado detectáronse barcos, atribuídos a españois, que practicaban a pesca ilegal en augas internacionais da Antártida dunha especie de alto valor comercial nos Estados Unidos, o bacallau polar, ao bordo do colapso por esta situación.
Que resultados obtiveron no seu estudo?
Os tests de ADN en varios restaurantes de Bruxelas descubriron que un de cada tres pescados consumidos eran falsos. Algúns casos resultaron moi sorprendentes, como que o 95 % do atún vermello non era tal ou que no canto de bacallau se vendía panga, un peixe cultivado no sueste asiático en malas condicións. Queriamos demostrarlles aos políticos que deciden en Europa que tamén son vulnerables, para que tomen as medidas necesarias e actúen. Chegáronnos moitas peticións da Administración comunitaria. E non é o único estudo. O CSIC fixo un en Cataluña que detectou unha fraude inversa do atún vermello.
Unha fraude inversa?
Cando o consumidor compraba patudo, unha especie de atún, vendíanlle atún vermello. Foi capturado ilegalmente e camuflábano coma outra especie. Prefiren gañar menos ca ser sancionados ou perder a venda.
Como se poden localizar estes pescadores ilegais?
Actúan como redes de crime organizado internacionais. É moi difícil identificalos. Utilizan buques cun pavillón dun país terceiro, como Indonesia ou Nixeria, e operan a través de empresas pantalla de paraísos fiscais, coma Panamá ou Belice. Con todo, é vox populi que hai cidadáns españois tras eles. É tan grave que ata a Interpol se involucrou para lles pechar os portos de todo o mundo a estes piratas.
Cales son os países con máis pesca pirata?
Os españois, por importancia ou por persistencia no tempo -identificáronse os mesmos armadores desde os anos 90-, son os que máis fama temos na UE. Pero hai outros países con propiedades de buques ou intermediando. En Europa, entran produtos ilegais por todos os mercados e un dos grandes actores é a China, da que non se teñen datos.
Non se lles aplica a lei?
O regulamento contra a pesca ilegal da UE non se aplica igual en todos os países. España reforzou moito o seu control de fronteiras, pero os produtos rexeitados poden acabar noutros países, coma Alemaña ou Holanda, onde a aplicación da normativa non é tan eficiente. A UE desenvolveu un sistema de tarxetas amarelas e vermellas para países terceiros que non colaboran. A tarxeta vermella, que prohibe as exportacións á UE, xa se lles sacou a Belice ou Guinea.
España mellorou o control desta fraude?
España lidera a aplicación desta normativa. Era unha obrigación moral por esa mala imaxe internacional arrastrada desde hai tempo e polo prexuízo que lle supoñía á industria pesqueira española.
Como nos afecta este problema?
Afecta a conservación das especies, os estados e o sector polas perdas económicas, os dereitos laborais e humanos, e a saúde.
Que podemos facer como consumidores?
O principal garante de que nos chegue un peixe legal e sustentable son as administracións públicas, pero o cidadán pode concienciarse máis. Ao igual que non nos dá o mesmo que nos dean polo, tenreira ou porco, porque todo é carne, o mesmo debe de pasar co peixe. Os recursos pesqueiros e o medio mariño pertencen aos cidadáns e é o seu legado para xeracións futuras.
Que deberían facer as institucións?
Hai unha recente normativa, de decembro de 2014, que obriga os postos de venda a informaren o consumidor sobre a especie, o nome común, a orixe e a arte de pesca. Pero non se está cumprindo.