Eva Holgado. Presidenta da Federación Española de Familias Numerosas

"Hai que desdramatizar a maternidade: os fillos non son un horror"

1 enero de 2014
Img entrevista1 listado

Fillos si ou fillos non? Cal é a súa postura?

Depende. O importante é que cada un poida ter os fillos que queira, e que o ámbito social, económico e laboral apoie esta decisión. Non animo a todo o mundo a que teña fillos, iso sería unha irresponsabilidade. Pero si animo a xente que ten posibilidades e que pode a que os teña. O feito é que hai que desdramatizar a maternidade: os fillos non son un horror nin supoñen unha carga, como moita xente defende. Eu prefiro falar de que implican unha responsabilidade. Os fillos son un regalo, unha alegría; son unha convencida diso. Pero tamén son consciente de que falo dende a miña experiencia persoal, e de que non todo o mundo pensa igual.

Un de cada cinco fogares en España está formado por parellas sen fillos, segundo o INE. E o número de parellas que renuncian a ser pais crece, unha tendencia que se repite en moitos países europeos. Por que cre vostede que cada vez máis mulleres e homes non desexan ter fillos?

Hai varios aspectos. O primeiro é a incorporación da muller ao traballo. O home, neste sentido, necesita apoiar máis a maternidade. Ten que ceder parte do seu rol no traballo para dedicalo a un papel no fogar; equilibrar os coidados dos fillos. Outras parellas están motivadas por unha cuestión educacional: é probable que procedan de fogares con só un ou dous fillos. Non teñen a experiencia previa dunha familia múltiple e pensan que non a necesitan. Por último, hai persoas que analizan a posibilidade de teren descendencia. Poñen en valor a súa carreira profesional, o seu tempo de ocio, a súa relación de parella e consideran que a paternidade lles vai dificultar esas parcelas da súa vida.

As persoas que deciden non ter fillos de forma voluntaria, aínda que física e economicamente sexan capaces, son egoístas?

Non, iso sería xulgalas. Non podo afirmar que sexan egoístas, porque sería o mesmo que dicir que eu son súper xenerosa por ter catro fillas. O importante é que o ámbito socioeconómico, laboral e educativo fomente a posibilidade de elixir libremente sobre a paternidade, que non lle poña atrancos a esta decisión.

“A maternidade é unha forma de escravitude”, defende a filósofa e feminista francesa Elisabeth Badinter, en A muller e a nai. Está vostede de acordo?

Non, en absoluto.

Maticemos a Badinter… Ela defende a tese de que moitas mulleres, arredor dos 30 anos de idade, se senten forzadas a abandonar temporalmente as súas carreiras profesionais pola maternidade. Cre vostede que este escenario ten algo de certo ou que é unha mala lectura da maternidade?

Creo que é un pouco extremista, aínda que haxa matices neste discurso que son algo certos. Eu traballo fóra da casa, levo 22 anos de exercicio profesional, e tiven catro fillas. Por suposto que, en ocasións, isto supuxo un sobreesforzo, pero non renunciei á miña carreira e tampouco aos meus fillos. Non obstante, quizais si apartei, en parte, a miña vida persoal e tiven menos tempo para min mesma. Pero esa renuncia, para min, non é un modo de escravitude. A maternidade non é unha escravitude, aínda que si o é a ausencia de apoio da sociedade ás familias.

Na súa opinión, existe o instinto maternal ou é unha construción social?

O instinto maternal existe, sen lugar a dúbidas. Non só iso, o instinto de ter fillos tamén o teñen os pais, aínda que para eles fose máis frecuente renunciar ao exercicio desa paternidade por mor do traballo.

A taxa de natalidade retrocede en España dende o ano 2009. As mulleres e os homes que elixen non ser pais, denominados childfree (“sen fillos por elección”) no mundo anglosaxón, teñen medo a crecer?

Tras a renuncia á paternidade hai certo temor a perder o espazo persoal. Pero, sobre todo, é unha cuestión de prioridades. Non obstante, as persoas que elixen non deixar descendencia toman unha decisión consciente. E, como tal, é respectable.

As persoas que deciden non ter fillos, perden o mellor da vida?

Indubidablemente.

O feito de que a renuncia á paternidade creza, que consecuencias terá a medio ou longo prazo?

Na miña opinión, o Estado ten que procurar que quen queira ter fillos os poida ter. De non ser así, as consecuencias serían graves, xa que se poñería en risco o estado do benestar. A falta de fillos é un problema importante que cómpre abordar. Para iso, é urxente que teñamos un debate social, económico e interxeracional amplo, onde caibamos todos.