María Jesús Vega, portavoz de ACNUR en España

"As crises dos refuxiados viñeron para quedar"

1 noviembre de 2015
Img entrevista 2 listado 255

Por que espertaron a atención mundial os refuxiados sirios?

A foto de Aylan, o neno afogado nunha praia de Turquía que parecía calquera dos nosos fillos, removeu conciencias. Son xa catro millóns de refuxiados fóra de Siria e sete millóns e medio de desprazados dentro.

Que outras crises necesitarían ese foco mediático?

No últimos cinco anos, máis de quince conflitos estalaron ou reactiváronse en África, Asia, Oriente Medio, Europa con Ucraína etc. No último ano, máis de medio millón de persoas fuxiron en Sudán do Sur, 190.000 en Burundi, máis dun millón en Iemen, 300.000 en Libia, preto de 100.000 en Myanmar (Birmania) etc.

Cantas persoas sofren este problema no mundo?

É a cifra máis alta rexistrada por ACNUR na súa historia: 60 millóns de refuxiados fóra do seu país e desprazados no seu interior por guerras, violacións de dereitos humanos, persecución por motivos de raza, relixión, políticos, de xénero etc. En Colombia, hai uns seis millóns de desprazados.

Como respondeu Europa?

A resposta de Europa deixou moito que desexar nesta crise, a maior á que se enfronta desde a Segunda Guerra Mundial. E non é de inmigración económica, senón de refuxiados, persoas fóra do seu país por un temor fundado de persecución e que carecen de protección. Non se lles pode devolver ao seu país porque se lles poñería en perigo. Europa debe afrontalo desde a solidariedade dos 28 países membros, non desde un país en solitario; e menos Grecia, onde chegaron 450.000 persoas no que vai de ano. Morreron xa 3000 persoas afogadas e o ano pasado 3500. Houbo unha resposta máis positiva, impulsada pola sociedade, pedindo que Europa cumpra coas súas obrigacións legais.

E España?

Tardou tamén. En setembro aceptou a proposta da Comisión Europea de recolocar uns 16.000 refuxiados nos próximos dous anos. É urxente reforzar a capacidade de integración en Italia e Grecia, con centros de rexistro e acollida, mentres se lles deriva aos distintos países. Pero isto non debe ser temporal, porque esta crise vén para quedar. Continuará chegando xente.

Non só veñen de Siria…

Si. Ás costas gregas e italianas chegan persoas de Iraq, Afganistán, Eritrea, República Centroafricana, Sudán do Sur, Somalia etc. Turquía ten xa dous millóns de refuxiados. E a súa situación deteriórase porque as organizacións humanitarias non recibimos medios suficientes.

Que medios faltan?

ACNUR, que ten a obrigación de dar resposta humanitaria e de coordinarse con outras entidades, estaba ata hai un mes ao 37 % do financiamento para a crise de Siria. No ámbito global non chegará ao 45 %. Deixamos a xente nunha situación dramática ao recortar comida, atención médica, acubillo, atención psicolóxica, educación etc. Non pensabamos que en Europa teriamos que traballar coma nos campos de refuxiados de África, Oriente Medio etc.

A sociedade vai por diante dos seus responsables institucionais?

Si, marcando as políticas e dando leccións de solidariedade. E continúa en países coma Grecia, onde chegan 6000 persoas cada día ás illas do Exeo. En España, a resposta tamén é impresionante. Pero o realmente necesario son vías legais, visados humanitarios e, para os estudantes, programas de reasentamento e de recolocación familiar etc. Non deberiamos ver morrer persoas ás portas de Europa nin doutros sitios. Moitos quixeron entrar legalmente, pero acabaron nas mans das mafias, os principais beneficiarios desta falta de resposta común.

Como podemos axudar?

Acoller agora un refuxiado na casa non é a mellor idea, xa que acaban de vivir os horrores dunha guerra. É unha función que lles corresponde aos profesionais e hai que canalizalo a través das institucións. Tamén fai falta apoio para quen está aquí. Non hai prazas de acollida suficientes, non se incrementaron os orzamentos para a atención de refuxiados no últimos tres anos, co dobre de solicitudes. Hai xente en situación de marxinación e indixencia. Para axudar economicamente, poden contactar con nós no 902 218 218 ou na nosa web (www.acnur.es), ou colaborar con outras organizacións humanitarias, cortar actitudes racistas ou xenófobas etc.

Que lle diría a quen non é solidario con esta crise?

Hai moita xente con prexuízos que dificulta a integración. Os refuxiados son xente moi capaz, co valor de saír co posto das súas casas por mor dunha guerra. Son coma nós, pero privóuselles de liberdade e foxen da violencia. Eles non son os terroristas, así que lles diría que os traten como lles gustaría que os tratasen a eles.