O número de autónomos en España non deixou de crecer no últimos cinco anos e xa supera os 3,2 millóns, segundo a Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos. Este crecemento explícase só pola alta taxa de desemprego?
É certo, o colectivo non deixou de crecer, aínda que este ano se produciu certa freada. Este crecemento está motivado polo que chamamos “o efecto refuxio”, xerado pola elevada taxa de desemprego de longa duración, e tamén pola tarifa plana de 50 euros. O emprendemento é fundamental para un país, pero unha gran cantidade da xente que se fai autónomo ten moitas dificultades para manterse unha vez finalizada a tarifa plana.
Como é o colectivo de autónomos?
Os autónomos estamos feitos dunha pasta especial. Somos un colectivo moi heteroxéneo, pero temos en común as ganas de innovar, a capacidade de adaptación, de coidar a nosa actividade e o noso produto e tamén de sacar moito traballo adiante. Isto non quere dicir que non teñamos que loitar por máis dereitos, por conseguir a conciliación e a protección que hoxe non temos. Nesas estamos.
Pemes e autónomos constitúen o 99,9 % do tecido empresarial e xeran o 73 % do emprego en España, segundo o informe “Small Business Act for Europe” da Comisión Europea. Cre que é o final do traballo tradicional e do contrato indefinido para toda a vida ao que estabamos afeitos?
O traballo actual está cambiando a unha precariedade e temporalidade xeneralizada, pero non debido ao crecemento de pemes e autónomos, senón todo o contrario. Os únicos que manteñen certas condicións laborais estables e dignas son os pequenos empregadores; protexer as pemes e os autónomos é protexer o emprego de calidade.
Temos unha nova lei de autónomos que debe entrar en vigor en 2018. Cales son os seus logros principais?
Ten medidas positivas como a bonificación do 100 % da xubilación para os autónomos que contraten polo menos a un empregado, a tarifa plana de 50 euros para as mulleres tras a baixa de maternidade e tamén as deducións por comida. Pero, aínda que contén medidas positivas, ningunha é transcendental.
E cales son os grandes esquecementos e decepcións da lei de autónomos?
A lei de autónomos non é a panacea nin a solución de todos os nosos problemas. Non aborda ningunha das carencias nin defectos fundamentais do réxime especial de traballadores autónomos (RETA). Queda moito por facer: vincular as cotizacións aos ingresos reais, abordar a prestación por cesamento de actividade, coñecida coma o “paro dos autónomos”, mellorar as pensións e resolver os problemas de morosidade e financiamento.
Por que é tan difícil facer unha lei de autónomos con retribución progresiva para que cada autónomo cotice á Seguridade Social en función dos seus ingresos e non dunha cota fixa?
Esa é exactamente a pedra angular para un réxime de autónomos xusto e unha Seguridade Social eficiente. A Seguridade Social apenas recada e os autónomos están desprovistos de paro, xubilación decente ou baixa laboral. Hoxe quen ingresa 500 euros paga 275 euros e quen ingresa 5000 euros paga o mesmo. Vincular as cotas de cotización aos ingresos reais dos autónomos, como ocorre cos asalariados, é de sentido común.
Hai quen di que o traballo por conta propia obriga a ser máis resolutivos e fomenta a creatividade e potencia o desenvolvemento profesional. Que opina?
Si, non queda outra. Os autónomos somos resolutivos e facemos heroicidades diarias.