Amor e educación son sinónimos, antónimos, complementarios…?
Se non son sinónimos, si son complementarios. O amor si é a base para que haxa unha boa educación.
Así e todo, vostede insiste en non confundir un termo co outro.
Si. Hai moitas nais que me din: “deino todo polo amor dos meus fillos”. E o que vexo é que se confunde a palabra amor coa proporción dun afecto, pero iso non quere dicir que en nome do amor os pais teñan que concederlles todo e situalos como os reis da casa.
A mellor proba de amor aos fillos é unha boa educación?
Si, por excelencia. As emocións morais, honestidade, cooperación, a solidariedade, requiren dunha boa educación, dun código de conduta en que os teus pais te dirixan sobre o que estás a facer ben.
Pero educar precisa esforzo. E non é sinxelo.
Por suposto. A educación require dunha aprendizaxe. Saber dar amor xa require dunha aprendizaxe e de que ti o aprenderas dos teus pais para ter unha base sólida e que o poidas retransmitir máis tarde.
Malia a que vivimos na sociedade da información e da formación, non hai ningunha escola de pais e nais.
Eu creo nas escolas de pais. Eu levo dende o 2002 realizándoas porque os pais precisan axuda, pero tampouco creo que os pais necesiten tantas instrucións, non hai receitas para isto.
Dá a impresión de que os pais se moven entre dous extremos: esixencia absoluta ou permisividade total.
Isto acontece con calquera comportamento humano. Ímonos dun extremo ao outro. Vivimos o autoritarismo e, como contrapeso, pasamos á permisividade. Pero son optimista e coido que o termo medio é o seguinte paso. O problema é que hoxe a un pai o autoritarismo dúralle 5 minutos, despois empeza a invadilo un sentimento de culpabilidade e dille ao neno: “veña, fai o que queiras”. E iso non é bo. É ambiguo. Para que o neno cree un hábito é necesario ser sistemático, non podes xogar a esa ambigüidade porque o neno sempre intentará saltar esa norma, xa que sabe que te vas a abrandar.
Un pai ten que ser amigo do seu fillo? Hai psicólogos que defenden esta postura, pero vostede non a comparte.
Considero inadecuado que un pai desexe ser amigo dos seus fillos, pero se cadra todos dicimos o mesmo e non definimos ben o concepto. Moitas nais asegúranme: “eu son amiga da miña filla e vaime perfectamente”. Confunden a amizade con falar de determinados temas. Pensan: “Como falo con ela de sexo, do botellón… daquela son amiga súa”. Pero non é así. Si que falas, pero ti falo sempre dende un rol de guía. A nai que fala coa súa filla de mozos, de sexo, vaino facer sempre dende o consello, dende a escoita, de ver o que precisa porque queres o mellor para ela. Os nenos e os pais non teñen os mesmos intereses. O meu interese non é saltar unha clase, marchar xogar, latar… O interese do pai é saber que pode facer para que o seu fillo estude, non ir da man con el. É importante entender esta diferenza: falar con eles si, pero sempre dende un rol de guía, non de amizade.
Se un fillo di: “papá, ou mamá, ti e mais eu somos amigos, non si? “, que lle debemos responder?
Non. Eu son teu pai, ou túa nai.
Con que idades dos fillos deben preocuparse os pais sobre o seu mal comportamento?
Aos 5-6 anos, porque xa teñen determinadas condutas, xa xeraron o altruísmo, teñen un prestixio social… e a partir de aí xa se pode ver se teñen condutas destrutivas, se afastan aos demais, se desenvolven relacións de poder… Tamén me atopo con cativos de tres anos con rabechas desproporcionadas que xa van apuntando maneiras.
Cando se pode catalogar a un neno como tirano?
Hai que evitar as etiquetas. Un neno non é tirano, pero si pode ter actitudes tiránicas.
Cales son?
A partir dos 6 anos hai nenos que se amosan moi impulsivos, que menten, que teñen actitudes de vinganza, que non conectan co alleo, que son insensibles, con ganas de facer o mal porque si, porque eles se senten poderosos, que carecen de empatía… Estas son actitudes tiránicas, que aos once anos se poden agudizar e que aos 15 anos xa son difíciles de canalizar porque se xuntan coa rebeldía propia da adolescencia.
E, como se dá distinguido esa rebeldía, natural da adolescencia, da tiranía?
Hai que ver se hai unha ausencia de emocións ou de pórse no lugar da outra persoa. Un neno pode ser rebelde, todos o fomos, pode saltarse o horario un día, dar un portazo, ou dicir non che quero…, pero ao día seguinte pode pedir perdón. Agora ben, os nenos con actitudes tiránicas nunca consideran que son culpables, sempre o son os demais.
Unha vez que se constata o problema, que se pode facer?
Pedir axuda. Moitas veces convérteste nunha vítima, manda el e ademais pasa como na violencia de xénero, cres que son as túas actuacións as que fan que se poña así. E xa che gañou. Hai veces nas que é moi difícil saír só, e hai que lle pedir axuda profesional a un titor, ao médico de familia, a un psicólogo, á túa propia familia…
Ata os casos extremos teñen solución?
Temos moi presentes os casos de asasinatos, de violencia, insensibilidade, violacións de menores a menores… Hai un punto en común en todos eles: a falta de culpabilidade. Non consideran que fixeran algo malo. A min asústame isto, atoparme con ese compoñente de frialdade. Se a axuda chegou tarde nese compoñente de frialdade e non se educou en valores, nin os pais acadaron que o seu fillo desenvolvese a empatía… xa se chegou a un extremo. Eses casos son moi difíciles de reconducir, porque xa estamos a falar doutro tipo de trastornos. Pero no resto, sobre todo se nalgún momento houbo lazos afectivos moi fortes, hai moito gañado, porque hai unha base de amor, e eses teñen moi bo prognóstico.
Que parte de responsabilidade teñen os pais no desenvolvemento desas actitudes tiránicas?
Son os responsables da educación do neno. Agora ben, a min non me gusta sinalalos co dedo, porque non sempre un pai está preparado para suxeitalo. O problema é que ás veces o pai xa non pode máis e faise máis permisivo, e isto é un cóctel explosivo.
Á parte de pedir axuda, que máis poden facer os pais por eles mesmos?
Ás veces caemos en exceso no castigo para reprender o mal comportamento. E eu dígolle aos pais que xa dende os 6 anos hai que preguntarse se o que queres é castigar o teu fillo por esa conduta ou que o neno aprenda valores. Por iso digo que hai que lle preguntar ao neno tres cuestións clave: como te sentirías se a ti che fixese iso, como cres que se sentiu o teu amigo cando lle fixeches algo malo e que tes que facer para solucionalo. Ten que entender que o mal comportamento non é gratuíto, que ten un custo. Se un neno insultou, ti tes que levalo a pedir perdón. Pero todas estas tarefas educativas abandónanse. Hai que educar en empatía, reprender os malos comportamentos e ser sistemático, aínda que sexa máis duro o enfrontamento. Tenche que ver forte, porque se non “cómete”. A firmeza é moi importante. Tampouco hai que ter fixación polo que fai mal e ver só iso, hai que buscar os bos comportamentos positivos.
Vostede, como a maioría dos psicólogos, insiste moito na empatía. Non obstante, vivimos nunha sociedade que non se caracteriza precisamente por ser moi empática.
É certo. Unha nai dicíame o outro día que lle estaba a ensinar ao seu fillo esa sensibilidade, e que o “comían” no recreo porque ao final agredíano… Pero eu parto dunha base: cando a ti che educaron nesa empatía, no amor, ti ás veces sabes discriminar e úneste a outras persoas na vida coa mesma potencialidade ca ti. Atopas outras moitas das que te tes que separar porque te danan. Entendo que cando tes unha base efectiva de empatía tendes a buscar outra cosa, falamos de asertividade, de saber dicir que non, e de saber expresar os teus sentimentos sen danar o outro. Cando falamos de que a un neno lle zorregan porque é empático e ao outro o torturan, débese a que ten algún sentimento de autoestima baixo, porque ese mesmo neno autoritario que manipula non o fai con outros, manipula ao máis débil. Hai que ver por que o neno é vulnerable ou ten unha debilidade. E ás veces é porque lle custa mostrarse, ten medos, pero non pola empatía.
Como se ensina a asertividade?
Hai unhas pautas moi claras que se basean en mostrar que cando non estás de acordo cunha persoa non tes que culpabilizala, senón que hai que intentar buscar emocións sen acudir ao insulto, dende o eu. Hai que dicir: “sentinme ferida, sentinme humillada… cando falaches de min mal na clase. Gustaríame que a próxima vez non o fixeses”. Iso é asertividade. Non calo, que sería o outro punto, pero tampouco son agresiva, e non ameazo, nin dou un empurrón. A clave é expresar as emocións dende o eu, sen un comportamento acusador. Un labor educativo moi importante é a de ensinar os fillos a expresar os sentimentos, a non gardalos. O sistema educativo ten que compensar, pero non suplir, porque non é tarefa do sistema educativo.
Iso pode influír no feito de que na casa un neno se poida comportar moi mal e na rúa moi ben, ou ao revés?
Pode, porque non sempre os pais son os bos e os nenos os malos. En ocasións os nenos están a sufrir esa ausencia da paternidade responsable… e xa tes ese rol con esa persoa que xa te perdeu o respecto.
Vaiamos a casos prácticos. Se un fillo colleu unha rabecha, que debe facer o pai ou a nai?
Salvo en casos nos que poida facer dano, non hai que atender o comportamento do neno, a chamada, porque no momento en que o teñas utilizarao sempre. En ningún momento te tes que deixar levar polo sentimento da culpa, aí é onde entra a fortaleza.
Se iso acontece nun lugar público, nun restaurante, por exemplo, hai que deixalos?
Si, se está só o neno. Cando son dous os nenos deben aprender a resolver os seus conflitos.
E se lle pega ou chuspe ao pai ou á nai?, daquela que se pode facer?
Non hai que pegarlles, pero si ter unha actitude firme, suxeitalos forte… segundo como sexa a situación. A actitude é o que máis provoca no outro unha sorpresa, aínda que sempre pensamos que é a labazada, pero non é así.
Vostede ten fillos?
Non, pero tanto ten. Levo 12 anos traballando con fillos e pais e podo constatar que con estas pautas os pais melloran.