Vía libre
Unha vía verde é un itinerario que discorre sobre antigas infraestruturas ferroviarias e que se diferencia doutros camiños pola súa orixe, vinculada ao tren, e pola súa accesibilidade. Todos estes carreiros, que en España suman case 2.900 quilómetros, foron acondicionados para ser percorridos a pé, en bici ou con patíns por adultos e nenos, así como para que as persoas con discapacidade poidan gozar deles. Agora que a covid-19 modifi cou o turismo tal e como o coñeciamos ata a data, estes fermosos camiños perfílanse como unha interesante opción para respirar aire puro e desfrutar do verán sen aglomeracións. Transitalos con prevencións está permitido desde a fase 1, pero sempre respectando as medidas establecidas polas autoridades sanitarias –tardaremos en esquecelas – e gardando a distancia de seguridade. Entre unha bici e un peón, por exemplo, o recomendable é deixar 10 metros. Entre dous ciclistas, 20. “É posible que en xullo e agosto haxa máis afl uencia da habitual debido ás previsións de incremento do turismo de interior, rural e de proximidade ”, aventura Arantxa Hernández, xefa da área de Vías Verdes da Fundación de Ferrocarriles Españoles (FFE), institución que rexistrou a marca en 1994. Segundo ela, a seguridade está garantida. xa que se trata de espazos con baixa densidade de uso, “especialmente os situados na chamada España baleirada”. Aínda así, apela á responsabilidade individual e colectiva. “Lanzarse a descubrir estes camiños tras a crise sanitaria non só é unha alternativa sensata, senón tamén un xeito de mitigar o défi cit de natureza derivado do confi namento e de axudar á economía local das zonas que atravesan”, sinala.
Cada tren, unha historia
Na actualidade, existen no noso país 120 vías verdes. Empezaron a recuperarse en 1993 polo Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente da época, unha tarefa na que hoxe participa o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, principal inversor en infraestruturas, pero tamén Adif, gobernos autonómicos, deputacións e concellos, así como distintos grupos ciclistas, ecoloxistas e colectivos cidadáns. Na web www.viasverdes.com poden consultarse os detalles de todos os itinerarios dispoñibles, repartidos por case todas as Comunidades Autónomas. Cada ruta conta cunha fi cha na que se especifi ca a lonxitude, o tipo de superfi cie, as infraestruturas, os accidentes xeográfi cos ou o patrimonio cultural distribuído polo carreiro ou a historia da ruta. A app móvil Vías verdes y Red Natura 2000 (para Android), que xeolocaliza calquera punto das rutas, e a canle de YouTube Vive la vía tamén son boas ferramentas para decidirse por unha ou outra. Hainas para todos os gustos: de montaña, chaira, de costa, de interior, de bosque, de campiña, mediterráneas, atlánticas… “Se algo teñen en común, é a súa combinación de maxia e natureza”, asegura Hernández.
En xeral, os itinerarios son fáciles, accesibles e seguros e, polo tanto, perfectos para menores. A pendente máxima adoita roldar o 3-4% de desnivel, pero se se vai con nenos quizais unha boa idea sexa escoller unha ruta con predominio de baixada. No entanto, todo dependerá da idade dos menores e do afeitos que estean a pedalear. Cando se saia en familia, desde Vías Verdes recomendan acudir sen unha meta concreta, posto que seguramente os nenos se entreterán con cada cousa que encontren ao seu paso. “Vale a pena deixan que desfruten do camiño ao seu propio ritmo. Mellor ir con espírito relaxado, e non para devorar quilómetros”, sinala Sharon Martínez de Eguílaz, de Vías Verdes. Outro bo aliciente, aseguran pode ser escoller unha ruta que teña antigas estacións de ferrocarril recuperadas “para facer unha parada, tomar algo e deixar que os nenos xoguen soñando con vellos trens”. Nos trazados é habitual ver a familias usando cadeiriñas de paseo e carros para transportar os nenos pequenos. Tamén sistemas como barras de remolque ou outros trebellos que permiten remolcar bicis infantís en caso de fatiga. Todos están permitidos.
Coa bici ás costas?
En vehículo propio. A bici pode transportarse dentro, sempre que conte cun maleteiro o sufi cientemente amplo, ou vaia amarrada de maneira que non se mova e non lle moleste nin ao condutor nin aos ocupantes. Outra opción consiste en engadir un portabicicletas na parte traseira (de enganche ou de portón traseiro). Neste caso debemos vixiar que a carga non sobresaia nin polos laterais nin máis dun 15% respecto ao longo do vehículo, e colocar un sinal V-20 (cadrada con raias diagonais brancas e vermellas). Tamén pode utilizarse un remolque ou instalar unha baca no teito. Se calquera destes dispositivos entorpece nosa visión a través do retrovisor interior, é obrigatorio o do lado dereito (por lei, só é obrigatorio o esquerdo e o interior). Así mesmo, se a carga tapa a matrícula ou os pilotos traseiros, haberá que instalar unha réplica da placa e outras luces visibles.
En tren. En principio, pódese levar unha bicicleta por viaxeiro como equipaxe en todos os servizos Ave, Longa Distancia, Avant Media, Media Distancia Convencional, Proximidades e Feve, pero as condicións e facilidades varían bastante segundo o tipo de servizo e de bici. Por iso, o mellor é consultar renfe.es e estudar as peculiaridades da nosa viaxe e a nosa carga. Se se vai viaxar por Cataluña, recoméndase consultar os requisitos de proximidade en rodalies.gencat.cat/es.
En autobús. Cada compañía establece as súas normas, e algunhas non quedan moi claras, xa que en certos casos a posibilidade de transportar a bicicleta está supeditada ao espazo dispoñible. Doutra banda, normalmente non poden levarse máis de tres ou catro bicicletas nun mesmo autobús, como máximo, polo que non é un bo transporte se se viaxa en grupo. En Alsa, por exemplo, hai que pagar un suplemento de 10 euros; en PLM, outros 10, pero debe estar desmontada ou embalada, algo que tamén sucede en compañías como Bilman Bus. En Socibus considérase unha mercancía especial e en Avanza debe facturarse. Se existe a posibilidade, o mellor é informarse antes e asegurar un oco para o noso vehículo ao comprar o billete para evitar sorpresas de última hora.
Correos. Outra opción é enviar a bicicleta ao momento de inicio da ruta a través de Correos ou unha empresa de transporte. O prezo rolda os 45 euros para envíos á península e 66 euros a Baleares.
Un frontal para os túneles
Calquera bicicleta resulta apta para percorrer estes carreiros, pero pola súa ergonomía son máis recomendables as de paseo. En canto ao equipo, dependerá de se se vai realizar unha excursión dun día ou de varios, de se se leva un coche de apoio, alforxas ou se usa a modalidade bikepacking, que consiste en reducir a equipaxe á mínima expresión e transportala sobre a propia bicicleta (guiador, perno da sela, cadro…) sen necesidade de axustarlle alforxas nin grellas. “Ademais de levar auga, algo de comida, protección solar, roupa e calzado cómodo e un kit de reparación de picadas, o que non pode faltar nunca son as lanternas frontais e luces nas bicis”, recorda Hernández. “Nas vías verdes hai túneles e, aínda que a maioría están iluminados, pode haber algúns escuros debido a fallos na instalación ou a actos vandálicos, polo que nunca está de máis ir ben preparado”, advirte. Convén levar luvas e casco – sobre todo para os menores e os menos avezados–, así como móbil ou cámara de fotos e uns bos prismáticos. O camiño está cheo de sorpresas.
Máis de 100 rutas para gozar
Hai máis de 2.900 km de trazado ferroviario en desuso para percorrer en bicicleta. En total podemos atopar 120 percorridos. Destacamos cinco posibles rutas, pero se desexas ampliar información sobre calquera das outras posibilidades entra en www.viasverdes.com.
Vía Verde do Eo //
No corazón do bosque
Trazado: San Tirso de Abrés-Villaodrid (entre Asturias e Lugo). Descrición: O trazado dun antigo tren mineiro discorre entre fermosos e refrescantes bosques xunto á canle do río Eo, o que lle proporciona ao ciclista frondosas sombras verdes. Lonxitude: 12 km. Usuarios: Peóns, bicicletas, patíns. Tipo de superficie: Asfalto. Medio natural: Bosque de ribeira, eucaliptos, ribeiras do río Eo. Patrimonio cultural: Castros, dolmens prehistóricos, palacios e igrexas dos séculos XVII e XVIII. Infraestructura: Seis túneles e un viaduto. Moitas selfies a cada xiro. Aluguer de bicicletas: En San Tirso de Abrés (Asturias). Como chegar: En autobús, coas empresas Ersa e Alsa San Tirso de Abrés e Villaodriz. En coche, hai uns 150 quilómetros desde A Coruña e uns 100 desde Oviedo.
Vía Verde da Serra //
O sur, sen tópicos
Trazado: Olvera-Porto Serrano (Cádiz). Descrición: O proxecto do ferrocarril da Serra gaditana, que debía discorrer entre Xerez da Fronteira e Almargen, quedou interrompido pola Guerra Civil. A pesar diso, hoxe é posible gozar deste carreiro entre preciosas vilas que discorre paralelo a distintos ríos entre Cádiz e Sevilla. Lonxitude: 36 quilómetros. Usuarios: Ciclistas, peóns e xinetes. Tipo de superficie: Asfalto e grava miúda compactada. Medio natural: Ribeira fluvial dos ríos Guadalete e Guadalporcún, con freixos, chopos prateados, tamargueira ou loendros. Reserva Natural Peñón de Zaframagón. Patrimonio cultural: Igrexas, castelos e xacementos arqueolóxicos. Infraestrutura: 30 túneles, catro viadutos, cinco estacións, nove áreas de descanso, cinco áreas infantís e seis fontes. Aluguer de bicicletas: En Olvera (Cádiz), Coripe (Sevilla) e Puerto Serrano (Cádiz). Como chegar: En coche, desde Sevilla hai 72 km ata Puerto Serrano e 104 ata Olvera. Desde Cádiz, 95 e 126 km, respectivamente. En autobús, funcionan as liñas Transtrés e Casal (desde Sevilla), Automóviles Casado, S.A. (Málaga), Los Amarillos (Xerez e Málaga) e Transportes Comes (Cádiz).
Vía Verde do Ferrocarril Vasco-Navarro //
A conquista das chairas
Trazado: Vitoria/Gasteiz-Estella/Lizarra (Álava/Araba e Navarra). Descrición: Percorre a Llanada Alavesa, a montaña Alavesa e Tierra Estella seguindo a ruta do vello ferrocarril vasco-navarro, coñecido como “o trenico”, que operou entre 1889 e 1967. Lonxitude: 84 km (en Guipúscoa/Gipuzkoa hai recuperados outros 26,3 km). Usuarios: Peóns e ciclistas, ademais de patinadores nos tramos Vitoria/Gasteiz-cruzamento Amarita e Zubielqui-Estella/Lizarra. Algúns tramos aptos para persoas con mobilidade reducida. Tipo de superficie: Alterna asfalto, grava miúda compactada e terra. Medio natural: Chairas de cereal, montañas, ríos, gorxas, frondosos bosques. Patrimonio cultural: Mosteiros, conventos, igrexas, murallas, palacios e poboacións con encanto. Infraestrutura: Cinco túneles (o de Acedo, con 1,4 km de lonxitude), tres viadutos e catro pasarelas (zonas separadas do tráfico) ata Murieta. Existe un tramo de 9,5 km entre Murieta e Zubielqui, por camiños non asfaltados. Aluguer de bicicletas: En Vitoria/ Gasteiz, Antoñana, Acedo, Estella/ Lizarra. Como chegar: En tren, hai distintas paradas da ruta Madrid-Irún ou Vitoria-Irún. En autobús, consultar os servizos das compañías Pesa, Hermanos Alegría, Hermanos Arriaga, Autopullmans Palacio e La Estellesa.
Vía Verde Carrilet Xirona – Sant Feliù de Guíxols (Xirona) II
Pedaleando cara á Costa Brava
Trazado: Xirona-Sant Feliù de Guíxols (Xirona). Descrición: Un percorrido polas comarcas Gironès e Baix Empordà con pendentes moi suaves que conducen ata o Mediterráneo a través de cultivos, bosques, municipios e curvas. Lonxitude: 39 km. Usuarios: Peóns, ciclistas, apta para persoas con discapacidade. Tipo de superficie: Terra compactada. Medio natural: Bosque mediterráneo. Patrimonio cultural: Conxuntos monumentais de Xirona e Castell d’Aro. Castelos-Torres en Quart, Cassà, Llagostera e Santa Cristina. Aluguer de bicicletas: En Xirona, Palafrugell, Platja d’Aro, S’Agaro e Quart. Posibilidade de bicicletas adaptadas para persoas con mobilidade reducida (972 486 950). Como chegar: Ata Xirona, en trens Rexionais e Grandes Liñas de Renfe. A Sant Feliù de Guíxols, en autobús da compañía Teisa.
Vía Verde Manacorartá //
Outro rostro das Baleares
Trazado: Manacor-Artá (Mallorca). Descrición: Camiño fácil, chan e seguro que percorre o interior da illa a través de campos de agricultura tradicional e bosque mediterráneo. Non pasa pola praia, pero si moi preto da costa, brindando magníficas vistas mariñeiras. En Son Servera conecta co carril bici que baixa ata as tentadoras praias do levante. Lonxitude: 29 quilómetros. Usuarios: Peóns e bicicletas. Tipo de superficie: Grava miúda e terra compactada. Medio natural: Cultivos de cereal, hortas e plantacións. Bosque mediterráneo. Patrimonio cultural: Igrexas, mercados, casas señoriais nos municipios de Manacor, Sant Llorenç des Cardassar, Son Corrió, Son Servera e Artà. Infraestrutura: Tres túneles e catro estacións. Área infantil na de Sant Llorenç. Aluguer de bicicletas: En Artà e Son Servera. Como chegar: En autobús: Liña 411 (Palma-Cala Ratjada) a Manacor, Sant Lloreç e Artà; e liña 412 (Palma-Costa dos Piñeiros/dels Pins) a Manacor, cala Millor e Son Servera. En tren, liña T3 desde Palma de Mallorca-Enlace (Enllaç)- Manacor. En coche, 53 km ata Manacor e 75 km ata Artà desde Palma de Mallorca.