Vacacións tecnolóxicas

Non sen o meu móbil, nin sen o meu portátil, nin sen o meu mp3, nin...

As novas tecnoloxías permiten saír de vacacións sen que cumpra renunciar ás comodidades da era dixital
1 Xullo de 2010
Img internet listado 596

Non sen o meu móbil, nin sen o meu portátil, nin sen o meu mp3, nin...

/imgs/20100701/internet1.jpg
Pásase de todo á nada, de 100 a cero, sen transición nin preparación ningunha que axude a sobrevivir en vacacións desconectado de Internet boa parte do día. Non todos os internautas e devotos das novas tecnoloxías dan aturado o estrés de permanecer unhas semanas ou un mes sen navegar, xa sexa dende o móbil ou dende o ordenador, e de non consultar o correo electrónico, non mirar as fotografías que os seus contactos colgan no Facebook, non xogar a videoxogos, non escoitar música dende o seu mp3, ou non ver series televisivas polo móbil ou no ordenador. Agora ben, o cambio non ten por que ser tan radical, xa que hai fórmulas para levar a tecnoloxía de viaxe, sempre que se tomen unha serie de precaucións e que se sigan determinados consellos que garanten o bo mantemento dos aparellos.

Seguro que máis de un viu como a beira das praias e unha parte da piscina se enchen de nenos e mozos que xogan coa videoconsola baixo a antuca mentres refrescan os pés na auga. Outra situación que non abraia xa a ninguén é a de atopar veraneantes provistos do teléfono móbil e do ordenador portátil para navegar ou falar mentres ao airiño da brisa. Agora ben, un golpe de mar ou un descoido poden facer que o aparello se estrague sen remedio, xa que a auga salgada é moi daniña en contacto cos dispositivos elaborados con microchips.

Unha situación similar pódese vivir na montaña. É sinxelo realizar unha ruta na que se leve unha mochila cun lector de libros electrónicos, un iPhone ou outro teléfono de similares características, un ordenador portátil lixeiro ou unha videoconsola. Non obstante, convén evitar as caídas e o rozamento brusco da mochila, porque a supervivencia destes aparatos está en xogo. De aí que se recomende utilizar os acolchados máis axeitados para cada tipo de mochila.

O acompañante máis incondicional nas viaxes: Internet

As fórmulas máis sinxelas para levar Internet enriba durante unha viaxe ou un traslado, se se desexa gozar das vacacións en áreas próximas a poboacións grandes ou non demasiado remotas, é facelo a través dos teléfonos intelixentes ou ‘smartphones’ ou das tarxetas 3G que venden os principais operadores de telefonía e que se insiren vía USB nos ordenadores. Caracterízanse por ofreceren conexión e por lles permitiren un acceso web sinxelo aos ordenadores grazas a un proceso chamado ‘tethering’.

Así e todo, convén considerar este tipo de acceso como unha solución ocasional, xa que a relación entre o ancho de banda e o prezo que ofrecen é moi mellorable. Noutras palabras, a tarifa é cara e a marxe de datos contratada é limitada se se usa o aparello de xeito intensivo. Mesmo, en ocasións, se se excede o límite, cóbrase o megabyte que se consumira de máis a un prezo abusivo.

Por esta razón, recoméndase descargar todo o que o usuario vaia precisar ao seu propio ordenador ou reprodutor de MP3 antes de saír da casa e usar despois o acceso para necesidades puntuais. En ningún caso sae rendible a súa utilización para ver vídeos ou para escoitar música en streaming. Ademais, en zonas rurais ou afastadas de núcleos turísticos, estes dispositivos teñen moi pouca cobertura.

Coidado co “roaming”

Outra opción de grande interese é aproveitar as conexións wifi dos hoteis e apartamentos, sobre todo cos portátiles ultralixeiros e cos novos tablet, do estilo do iPad, que se comercializarán estes meses. Ao se seleccionar o aloxamento, dispor de Internet vía wifi é un factor clave que facilita o acceso dende o ordenador propio a todos os servizos que utiliza o usuario.

A alternativa wifi convértese na única viable ao se saír do país, pois daquela as tarxetas 3G e mais os teléfonos entran en “modo roaming” (itinerante), no que as comunicacións e conexións se encarecen considerablemente ante a necesidade de se poñeren de acordo as compañías de diferentes países para concederen o acceso. Aínda que xa se asinaron acordos dentro da Unión Europea sobre prezos controlados para o “roaming” de conversa, non se fixo para o acceso a datos, polo que o servizo aínda é moi caro e pouco recomendable.

Precaucións e consellos

Os aparellos informáticos e dixitais actuais están máis preparados ca hai uns anos para saír da casa e levalos de viaxe. Non obstante, non contan con protección abonda como para transportalos e utilizalos durante un tempo prolongado no campo e na praia. En tales ocasións convén ter en conta unha serie de medidas e precaucións.

  • Fundas protectoras e illantes. No caso dos móbiles, a gama de prezos e de modelos é moi ampla. Son o mellor protector para estes dispositivos. As videoconsolas tamén dispoñen de fundas de caucho especiais anticaídas.
  • Acolchados nas mochilas. Os aparellos débense transportar nunha mochila ben acolchada, a ser posible recuberta con neopreno, e que dispoña de numerosos petos e peches estancos. Non só se trata de evitar caídas ou golpes, tamén de que non entre no interior nin auga nin area, ambas as dúas moi agresivas. No que atinxe aos petos, hai que pensar en baterías de reposto para aumentar a autonomía do aparello e nos cargadores e mais os seus cables.
  • Cargadores. Non hai que esquecer os cargadores das distintas baterías ao se saír da casa durante un longo período: entre teléfono, cámara, ordenador, videoconsola, etc., pódense xuntar media ducia de cargadores cos seus correspondentes cables. O mellor consello é destinar unha bolsa exclusiva a estes elementos. Por outra banda, non está de máis levar un cargador solar de baterías se se planea realizar rutas onde non é doado atopar un enchufe. Véndense en tendas especializadas de aventura en forma de chaleco con capacidade para cargar cartuchos de diversos tipos.
  • Copias de seguridade. Facer unha copia de seguridade do disco duro do ordenador antes de saír evita moitos desgustos, así como procurar limpar o historial do navegador e utilizalo durante as vacacións no “modo privado” (os principais navegadores téñeno). Deste xeito, se se extravía o portátil, ninguén poderá acceder aos datos do usuario.
  • Dispositivos danados. Sempre que un dispositivo que conteña chips caia á auga, algúns elementos poden danarse. Non obstante, pódese intentar recuperalos. A forma de facelo é desmontar o dispositivo ata onde sexa posible. Se caeu en auga salgada, deberanse somerxer os compoñentes desmontados en auga doce durante polo menos doce horas, con cambios de auga cada catro horas para extraer os sales. Despois, ditos compoñentes poranse a secar un día ao sol coa máxima ventilación posible. Usar un secador tamén pode ser unha solución eficaz. Pasado este tempo, as pezas vólvense ensamblar e compróbase se o dispositivo funciona.
  • Garantías. Hai que comprobar antes de saír de viaxe que se teñen todas as garantías e que non caducaron, por se acontecese un accidente.
  • Contratación dun seguro. Pensar na contratación dun seguro tecnolóxico é unha posibilidade que cada día gaña máis adeptos, sobre todo se os dispositivos que se levan son caros.