Os talleres de reparación de automóbiles séguenlle ofrecendo ao usuario información escasa
O parque automobilístico representa un dos principais indicadores da riqueza dun país. E éo por dúas razóns: custa moito adquirir un automóbil e custa moito mantelo. Tanto é así que catro de cada dez euros que un condutor debe desembolsar por un coche recalan nos talleres mecánicos. É conveniente que, polo menos unha vez ao ano, os vehículos superen unha revisión. Aconséllano os expertos e mais o sentido común. Por iso, é fundamental que o servizo ofertado sexa de calidade. Non obstante, a información que se lle facilita ao cliente é, cando menos, mellorable e o prezo da man de obra, moi caro.
EROSKI CONSUMER quixo coñecer o servizo que prestan estes establecementos, así como a evolución dos prezos das revisións e das reparacións respecto a un estudo similar realizado no 2005. Para iso, técnicos desta revista visitaron a finais de maio e comezos de xuño, como clientes potenciais, 200 talleres especializados na reparación e mantemento de vehículos en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Por tipos de locais, analizáronse 65 de mecánica rápida, 64 de marca e 71 independentes (non vinculados a ningunha marca).
Os técnicos achegáronse a cada un dos talleres cun coche utilitario de mediano ou pequeno tamaño (un por cidade) e preguntaron o prezo por unha revisión básica (niveis de aceite, limpaparabrisas e anticonxelante, estado e tensión das correas, estado de pneumáticos, pastillas e discos, gardapós e folguras, amortecedores e liña de tubo de escape) sen cambios de líquidos nin substitucións de pezas. Ademais, consultouse o custo dunha substitución de batería e solicitouse un orzamento por escrito. En todos eles, comprobouse a información que se lle proporcionaba ao usuario (de xeito verbal e mais a exhibida en carteis ou paneis) e se se cumpría coa normativa en materia de exposición de placas-distintivo e información sobre garantías, tarifas e follas de reclamacións.
As principais conclusións resúmense en dous aspectos: por unha banda, un 48% dos talleres analizados negáronse a realizar un orzamento por escrito e, en liñas xerais, a información recibida foi insuficiente: non exhibían as tarifas por man de obra (un 66% dos talleres), non informaban do dereito a recibir un orzamento por escrito (un 62%), nin da garantía con que contan as reparacións (o 59%), nin sequera da existencia do libro de reclamacións (un 47%). Tampouco indicaban o horario de traballo do taller (un 27%), nin tiñan placa-distintivo no exterior (un 12%).
No tocante aos prezos, a tarifa media por man de obra sitúase nos 46 euros (IVE incluído), o cambio da batería do coche, nos 99 euros, e a revisión básica do vehículo, nos 68 euros (aínda que case un de cada seis talleres estudados o facía gratuitamente, sen cobrar nin sequera a man de obra). Por tipos de talleres, os concesionarios ou oficiais de marca son os máis caros, ata un 42% por riba da media.
A Comisión Europea aprobou en maio novas normas de distribución e reparación de automóbiles na UE. Así, a partir do 1 de xuño do 2010, entre outras cousas:
- Non se poderá anular a garantía se o cambio de aceite ou calquera outro servizo que implique o mantemento do coche non se efectuou nos talleres autorizados. Iso si, os fabricantes poderán esixir que as reparacións cubertas pola garantía -que pagan eles- se leven a cabo na súa rede autorizada.
- Garantiráselle o acceso á información de tipo técnico, precisa para realizar reparacións, aos talleres independentes e mais aos fabricantes de pezas non oficiais. O fin é promover unha maior competencia en materia de mantemento dos vehículos, que segundo a CE pode representar un 40% dos gastos totais que implica a posesión dun coche.
- Mellorarase o acceso dos talleres de reparación ás pezas fabricadas por outras marcas. Isto pode supor unha importante redución da factura.
En definitiva, apóstase por fomentar a competencia entre talleres e, deste xeito, rebaixar as tarifas que os consumidores pagan por estes servizos. Ademais, aprobáronse normas relativas á distribución e á venda de vehículos novos.
Información exposta ao público: a maioría dos talleres incumpre a normativa
A normativa esíxelles a este tipo de establecementos exhibir na fachada do edificio, nun lugar doadamente visible para o público, unha placa-distintivo de cor azul na que se determinen as características do taller, as súas especialidades, ramas de actividade (mecánica, electricidade-electrónica, carrocería ou pintura) e o número de identificación asignado pola comunidade autónoma. Un 12% non contaba con este elemento e foi especialmente negativa a situación en Alacante e en San Sebastián (un de cada tres talleres analizados non tiña colocado este distintivo), así como nos establecementos de mecánica rápida (non se viu nun de cada catro).
Tamén deben indicar expresamente no seu exterior o horario de prestación de servizo ao público. Non obstante, un de cada catro non informaba dos seus horarios de apertura e peche. A situación mellorou con respecto ao informe do 2005, cando esta proporción alcanzaba o 40%. As peores cidades foron Barcelona, Logroño e San Sebastián, onde un de cada dous locais visitados non informaba dos horarios. A media de apertura é de 9 horas ao día de luns a venres. O 48% abre os sábados, aínda que só un 10% o fai mañá e tarde.
Para rematar, a normativa vixente sinala que os talleres deben exhibir ao público unha serie de lendas. A primeira refírese á existencia de follas de reclamacións á disposición do cliente: nun 47% das ocasións esta indicación non estaba claramente exposta. A segunda establece que o cliente ten dereito a solicitar un orzamento previo por escrito: tres de cada cinco locais visitados non informan diso. E a terceira trata sobre a garantía das reparacións: só o 42% dos talleres informa aos usuarios de que as reparacións realizadas quedan garantidas por 3 meses ou por 2.000 quilómetros.
Todo usuario ten dereito por lei a dispor dun orzamento por escrito antes de que se realice calquera reparación ou revisión sobre o seu vehículo, pero a teoría non se leva á práctica: un 48% dos visitados negouse a realizalo, malia a insistencia dos técnicos. Entre as razóns, estaban as escusas comprensibles (‘o encargado de confeccionalo non está’ ou ‘temos que facer unha revisión máis fonda do vehículo’). E as menos convincentes: ‘teño as mans cheas de graxa’ ou ‘non fai falta, seguro que te lembras’.
Ningún dos talleres analizados en Bilbao e Valladolid facilitou un orzamento por escrito. En cambio, en Córdoba, Sevilla e Oviedo todos o fixeron. Ademais, os establecementos de mecánica rápida foron os que máis cumprían con este procedemento legal: un 63% dos visitados facilitou un orzamento por escrito cos servizos solicitados (prezo para unha revisión básica do coche e prezo para o cambio de batería).
Pero, que tipo de presuposto por escrito elaboraron os establecementos incluídos neste estudo? Só nun 44% dos talleres que accederon a elaboralo era oficial; noutro 51% apuntaban os prezos nunha folla en branco ou na tarxeta identificativa do taller. Mesmo nun local da capital alavesa o técnico conformouse cun post it.
Os prezos da man de obra, da revisión básica
Nos talleres de reparación de vehículos, un dos aspectos principais que afecta ao prezo final é a man de obra. A hora de traballo nos establecementos visitados custa unha media de 46 euros, un 44% máis caro ca hai cinco anos, cando se realizou un estudo similar (nese período o IPC acumulado foi dun 12,4%). As diferenzas son apreciables entre unhas capitais e outras. Pamplona e San Sebastián, cunha tarifa algo menor de 60 euros, son as cidades máis caras, mentres que en Córdoba a hora de traballo supón 17 euros (só catro dos dez talleres visitados establecía o prezo da man de obra por separado, o resto incluíano en cada servizo). Tamén poden considerarse baratas as tarifas de Alacante (35 euros de media) e Valencia (39 euros).
Tamén se atoparon amplas diferenzas entre as tarifas da man de obra dentro dunha mesma cidade. En Valladolid, hainas de ata 63 euros (un local cobra 93 euros e outro 30). Valencia, Vitoria e Bilbao séguena de preto cunha distancia entre o prezo máis caro e o máis barato de aproximadamente 45 euros. Pola contra, onde se atoparon tarifas por hora de traballo foi en Alacante (non chegan a 10 euros de diferenza), Oviedo (13 euros) e en Córdoba e Zaragoza (14 euros).
Por tipos de taller, son os concesionarios ou oficiais de marca os máis caros: o prezo medio da hora da man de obra nestes talleres é de 55 euros (un 46% máis ca hai 5 anos), mentres que entre os de mecánica rápida e os independentes supón unha media de pouco máis de 40 euros en ambos os dous casos (un 43% e un 35% máis caro ca no 2005, respectivamente).
Os técnicos de EROSKI CONSUMER solicitaron o prezo por realizarlle unha revisión básica ao seu vehículo (un coche utilitario de tamaño mediano ou pequeno e o mesmo en todos os talleres de cada cidade) que incluía niveis de aceite, limpaparabrisas e anticonxelante, estado e tensión das correas, estado de pneumáticos, pastillas e discos, gardapós e folguras, amortecedores, e liña de tubo de escape. En ningún caso se incluían cambios de líquidos ou substitucións nin reparacións de pezas.
A media do estudo por lle realizar ao vehículo unha revisión básica ascende a 68 euros, unha tarifa un 8% menor ca a do 2005. Non obstante, é importante salientar que o 17% dos talleres visitados aseguraron que realizarlle a revisión básica ao vehículo era gratuíta, non se cobraba nin sequera a man de obra. Non obstante, daban por feito que unha vez revisado a fondo o vehículo, atoparían algunha avaría ou peza danada. Dos 33 talleres que o afirmaban, tres de cada catro eran establecementos de mecánica rápida ou independentes.
Por cidades, mentres que en Murcia o prezo da revisión apenas supón 23 euros e en Bilbao, Málaga, Oviedo e Valencia excede por moi pouco os 30 euros, en capitais como Córdoba, Sevilla e Valladolid supera os 100 euros (esta última mesmo alcanza os 133 euros).
Con todo, o usuario debe comparar os orzamentos de varios talleres antes de ingresar o seu vehículo e realizar unha revisión básica. Así, atopamos diferenzas de ata 255 euros en Madrid, 219 euros en San Sebastián, 170 en Barcelona e Logroño, 168 euros en Sevilla e 165 en Valladolid. As menores diferenzas de orzamento atopáronse en Murcia (24 euros), Oviedo e Málaga (non alcanzan os 40 euros).
Por tipos de taller, os concesionarios ou oficiais de marca cobran 87 euros de media por realizar a revisión básica do vehículo, mentres que os de mecánica rápida e os tradicionais teñen prezos similares (62 e 55 euros de media respectivamente).
Cambio da batería e táboa comparativa
Os técnicos de EROSKI CONSUMER tamén se interesaron polo desembolso que suporía cambiar a batería do seu vehículo (man de obra incluída). O prezo medio por este servizo nos 200 talleres analizados é de 99 euros, un 36% máis caro ca no 2005, cando se realizou un estudo similar, e por riba do IPC acumulado nese mesmo período (un 12,4%). De novo, as diferenzas son moi amplas entre unhas cidades e outras. Mentres que en Vitoria o desembolso supera os 130 euros de media, e en Bilbao, San Sebastián e Zaragoza roldan os 115 euros, en Málaga e Valencia descende ata os 75 euros aproximadamente en ambas as dúas cidades. En Córdoba, queda na metade ca na capital alavesa.
Tamén neste caso, os usuarios deben comparar entre os prezos ofertados polos talleres da súa cidade. Así, en Barcelona hai unha diferenza de ata 169 euros entre o taller máis caro e o máis barato, e en Vitoria, é de 145 euros. Pola súa banda, os prezos máis homoxéneos atópanse en Granada (28 euros de diferenza), Córdoba (35 euros) e Oviedo (44 euros). En xeral, as diferenzas son moi importantes en todas as cidades: superan os 100 euros na Coruña, en Madrid, San Sebastián e Zaragoza; andan entre os 70 euros e os 95 euros en Málaga, Valencia e Valladolid; e entre os 50 e 70 euros en Alacante, Bilbao, Logroño, Pamplona e Sevilla.
Por tipos de taller, as diferenzas tamén son moi evidentes. Mentres que a media entre os talleres independentes ou tradicionais se achega aos 88 euros e nos de mecánica rápida aos 92 euros, os oficiais de marca sitúanse nos 119 euros de media.
A información é poder. O cliente debe coñecer cales son os seus dereitos ao solicitar un servizo nun taller de reparación de automóbiles. Velaquí os aspectos que cómpre ter en conta:
- Placa-distintivo: deben exhibir na fachada do edificio e en lugar visible unha placa-distintivo con información sobre as ramas de actividade ás que se dedican, as súas especialidades, as siglas da provincia de situación e o número de identificación asignado pola comunidade autónoma.
- Orzamento por escrito: todo usuario ten dereito a un orzamento por escrito. Ten unha validez mínima de doce días hábiles e nel deben figurar o número de identificación fiscal e o domicilio do taller; o nome, domicilio e identificación do vehículo do usuario; as reparacións que se van efectuar co prezo total analizado, e mais a data prevista de entrega do vehículo xa reparado, entre outros datos. Só poderá cobrarse o orzamento en caso de que o cliente non realice despois a reparación no taller no que foi elaborado, salvo acordo previo.
- Resgardo de depósito: cando o vehículo quede depositado no taller, entregaráselle ao usuario un resgardo acreditativo do depósito do vehículo. Nos casos en que exista un orzamento asinado polo taller e polo usuario, este fará as veces de resgardo de depósito.
- Factura: están obrigados a entregarlle ao cliente a factura, numerada, asinada e selada, debidamente analizada e na que se especifiquen os cargos devengados, as operacións realizadas, as pezas ou elementos utilizados e as horas de traballo empregadas. Cada concepto debe incluír o seu importe.
- Follas de reclamacións: todos os talleres de reparación de vehículos automóbiles terán á disposición dos clientes ‘Follas de reclamacións’ e deben anunciar a súa existencia de maneira visible ao público.
- Garantía da reparación: todas as reparacións ou instalacións están garantidas por tres meses ou 2.000 quilómetros (agás nos vehículos industriais, nos que o prazo será de quince días).