Facebook, o novo rei da Rede
Facebook, que comezou a súa actividade como unha rede dentro da Rede, acabou por comer a súa propia matriz e englobar a maior parte das actividades que se levan a cabo nela. As tornas viraron e agora o espazo onde os usuarios buscan información, ven vídeos, chatean cos amigos ou len blogs chámase Facebook e non Internet. Tal é o fenómeno que a revista tecnolóxica Wire publicou o pasado verán un polémico artigo titulado “A Web morreu. Longa vida a Internet”. Nel argumentábase que os usuarios cada vez acoden menos aos buscadores como Google e Yahoo! para solicitaren informacións, a Youtube para veren vídeos e aos servizos de correo electrónico. Todo iso realízase en sitios como Twitter e, sobre todo, Facebook.
As redes sociais integran tantos servizos e ventás que se converteron na casa permanente dos usuarios no ciberespacio. Durante os primeiros anos da Rede, a actividade normal dun internauta consistía en usar o seu navegador para pasar dunha páxina a outra escribindo a dirección URL no campo correspondente da barra de enderezos. Despois, apareceron os buscadores e, en especial con Google, substituíuse a barra de direccións polo cadro de buscas. Entón centralizouse o punto de partida da navegación na propia páxina de Google.
Toda a web sen saír da rede
Agora ben, as redes sociais mudaron de novo os hábitos e fixérono dun xeito sutil e progresivo, case sen o usuario decatarse. Aumentou o número de contactos e incrementáronse tamén os contidos compartidos co resto da comunidade. Cando os internautas participantes nunha rede alcanzan un número considerable, a cantidade de información compartida é tal que xa non fai falta acudir aos buscadores nin ás páxinas de raíz dos contidos co fin de ter o que se podería chamar “unha experiencia dixital satisfactoria”. Todo se atopa aí dentro e xa non cómpre saír fóra nin acudir a Google para atopar o que se busca.
Este fenómeno de interiorización dos contidos plasmouse sobre todo en Facebook. Tal é a súa dimensión que o seu creador, Mark Zuckerberg, foi nomeado Home do Ano 2010 pola revista Times. Centos de millóns de persoas teñen páxina en Facebook, onde os seus contactos lles amosan vídeos, os convidan a miraren as súas fotografías, a leren as reflexións que fan no seu blog ou a se comunicaren con eles por mensaxería instantánea. E agora, dende hai pouco máis dun mes, tamén por correo electrónico. Para que saír de Facebook se todo o necesario está dentro del? A reflexión que moitos internautas se fan é para que acudir a Google para realizar unha busca se a información que hai en Faceboook se atopa avalada e recomendada polos propios contactos, mentres que nos resultados do buscador abunda o infolixo. Sen se decataren, os usuarios mudaron o seu hábito de “saír” buscar os contidos por outro baseado en “recibilos” na súa páxina persoal de Facebook.
Absorber Internet
Pero este cambio de hábitos non foi casual, senón que veu planeado polos desenvolvedores da rede social. Por utilizar un símil, o equipo de Zuckerberg deseñou e construíu a casa, pero os mobles e a decoración puxérona os seus moradores. Deste xeito, medrou unha rede á medida dos seus habitantes.
Agora que Facebook é a maior rede social, os plans dos seus creadores pasan por absorber o resto da rede, de xeito que na práctica Internet comece e remate entre as súas paredes. Con este obxectivo lanzouse o pasado ano o sistema Open Graph, un buscador de sitios web baseado nas opinións dos usuarios. O lector que navegase hai pouco fixaríase en que moitas páxinas teñen un botón azul coa lectura Gústame”.
Se se fai clic nel, incorpora o contido xulgado á páxina persoal do internauta en Facebook (en caso de que a teña), de xeito que o poden ver os seus contactos. É así como o introduce na rede, como o fagocita, xa que estes poden velo sen saír dela.
Vindeira parada, o teléfono
A Zuckerberg e ao seu equipo abóndalles con botar unha ollada atrás para ver o efémera que é a gloria na era das novas tecnoloxías. Xa ninguén se lembra de que Microsoft foi un día rei absoluto da informática ou de que hai dez anos os teléfonos Nokia eran o colmo da sofisticación. Hoxe é Facebook o novo rei, pero se non se amosa atenta aos cambios, en pouco tempo esta rede podería verse relegada a un segundo plano.
Por esta razón, a plataforma prepara o seu seguinte asalto, nesta ocasión ao teléfono móbil. Cada vez máis persoas utilizan os chamados “smartphones”, teléfonos que acceden tamén a Internet, e úsanos cada vez máis para navegar e menos para falar. Polo tanto, a Rede xa deseña a súa estratexia para converterse nun futuro no escritorio do teléfono, de xeito que tanto cando navegue, vexa vídeos, lea blogs, envíe correos e mesmo cando chame aos seus contactos, o usuario o faga dende a versión para móbil de Facebook.
Para iso deulles entrada no seu seo ás aplicacións para chamar por Internet -como Skype, aínda que non é a única-, e a un sistema chamado “Facebook Places” que funciona en conxunción co GPS do móbil e que permite recomendar lugares, restaurantes e negocios e situalos nun mapa.