A receita da eterna xuventude

1 Febreiro de 2011
Img en imagenes listado 179

A receita da eterna xuventude

A arxila, o bambú, os papiros, a seda ou o papel servíronlle ao home para narrar e transmitir o seu coñecemento e experiencia. Avellentados e danados polo paso do tempo, estes materiais deben ser restaurados por mans expertas para que continúen a ser un legado para as xeracións futuras.

Estudo previo

Na súa mesa de operacións, o restaurador enfróntase a un reto: un misal romano do século XVIII. O estudo previo é necesario. Xa que logo, antes de desmontar o misal, o especialista debuxa un esquema do número de caderniños que ten a obra e volve numerar as páxinas para asegurar unha montaxe perfecta tras a restauración. Fai unha análise do papel no que atinxe á súa composición: se é vexetal ou feito de panos, o seu nivel de pH, o grosor… Ademais, descobre se as tintas son solubles ou non, xa que de non o facer correrían o perigo de disolverse durante a fase de lavado.

Desmontaxe e borrado

Como nunha sala de operacións, o misal colócase nun burro (un cabalete que suxeita o libro de perfil) e, coa axuda de pinzas, tesoiras e mesmo do bisturí, descósense unha a unha as páxinas e os nervios que ligan o bloque de follas ás tapas. A seguinte tarefa, que pon de relevo a infinita paciencia do restaurador, é limpar cada folla con po de goma de borrar.

Lavado e secado

Cada prego de catro páxinas envólvese nun papel plástico antes de somerxelo en auga morna. Cando a auga sae limpa -ás veces fan falta ata catro e cinco lavados-, as follas deposítanse nun secadoiro. Así que está enxoito, o papel colócase baixo un peso á espera da seguinte fase.

Reintegración

Amais dos fungos, os roedores e os insectos tamén causan estragos no papel. Reintegrar todos os anacos que non están é a fase máis laboriosa da restauración. Para iso, escóllese papel xapón dunha tonalidade e dun grosor semellante ao orixinal e recórtanse enxertos do mesmo tamaño e forma para substituír as partes que faltan.

Encadernación

O especialista prensa todas as páxinas e, unha vez ordenadas en caderniños, colócaos no tear. Cósense individualmente e fíxanse aos nervios, un fío máis groso que serve para unir as tapas ao bloque de follas. Finalmente, sela as gardas (follas de papel máis groso colocadas ao comezo e ao final do libro). O proceso de restauración dunha obra que chega en malas condicións pode ocupar dúas persoas durante dous meses.