Aforrar en calefacción, sen perder calor
Co inverno xa ben entrado, son moitos os fogares que poñen en marcha os seus distintos sistemas de calefacción para aturar o mellor posible estes duros meses de frío. Aínda que a crise se sinta próxima, ninguén escatima en conseguir a calor necesaria para a súa casa, un dos principais gastos das familias españolas: segundo datos do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), case a metade da enerxía que consumen se usa para quentar as súas vivendas. Non obstante, tamén é posible aforrar neste gasto, unha práctica moi agradecida cos tempos de inestabilidade económica que corren. Os sistemas de calefacción dispoñibles no mercado son moi variados, non só polo xeito de xerar a enerxía para climatizar unha vivenda, senón que tamén se distinguen polo seu custo, adaptabilidade e pola eficiencia enerxética que levan consigo. Para aforrar uns cantos euros cómpre facer un uso correcto dos calefactores. Para iso, a primeira cuestión sobre a que cómpre reflexionar é: como elixir o sistema máis axeitado para o peto?
Sistemas de calefacción
Individual ou colectiva? É sen dúbida, a gran diferenza que distingue un sistema doutro. O tipo de instalación pode ser individual, para un único fogar, ou colectiva, cando é compartida por toda unha comunidade de veciños.
Calefacción central
Dende o punto de vista económico e enerxético, a calefacción central colectiva é un sistema moito máis eficiente ca os individuais. Non obstante, a maioría dos fogares españois ten calefacción por elementos independentes, é dicir, conta con estufas, radiadores e convectores eléctricos, bombas de calor e outros equipos sen conexión ningunha cos dos seus veciños. A diferenza doutros países europeos, só un 10% das vivendas españolas teñen unha instalación centralizada, que lle dá calor a todo un conxunto de fogares, dun mesmo bloque ou comunidade, segundo datos do IDAE. Este tipo de sistema conta con vantaxes fronte aos individuais: o rendemento das caldeiras grandes é maior ca o das pequenas e, xa que logo, o consumo de enerxía é inferior, pódese acceder a tarifas máis económicas para os combustibles e o custo da instalación colectiva é inferior á suma dos custos das instalacións individuais.
En xeral, os sistemas de calefacción central máis utilizados compóñense de caldeiras estándar (de entre 4 e 400 kw de potencia) e utilizan combustibles líquidos ou gasosos. Así e todo, existen no mercado outros modelos de caldeiras con rendementos superiores, como son as caldeiras de baixa temperatura e as caldeiras de condensación. Estes dous últimos tipos de caldeiras son máis caros ca os convencionais (ata o dobre de prezo), pero poden producir aforros superiores ao 25% no consumo cotián, polo que é posible recuperar o sobrecusto en poucos anos.
Calefacción individual
Cando un fogar non dispón dun sistema centralizado, pódese decantar por distintos tipos de sistemas de calefacción, moi variados entre si.
- Caldeiras de gas natural: é o tipo de calefacción máis utilizado nas vivendas españolas. Como método individual, é un dos máis baratos. O custo da instalación para unha vivenda duns 100 metros cadrados oscila entre os 3.000 e os 4.000 euros se se recorre a unha caldeira estándar. Son máis caras as caldeiras de condensación (parten dos 5.000-6.000 euros para o fogar do exemplo anterior). Agora ben, son máis eficaces e ecolóxicas. A súa duración é maior, co que a longo prazo pódese rendibilizar con creces o seu custo. No tocante á súa factura mensual, convén saber que é bastante máis cara ca nos sistemas comunitarios. Unha vivenda de 100 metros cadrados pode pagar máis de 150 euros ao mes na tempada de inverno. Para instalalo, este sistema pódese compor por radiadores de aluminio ou de ferro fundido. Os de aluminio son máis baratos e quecen moito máis axiña. Pola súa banda, os de ferro manteñen a calor durante moito máis tempo unha vez apagado o sistema.
- Caldeiras de gasóleo: É un sistema máis caro ca o de gas natural, xa que necesita, amais da instalación de radiadores, unha cheminea e un depósito de gasóleo. Son aconsellables para vivendas grandes, por exemplo rústicas ou de campo. O custo da instalación rolda os 6.000 euros. Unha vivenda de 300 metros cadrados pode pagar máis de 200 euros mensuais con este tipo de sistema.
- Radiadores eléctricos: son os máis rendibles para fogares cun consumo de calefacción medio ou baixo. O seu custo é tamén moi alcanzable (pódense conseguir estufas ou radiadores eléctricos dende 100 euros). Algo máis sofisticados son os acumuladores de calor eléctricos, que teñen como peculiaridade que consumen enerxía eléctrica para producir e almacenar calor durante a noite. Estes aparellos van expulsando calor a medida que as necesidades do ambiente do fogar o van requirindo. Hai dous tipos: estáticos (que se instalan nun lugar concreto da casa e non se poden mover polas distintas estanzas) ou dinámicos (que poden trasladarse). O seu custo, en calquera caso, é moi elevado con respecto aos aparellos eléctricos tradicionais: poden conseguirse no mercado dende 2.000 euros. Grazas aos acumuladores pódese aproveitar a tarifa nocturna e aforrar máis do 60% en consumo eléctrico. Non obstante, o kw/h consumido durante o día leva unha recarga con respecto á tarifa convencional, o que invita a valorar coidadosamente a idoneidade de optar por este sistema.
- Estufas de butano: é un dos métodos máis tradicionais, pero que actualmente se instala nunha porcentaxe moi reducida de vivendas (basicamente rurais). O seu custo é dos máis baratos (as estufas pódense conseguir dende 30 euros e as bombonas de butano custan na actualidade 13,19 euros). A súa contaminación é das máis altas e a súa eficiencia enerxética das máis baixas. Só son recomendables para quentar espazos reducidos. Entre as súas desvantaxes convén mencionar que unha vez apagada a estufa, a sensación de calor desaparece decontado.
- Bombas de calor: Trátase de sistemas mixtos, capaces de dar calor no inverno e frío no verán. A súa peculiaridade é que contan cun climatizador que absorbe o aire, o filtra e o devolve frío ou quente, segundo as necesidades. Permiten manter unha temperatura constante na vivenda. O habitual é que se trate de equipos independentes, aínda que son moito máis recomendables os sistemas centralizados, nos que a calor transferida pola bomba é distribuída por unha rede de condutos de aire e reixas ou difusores (o máis usual) ou mediante tubos con auga quente a través dos cales se fai pasar aire. A vantaxe do sistema é a súa alta eficiencia: por cada kw/h de electricidade consumida transfírense entre 2 e 4 kw/h de calor. O seu inconveniente é que cando as temperaturas son moi baixas funcionan peor, ao teren dificultades para captar a calor do ambiente exterior. Algúns equipos, nese caso, recorren a resistencias eléctricas de apoio. O custo do aparello parte dos 1.000 euros, aínda que a instalación pode elevarse ata os 3.000 ou os 6.000 euros.
Os sistemas de última xeración
Amais dos tradicionais métodos de calefacción comentados anteriormente, nos últimos anos comezaron a proliferar as ofertas de entidades que brindan a posibilidade de quentar os fogares por sistemas de enerxías alternativas, pouco contaminantes. Algúns dos máis novidosos son os seguintes:
- Calor por chan radiante: consiste na instalación de aparellos de calefacción baixo o chan, polo teito ou nas paredes. Este sistema permite que a calor se espalle de xeito uniforme por toda a casa. O seu custo de instalación é substancialmente máis alto ca os sistemas tradicionais, xa que obriga a realizar unha grande obra no fogar. Nun fogar duns 100 metros o prezo parte dos 6.000 euros. Este sistema pode funcionar con caldeiras ou con placas solares. Se se recorre ás caldeiras de auga quente, pódese aforrar ata un 20% respecto ás instalacións de gas natural. Isto é así xa que a temperatura á que hai que quentar a auga é moi inferior (xeralmente entre 35 e 45 graos) á que requiren os radiadores. Con placas solares, a eficiencia enerxética é moito maior, pero o custo de instalación subiría entre un 20 e un 40% (nese caso, roldaría os 10.000 euros).
- Placas solares: Un dos sistemas máis novos é optar pola instalación de placas solares, capaces de transformar a enerxía térmica ou fotovoltaica en eléctrica e, polo tanto, en calefacción. O seu custo, non obstante, é o máis alto dos devanditos. Nunha casa de 90 metros, a instalación das placas pode roldar os 120.000 euros. A súa alta eficiencia é unha das súas maiores vantaxes, ao igual que a posibilidade de vender a enerxía eléctrica transformada. Non obstante, o custo de amortización do investimento non se recupera ata pasada unha media de 10 anos. A incerteza regulatoria fai pouco recomendable este sistema.
- Evitar o exceso de calor. Nas salas de estar principais, a temperatura recomendada oscila entre os 18 e os 22 graos, nos dormitorios baixa a 17 e 19 graos. En realidade, por cada grao que se incrementa a temperatura dun edificio ou vivenda, o consumo enerxético aumenta nun 7%, ao igual ca o gasto en calefacción e as emisións de CO2.
- Calor nocturna. Durante as noites pódese reducir a temperatura ata os 15-17 graos, aínda que o máis eficiente é apagala de todo. Para evitar fugas de calor, é aconsellable baixar as persianas polas noites e correr as cortinas.
- Fugas de calor. Para evitalas, é preciso usar fiestras que teñan sistemas de dobre acristalamento: as sinxelas poden producir perdas de calor e frío de ata 4 veces máis ca as dobres. As mellores son os modelos que contan con pontes térmicas.
- Aire fresco. É un dos dilemas máis frecuentes no inverno: como airearmos a casa sen perdermos calor? Para conseguilo, é fundamental evitar unha ventilación excesiva da vivenda. En condicións normais, con abrir as ventás durante 10 minutos abonda para lograr unha renovación do aire de cada unha dos cuartos.
- Se a vivenda se atopa nunha zona fría, hai que elixir un sistema que manteña a calor de xeito constante.
- En caso de que o fogar estea situado nunha zona cálida, abondará cun sistema que permita lograr a temperatura ideal de xeito puntual.
- Convén estudar as posibilidades técnicas de efectuar a obra que leva consigo a instalación. Cómpre sopesar o desembolso económico que suporá e pensar en cantos anos se vai amortizar.
- Cando se trata de sistemas que precisan a subministración de combustible a granel (bombonas de butano, gasóleo…) é preciso coñecer o servizo de repartición, a frecuencia da distribución e a accesibilidade dos vehículos de transporte á vivenda. Se a casa se atopa nunha área de frecuentes nevadas, haberá que ter en conta que a subministración de combustible se pode ver interrompida pola inaccesibilidade dos camións de repartición.
- Non hai que perder de vista o mantemento posterior que vai precisar o sistema de calefacción que se elixa, xa que será un gasto para toda a vida útil do sistema. Todas as instalacións de calefacción, a excepción da eléctrica, requiren de inspeccións periódicas que deben ser realizadas por empresas instaladoras autorizadas.