Dietas de adelgazamento: a mentira de basealas no grupo sanguíneo
A dieta do grupo sanguíneo é un método que se apoia en supostas propiedades adelgazantes e de promoción da saúde. Trátase dunha fórmula que se comezou popularizar a mediados da década dos anos cincuenta do século XX. Ao primeiro, a incerteza sobre algunhas cuestións metabólicas difíciles de comprobar daquela facilitaron o seu auxe. Non obstante, hoxe en día, non hai tales evidencias. Mediante a restrición de determinados alimentos e en función do grupo sanguíneo, promóvese o seguimento dun sistema non só ineficaz, senón que ademais pode carrexar problemas de saúde ao aumentar o risco de que a achega de nutrientes esenciais non se cubra.
A orixe
Os primeiros descubrimentos que puxeron en evidencia as diferenzas interindividuais entre os distintos tipos de sangue realizáronse a comezos do século XX. Cara a 1901 Karl Landsteiner descubriu o sistema denominado AB0 (a-b-cero), que clasifica o sangue en catro serotipos básicos: A, B, AB e 0 (cero), en función da presenza individual (grupos A e B) ou dobre (grupo AB) de dous tipos de proteínas nas membranas dos glóbulos vermellos, ou ben a súa total ausencia (grupo 0).
Estas premisas serviron como punto de partida para establecer vínculos, sen rigor científico ningún, entre o que se debe comer ou evitar comer en virtude do grupo sanguíneo de cada persoa. De non seguir as recomendacións dos seus defensores -elixir e rexeitar os alimentos que en cada caso correspondan- a saúde pode quedar afectada. O sistema atribúe distintas morfoloxías e características do aparello dixestivo en función do sangue, unha cuestión que, dalgún xeito, pretende redundar nos efectos que terían distintos patróns alimentarios entre os diversos individuos.
Límites no consumo de alimentos e de exercicio
Este sistema indica, de xeito erróneo, que as persoas cun grupo sanguíneo A deberían seguir un patrón alimentario baseado nos vexetais. Beneficiaríanse ao máximo ao consumiren os alimentos do xeito menos manipulado e transformado posible, sobre todo a partir de produtos ecolóxicos. As do grupo B, non obstante, experimentarían unha especial ganancia de peso a consumiren millo, tomate, trigo, lentellas, cacahuetes ou polo, considerados tóxicos para a súa condición. E no canto destes propóñense outros alimentos. Ás persoas co grupo AB recoméndaselles evitar os afumados, a cafeína ou o alcohol e optar por alimentos de orixe mariña, o tofu, os lácteos e os vexetais de folla verde.
Para rematar, a alimentación das persoas do grupo 0 deberíase basear nos alimentos de orixe animal. En cambio, os ricos en hidratos de carbono serían moi prexudiciais. Algúns dos beneficios no seguimento da dieta do grupo sanguíneo pódense constatar, de novo segundo os propios promotores, en perda de peso, redución do nivel de estrés, mellora do sistema inmunitario ou da sensación de fatiga, maior claridade mental ou aumento da mobilidade das articulacións. Pero o método vai alén das recomendacións dietéticas e tamén incide na diferente necesidade de practicar unha determinada actividade física, no canto doutra, en función do grupo sanguíneo de cada persoa. Deféndense teorías como que o exercicio extenuante está indicado para os que teñen grupo 0, o ioga para os do tipo A, mentres que os exercicios aeróbicos, como correr, andar, montar en bici ou nadar, son máis apropiados para os grupos B e AB.
Sen o respaldo das autoridades sanitarias
Os preceptos da dieta do grupo sanguíneo defenden, ademais, unha relación estreita coa suposta orixe de cada un dos grupos e a evolución do ser humano e caracterizan fitos concretos no seu desenvolvemento evolutivo. Deste xeito, o grupo 0 considérase “ancestral” ou primeiro, a partir do cal evolucionou o resto. Se ben o cero sería o cazador-loitador, ao A corresponderíalle ser o recolector-agricultor, ao B o gandeiro e o AB sería unha mestura dos dous anteriores, unha teoría que non comparte en absoluto a comunidade científica e, moito menos, as distintas incidencias de enfermidades que, tamén segundo este método, caracterizarían a cada grupo.
A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) alerta na súa páxina web sobre as dietas milagre, entre as que se atopa a do grupo sanguíneo, dieta da que se poderían derivar importantes trastornos para a saúde de se levar á práctica. Nun informe sobre estas dietas realizado no 2007 polo comité científico da AESAN, constituído por sociedades científicas de recoñecido prestixio e por grupos de profesionais sanitarios (a Organización Médica Colexial, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade, a Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética) afírmase que “non existe unha relación comprobada dende o punto de vista científico entre o tipo de sangue e a utilización de tecido graxo. A prohibición de alimentos fai que a dieta estea asociada con sensacións de fame e sufrimento, e induce á perda de masa libre de graxa, en vez de masa graxa”.
De igual maneira, a información que achega sobre estas dietas o portal de Internet Medline, un servizo da Biblioteca Nacional de Medicina dos EEUU, está sempre relacionada no marco das dietas de moda, tal e como afirma a Asociación Americana de Médicos de Familia. Estas modas son perecedoiras, de aí que en ocasións se presenten como estratexias novas cando se deixou de falar delas durante un tempo e volven saltar á palestra uns anos despois.
A tarefa de atopar información sobre este sistema nos buscadores de Internet especializados en cuestións científicas (Pubmed, Cochrane, etc.) é infrutuosa, malia a que os principios das dietas asociadas ao grupo sanguíneo non son novos, xa que se remontan aos anos cincuenta do século XX.
En concordancia co avance do tempo e dos descubrimentos científicos, os preceptos da dieta do grupo sanguíneo remodeláronse e agora convídase aos potenciais seguidores a se faceren unha análise xenética diagnóstico (logo de pagamento), cando anos atrás abondaba con coñecer o grupo sanguíneo. O fundamento científico que esta nova análise ten para recomendar e excluír alimentos é nulo. A pesar de que a cuestión xenética é unha variable nova, é un estilo dietético máis entre as dietas milagre.
Polo tanto, este sistema carece dunha base sólida que garanta o seu éxito e, o que resulta máis perigoso, comporta un risco para a saúde derivado da limitación do consumo de alimentos básicos ou de grupos de alimentos enteiros. Ademais, cumpre con oito dos nove puntos característicos xerais que, a miúdo, inclúen os distintos sistemas adelgazantes pouco ou nada rigorosos, incluído o de pór á disposición dos usuarios un inmenso catálogo de complementos alimenticios caros e ineficaces baixo a promoción de ser “exclusivos do sistema”.