Cada bocado deixa unha pegada no planeta

CALQUERA ACCIÓN COTIÁ DEIXA UNHA MARCA NO MUNDO QUE NOS RODEA. E, EN CONCRETO, OS NOSOS HÁBITOS ALIMENTARIOS ESTÁN ‘DEVORANDO’ O PLANETA. PEQUENOS CAMBIOS NAS NOSAS OPCIÓNS DE COMPRA AXUDARANNOS A LEVAR UNHA DIETA MÁIS RESPECTUOSA CO MEDIO.
1 Decembro de 2019
GettyImages 991030546

Cada bocado deixa unha pegada no planeta

Pode parecer unha receita sinxela: biscoito, chocolate e nata. Pero, se temos en conta as materias primas (cacao, fariña, ovos, azucre…) que usamos na nosa cociña xunto coa auga e a enerxía necesaria para producir cada ingrediente, un simple anaco de torta necesita máis recursos dos que poderiamos chegar a imaxinar. Pero non sempre somos conscientes diso: calquera produto ou acción cotiá –desde comer ata trasladarnos ao traballo ou vestirnos– require unha gran cantidade de recursos e deixa un rastro no mundo que nos rodea. Para calculalo utilízase a pegada ambiental, un amplo concepto que mide o impacto xeral que unha actividade ten sobre o medio, axudando a definir se é sostible ou non. O concepto de “pegada” engloba varias categorías de impacto no medio.

  • Pegada ecolóxica. Mide a superficie produtiva de cultivos, pastos, bosques, zonas pesqueiras e áreas de infraestruturas necesarias para producir os recursos que consumimos, e a área requirida para asimilar os residuos que xeramos. Por exemplo, a superficie que se necesita para xerar os pastos necesarios na produción un litro de leite (incluído o seu envase).
  • Pegada de carbono. Avalía a cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro, medida en toneladas de CO2 equivalente (inclúe todos os gases causantes do efecto invernadoiro, como o metano, o óxido nitroso, os hidrofluorocarburos…), que emitimos de forma directa ou indirecta como consecuencia do desenvolvemento de cada actividade que realizamos. Continuando co exemplo do leite, durante toda a produción dun litro de leite (desde a gandería ata a industria e o transporte) emítense 1,6 kg de CO2 á atmosfera.
  • Pegada hídrica. Calcula o consumo de auga doce empregada na produción dos bens e servizos que consumimos. Segundo datos da organización Water Footprint Network, para producir ese litro de leite utilízanse 1 020 litros de auga. A Unión Europea reduce esa cifra a 352 litros. Estas cifras inclúen non só a auga incorporada ao produto, senón a que se contaminou, a que se devolve a outra conca ou ao mar e, ata, a evaporada en todos os procesos.
  • Pegada ambiental. As dúas anteriores inclúense na pegada ambiental, que valora o impacto global que a produción e o consumo teñen sobre o medio considerando distintos indicadores, como o consumo de auga, de enerxía ou as emisións de gases de efecto invernadoiro. Por exemplo, a pegada ambiental dese litro de leite engloba desde a auga, a superficie de chan ou a electricidade empregados na súa produción ata a queima de combustibles fósiles para o seu transporte ou os residuos dos seus envases.

A pegada dos alimentos

Como vimos, toda acción deixa unha marca concreta no planeta, que pode traducirse en quentamento global orixinado pola emisión de gases de efecto invernadoiro (pegada de carbono), en termos de esgotamento de recursos ou con parámetros como a degradación da capa de ozono, entre outros. Tomándoo por separado, cada impacto pode ofrecer unha perspectiva parcial da pegada ambiental global dun alimento. É dicir, se consideramos unicamente a súa pegada de carbono ou a súa pegada hídrica poderiamos estar a obviar impactos relevantes noutro punto do ecosistema. Para ter unha visión máis ampla, a UE traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía harmonizada para calcular a pegada ambiental, incluíndo todo o seu ciclo de vida, desde a extracción das materias primas ata os residuos tras o seu consumo, así como 15 categorías de impacto distintas.

“O seu cálculo require unha gran cantidade de datos”, afirma Saioa Ramos, investigadora de Azti, un centro tecnolóxico especializado na cadea de valor da alimentación. “Se falamos de iogur, por exemplo, é necesario coñecer os datos de todas as granxas ás que a empresa láctea lle compra o leite, e o tipo e orixe das materias primas dos pensos. Tamén, a distancia e os modelos de camión que se utilizan para transportala. Unha vez na fábrica, hai que contar con electricidade, gas natural, auga…, e cos envases. Sen esquecer os quilómetros que percorren ata o supermercado e ata o noso fogar”, explica a experta.

Da dificultade para solicitar estes datos xorde o proxecto ElikaPEF –liderado por Eroski e coordinado por Azti–, un sistema avanzado para o cálculo, información e verificación da pegada ambiental de produtos alimentarios no País Vasco. “Consiste nunha ferramenta que lles facilita ás empresas a recompilación dos datos para calcular o impacto ambiental dos seus produtos”, comenta Ramos. Coñecer estes impactos permítelles ás empresas deseñar medidas e estratexias para reducilos, incluíndo procesos máis eficientes e con menor pegada ambiental. Para guiar os consumidores, o desenvolvemento da pegada ambiental da UE tamén dá a posibilidade da creación dunha etiquetaxe similar a Nutri-Score, o sistema que mide a calidade nutricional dun alimento. Esta etiqueta ambiental axudaranos a tomar eleccións de compra responsables tendo en conta aspectos que van máis aló da orixe ou o material do envase e que teñen un gran peso na pegada que xeran.

Canta auga fai falta para producir alimentos?

Desde a obtención de materias primas ata chegar ao consumidor final, todo o proceso de produción dun alimento provoca un gasto de auga doce. Pero a pegada hídrica non é igual en todos os produtos.

  • Tomate: 217 l/kg
  • Leituga: 237 l/kg
  • Patacas: 287 l/kg
  • Mazá: 822 l/kg
  • Pan: 1.608 l/kg
  • Pasta: 1.849 l/kg
  • Arroz: 2.497 l/kg
  • Tenreira: 15.415 l/kg
  • Chocolate: 17.196 l/kg

 

Fonte: Water Footprint Network.

Canto custa o que como?

Temos uns hábitos alimenticios que devoran o planeta, polo que a comida supón un peso moi importante na nosa pegada. A Organización de Nacións Unidas (ONU) cuantifica que a produción de alimentos consome un 30 % do total de enerxía no mundo e é responsable do 22 % das emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, calcúlase que fai uso do 70 % da auga doce dispoñible e do 11 % da superficie da Terra. O sistema alimentario tamén se atopa no epicentro da crise climática. Os expertos do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) instan nun recente informe –Cambio climático e os usos do chan– a unha transformación do sistema alimentario para enfrontar o cambio climático. Unha ameaza que, á súa vez, exerce un estrés adicional nos chans, aumenta o seu degradación e reduce o subministro de alimentos (ao diminuír, por exemplo, os cultivos de trigo e millo).

Superamos os límites da terra

O último Informe Planeta Vivo da organización non gobernamental WWF sinala que a nosa pegada ecolóxica aumentou case un 190 % nos últimos 50 anos. Isto significa que estamos levando á natureza ao límite, consumindo por encima do que é capaz de xerar. De feito, o pasado 29 de xullo, a humanidade acabou co orzamento de recursos que a Terra tiña para todo o ano. É o chamado Día da Sobrecapacidade da Terra, calculado por Global Footprint Network (GFN), unha data que se adiantou dous meses nos últimos 20 anos. A este ritmo de consumo, necesitariamos 1,75 planetas para satisfacer a nosa demanda. Esta data varía en gran medida segundo o país. Qatar, por exemplo, entra en “déficit ecolóxico” o 11 de febreiro, mentres que Indonesia chega ata o 18 de decembro sen utilizar recursos extra. Pola súa banda, os xaponeses necesitan 7,7 países como o seu para satisfacer as súas demandas; e faría falta un territorio do tamaño de catro veces China para abastecer a cidadanía dese país cada ano. En España as predicións non son moito máis optimistas. O noso país xa esgotara os recursos anuais o pasado 28 de maio. Ata ese día, vivimos e consumimos coma se tivésemos á nosa disposición o equivalente a 2,9 países como o noso, tal e como asegura Global Footprint Network.

Que debe cambiar?

O consumo desmedido de recursos acelera a crise climática sen precedentes que vivimos. Xa que logo, vivir sen exceder os límites do planeta require inevitablemente unha redución xeral do consumo. Gobernos, produtores e consumidores debemos apostar, ademais, por formas de produción e de consumo máis respectuosas co medio. Como vimos antes, o noso sistema de produción actual é altamente demandante de auga, chan e enerxía. “Para melloralo é imprescindible realizar boas prácticas agrícolas e gandeiras”, afirma Celsa Peiteado, experta en agricultura de WWF. Unha boa forma de facelo é utilizar fertilizantes naturais no canto dos químicos e optar polo uso de razas autóctonas e cultivos locais, “mellor adaptados ás condicións de clima ou de chan” propias de cada territorio. Apostar pola gandería extensiva axuda a protexer os pastos –que son sumidoiro de carbono– e dá emprego en zonas rurais. “Ademais, é importante recorrer ao rego deficitario controlado, é dicir, utilizar só a auga que necesita o cultivo para ter colleitas de calidade, á vez que se respectan os ríos e demais ecosistemas acuáticos”, explica a experta. Non poden deixarse de lado os métodos de produción sostible, como a certificación ecolóxica, o selo Marine Stewardship Council (MSC), que garante unha pesca respectuosa co medio, ou o selo GlobalG.A.P. (Good Agricultural Practice) que acredita, entre outras, as boas prácticas agrícolas ou a sostibilidade do peixe procedente da acuicultura.

Unha compra responsable

A outra cara da moeda, o consumo, é tamén fundamental neste cambio. Os consumidores temos a oportunidade de facer unha compra responsable que diminúa a pegada que o noso día a día deixa no medio. Para facelo, debemos ter en conta todas as fases de vida do produto: a produción, o consumo e os residuos. Evitar un envase de plástico non implica que ese alimento sexa sustentable se a súa produción deixa un enorme impacto hídrico no lugar de orixe ou se a gran cantidade de pesticidas empregados contamina a auga e o chan onde crece. Aínda que non se inclúe a pegada ambiental na etiqueta dun produto, existen hábitos que o consumidor pode seguir para reducir este impacto (ver despece páxina 49). Pequenos cambios nas nosas opcións de compra que poden ter un gran impacto na nosa propia saúde e na capacidade de producir alimentos do planeta. E ti, que pegada queres deixar no mundo?

Como ser un consumidor máis responsable

Brenda Chávez, avogada e xornalista experta en consumo sostible e autora do libro Tu consumo puede cambiar el mundo, explica as claves para elixir produtos máis respectuosos co medio.

  • Apostar por produtos de orixe local ou de proximidade para minimizar o transporte.
  • Evitar os alimentos procesados ou ultraprocesados e optar por produtos frescos e de tempada.
  • Comprar mellor se é a granel. Leva os teus propios envases e bolsas de tea e evita os produtos en envases de plástico.
  • Buscar alimentos con selos que garantan que foron producidos de forma máis sostible, como a certificación ecolóxica.
  • Fuxir dos alimentos quilométricos. Aínda que proceda dun cultivo ecolóxico, comprar aguacates ou plátanos que veñen da outra punta do planeta non é sostible. Hai alternativas máis próximas que viaxaron menos quilómetros para chegar ao noso comercio.
  • Apostar pola pesca artesanal e local. Ten menor pegada que a industrial e respecta máis os océanos. Identificar tamén o selo MSC nos produtos pesqueiros: garante o súa extracción sostible.
  • Se consomes carne, elixir produtos procedentes de gandería extensiva ou ecolóxica mellor que industrial, que ten maior pegada e impacto.
  • Evitar a dilapidación de comida planificando ben a compra. Segundo datos da FAO, cada ano tíranse ao lixo 1 300 millóns de toneladas de alimentos.
  • Optar por produtos que proveñan do comercio xusto, que garante unhas condicións laborais dignas para os produtores e o respecto polo medio.
  • Ler as etiquetas dos produtos e aprender a entendelas e descodificalas (e saber así, todos os ingredientes).
Impacto de un litro de leche en el medio ambiente

A produción de calquera alimento deixa unha pegada ambiental que afecta no aire, no chan, á auga e nos recursos. Como exemplo, analizamos os principais impactos dun dos produtos máis populares, un litro de leite. No gráfico inferior pódese ver como se distribúen eses impactos no ciclo de vida do leite.

  • Acidificación. Descenso do pH dos océanos provocado polas emisións de CO2 á atmosfera. Mídese pola concentración de ións de hidróxeno. 0,0128 mol de hidróxeno, tres veces menos que o que se emite ao producir un quilo de pasta seca.
  • Uso de auga. Cantidade de auga utilizada en relación coa que se dispón na rexión ou conca da que se extrae. 383 litros. Isto equivale a máis de dúas duchas de 9 minutos.
  • Cambio climático. Emisións de gases de efecto invernadoiro. 1,61 kg de CO2 eq. Equivale a conducir 9 km en coche.
  • Partículas en suspensión. Contaminantes que se atopan no aire. Neste caso son partículas dun diámetro de 2,5 micrómetros ou menos. 0, 000000105 kg. Tres veces inferior ao que emite un quilo de pasta seca.
  • Esgotamento de recursos. Gasto potencial de combustibles fósiles como o petróleo ou carbón. 2,27 kilovatios/hora. Un quilo de pasta, por exemplo, consome 10 kwh.
  • Eutrofización auga doce. A actividade industrial produce vertidos tóxicos que acaban nos ríos, lagos e embalses. 0, 0001144 kg de fósforo. Similar ao que contamina producir 75 ml de viño
  • Eutrofización mariña. O incremento de nitróxeno debido, entre outros, aos excrementos dos animais. Isto provoca o crecemento de algas e outras plantas que poden deixar os peixes sen suficiente osíxeno. 0,00383 kg de nitróxeno. Case 10 veces menos que 75 ml de viño.