Insomnio: días sen noite

Cando Morfeo nos evita, o máis efectivo é abandonar a cama e deitarse de novo cando se teña sono de verdade
1 Xuño de 2011
Img salud listado 757

Insomnio: días sen noite

Os minutos parecen horas e as horas días. Así se resume a experiencia que cada noite experimentan numerosas persoas ante o desexo, e a necesidade, de durmir e a imposibilidade de conseguilo. Non hai solucións máxicas para conciliar o sono, non hai ovellas milagreiras nin libros que logren que o lector insomne dea durmido. Recoñecer que se sofre insomnio e contarllo ao médico é un paso determinante para solucionar este problema que afecta en maior medida ás persoas a partir dos 60 anos, e máis aínda ás mulleres ca aos homes. En concreto, segundo os últimos estudos, o 6,4% da poboación española padece insomnio e o seu impacto varía en función do sexo (afecta ao 7,8% das mulleres e ao 4,9% dos homes) e da idade (diagnosticouse no 3,3% da xente máis nova, fronte ao 9,8% dos maiores de 65 anos). Entre os posibles tratamentos, os fármacos hipnóticos deben ser o último recurso, xa que o risco de caer no pesadelo da súa dependencia é alto. Con todo, nos últimos anos desenvolvéronse medicamentos máis específicos para este trastorno e con menos efectos secundarios.

Malos hábitos e diferentes estados de ánimo

Considérase que unha persoa padece insomnio cando ten dificultades para durmir o tempo desexado, no momento elixido e coa profundidade axeitada durante un mes seguido ou máis e sen que haxa unha causa evidente que o xustifique. En ocasións, este é un síntoma derivado doutro problema ou enfermidade. Entre as circunstancias que contribúen a romper o sono destacan procesos con dor e as molestias derivadas da nocturia ou incontinencia, do embarazo, da inxestión de medicamentos con cortisona -con potenciais efectos secundarios sobre a alteración do sono- ou do consumo elevado de café ou de produtos con cafeína. Pero non só iso; os malos hábitos nocturnos tamén pasan factura. Nalgúns casos, os afectados aprenderon a durmir mal. Por iso, ao entraren no cuarto para durmir, no canto de se relaxaren, desvélanse, estrésanse e pasan, de xeito crónico, as noites co sono alterado. Esta circunstancia convértese nun perigoso círculo vicioso malo de superar. O desenvolvemento de actividades na cama, como ver a televisión, escoitar a radio ou cear nela contribúe a que se orixine este fenómeno. As persoas con máis predisposición a sufriren insomnio son as de natureza máis reflexiva ou pensativas, as que lles dan moitas voltas ás cousas, as que se angustian con maior facilidade, ou as que sofren trastornos do ánimo, como a depresión ou a ansiedade, durante o día e os trasladan á noite. Nas mulleres, ademais, é posible que haxa algún factor hormonal que desencadee o insomnio, xa que moitas afectadas durmiron ben toda a vida, pero comezan a ter os primeiros síntomas de insomnio a partir da menopausa.

Insomnios de todos os tipos

O insomnio non é igual en todas as persoas. Pola súa duración, pode ser agudo, sempre que sexa puntual e se manifeste ante un episodio de estrés, de dor ou dun dó que impide durmir. Pero tamén crónico, se se mantén ao longo do tempo. Este último é o que ocasiona máis molestias e o que adoita levar os pacientes a facerlle unha consulta ao médico.

Pola maneira de presentarse pode ser insomnio de conciliación, cando custa coller o sono pero, así que se logra, se dorme relativamente ben; insomnio de mantemento, se se dorme sen problemas, pero con varios espertares durante a noite; e insomnio de finalización, se se produce ao final da noite, e que consiste en espertar de modo precoz, a partir das catro ou cinco da mañá, e ficar cos ollos ben abertos. Así e todo, cómpre aclarar que os insomnes poden experimentar diversas combinacións de todas elas. Outra clase de insomnio é o insomnio familiar fatal ou insomnio familiar letal, unha enfermidade rara, causada por unha proteína priónica que dana as células do cerebro e que pode afectar a varios membros dunha mesma familia. Coñécense 100 casos en todo o mundo, dos cales 40 rexistráronse en España e a metade deles concéntranse no País Vasco. O insomnio é un dos seus síntomas, como manter a tensión arterial alta ou ver alucinacións, pero non o máis importante, aínda que figure na denominación da enfermidade.

O diagnóstico: en primeira persoa

O diagnóstico dun caso de insomnio realízase a partir da historia clínica, cando o afectado lle conta ao médico o seu caso en primeira persoa. Con este sistema ás veces descóbrese que en realidade o paciente ten insomnio por unha mala percepción do propio sono. É dicir, que o afectado di durmir mal e ver pasar as horas do reloxo. Agora ben, cando se realiza un rexistro de sono, compróbase que dorme máis do que di e do que cre. É habitual que non sexa necesario realizar ningunha proba rutineira do sono para establecer o diagnóstico.

Outras veces descártase o insomnio porque se detecta outro trastorno neurolóxico, como a síndrome das pernas inquedas. Esta enfermidade impídelle ao afectado conciliar o sono porque ten sensación de malestar e inquietude nas pernas, un síntoma que mellora ao camiñar. Aínda que nun inicio pareza insomnio, non o é. De feito, esta síndrome trátase de xeito distinto, con medicamentos dopaminérxicos, parecidos aos que se empregan para tratar a Enfermidade de Párkinson.

Posibles tratamentos

O primeiro paso para superar o insomnio é identificar a súa causa (horarios desaxustados, pautas de condutas nocturnas inadecuadas, dores, tomar medicamentos ou substancias con efectos estimulantes). Así que se excluíron estes factores, velaquí os pasos terapéuticos:

  • Mudar de hábitos: médico e paciente deben repasar as pautas de comportamento durante o día (non só nocturnas) para corrixir hábitos incorrectos que impidan conciliar o sono. Por exemplo, se o paciente realiza moitas actividades de día (como ter dous traballos ou practicar deporte) o médico diagnosticará que este ritmo de vida é incompatible con quedar durmido en 30 segundos. Antes requírese un tempo para relaxarse.
  • Terapia cognitivo-condutual e técnicas de relaxación: para superar a angustia que xera non poder descansar e adoptar pautas de conduta previas ao sono, recórrese á terapia cognitivo-condutual, por parte dun psicólogo, e tamén se ensinan técnicas de relaxación como o ioga.
  • Tratamentos hipnóticos: os somníferos deben ser o último recurso ao que recorrer en caso de insomnio. A recomendación é que só se tomen durante dúas ou tres semanas se o paciente non se dá liberado da angustia, e sempre despois de facer cambios de conduta previos. O problema é que moitas persoas non os dan deixado despois. Estímase que o 4% da poboación os toma de xeito continuado. Cómpre extremar as precaucións cando estes fármacos se lles administran aos anciáns (os máis afectados polo insomnio). Estas persoas visitan varias veces o baño de noite e corren certo perigo, xa que poden experimentar dificultades para reaccionar e sufrir caídas.
  • Novos tratamentos: nos últimos anos xurdiron fármacos máis específicos e con menos efectos secundarios para combater o insomnio. Uns deles son os agonistas do receptor da melatonina, unha hormona natural do organismo que se segrega de noite e que favorece o sono. Recéitase principalmente cando o paciente sofre depresión, pero tamén é útil para combater o insomnio, a miúdo asociado a esta enfermidade mental.

Os efectos de non durmir

As consecuencias de pasar as noites en vela fanse visibles durante o día, sobre todo se o insomnio se dilata no tempo sen un tratamento. Os afectados acúsano na falta de concentración e na sensación de malestar e de cansazo. O corpo non descansa e non se atopa ao 100%. A longo prazo, diversos estudos demostraron que o insomnio crónico comporta máis risco de desenvolver depresión e de consumir substancias sedantes ou alcohol -que tamén ten un efecto sedante- para relaxarse e durmir. E é que hai persoas que mesturan varias destas substancias para conseguilo, pero sofren un alto risco de dependencia. Ademais, varios estudos científicos intentan demostrar que as persoas insomnes teñen un maior risco de padecer hipertensión.

Quero pero non dou: consellos para durmir
  1. Se non se ten sono de verdade, non hai que irse deitar.
  2. Evitar realizar actividades na cama como ver a televisión, escoitar a radio ou comer. Contribúen a desorientar o corpo e a non conciliar o sono.
  3. Se espertamos a media noite e comezamos a poñernos nerviosos, é preferible saír da cama e volverse deitar cando se teñan ganas de durmir.
  4. Os medicamentos hipnóticos non son a solución ao problema. Para lles pór fin ás noites en vela convén acudir ao médico; el é quen debe determinar o tratamento máis efectivo.
  5. Estes consellos non son extrapolables a todo o mundo. O mellor é consultar o médico.

Fonte: Joan Santamaría, responsable da Unidade Multidisciplinar de Trastornos do Sono do Hospital Clínic, de Barcelona