Centros de adelgazamento: analizados 110 establecementos en 18 cidades de todo o país

A metade dos centros analizados recomendan un tratamento dietético baseado unicamente en produtos estrela

Case un de cada catro profesionais que atenden estas consultas dietéticas non contan con formación cualificada
1 Xuño de 2011
Img tema listado 172

A metade dos centros analizados recomendan un tratamento dietético baseado unicamente en produtos estrela

/imgs/20110601/tema1.jpg
Para moitos chega un dos momentos máis temidos do ano: enfundar, por primeira vez, o bañador. No espello, outros tantos comproban que a mala alimentación e mais unha vida sedentaria puxeron uns cantos quilos de máis nos seus corpos. De feito, un 37% dos españois -maiores de 18 anos- ten sobrepeso, un 17% mesmo é obeso (segundo os últimos datos do INE). É entón cando a operación bikini arranca, e con ela o negocio de numerosos centros de adelgazamento que prometen verdadeiros milagres case sen esforzo e, en moitas ocasións, poñendo en perigo a saúde do paciente… e mais a do seu peto. Para comprobar se realmente estes centros ofrecen un tratamento saudable e eficaz, se o seu persoal está debidamente formado e se son establecementos que ofrecen garantías sanitarias, EROSKI CONSUMER visitou durante o mes de maio 110 centros de adelgazamento en 18 cidades do país. Os técnicos da revista actuaron como clientes anónimos interesados en perder peso e con esta escusa analizaron 10 centros en Barcelona e Madrid, 7 en Bilbao, Valencia, Málaga, Sevilla e Zaragoza e 5 na Coruña, en Alacante, Córdoba, Granada, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Valladolid e Vitoria. Dos 18 técnicos, oito tiñan un sobrepeso de grao 1, catro presentaban sobrepeso grao 2, na mesma proporción tiñan unha obesidade leve e dous dos colaboradores eran obesos moderados (de grao 2).

Máis da metade suspende

/imgs/20110601/tema2.jpg
A visita realizouse seguindo unhas pautas confeccionadas en colaboración con expertos en dietética e nutrición. Estes criterios permitíronlles aos colaboradores da revista saber que centros lles ofrecían aos seus clientes unha perda de peso realista, eficaz e, o que é máis importante, nuns termos saudables. Estudáronse se os pasos para a identificación do problema de exceso de peso de cada colaborador eran adecuados, como era a explicación do tratamento (se era baseado nun produto estrela ou ben era un programa personalizado con dieta e exercicio físico), a súa eficacia, a profesionalidade e atención demostrada polo persoal do establecemento. Os resultados tras a visita a estes 110 centros coinciden nun aspecto: a promesa de perder peso (en ocasións a un ritmo nada saudable). Algo máis da metade dos establecementos analizados (o 55%) suspende o exame da revista. Hai catro anos, cando se realizou unha investigación semellante, a porcentaxe era algo máis elevada: un 64%. O resto dos centros non acada máis ca un ‘aceptable’, o 34% dos 110 analizados, mentres que apenas un 11% consegue unha nota de ‘ben’. O preocupante ademais é que dos centros que suspenden a análise de EROSKI CONSUMER, un 38% fano con notas tan rechamantes como deficiente ou moi deficiente, mostra da escasa ou nula confianza que dan estes centros de adelgazamento. Non obstante, é unha porcentaxe esperanzadora, xa que hai catro anos a porcentaxe de notas tan baixas ascendía ao 84%.

Por apartados, os resultados son tamén concluíntes, xa que as únicas notas positivas recaen na profesionalidade e na atención ao cliente nestas visitas (ambos os dous cunha nota de ‘ben’). Non obstante, son malas as cualificacións para a identificación do problema de sobrepeso destes pacientes (obtén unha nota de ‘regular’, similar á do 2007) e a explicación e especificación do tratamento (‘deficiente’, ‘moi deficiente’ no 2007). Como exemplos: o 80% dos centros non fai unha identificación correcta do problema de exceso de peso e case a metade dos establecementos basea o tratamento de adelgazamento unicamente no consumo de produtos estrela.

En liñas xerais, as cidades mellor valoradas son A Coruña, Córdoba, Granada, Málaga, Oviedo, Santander e Zaragoza, aínda que cun ‘aceptable’; Barcelona, Bilbao, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia e Valladolid suspenden cun ‘regular’, mentres que Alacante, Murcia e Vitoria o fan cun ‘deficiente’. Aínda que a nota final é mala (‘regular’), mellora o ‘deficiente’ obtido hai catro anos, algo que pon de manifesto que aínda queda moito que mellorar.

Cómpre perder peso?

Sen unha correcta identificación do exceso de peso, de pouco serve recomendarlle ao cliente un tratamento adelgazante ou outro. Os centros de adelgazamento visitados suspenden este apartado cun ‘regular’: o 44% (proporción similar á do 2007) non realizan unha medición axeitada destes parámetros. Polo tanto, como poden estes centros ofrecer un tratamento se non coñecen a dimensión do problema? E é que apenas un 20% dos centros visitados fixo unha correcta identificación do problema de exceso de peso. Entre as principais carencias detectadas cómpre salientar que dos 110 centros de adelgazamento visitados tan só un 28% lle realizou unha exploración física ao paciente, máis alta foi a porcentaxe de centros (un 66%) que se interesaron por saberen se o cliente fixera unha analítica de sangue recentemente, aspectos ambos os dous indispensables para realizar un bo diagnóstico. Non obstante, só o 42% dos centros indagou acerca de tres ou máis antecedentes persoais ou familiares do paciente, mentres que a pregunta de se tomaba algún medicamento non se realizou en 66 dos 110 establecementos visitados, un aspecto fundamental que en ocasións condiciona tanto o tratamento como os seus efectos secundarios.

Outro dos pasos que se debe seguir tras a exploración física é facer un estudo antropométrico, esencial para coñecer se existen ou non uns quilos de máis e mais a distribución e cantidade de graxa corporal do cliente. En concreto, preto do 16% dos 110 centros visitados non fixeron un estudo antropométrico.

Realmente preciso perder peso?
  • Hai unha diferenza importante e considerable entre o desexo de adelgazar e a necesidade de perder peso. Así, convén adelgazar sempre que o sobrepeso afecte á saúde, non por cuestións estéticas.
  • O fundamental é poñerse en mans dun profesional experto en nutrición; nada de dietas pola nosa conta e, por suposto, nada de pastillas milagre. Os innumerables tratamentos baseados en produtos estrela non fan máis que desmotivar, xa que ao prometeren grandes resultados (e sempre sen esforzo), ao comprobar que non chegan, xeran desconfianza e desacougo.
  • Como saber se temos algún quilo de máis? O índice de masa corporal (IMC) é a referencia máis utilizada para determinar onde se sitúa o límite do exceso de peso. Só é válido para adultos de máis de 25 anos de idade. Velaquí a fórmula que hai que aplicar:
IMC (kg/m2) = PESO (kg) / [TALLE (m) x TALLE (m)]
IMC Resultados
Menor que 18,5 Peso insuficiente
18,5 – 24,9 Peso axeitado (Normopeso)
25,0 – 26,9 Sobrepeso grao I
27,0 – 29,9 Sobrepeso grao II (preobesidade)
30,0 – 34,9 Obesidade tipo I (Leve)
35,0 – 39,9 Obesidade tipo II (Moderada)
40,0 – 49,9 Obesidade tipo III (Mórbida)
Mayor que 50 Obesidade tipo IV (Extrema)

En función dos resultados, se estás por riba dun peso axeitado, deberás considerar se acudir a unha consulta dietética para mellorares os teus hábitos de alimentación e mais contemplar aumentar o teu grao de actividade física. Se pola contra o teu peso é baixo ou o axeitado pero tes zonas localizadas do corpo que che gustaría modelar (glúteos, cadeiras, etc.), podes recorrer ao exercicio físico e a tratamentos locais de estética que che axuden a moldear a túa figura, pero nunca seguir unha dieta para adelgazar.

Produtos estrela: os reis do tratamento

/imgs/20110601/tema5.jpg
O cliente que acode a estes centros de adelgazamento busca que, así que se lle fan todas as probas, se lle explique polo miúdo en que consiste o tratamento dietético. Os técnicos de EROSKI CONSUMER comprobaron que o 36% dos profesionais ofrece unha información aceptable sobre os posibles tratamentos. Ademais, cómpre salientar que un 47% dos centros (similar ao estudo do ano 2007) recorre aos tratamentos baseados en produtos estrela, un aspecto que directamente os penaliza na análise desta revista porque estes tratamentos nin ensinan hábitos alimenticios correctos nin serven para manter a longo prazo a redución de peso. Isto acontece en sete centros de Barcelona, en cinco de Bilbao e Sevilla, en catro en Madrid, Alacante, Zaragoza, Murcia e Valencia, en tres en San Sebastián e en Valladolid, en dous na Coruña, en Santander, Vitoria, Granada e Málaga e en un en Pamplona e en Oviedo. Córdoba é a única cidade das 18 na que ningún centro recomendou un tratamento baseado nun produto estrela ou en sesións de cabina.

Polo que atinxe á duración do tratamento, os resultados tampouco son positivos: segundo consenso dos profesionais da saúde, o lóxico sería que o tratamento durase ata acadar o obxectivo marcado ao comezo. Non obstante, esta premisa só se cumpre no 55% dos centros visitados, de xeito que o resto fixa unha data concreta (22%) ou a deixa en mans do paciente (23%).

O ritmo de perda de peso baixo un tratamento saudable débese situar entre 0,5-1 kg por semana, o que supón entre tres e catro quilos ao mes, tal e como recomendan o 89% dos centros visitados este ano. Perder máis dun quilo á semana non é recomendable, polo que a duración do tratamento ten que ter en conta este criterio de saúde.

Profesionais sen formación específica

Tan só médicos (endócrinos ou especializados en nutrición) ou diplomados e técnicos superiores en dietética están cualificados para estableceren valoracións nutricionais e recomendacións dietéticas. Neste sentido, o resultado é satisfactorio (un ‘ben’ fronte ao ‘aceptable’ de hai catro anos), xa que apenas en case un de cada catro establecementos visitados se observou que os profesionais que atenden estes centros non posuían a cualificación recomendable para exercer estes labores.

No tocante á atención ao cliente, apenas hai queixas neste sentido salvo no 5% dos centros no que se cualificou o trato como ‘regular’ (especialmente significativo en case a metade dos centros visitados en Murcia e Alacante) e noutro máis como ‘moi mala’ (nun establecemento da capital murciana).

O prezo de adelgazar e táboas comparativas

Do total de centros visitados, en tres de cada catro ocasións esta primeira consulta era gratuíta, mentres que nos que cobraban por esa visita o prezo medio é de 35 euros.

No tocante ao tratamento, algúns establecementos só ofrecen a posibilidade de que o cliente o pague por completo (en algo máis de un de cada tres) e outros cobran por visita (en case dous de cada tres, arredor dun 63% dos centros visitados). Cando hai que pagar o tratamento integramente, o prezo medio ascende ata os 1.437 euros (un 3% máis caro ca no 2007, cando o IPC destes anos aumentou nesta época un 11%). Por riba desa media sitúanse os centros visitados en Zaragoza, San Sebastián, Sevilla, Vitoria, Bilbao, Valladolid e Alacante (entre os 1.629 euros de media e os 3.235 euros). Pola súa banda, están por baixo do prezo medio os establecementos de Granada (444 euros de media), Málaga (590 euros), A Coruña (738), Valencia (792 euros), Santander (algo menos de 930 euros de media), Oviedo, Pamplona, Barcelona (estes tres últimos arredor dos 1.000 euros), Murcia (1.295 euros) e Madrid (1.382 euros). Para os centros de adelgazamento que cobran por cada consulta ou polos produtos que venden fíxose unha estimación dun mes considerando o custo das visitas e mais do uso de produtos suxeridos en cada centro: a media sitúase nos 78 euros mensuais (case o dobre ca a cifra media obtida no 2007).

Para elixires un bo centro de adelgazamento

Hai unha serie de pistas que poñen de manifesto que estamos ante unha consulta dietética de total confianza:

O profesional que nos atende deberá cubrir unha ficha na que se inclúan:

  • Datos xerais: idade, peso, altura e motivo da consulta
  • Historia clínica e exploración física
  • Aspectos como o estilo de vida da persoa
  • Historia dietética (outros tratamentos de perda de peso, variacións…)

Finalmente, débennos propor unha dieta axustada ao noso caso, equilibrada en nutrientes (non debe faltar ningún alimento básico: lácteos, cereais, féculas -pataca- e legumes, carnes, peixe, ovos e derivados, verduras e froitas e graxas de adición), para evitar posibles carencias nutritivas e garantir unha perda de peso non superior a un quilogramo á semana, especificando que o ritmo de perda de peso difire segundo as persoas e que é necesario realizar seguimento de mantemento para dar mantido o peso perdido. Tamén hai que ter coidado con aqueles centros que só buscan a venda dos seus produtos milagre e non fan unha correcta identificación do problema de sobrepeso e tampouco un tratamento saudable.