Gozar dunha saúd de ferro
Aínda que é un mineral, funciona como un termómetro. É un dos principais indicadores de que o organismo traballa de xeito correcto ou de que algo falla. O ferro é polo tanto, un mineral indispensable para o corpo humano, pero na súa xusta medida. Se escasea, xorde a anemia ferropénica e se sobra, ademais de acurtar a vida, provoca unha enfermidade chamada hemocromatose. Ter unha saúde de ferro é cuestión dun fino equilibrio. Agora ben, gozar dunha saúde de ferro non significa acumular moito ferro no organismo. Hai que ter só o necesario para que exerza as súas funcións, como formar parte do pigmento da hemoglobina (glóbulos vermellos), responsable do transporte de osíxeno a todas as células do organismo.
Cantidade óptima de ferro
O ferro está en todos os glóbulos vermellos do sangue, pero tamén se acumula a xeito de depósito no fígado. O corpo humano non está preparado para eliminalo de xeito eficiente e acumúlao durante toda a vida. A cantidade óptima corporal é de 1,2 g nunha persoa adulta. Se é inferior, significa que o mineral é deficitario e se padece anemia ferropénica. A partir de 2 g considérase que é excesivo e que se sofre hemocromatose ou sobrecarga de ferro, tan prexudicial para a saúde como o seu déficit. A cantidade pódese coñecer mediante o índice de saturación de transferrina ou a ferritina, cunha análise de sangue habitual. Non hai que confundilo co reconto de glóbulos vermellos -ou hemacias- que tamén se realizan nas mesmas análises co fin de detectar se se sofre anemia por concentración baixa de hemoglobina.
Cando falta
A anemia ferropénica é a enfermidade máis frecuente na humanidade. Está moi estendida en países con problemas nutricionais e é máis común en mulleres que en homes debido ás perdas do mineral de forma natural coas menstruacións. Estímase que afecta o 10% das mulleres en idade fértil e tamén a nenos de 2 a 5 anos que pola súa causa poden sufrir alteracións cognitivas.
Un síntoma propio da anemia é o cansazo extremo, a palidez e outras repercusións na pel, caída e deslucimento do pelo, uñas crebadizas ou desenvolvemento de estrías arredor da boca. Segundo estudos recentes, o déficit de ferro podería relacionarse, ademais, coa síndrome das pernas inquedas, un trastorno neurolóxico que impide durmir e que leva a mover de xeito compulsivo as pernas.
A anemia trátase con suplementos de ferro, baixo prescrición médica e un control na alimentación, que debe incluír carne vermella (tenreira), aínda que tamén pode ser branca (polo), vísceras (fígado) ou produtos con sangue (morcilla). O que achegan as espinacas ou as lentellas é máis difícil de absorber.
Cando sobra
A metade da poboación de máis de 50 anos rexistra no seu organismo un exceso de ferro. Esta enfermidade, denominada hemocromatose, pode ser hereditaria por causas xenéticas que impiden absorber o ferro pola dieta normal e que fan que se acumule ao longo da vida. Ao redor de unha de cada 1.000 persoas (o 1% da poboación) están predispostas á hemocromatose e ten especial incidencia entre a poboación masculina.
Tamén pode ser unha doenza secundaria, debido a enfermidades que obrigan a facer transfusións periódicas os afectados que, á súa vez, producen unha sobrecarga de ferro (unha unidade ou bolsa de sangue contén ao redor de 200 mg) en varios órganos que o organismo non pode eliminar e que se acumulan.
Cando a acumulación de ferro alcanza os 5 g no corpo pode provocar problemas de saúde moi graves, como cirrose hepática, cancro de fígado, de páncreas, diabete, artropatías e, mesmo, a morte, se non se trata a tempo. O tratamento consiste en administrar un medicamento (quelantes do ferro) para eliminar o exceso polos ouriños ou a bile e, sobre todo, en realizar sangrías (flebotomías) ou doazóns de sangue de xeito periódico.
- Os homes non deberían comer carne vermella máis dunha vez á semana porque non perden ferro de ningunha forma.
- As persoas de máis de 50 anos han de absterse de tomar alimentos enriquecidos con este mineral, como leites ou cereais.
- As mulleres en idade fértil deben tomar polo menos dúas ou tres veces por semana carne, fígado ou produtos procedentes do sangue como a morcilla.
- Convén, sempre que sexa posible, dar leite materno ou leite maternizada e cereais enriquecidos aos nenos máis pequenos.
- Beber algún zume ácido, de laranxa ou limón, despois dun alimento con ferro axuda a que o noso organismo o poida absorber mellor.
- Facerse doador de sangue beneficia os demais e a un mesmo, porque permite eliminar o mineral sobrante sen chegar á anemia.
Fonte: Albert Altés, xefe do Servizo de Hematoloxía da Fundación Althaia, de Manresa (Barcelona), profesor asociado da UIC e presidente da Asociación Española de Hemocromatosis