Elixir colchón: Máis comodidade, maior descanso, mellor saúde

Os materiais, o tamaño e mais o prezo determinan unha decisión moi persoal na que deben primar os criterios que garantan un bo repouso
1 Maio de 2010
Img salud

Elixir colchón: Máis comodidade, maior descanso, mellor saúde

A adquisición dun colchón equivale á compra de descanso, de comodidade e, en definitiva, de saúde. Velaquí os criterios que deben primar cando, cada 12 anos aproximadamente, substituímos a vella superficie que, farta de aturar o noso peso, en moitos casos multiplicado por dous, sete días á semana durante 7-8 horas de media (os médicos recomendan durmir un mínimo de 52 horas semanais) se acolle agora ao seu dereito de descanso indefinido. As consecuencias de durmir nun colchón deformado, pouco firme ou que renxa afectan de xeito directo á saúde: falta de concentración, ansiedade, fatiga, déficit na memoria e dor muscular. Non nos referimos agora á cantidade de horas que pasamos durmindo -un terzo da nosa vida-, senón á calidade do sono, alén de que o leito individual, infantil ou conxugal aparente manterse en boas condicións. Se cada mañá temos a sensación de incomodidade e de que apenas descansamos, chegou a hora de substituírmos o vello colchón.

Por termo medio, o ciclo de vida dun colchón alcanza o seu fin pasados os 12 anos, 15 se o colchón se utiliza para cuartos de convidados ou segundas residencias. Haberá que adiantar o cambio se aparece unha deformación que fai que o usuario se desprace lenta e involuntariamente cara a ao centro do colchón ao longo da noite, se esperta con dor de costas ou no pescozo, ou se calquera movemento lixeiro da parella chega a interromper o sono do compañeiro. En moitas ocasións, a súa aparencia exterior advirte de que o recambio por outro novo se achega; o son dos resortes, a rotura das costuras e mais o recheo desigual son síntomas claros de que o seu ciclo de vida chegou xa á súa fin.

Unha elección persoal

Amais do prezo, as preferencias persoais determinan a compra dun colchón. Non hai un colchón que se poida cualificar como o axeitado para todo o mundo; cadaquén debe buscar aquel que mellor se adapte ás súas necesidades e gustos particulares. Agrados e preferencias á parte, o certo é que, tal e como se recolle na Escola de Dor de Costas, elaborada por EROSKI CONSUMER, hai certos criterios universais que o consumidor debe ter en conta. A súa lonxitude debe ser entre 10 e 20 centímetros maior ca a da persoa que o vaia utilizar, cun grosor de 15 centímetros como mínimo e cunha anchura de 90 centímetros para camas individuais e de 150 centímetros para as de parella. No tocante á superficie, un colchón demasiado duro é tan prexudicial como un mol e inconsistente. Debe ser firme e prestar apoio a toda a columna cando se está deitado boca arriba, de modo que se distribúa de maneira axeitada a presión do corpo, o que favorece a circulación nas horas de sono.

Resortes

As dúas grandes familias que clasifican os colchóns son os de resorte e os de escuma. A primeira era, ata hai ben pouco, a opción de descanso elixida polos máis: os colchóns de resorte permiten unha boa transpiración durante as horas de sono, unha característica fundamental para garantir un bo descanso e para manter a temperatura ideal do corpo. O problema é que os resortes ceden co tempo e tenden a afundirse no centro, o que xera unha postura incorrecta do corpo. Ademais, se ben con eles a ventilación está asegurada, poden chegar a ser fríos, pois conservan moi pouco a calor.

En función de como estean aliñados os resortes no seu interior, os colchóns desta categoría clasifícanse en tres tipos:

  • Resortes independentes. Constituídos por un núcleo de resortes metálicos independentes que aumentan a súa firmeza ao premer neles.
  • Resortes continuos. Formados por unha rede de fío metálico que ofrece unha maior estabilidade.
  • Resortes embolsados. O seu núcleo está composto por resortes independentes de forma cilíndrica que se amosan no interior dunha bolsas de material téxtil.
Consellos para alongar o seu uso
  • É aconsellable rotar o colchón cada tres meses e xiralo de arriba cara a abaixo e da cabeza aos pés. Igual de importante é protexelo cunha funda composta por materiais naturais, xa que contribuirá a manter a boa transpiración do modelo elixido. Como norma diaria a seguir haberá que ventilar tanto a habitación como a cama en si: un ambiente húmido e condensado pode favorecer a aparición de fungos no colchón.
  • Se se desexa realizar unha limpeza en profundidade para eliminar o po e os ácaros, cómpre empregar un cepillo de pugas semiduras e fuxir do aspirador (o seu uso prexudica a calidade do colchón).
  • A mellor arma contra o mal cheiro é o uso do bicarbonato, infalible desodorizante natural. Abondará con humedecer levemente a peza e esparexerlle este composto. Así que seque, retíranse os restos cun cepillo.

Gomaescuma, látex ou viscoelástico

Dentro da segunda familia atópanse os colchóns de escuma de poliuretano, os de látex e os de material viscoelástico. Os primeiros, tamén coñecidos como colchóns de gomaescuma, están formados por unha soa peza de material sintético cuberta por unha funda. Son moi económicos e comercialízanse de diferentes densidades: alta e baixa. Os colchóns de escuma de baixa densidade perden a firmeza co uso e afúndense demasiado e tampouco regulan ben a temperatura.

O núcleo destes colchóns está formado por un bloque continuo de goma látex que inclúe un conxunto de perforacións para facilitar a aireación e crear zonas de resistencia. A diferenza doutros países europeos, onde se estableceu que polo menos o 85% do látex debe proceder da árbore do caucho e só un 15% pode ser sintético, obtido a partir de petróleo, en España aínda non se acordou unha denominación natural para este compoñente. Por esta razón, é recomendable que antes de mercar un colchón de látex, o consumidor se preocupe por saber en que proporción se atopará esta goma no seu novo elemento de descanso.

As súas calidades ergonómicas son moi similares ás dun colchón de resortes, coa desvantaxe de que eliminan peor a suor. Iso si, a súa enorme elasticidade fai que se adapten á perfección ao corpo e ás articulacións. A principal vantaxe é que na goma látex non aniñan os ácaros, polo que é unha fórmula recomendada polos especialistas para crear un ámbito de descanso antibacteriano e hipoalerxénico. Ademais, a durabilidade dun colchón de látex é maior. Non obstante, é, como mínimo, un 25% máis caro ca os modelos de resortes (de 700 euros a 1.200 euros nun modelo de 135 x 190 cm), aínda que a calidade de sono que ofrecen ambos os dous colchóns é moi similar.

Para rematar, o poliuretano viscoelástico é outro tipo de colchón que ten un núcleo formado por unha escuma semellante a un xel que muda de forma combinando a presión e a temperatura do corpo. A deformación do colchón tarda uns segundos en desaparecer sempre que o usuario cambie de postura, de aí que se coñeza como o colchón con memoria corporal térmica. Esta mesma característica sitúao como un elemento apropiado de descanso para aquelas persoas que, por problemas de saúde, deben pasar moito tempo na cama. Neste punto radica a súa principal desvantaxe, xa que o resto de persoas poden non se sentir cómodas ao descansar neles ante a dificultade para cambiar de posición. Outro aspecto negativo é o seu prezo, máis caro ca o resto (entre 840 euros e 1.385 euros por un modelo de 135 x 190 cm).

Cada colchón co seu somier correspondente

De pouco serve renovar o vello colchón se se volve colocar sobre unha base que non é a máis apropiada. Está demostrado que estrear un colchón sobre un vello somier repercute non só na propia vida útil do colchón senón na futura calidade do descanso dunha persoa. Por iso, os fabricantes insisten en que ambas as dúas partes se conciban como unha soa unidade no momento da compra, xa que un bo somier garante unha columna vertebral sa e favorece a súa correcta posición. Tres son os tipos de somieres que se axustan en boa medida a cada familia de colchóns:

  • A base de láminas. Formada por listóns de madeira, é a base comodín de todos os colchóns pola súa facilidade para combinarse con calquera material.
  • Somier articulado. Tanto a parte superior da base como a inferior pódense elevar. Debe ir combinado con colchóns de resortes embolsados, de látex e viscoelástica.
  • Base canapé. Impide a correcta ventilación do colchón, pero crea novos recunchos onde gardar aparellos. Agora ben, este modelo esixe a utilización dun colchón non moi pesado.
Palabras clave na compra dun colchón
  • Prezo: Os colchóns de resortes e os de escuma de poliuretano son máis baratos ca os de látex e viscoelástica (esta última resulta a opción máis cara).
  • Firmeza: O colchón debe ser firme para que as curvas das costas reciban apoio e a columna se manteña dereita. Débese elixir en función do peso corporal: canto máis elevado sexa o seu peso, máis firmeza precisará para obter un bo apoio.
  • Elasticidade: A base debe ceder sen excesos baixo as partes con máis peso do corpo -ombreiros e pelve-, ofrecendo á súa vez un soporte firme para as zonas menos pesadas.
  • Acabados: Non debe ter defectos, como costuras interrompidas, fíos soltos nin manchas.
  • Recambio: Por norma xeral, a vida útil dun colchón anda polos 12 anos.
  • Transpiración: O látex e mais a escuma ventílanse peor ca os colchóns de resortes, aínda que manteñen mellor a calor.
  • Alerxia: O látex crea un ámbito hipoalerxénico. Iso si, hai persoas que son alérxicas a este material, polo que deberán desbotar a idea de usalo.
  • Longa estadía: O colchón viscoelástico é o máis apropiado para as persoas que por motivos de saúde deben botar longas tempadas na cama.
  • Somier: O colchón débese renovar de xeito conxunto co somier, xa que colocar a nova superficie sobre un somier vello acurta a vida útil do novo colchón.
  • Momento de mercar: Xamais debe mercar un colchón por catálogo, sen probalo. Tampouco se debe emprender esta tarefa á volta do traballo ou en momentos nos que se atopa canso, porque calquera podería parecer o axeitado.