Luces e sombras sobre as lámpadas de baixo consumo
Ninguén dubida das súas bondades: as lámpadas de baixo consumo son boas para o medio natural e para os petos. E as súas vantaxes con respecto ás tradicionais son tan relevantes que nos vindeiros anos substituirán por lei ás que máis enerxía consuman, razón pola que se comercializa un maior número de modelos. Non obstante, a multiplicación da oferta pode xerar confusión no consumidor, que en moitas ocasións non entende a diferenza entre unha lámpada compacta fluorescente ou de queimador halóxeno ou entre unha lámpada CFL con bulbo ou reflectora. A determinación dos vatios é outro dos inconvenientes co que se topan os cidadáns, que non saben que vatios hai que elixir para acadar a mesma luminosidade que coas lámpadas incandescentes de toda a vida. Solucionar estas cuestións e mais outras relacionadas coa maior duración posible e co tratamento que lles debemos proporcionar a estes obxectos ao se fundiren, contribuirá a unha axeitada selección das lámpadas.
Ollo! Non todas son iguais
O uso de lámpadas de baixo consumo será crecente nos vindeiros anos por dous motivos básicos: estes modelos precisan menos enerxía e a súa duración é maior respecto ás convencionais, de xeito que a natureza e a economía dos cidadáns o agradecen. Guiadas por estes beneficios, as institucións marcaron un calendario progresivo de eliminación dos principais modelos de maior consumo, que comezou en setembro do 2009 e que culminará en setembro do 2016.
De acordo a este marco, no mercado pódense atopar dous tipos de luminarias aforradoras: as lámpadas compactas fluorescentes (CFL) e as de queimador halóxeno. As CFL coñécense de xeito máis xenérico como de baixo consumo. En España, utilízanse uns 45 millóns de unidades CFL, segundo datos da Asociación Española de Fabricantes de Iluminación (Anfalum). Ata abril do 2010 podíase conseguir unha destas lámpadas gratuitamente, grazas a unha campaña do Ministerio de Industria (MICYT) e do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE). As CFL teñen o mesmo principio de funcionamento ca os tubos fluorescentes, aínda que se fabrican co equipo de arranque instalado. Grazas a iso, poden substituír as incandescentes sen que haxa que cambiar a instalación e proporcionan un rendemento maior: para unha mesma potencia consumida, proporcionan de cinco a dez veces máis fluxo luminoso. Agora ben, aínda que as súas prestacións melloraron nos últimos anos, aínda non acadaron o brillo das convencionais e a súa rapidez de arranque é algo menor.
As lámpadas de queimador halóxeno aforran menos ca as CFL, pero cun mesmo requirimento de potencia ca as incandescentes (baséanse no seu sistema) proporcionan un 30% máis de fluxo luminoso. Comparadas coas CFL, dan unha luz máis brillante e o seu arranque é inmediato.
Se a prioridade é a eficiencia enerxética, convén elixir unha lámpada CFL de clase A cunha vida en horas de funcionamento o máis longa posible para rendibilizala. Se a lámpada se vai colocar en lugares que requiren rapidez de resposta, un mellor ton e cor de luz, e un excelente resaltado das cores, hai que se decantar polas halóxenas aforradoras. A estética é outro elemento que se valora: algúns tipos de lámpadas poden non encaixar ben no lugar no que se vaian colocar ou desentoar coa luz e co contorno.
As CFL, ao igual ca os tubos fluorescentes, teñen unha mínima cantidade de mercurio, un material tóxico cun alto poder contaminante. Por iso, estas lámpadas non se deben depositar nos colectores normais, senón que se recollen e reciclan á parte.
Os consumidores poden entregar as unidades fundidas nos lugares de comercialización destas lámpadas. Os fabricantes contan en España dende 1995 con Sistemas Integrados de Xestión (SIG), como Ambilamp ou Ecolum, que se encargan de recoller en colectores as lámpadas fóra de uso e de trasladalas ás plantas de tratamento que se encargan de despezalas e de recuperar algúns dos seus compoñentes. Outra posibilidade consiste en levar as unidades estragadas aos Puntos Limpos.
Este tratamento especial inflúe no prezo, maior ca o dos seus equivalentes tradicionais. A toxicidade das lámpadas de baixo consumo tratouse en ocasións de xeito alarmista: os termómetros antigos teñen 600 veces máis mercurio ca unha CFL. Ademais, a industria vai reducindo progresivamente a cantidade de metais pesados incluídos nestas lámpadas.
Prezos, intensidades e modelos
Fronte a unha lámpada incandescente, unha halóxena custa de dúas a tres veces máis e unha fluorescente compacta, entre cinco e dez veces máis. As formas, potencias, tipos e niveis de calidade, entre outros aspectos, determinarán o prezo final.
A luminosidade é un elemento básico que se debe indicar no envase da lámpada. No caso das lámpadas CFL, os fabricantes destacan os vatios (W) de potencia en comparación cunha lámpada incandescente. Unha CFL de 11-12 W proporcionaría unha luz equivalente a unha convencional de 60 W.
Non obstante, estas cifras non son moi reais, segundo alertan informes. Como medida de cálculo, a Comisión Europea recomenda dividir entre catro a potencia dunha incandescente para saber que tipo de lámpada CFL se precisa. Se se quere substituír unha convencional de 60 W, o mellor sería elixir unha CFL de 15 W.
O Lighting Research Center dos Estados Unidos, unha institución universitaria especializada na investigación da iluminación, é mesmo máis esixente. Os seus responsables aseguran que o máis obxectivo é facer a división entre tres: unha incandescente de 60 W tería o seu equivalente nunha CFL de 20 W. Para evitar esta confusión, espera que a nova normativa europea obrigue os fabricantes a que indiquen as equivalencias en lumens, unha unidade de medida que sinala a potencia luminosa percibida.
A vida útil destas lámpadas tamén varía. Estímase que duran unhas 10.000 horas, varias veces máis ca as incandescentes, pero neste caso tamén depende da calidade, das marcas ou do uso. Os ambientes húmidos e calorosos prexudican as lámpadas CFL e apagalas e acendelas cada 15 minutos diminúe en máis da metade a súa duración prevista.
No tocante aos modelos de CFL, evolucionaron e melloraron nos últimos anos. Nun primeiro momento só proporcionaban unha luz similar ás fluorescentes (branco azulado), que non resultaba apropiada se se buscaban ambientes máis cálidos. Pero agora tamén hai unidades CFL cunha luz máis amarela e ata doutras cores. Ademais, fabrícanse diversos modelos que se axustan a distintos tipos de necesidades:
- Con bulbo: simulan a aparencia das lámpadas incandescentes convencionais, así que son unha boa opción se se quere conservar a mesma estética.
- Espiral: foron das primeiras en saír ao mercado e por iso se poden ver en distintos espazos, aínda que resultan algo aparatosas.
- Globo: é unha boa elección para ambientes de interior, xa que, malia a sobresaíren da tulipa ou da pantalla das lámpadas, non desentoan.
- Lineal: a súa forma alongada é máis axeitada para cociñas ou para lugares como garaxes ou patios.
- Reflectora: dirixen o feixe luminoso, de xeito que son idóneas para lámpadas verticais e cando se busca un tipo de iluminación incidental ou cara ao teito.
O desenvolvemento das lámpadas de baixo consumo nos vindeiros anos transcorrerá por varios camiños. Por unha banda, os fabricantes traballan para ampliaren a gama das CFL e substituíren as incandescentes con garantías, en especial en ambientes de interior, e mais para mellorar as posibilidades das halóxenas aforradoras onde o ton de luz sexa determinante.
Por outra banda, e con miras cara ao futuro inmediato, o LED (díodos luminiscentes) será determinante grazas ao seu menor consumo e maior duración (unhas 50.000 horas). Nos últimos anos melloráronse notablemente as súas prestacións e xa se comezan a ver nalgúns lugares como os semáforos.