Aperitivos vexetais

Un aperitivo que pode confundir

Hortalizas, cereais integrais, legumes, froitos secos, aceite de oliva… Estes son algúns dos ingredientes que atopamos cada vez máis nos aperitivos. Pero iso non significa que estes produtos sempre sexan saudables.
1 Setembro de 2023

Aperitivos vexetais. Un aperitivo que pode confundir

A alimentación preocupa cada vez máis pola súa influencia sobre a saúde. Nótase mesmo nos aperitivos, nos que a oferta de produtos aparentemente saudables é cada vez máis grande. Desde hai uns anos, as bolsas de patacas fritas e de millo inflado comparten espazo nas baldas dos supermercados con outros produtos baseados en ingredientes saudables, como chícharos, sementes de chía, cereais integrais, hortalizas ou froitos secos. Pero realmente son tan saudables como parecen?

De que están feitos?

A formulación destes produtos é relativamente sinxela. A maioría está formada por un ingrediente principal, como fariña de cereais ou de legumes, ao que se engade algún tipo de graxa e diferentes condimentos, como sal ou aromas. Ese ingrediente principal determina as características máis importantes, como o sabor, a textura, a achega nutricional ou a forma de elaboración. Podemos clasificar os produtos analizados en diferentes grupos, segundo o seu ingrediente principal:

  • Aperitivos a base de cereais. Cinco produtos entran nesta categoría. Un dos aperitivos compostos por cereais é Mios, cun 70 % de millo. O resto da formulación é principalmente aceite de xirasol. Contén ademais un 3 % de chía, que é un dos ingredientes que se destacan no envase. Sunbites multicereales al toque de sal marina e Sunbites multicereales sabor a Cheddar y cebolla caramelizada conteñen fariña de cereais integrais en proporcións do 84 % e 80 %, respectivamente. Trátase concretamente de millo, trigo, fariña de arroz e fariña de avea. En Cuori, a proporción de cereais atópase arredor do 88 %, tanto para a versión Sour Cream, como para a de aceite de oliva. En ambos os casos trátase concretamente de sémola de millo, sémola de arroz e sementes de keff (un cereal que procede principalmente de Etiopía).
  • Aperitivos a base de legumes. Neste grupo atópanse os produtos de Snatt’s e Eroski, que destacan no seu envase o contido de chícharos. No primeiro, a fariña de chícharo atópase nunha proporción do 32 % e o resto da formulación está composta principalmente por fariña de millo e aceite de xirasol, mentres que, no caso de Eroski, a fariña de chícharo atópase nunha proporción do 43 % e o resto é basicamente sémola de arroz (43 %) e aceite de oliva.
  • Aperitivos a base de hortalizas. Só un dos produtos está elaborado a partir de hortalizas, concretamente Frit Ravich, cun 68 % de liscas de iuca, boniato, cenoria e remolacha, en proporción variable.
  • Aperitivos a base de froitos secos. Neste grupo atópanse os dous produtos de Airnuts. O de améndoa contén un 83 % deste froito seco, mentres que no de pistacho atopamos un 63 % de pistacho e un 20 % de améndoa. O resto da formulación está composta principalmente por fariña de arroz, que cumpre sobre todo un papel funcional, xa que serve como aglutinante para unir os anacos de froitos secos.
Análise

Para realizar esta guía seleccionáronse aperitivos con perfís aparentemente saudables, elaborados por marcas líderes,
nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén determinada pola cantidade de sal, de fibra, de graxa e de calorías.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial, sobre todo no que respecta a legumes, froitos secos, aceite de oliva e cereais integrais.
  • Información comercial. Analizamos se achega información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano ao consumidor.
  • Prezos. Recollidos en xuño de 2023. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero a relación calidade-prezo tívose en conta para o ránking.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

As diferenzas no aceite

En todos os produtos, salvo en Airnuts, os ingredientes principais están acompañados dalgún tipo de aceite, que se atopa en proporcións que van desde un 9,5 %, como en Cuori con aceite de oliva virgen extra, ata o 31 % de aceite de oliva de Frit Ravich. Os aceites utilizados son os seguintes:

  • Aceite de oliva virxe extra. Este tipo de aceite obtense directamente da oliva. É o que se utiliza nunha das versións de Cuori (9,5 %). Trátase do aceite máis apreciado, tanto desde o punto de vista nutricional como organoléptico (sabor e aroma). Pero nun produto coma este, esas virtudes quedan esvaecidas polas características xerais: o sabor e o aroma do aceite de oliva virxe extra poden quedar enmascaradas polo sabor global do produto e as súas virtudes nutricionais non compensan as carencias do aperitivo, que está composto principalmente por fariñas refinadas de diferentes cereais.
  • Aceite de oliva. Está composto por unha mestura de aceite de oliva refinado e aceite de oliva virxe. Por iso é menos apreciado que o anterior desde o punto de vista nutricional e organoléptico. E por iso é tamén máis barato. É o que se utiliza en Frit Ravich (31 %) e Eroski (14 %).
  • Aceite de xirasol alto oleico. É o que se utiliza en Mios, onde se atopa nunha proporción do 24 %. Obtense a partir de cultivos de xirasol que foron seleccionados para producir este tipo de aceite. Como o seu nome indica, caracterízase por ter unha composición diferente de ácidos graxos, cunha proporción máis elevada de ácido oleico e unha menor de ácido linoleico con respecto ao aceite de xirasol convencional. Estes valores atopámolos tamén no aceite de oliva, aínda que o resto da composición é notablemente diferente, e non hai dúbida de que este último segue sendo máis saudable.
  • Aceite de xirasol. É o que se utiliza na maioría dos produtos, concretamente en Snatt’s (17 %) e tamén nos produtos Sunbites e Cuori Sour Cream. É o aceite menos apreciado de todos os analizados e por iso é tamén o máis barato.

O contido en graxa

A proporción de aceite determina a cantidade de graxas totais. Neste sentido destacan Frit Ravich (31 %) e Mios (24 %), seguidos dos produtos Sunbites (21 %). Pero sen dúbida, os produtos que máis despuntan neste aspecto son os de Airnuts: o de améndoa contén un 49 % de graxas, mentres que no de pistacho, 44 %. Isto débese ao contido de graxas que teñen de forma natural os froitos secos. Explica, ademais, que sexan tamén os que presentan máis graxas saturadas, 5 % e 7 %, respectivamente. De todos os xeitos, isto non debe despistarnos. Debemos considerar que non todas as graxas saturadas son iguais e, sobre todo, debemos ter en conta o alimento en conxunto. A pesar desa cantidade de graxas e graxas saturadas, os froitos secos son saudables. No outro extremo atópanse os produtos de Cuori, cun contido de graxa total que anda no 10 %.

Son saudables?

Os envases deste tipo de produtos a miúdo están repletos de declaracións e reclamos relacionados coa saúde; por exemplo, “sen aceite de palma”, “con aceite de oliva”, “produto forneado en lugar de frito”, “con menos graxa”… Tamén hai outras mensaxes que destacan os seus ingredientes; por exemplo, “chícharos”, “hortalizas” ou “froitos secos”. Isto pode facernos pensar automaticamente que se trata de produtos saudables, pero convén ser prudentes e consideralos como o que son: aperitivos para ocasións puntuais.

O primeiro, porque algúns non son tan saudables como parecen, por exemplo, por estaren elaborados con fariñas refinadas ou polo seu elevado contido de sal. Por iso é importante ler a etiqueta con detalle. Ademais, se os consumimos pensando que son saudables, podemos chegar a desprazar outros alimentos que si o son. Se buscamos aperitivos saudables, deberiamos priorizar outros que de verdade o son, como tomates cereixa ou froitos secos.

Proteínas, hidratos e fibra

O ingrediente principal determina o contido de proteínas. Pódese observar especialmente nos produtos Airnuts, con case un 18 % deste nutriente debido ao seu contido en froitos secos. Tamén nos produtos Snatt’s e Eroski, nos que a proporción de proteínas tamén é elevada (12 %) debido ao seu contido en fariña de chícharo. Nos produtos a base de cereais o contido de proteínas anda no 7,5 %, mentres que Frit Ravich, ao estar constituído por hortalizas, é o produto cunha menor achega deste nutriente (apenas un 5 %).

Se nos fixamos na achega de hidratos de carbono, veremos diferenzas moi notables entre Airnuts e o resto. Nos primeiros, os valores son do 18 % e 25 %, mentres que no resto van desde o 57 % de Frit Ravich e Snatt’s, ata o 73 % de Cuori aceite de oliva.

Tamén hai variacións na cantidade de fibra, que é maior nos produtos de froitos secos (Airnuts, con cifras do 7 %-8 %), fariña de chícharo (Snatt’s e Eroski, arredor do 6 %) e cereais integrais (arredor do 6 %-7 %). No outro extremo atópanse os produtos a base de cereais refinados (con cifras do 1,6 %-4,8 %) e o que está constituído por hortalizas (Frit Ravich, cunha proporción do 1 %).

Calorías e sal

Despois de todo o anterior, podemos entender as diferenzas na achega enerxética. Os valores máis elevados atópanse nos produtos Airnuts (case 600 kcal por cada 100 gramos), seguidos de Frit Ravich (528 kcal) e Mios (515 kcal), o que se explica polo seu elevado contido en graxas. No resto a achega atópase entre as 408 kcal de Cuori Sour Cream e as 479 kcal de Sunbites al toque de sal marina.

A achega calórica é un dos aspectos que máis adoita preocupar dos aperitivos, pero non hai que esquecer, ademais, o contido en sal, que adoita ser elevado, polo menos nas súas versións convencionais. Lembremos que se considera que a cantidade de sal é excesiva cando supera o 1,25 %. Nos produtos analizados só tres superan esa cifra: Cuori aceite de oliva (2,5 %), Cuori Sour Cream (2,1 %) e Snatt’s (1,6 %). No resto, o sal non chega sequera ao 1 %. Destaca especialmente o produto de Eroski, cunha cantidade notablemente máis baixa (0,2 %), unha característica que se destaca no envase. Isto é unha vantaxe, dado que unha inxesta elevada asóciase a enfermidades cardiovasculares. En España cada persoa consome case 10 gramos de sal ao día, o dobre do máximo que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda non superar.

As puntuacións de Nutri-Score

O sistema Nutri-Score pode axudarnos a avaliar de forma global a composición destes produtos. Por exemplo, poderiamos pensar que os produtos Airnuts non son recomendables porque conteñen unha cantidade elevada de graxas, un contido significativo de graxas saturadas e unha elevada achega calórica. Pero esas cifras débense ao contido de froitos secos, por iso, obteñen unha boa nota en Nutri-Score: A, para a versión de améndoa, e B, para a de pistacho. Eroski tamén obtén unha A, debido por exemplo ao seu baixo contido de sal e o seu elevado contido de fibra.

O resto obtén unha C, salvo Cuori aceite de oliva e Frit Ravich, cun D. Estas puntuacións débense a diferentes motivos, como un elevado contido de sal, de graxas ou de calorías e un baixo contido de fibra.

Canto achega unha ración

A avaliación da composición nutricional para 100 gramos de produto pode resultarnos útil para facer comparacións, pero ás veces non resulta moi realista, se temos en conta que non sempre é a cantidade que comemos nunha soa inxesta. O tamaño de ración é establecido de maneira arbitraria polo fabricante, así que non hai un criterio obxectivo nin uniforme para decidir. Ao final, a cantidade que comemos realmente nunha soa toma depende de diferentes factores, como o tamaño da bolsa. Se por exemplo ten unha cantidade relativamente reducida, como ocorre nos produtos Airnuts, cuns 50 gramos cada envase, é probable que acabemos todo o contido dunha vez, mentres que, se a cantidade é máis grande, como en Mios (150 gramos), é posible que comamos só unha parte, pero tamén pode que cheguemos a comela toda dunha vez.

Para seguir un criterio único, tomamos o tamaño de ración de 50 gramos. Nese caso as achegas nutricionais cambian notablemente. Algúns produtos seguirían achegando unha cantidade notable de sal, como as dúas versións de Cuori, con cifras do 1 % e 1,25 %. Tamén as graxas e as calorías seguirían sendo significativas en Frit Ravich, cun 16 % de graxas e 264 kcal, unha achega calórica similar ao de tres mazás, coa diferenza de que estas son saudables e máis saciantes.

Moitas variacións no prezo

Existen enormes diferenzas de prezo. O máis caro, Airnuts pistacho, custa 4,50 €/100 g, tres veces máis que o máis barato, que é Mios (1,19 €/100 g). Os produtos de Airnuts son os máis caros debido aos seus ingredientes principais, os froitos secos. Trátase de produtos que non están mal desde o punto de vista nutricional, pero resultan demasiado caros. Por exemplo, 100 g de améndoas enteiras crúas custan 1,30 €, é dicir, máis económicas e, ademais, máis saudables.

Aos produtos máis caros hai que sumar, ademais, Frit Ravich, con 3,27 €/100 g. Neste caso, o prezo explícase tamén polo custo máis elevado dos ingredientes: hortalizas e aceite de oliva. Entre os máis económicos atópanse Mios, xunto con Eroski (1,36 €/100 g). Este último presenta unha mellor relación calidade-prezo, cunha cantidade significativa de fariña de chícharo e de aceite de oliva e un baixo contido de sal. O prezo do resto está entre 1,55 € e 2,31 €.

Recomendacións de compra
  1. Composición. O ingrediente principal e en que cantidade se atopa axúdanos a saber se o produto é saudable. Tenta evitar as fariñas refinadas e priorizar fariñas integrais ou froitos secos.
  2. Tipo de aceite. Se o produto contén aceite, o mellor é que se trate dunha opción saudable, como aceite de oliva. Non é necesario que sexa virxe extra, porque nestes produtos as súas virtudes quedan enmascaradas e resulta máis caro.
  3. Sal: canto menos, mellor. Considérase que máis dun 1,25 % é unha cantidade excesiva.
  4. Prezo. Convén valoralo, porque en ocasións non compensa. Por exemplo, son máis baratos e saudables os froitos secos que os aperitivos elaborados con eles.
  5. Coidado cos reclamos. Non hai que deixar se levar polo que pon o envase, xa que non todos son tan saudables como aparentan.

Conclusións

Na primeira vista estes produtos poden parecer saudables, sobre todo polas mensaxes que se inclúen nos envases, nos que se destacan ingredientes como chícharos, sementes de chía, améndoas, cereais integrais ou aceite de oliva. É certo que algúns son “mellores” que os convencionais, sobre todo porque normalmente teñen menos contido de sal e porque os seus ingredientes posúen unhas mellores características. Aínda que isto non sempre se cumpre. Por exemplo, algúns produtos como Cuori, conteñen fariñas refinadas e unha elevada cantidade de sal, así que non son recomendables.

Hai produtos con boas características, como Airnuts, cunha cantidade considerable de froitos secos e sen sal, pero o seu prezo é elevado. Nese caso sería preferible optar por froitos secos enteiros sen sal, que son máis saudables e máis baratos.

Tamén hai outros que destacan o contido de ingredientes que en principio son saudables, como o chícharo, pero a súa proporción no conxunto do produto é escasa ou non tan alta como pode parecer polos reclamos do envase, como ocorre en Snatt’s, cun 32 % de fariña de chícharo.

Se consideramos o tipo de ingrediente principal, a súa proporción, o tipo de aceite e o contido de sal, o que presenta unha mellor relación calidade-prezo é Eroski, cun 43 % de fariña de chícharo, un 14 % de aceite de oliva un 0,2 % de sal e un prezo de 1,36 € por 100 g.