Fideos instantáneos

Pouca guarnición e demasiado sal

Estes pratos están compostos principalmente por pasta de trigo, e o seu acompañamento –como gambas ou verduras– é escaso, ou mesmo inexistente. Achegan una cantidade notable de sal e en moitos casos tamén de graxas e calorías, así que non convén abusar do seu consumo.
1 Febreiro de 2023

Fideos instantáneos. Pouca guarnición e demasiado sal

Os pratos orientais listos para consumir elaborados a base de pasta véndense en Xapón desde hai máis de 60 anos, pero non comezaron a popularizarse entre nós ata hai aproximadamente unha década. Aterraron timidamente no mercado, pero en apenas dous ou tres anos gañaron unha enorme popularidade, ata o punto de que hoxe existe unha notable variedade destes produtos. 

A fama destes pratos preparados explícase en gran parte por tres características: o exotismo da receita, con texturas, aromas e sabores da gastronomía oriental; a facilidade de preparación, rápida e sinxela (engádese auga fervendo) e o prezo accesible. Se queremos saber o que realmente estamos a comprar, a tarefa é complicada. Sobre todo, porque as súas etiquetas adoitan ser complexas e difíciles de ler e interpretar. Explicamos como podemos facer para non nos enganar na escolla.

É mellor ignorar os reclamos

A primeira vista, os envases son relativamente sobrios e só mostran dous reclamos: imaxes do prato preparado e referencias a ingredientes atractivos, como gambas, verduras ou polo. Aínda así poden chegar a despistarnos, porque a composición real do produto non sempre se axusta ao que aparenta. Por iso, convén ler a etiqueta. 

Se nos fixarmos na denominación de venda, que normalmente se mostra xunto á lista de ingredientes, poderemos facernos unha idea xeral das características do produto. A lexislación non recolle unha definición específica para eles, como si ocorre con outros alimentos (iogur ou pan), así que o que se fai é unha breve descrición do produto. Por exemplo, “preparado alimenticio con fideos de fariña de trigo, salsa de soia con especias e verduras deshidratadas”. Así sabemos que se trata dun produto composto por unha base de fideos, un aderezo e unha guarnición. 

Este é o esquema xeral que imos atopar na maioría dos produtos. A excepción é Demae Ramen, que se cualifica como una sopa oriental de fideos.

Unha lista interminable

Ler a lista de ingredientes é unha tarefa que neste caso non resulta nada fácil. Sobre todo, porque é habitual atopar longas listas, compostas facilmente por uns 20 ou 30 elementos, algúns deles compostos e outros con estrañas denominacións.

Tan só a pasta destes fideos xa está constituída por unha cantidade considerable de ingredientes: fariña de trigo, aceite de palma, amidón modificado, sal, carbonato de sodio, carbonato de potasio… E non digamos xa se nos fixarmos nos aderezos, nos que atopamos infinidade de aromas, especias, saborizantes. Por exemplo, extracto de fermento, soia, vinagre, xenxibre, chile, potenciadores de sabor… A estes cómpre sumar outros ingredientes que contribúen a mellorar a súa conservación e características organolépticas (sabor, cor ou textura), como antioxidantes, colorantes, correctores de acidez…

A maioría de produtos inclúen varios elementos, sobre todo os que se comercializan en recipiente con forma de vaso, nos que atopamos habitualmente tres: pasta, guarnición e un sobre cunha salsa ou un aderezo. Para preparalos, normalmente hai que engadir auga fervendo para reconstituír a pasta e a guarnición e, por último, engadir o aderezo. Por iso, en moitos deles indícanse os ingredientes de forma agrupada, cousa que facilita un pouco a interpretación da etiqueta.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse fideos e sopas orientais instantáneos elaborados por marcas líderes no mercado, nos que se analizaron principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén determinada pola cantidade de sal e de graxas e a achega calórica.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial, especialmente pola cantidade de ingredientes nobres.
  • Información comercial. Analizamos se achega información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano ao consumidor.
  • Prezos. Recollidos en decembro 2022. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero a relación calidade-prezo tívose en conta para o ranking.
  • A etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

Unha pasta é ou ingrediente principal

En todos os produtos, o elemento maioritario é a pasta, que se atopa en proporcións que están entre o 92 % e o 72,4 %, cifras que corresponden a Yatekomo verduras e Sukiyaki Beef Soba, respectivamente. Tamén é o elemento principal en dous produtos de Maggi, Fussian Taste of India e Fusian Taste of Teriyaki. Non se indica a súa proporción, a pesar de que debe facerse porque se menciona na denominación de venda, pero podemos deducilo porque a fariña de trigo figura na primeira posición da lista de ingredientes. A pasta está elaborada con fariña ou sémola (fariña pouco moída) de trigo, o que implica que este é o ingrediente principal en todos eles. Podemos velo facilmente porque se indica na denominación de venda. Pero a pesar diso, non se especifica a súa proporción na lista de ingredientes, polo que incumpre a lexislación vixente. 

Como xa mencionamos, a pasta adoita conter, ademais, outros ingredientes, como aceite de palma, ovo, sal ou gasificantes (carbonato de sodio). Estes utilízanse sobre todo para lograr que os fideos teñan unha textura característica, máis suculenta, branda e elástica que os fideos convencionais, compostos soamente por sémola de trigo.

Desde xapón ata a nosa mesa

A maioría destes pratos orientais procede da cocíña nipoa, así que é habitual o uso dalgúns termos que poden parecernos pouco familiares ou confusos. 

  • Soba. Úsase para designar o trigo sarraceno ou trigo mouro (que en realidade non é estritamente un cereal), e que se emprega habitualmente para nomear os fideos finos feitos con ese gran. Tamén se usa para designar os fideos finos, en contraste cos tallaríns grosos elaborados con fariña de trigo, que se denominan udon. Normalmente cómense fríos, acompañados dunha salsa; ou ben, quentes, mergullados nun caldo. 
  • Yakisoba. Refírese aos tallaríns fritos elaborados con fariña de trigo. Para cociñalos, bótase un pouco de aceite vexetal sobre unha cazola e engádese carne e vexetais, como cenoria, brotes de sementes, col ou cebola. Por último, incorpóranse os fideos e un pouco de auga, e cocíñase ata que esta se evapora, momento no que se une coa salsa. Curiosamente, a esta salsa tamén se lle chama yakisoba e elabórase normalmente con ingredientes como a salsa Worcestershire, salsa de ostras, salsa de soia, azucre, aceite de sésamo, mirin (un viño de arroz de sabor doce, parecido ao sake, pero de baixo contido alcohólico), ketchup e pementa. 
  • Sukiyaki. Prato xaponés que está composto por finos anacos de carne de tenreira, ou de tofu, cocidos, xunto con vexetais e outros ingredientes, nunha mestura de salsa de soia, azucre e mirin. 
  • Ramen. Sopa xaponesa da que existen moitas variantes. Basicamente, é un prato de fideos servidos nun caldo preparado a base de carne e verduras e ao que se engaden diferentes guarnicións, como algas ou carne de porco. 
  • Teriyaki. Técnica de cociñado que consiste en asar os alimentos (normalmente á grella) aderezados cunha salsa elaborada con soia, sake (ou mirin) e azucre (ou mel). Normalmente utilízase este nome para a salsa e, por extensión, emprégase na cociña occidental para denominar calquera prato elaborado con ela. 
  • Noodles. En sentido estrito, é a palabra que se utiliza en inglés para designar os fideos. Pero no noso país adoitamos empregala para referírmonos aos fideos orientais, máis longos que os que empregamos nas sopas da nosa gastronomía e máis estreitos que os espaguetes. 

Unha guarnición moi escasa

En dous dos produtos de Gallina Blanca, Yatekomo Yakisoba Classic e Yatekomo Yakisoba polo, especifícase que a guarnición se atopa nunha proporción do 4 %. No primeiro caso, trátase de cenoria, col e allo porro, mentres que no segundo está composta por esas mesmas verduras (3,3 %) e polo (0,7 %). É dicir, este último produto contén menos dun 1 % de polo, a pesar de levar este ingrediente no seu nome, o que pode dar lugar a engano. 

Algo parecido ocorre noutros produtos. En Yatekomo verduras Gallina Blanca, a proporción da súa guarnición tamén é escasa. O que ocorre é que é máis difícil de advertir porque nesta etiqueta a proporción de verduras (35,1 %) non se expresa sobre a totalidade do produto, senón que é unha proporción relativa, referida ao aderezo (8 %). É dicir, do 8 % de aderezo que contén o produto, o 35,1 % son verduras. Iso significa que o produto só contén un 0,03 % de verduras.

Tamén atopamos a mesma situación en Yatekomo gambas Gallina Blanca, onde este ingrediente constitúe un 8 % sobre o 10 % de aderezo, o que significa que o produto contén tan só un 0,008 % de gambas. Ou en Sukiyaki Beef Soba, que só contén un 1,2 % de tenreira, a pesar de destacar ese ingrediente (beef) no envase. 

Noutros produtos non se indica expresamente que conteñan determinados ingredientes, pero menciónanse no envase e iso pode dar a entender que están presentes nunha cantidade significativa. Os Fideos Orientales Maggi destacan a palabra “polo” en letras de gran tamaño, pero en letras moito máis pequenas indica “sabor a”. En realidade, só contén un 0,8 % de polo. Algo parecido ocorre en Fusian Taste of Teriyaki de Maggi, que non contén esta salsa, a pesar de que esta última palabra se destaca en letras de gran tamaño. Pero en pequeno indícase “taste of” (“sabor a”) e na denominación de venda especifícase que se trata dun condimento “sabor a teriyaki”. 

Por último, na imaxe do envase de Demae Ramen Nissin móstrase o que parece ser alga wakame, pero non figura entre os ingredientes. 

Máis aló das prácticas pouco éticas dalgúns fabricantes, o problema de fondo é que non existe unha obriga legal que estableza unha cantidade mínima para que os ingredientes poidan destacarse.

A comodidade págase cara

Estes produtos teñen un prezo accesible e, en certo modo, son económicos se consideramos que equivalen a un prato que pode resolvernos unha comida. Pero se facemos unha comparación co que custaría elaboralo na casa, veremos que o seu prezo resulta un 62% máis caro.

Unha información nutricional confusa

Á hora de consultar a información nutricional podemos atopar algunhas dificultades que se deben ao feito de venderse deshidratados. A lexislación (Reg. 1169/2011) indica que a información nutricional debe referirse ao alimento tal e como se vende. Pero cando se trata dun alimento deshidratado, isto non achega información de utilidade para o consumidor. Por iso, a lexislación indica tamén que cando cumpra se poderá dar información respecto á preparación do alimento, a condición de que se indiquen as instrucións de preparación con detalle. 

Esta ambigüidade deixa en mans do fabricante a decisión de indicar a información nutricional dun modo ou doutro, así que non se expresa de igual forma en todos os produtos, o que fai difícil establecer comparacións. Por exemplo, nos produtos Yatekomo a información nutricional exprésase para 100 g de produto listo para o consumo, mentres que nos produtos Fusian, refírese a 100 g de produto, tal e como se vende. A información máis completa atopámola nos Fideos Orientales Maggi, nos que se expresa de ambas as formas. 

Afortunadamente, en todos eles a información nutricional exprésase tamén referida a unha ración de produto lista para o consumo, que é o que consideraremos nesta guía para podermos interpretar e comparar os datos. Iso si, presenta importantes limitacións. A máis evidente é que o tamaño da ración non é o mesmo para todos os produtos: entre os de marca Yatekomo hai uns envases que conteñen 60 g e outros que conteñen 93 g. 

Moi calóricos e con demasiado sal 

Estes produtos están constituídos principalmente por hidratos de carbono, aínda que a proporción varía dependendo da cantidade de auga que se deba engadir. Así, en Demae Ramen Nissin, que é unha sopa, o contido por ración é de 11 g, mentres que en Yatekomo Yakisoba Classic é de 53 g. O contido medio é de 38 g. 

Tamén a cantidade de graxa é considerable, sobre todo en Fusian (12 g) e en Yatekomo (20-14 g). Na maioría dos casos trátase de aceite de palma, aínda que algúns produtos tamén conteñen de xirasol, o que explica a alta proporción de graxas saturadas, especialmente en Yatekomo (7-9 g por ración). 

O contido de graxas e de hidratos de carbono explica que a achega de calorías sexa moi significativa nalgúns casos. Destacan, sobre todo, Yatekomo Yakisoba Classic e Yatekomo Yakisoba polo, cunhas 425 kcal, unha cantidade equivalente á que achega un hot dog ou un prato de espaguetes á boloñesa, coa súa carne e a súa salsa de tomate. 

Outro aspecto moi destacable é o seu contido en sal. Considérase que un alimento contén demasiada cantidade cando supera os 1,25 g por cada 100 g. Todos, excepto Demae Ramen Nissin (1 g por ración de 100 g), superan amplamente esa cantidade. Destacan especialmente os Fideos Orientales Maggi e o Yakisoba polo, nos que atopamos ata 2,4 g de sal por ración (para porcións de 61 g ou 93 g).

Puntuación nutri-score

Tamén existe outra limitación e é que o cálculo da puntuación Nutri-Score realízase sobre os datos de nutrientes referidos a 100 g de produto listo para consumo, así que non se pode calcular nos produtos que non indican esa información: Fusian Taste of India e Fusian Taste of Teriyaki. Nesta guía o cálculo da puntuación Nutri-Score neses produtos deduciuse a partir do resto que si a inclúe. 

Como podemos ver, todos presentan unha nota C, salvo Sukiyaki Beef Soba, cunha D. As puntuacións explícanse polo elevado contido de graxa e sal e pola notable achega calórica. 

Relación calidade-prezo 

Se comparamos o prezo por 100 gramos de produto, veremos que hai dous grupos de produtos diferenciados: entre os máis baratos, con valores comprendidos entre 1,25 € e 1,35  €, atópanse Demae Ramen Nissin, Fusian Taste of Teriyaki e os Fideos Orientales Maggi, mentres que entre os máis caros, con valores entre 2,24 € e 2,51 €, atópanse Sukiyaki Beef Soba, Yatekomo gambas e Yatekomo verduras. 

Poderiamos pensar que os produtos máis caros deben o seu prezo ao contido en ingredientes de alto valor, como gambas ou tenreira, pero a súa cantidade é moi baixa (1,2 % de tenreira) ou case nula (0,008 % de gambas e 0,03 % de verduras, respectivamente). Así que as importantes diferenzas no prezo non parecen estar xustificadas neste sentido. Quizá poidan deberse ás diferenzas no custo dos envases, que varían segundo o produto.

Recomendacións de compra

  1. Os ingredientes. O elemento principal é a pasta de fariña de trigo. Pero máis aló diso é importante saber a composición do aderezo e da guarnición, así como a cantidade na que se atopan. Comproba que realmente contén os ingredientes que destaca. 
  2. A información nutricional. Para consultala cómpre ter en conta de que modo se expresa: sobre o produto tal como se vende ou listo para consumo. Canta menos cantidade de sal, de graxas e de calorías, mellor. 
  3. O envase. Os produtos que se venden en formato vaso teñen un prezo máis caro que o resto, quizá debido ao envase. Son máis prácticos para consumir fóra da casa, pero se non o imos facer así, talvez nos compense adquirir os que veñen en formato sobre.

Conclusións

En xeral, os produtos que se comercializan en sobre son máis económicos que os que se venden en vaso, quizá debido ao seu envase. Entre os primeiros destacan, por esta orde, os Fideos Orientales Classic e os Fideos Orientales de polo, ambos de Maggi, debido ao seu prezo (1,35 € por 100 g), á súa etiquetaxe (a súa información nutricional é a máis completa) e á súa composición nutricional, entre as “menos desfavorables”: conteñen menos graxa, graxas saturadas e achegan poucas calorías, en comparación co resto. 

En calquera caso, este tipo de produtos son moi pouco interesantes desde o punto de vista nutricional e pódense cualificar de pouco saudables, dado o seu contido en fariñas refinadas, graxas e sal e a práctica ausencia de ingredientes saudables. Ademais, todos incumpren a lexislación vixente ao non mostrar a porcentaxe dalgúns ingredientes destacados. Por iso, o recomendable é consumilos canto menos, mellor.