Un nutricionista con intelixencia artificial
A aparición da Intelixencia Artificial (IA) provocou unha revolución sen precedentes e está a redefinir as nosas vidas dun xeito que, ata hai pouco, parecía ciencia ficción. Desde que a empresa Open AI presentou ChatGPT en novembro de 2022, o que antes era unha ferramenta reservada a centros de investigación converteuse en omnipresente en case todos os ámbitos da nosa vida: está nos nosos ordenadores, móbiles, televisores e mesmo en centos de aplicacións.
Entre aquelas aplicacións nas que a IA irrompeu en escena están as de nutrición. Hainas modestas, que se limitan a escanear etiquetas de produtos para axudarnos a tomar algunhas decisións, as que nos suxiren menús ou as que son capaces de tomar unha fotografía dun alimento e dicirnos con máis ou menos acerto cantas calorías ten. Tamén as hai sumamente atrevidas, como as que nos propoñen plans nutricionais completos con menús en función dos nosos obxectivos.
Para escribir este artigo, pedímoslle á dietista-nutricionista Beatriz Robles que afondase en catro das máis coñecidas –Carmen IA, Foodvisor, MyFitnessPal e Noom– para determinar os seus puntos fortes e as súas limitacións, para saber se as súas propostas teñen sentido e, sobre todo, para ver se os seus consellos se axustan á evidencia científica e se poden achegar as sutilezas, os matices e os temas realmente relevantes que se establecen nun contexto clínico entre un profesional e o seu paciente. A resposta, spoiler, é que non; pero vexamos por que, ata onde chegan estas apps e o que as diferencia dun nutricionista cualificado.
Unha primeira ollada
A maioría de apps ofrecen moita información precisa sobre alimentos ou calorías, e neste sentido funcionan como unha enorme base de datos cunha visualización clara e bonita. Tamén inclúen mensaxes con moito sentido común (“Es único e o teu programa tamén debería selo”, “Deixa de facer dieta. Acada resultados de por vida”) e funcionan como un coach artificial que che anima a alcanzar os teus obxectivos. Pero non todo o que reloce é ouro.
A dietista-nutricionista Lidia Folgar ten unha opinión contundente sobre este tipo de aplicacións. “Parecen un perigo, xa que unha app non ten unha historia clínica previa e, por exemplo, non pode valorar se esa persoa presenta un trastorno alimentario ou está en risco, o que pode empeorar o seu problema de base, que pode non coincidir co motivo polo que está a consultar a aplicación”, subliña Folgar.
Beatriz Robles coincide plenamente e engade que, entre as que revisamos só dúas, Foodvisor e Noom, fan unha anamnese exhaustiva previa. A anamnese é o proceso de recompilación de información relevante sobre a historia clínica dun paciente mediante unha entrevista clínica detallada, incluíndo síntomas, antecedentes médicos, familiares e hábitos. Esta ferramenta diagnóstica é fundamental para que un dietista-nutricionista poida establecer un plan de tratamento personalizado. “Estas dúas apps están claramente deseñadas coa colaboración de dietistas nutricionistas, porque teñen unha anamnese bastante completa. Fanche as típicas preguntas que che faría unha dietista-nutricionista nunha primeira consulta”, valora Beatriz Robles.
Algunhas limitacións
Pero “moi completa” non significa “completa de todo” e é a través desa posibilidade por onde afloran algúns problemas que poden ser graves. Por exemplo, as aplicacións preguntan por enfermidades anteriores e ofrecen varias opcións, como enfermidade cardíaca, colesterol alto ou depresión. “Pero despois hai un recadro para que marques “outras’, sen que poidas especificar cales”, explica Robles. “E esa “outra’ pode ser calquera entre as 1.000 enfermidades que poden ter o seu propio impacto na dieta”. E o máis importante, aclara a nutricionista, “a IA non ten a capacidade de interpretar máis aló das respostas literais nin de preguntar de novo se algunha resposta é dubidosa”.
Lidia Folgar destaca a importancia da historia clínica: “Unha persoa pode facer unha consulta por un motivo concreto e como profesionais podemos identificar que o que realmente necesita é outra cousa. O paciente non ten por que saber o que necesita e pode buscar dietas restritivas, por exemplo, ou dietas que empeoren o colesterol que xa sae alto nas analíticas”. A estes problemas súmaselle un moi grave: como pode unha IA detectar un trastorno alimentario (TCA) cando o usuario a utiliza para perder peso?
A única aplicación que inclúe unha pregunta directa sobre un TCA diagnostiado é Noom, cóntanos Beatriz Robles, “pero despois a aplicación: como o valora? Como o ten en conta cando che manda a tua planificación? Quizais non teñas un trastorno alimentario diagnosticado, pero tes factores de risco. Ou quizais o teñas e aínda non o tes diagnosticado. Isto é imposible que unha máquina o valore”. Son aspectos que é difícil que pasen desapercibidos en consulta. “Tes unha relación co paciente na que deixándolle falar, podes detectar aversións alimentarias que non están xustificadas, restricións de determinados alimentos ou que a dieta se está a facer dun xeito restritivo sen ter unha xustificación. Ves cousas porque ao final ten ese factor humano da experiencia máis o coñecemento que unha aplicación non pode ofrecerche de ningún xeito”, continúa Robles.

Nutrición da vella escola
Tres das apps analizadas permítennos definir obxectivos como mellorar a capacidade física, pero ao final sempre acaban dando pautas para perder peso. “É unha nutrición antiga. Hoxe, é moi raro que un nutricionista se centre no peso como obxectivo. Iso é absurdo. Se estamos a buscar unha perda de peso específica, o que en realidade queremos é unha perda de graxa”, afirma Robles. Un bo nutricionista céntrase nos bos hábitos para modificar a composición corporal a —a proporción de graxa e músculo—, que sexa moito máis favorable para previr o risco de enfermidades non transmisibles (cardiovasculares, respiratorias, cancro ou diabetes, entre as principais).
O importante non é a cifra que reflicte a báscula. “Pode ser que alguén que queira perder 10 quilos vexa que só perdeu dous, pero, se cadra, a súa composición corporal é completamente distinta, porque mudou oito quilos de graxa por oito de masa muscular”, explica Robles. Todos estes matices, polo momento, son indetectables para unha app, porque non pode medir os cambios na composición corporal, algo que si pode facer un nutricionista en consulta medindo as pregaduras corporais do paciente.
Outro problema engadido é que as apps analizadas garanten a perda de peso nun tempo determinado, “algo que un bo dietista-nutricionista profesional nunca se atrevería a facer”, engade Beatriz Robles. Nalgúns casos, como Foodvisor, mesmo che garanten que che devolverán o diñeiro se non conseguiches os teus obxectivos: “Habería que ver en que consiste a garantía dentro das condicións, porque inevitablemente xorden dúbidas sobre como se mediría o logro”, opina a nutricionista.
O fin dos nutricionistas?
Deixamos para o final a pregunta do millón de dólares: poderían chegar a substituír a fugura dun nutricionista? Como curiosidade, preguntámosllo a ChatGPT e a súa resposta foi moi diplomática: “Estas apps ilustran como a IA democratiza acceso aos consellos nutricionais, pero aínda enfrontan desafíos clave: desde nesgos algorítmicos ata a sobremedicalización da alimentación. Algunhas ferramentas educan sobre ingredientes específicos e outras abordan a compoñente psicolóxica, pero o futuro podería estar en modelos híbridos que combinen precisión técnica coa empatía humana”. Pero, que opina a intelixencia humana?
“Véxoas máis como unha axuda útil para obter ideas sobre que facer de comer co que se ten na casa ou facilitar unha lista da compra. Pero non creo que nos poidan substituír. De feito, a IA si pode ser útil para os dietistas-nutricionistas na práctica clínica”, opina Lucía Folgar. Sempre baixo a supervisión dun nutricionista, unha IA en consulta pode servir para facilitar a elaboración de pautas nutricionais ou para desenvolver ferramentas como asistentes virtuais para mellorar a adherencia dos pacientes. Ademais, pola súa capacidade para atopar patróns e establecer relacións, cunha minuciosa anamnese por parte do nutricionista e cuns datos correctos, poden servir para axudar a realizar diagnósticos complexos, como acontece xa noutros campos da saúde, como a medicina oncolóxica. Para Beatriz Robles, o factor humano é insubstituíble: “E non só neste sector, penso tamén en sectores creativos. Hai un punto que creo que a IA non alcanzará, por mor da propia natureza humana e por como funcionamos. Hai un factor que vai máis alá da mera comunicación a través das palabras, que fala da intuición, do coñecemento, da experiencia e do cruzamento de todo iso, pero cunha visión crítica que creo que a IA non nos pode dar. Ou esa é a miña esperanza”, conclúe.
Para analizar as apps, definimos dous usuarios tipo a modo de comparación: un home de 50 anos que pretende perder graxa e unha muller de 30 que quere gañar masa muscular. Ao final, esta distinción non serviu de moito, xa que a maioría das aplicacións só se centran na perda de peso, e as que permiten introducir parámetros como “mellorar a masa muscular” acaban centrándose tamén no reconto de calorías e no peso. Ademais, outro aspecto desfavorable, tanto Noom como Foodvisor indican o tempo que tardarán en perder os quilos, pero a medida que se van cumprindo as preguntas do cuestionario anterior, este período vaise reducindo sen que esa redución teña moito sentido desde o punto de vista nutricional. “É un claro exemplo de como se empregan as técnicas de márketing baseadas en neurociencia para manter a interacción na app. Neste caso, a redución do prazo é o reclamo que impulsa aos usuarios a continuaren a usar a app”, explica Beatriz Robles.
Carmen AI
É a máis sinxela. Desenvolvido polo proxecto español SinAzucar.org, preséntase como un escáner de alimentos. Con intelixencia artificial, analiza a información nutricional dos produtos e ofrece unha avaliación clara e concisa, aínda que algo simplista, xa que puntúa os alimentos de 1 a 10; un nutricionista situaría estes datos nun contexto moito máis matizado, coa frecuencia e en relación co resto da dieta. Ten un chat interactivo no que se lle poden facer consultas xenéricas (“dáme ideas para preparar un almorzo saudable”) e ofrece receitas personalizadas en función dos ingredientes que introducimos, menús xenéricos para perder graxa ou gañar músculo, menús vexetarianos e veganos e consellos para facer a compra.
Fai unha avaliación previa do usuario (anamnese)? Non.
Útil para… Comezar a cambiar os nosos hábitos.
Pros. Fai suxestións para substituír produtos menos recomendados por outros de mellor calidade nutricional e inclúe explicacións sobre por que certos ingredientes son prexudiciais, aliñando coa misión divulgativa do creador de Sinazucar.org.
Contras. Enfoque algo reducionista. Non fai anamnese nin se lle pide ningún tipo de dato ao usuario, polo que os menús para perder graxa son só unha referencia.
Prezo. De balde. Ten unha versión premium por 4,99 €/mes, aínda que ofrece descontos se a subscrición é de 6 meses ou un ano.
Foodvisor
Esta aplicación francesa utiliza o recoñecemento de imaxes para analizar pratos fotografados, entre outras funcións. Mediante un cuestionario previo establécense os obxectivos do usuario (“Vivir máis anos”, “Sentirme máis cómodo co meu corpo” e así sucesivamente ata 112 posibilidades). Malia o grande abano de obxectivos, no seguinte paso todo se reduce a perder quilos. Aínda que realiza unha anamnese, o seu impacto real nas recomendacións é limitado, xa que, polo que sabemos, non adapta os plans en función das enfermidades declaradas. Por exemplo, preguntas por enfermidades e existe a opción “outra”, pero non se interesa por saber cal é.
Fai unha avaliación previa do usuario (anamnese)? Si. A máis completa das analizadas.
Útil para… Coñecer información sobre os ingredientes e as calorías dos nosos pratos.
Pros. Identifica ingredientes e estima calorías, envía mensaxes alentadoras (“cremos en ti”) despois de rexistrar comidas, reforzando hábitos positivos. Ofrece receitas con información nutricional detallada e envía consellos cada día. Ofrece receitas con información nutricional detallada e envía consellos diarios baseados na evidencia científica.
Contras. Todos os obxectivos pasan pola perda de peso e as estimacións sobre o tempo que se tardará en conseguilo pouco rigorosas (perdas de seis quilos nun mes). Ofrece unha garantía de devolución do diñeiro se non se “perde peso” nun mes, pero o proceso é pouco transparente.
Prezo. De balde. 29,99 €/mes na súa versión premium.
My Fitness Pal
É unha das aplicacións máis populares para rastrexar alimentos e exercicios e foi lanzada en 2005. Non realiza unha anamnese completa como Foodvisor e Noom, pero contén unha base de datos moi completa sobre exercicio e alimentación. Tamén ofrece rexistro de alimentos con dixitalización de etiquetas ou seguimento de xaxún intermitente. A versión gratuíta permite rexistrar alimentos e adestramentos, pero con publicidade e funcións limitadas. A premium, de pagamento, inclúe análises máis avanzadas de nutrientes, obxectivos por comida, eliminación de anuncios e plans personalizados.
Fai unha avaliación previa do usuario (anamnese)? Non.
Útil para… Obter información sobre alimentación e exercicio.
Pros. Ten foros e grupos onde os usuarios poden compartir experiencias e consellos e sincronízase con apps e dispositivos como as pulseiras de actividade Fitbit, Garmin, Google Fit e Apple Health. Pode axudar a crear hábitos máis saudables.
Contras. Aínda que separa moi ben os obxectivos, na práctica redúceo todo ás calorías e á perda de peso, algo que pode xerar obsesión nalgunhas persoas.
Prezo. De balde. O plan premium custa 9,99 €/mes ou 49,99 €/ano.
Noom
Esta aplicación de saúde e perda de peso combina o seguimento dos alimentos con información psicolóxica para axudarlles aos usuarios a mudaren os seus hábitos a longo prazo. Diferénciase doutras porque incorpora técnicas de cognición condutual (axuda a modificar pensamentos e comportamentos negativos) para cambiar a relación coa comida. Ten unha anamnese bastante completa, aínda que algo menos que Foodvisor. Permite levar un control das comidas e do seu impacto no obxectivo de peso, asigna un coach virtual que brinda apoio e responde preguntas. Tamén inclúe un grupo de apoio con outros usuarios.
Fai unha avaliación previa do usuario (anamnese)? Si.
Útil para… Mellorar a nosa relación coa comida a través de técnicas cognitivo-condutuais.
Pros. Conta con artigos diarios que ensinan a xestionar os antollos, o estrés emocional e porcións, empregando técnicas cognitivo-condutuais. Preséntase máis como un programa de reeducación nutricional que como unha simple app de reconto de calorías. Sincronízase con outras aplicacións como Google Fit e Apple Health.
Contras. Como en todas, ás veces é pouco realista nos seus plans de perda de peso. Require constancia por parte do usuario para asimilar toda a información que proporciona.
Prezo. A subscrición é de 27,25 €/mes, aínda que se pode probar por 1 € durante 14 días.