Pasados de vitaminas
Dende pequenos escoitamos falar das marabillas das vitaminas. Tanto é así que chegamos a comprender, dun xeito moi simplista, que tomar moitas vitaminas equivale a estar moi saudable, ademais de asumir que un produto enriquecido –xa sexa unha sobremesa láctea, comida para cans, unha crema ou un xampú– é máis saudable. A isto súmaselle a estendida idea de que os complexos vitamínicos son unha axuda fundamental para combater a fatiga, os arrefriados ou as dores musculares. O feito de que se vendan sen receita médica facilita que se abuse deles e moitas persoas os consuman como remedios milagrosos.
Así se puxo de manifesto no informe Uso de suplementos nutricionales en la población española, realizado pola Academia Española de Nutrición e Dietética en 2021. Mostra que ata tres de cada catro españois –un 75 %– consome “algún tipo de suplemento coa fin de mellorar a saúde”, a pesar de que a evidencia científica vixente ata o momento indica que hai poucas probas sólidas sobre a seguridade e eficacia destes produtos. “A elevada frecuencia de uso deste tipo de suplementos, o alto grao de autoprescrición e o seu uso indiscriminado deixan claro que estamos ante un problema de saúde pública”, sinalan os autores.
Que fan por nós?
Analizar o mal uso das vitaminas non significa minimizar a súa importancia. Segundo indica a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), “as vitaminas son compostos orgánicos esenciais que xogan un papel crucial en numerosas funcións biolóxicas e metabólicas. Son substancias que se atopan en cantidades moi pequenas nos alimentos e que desempeñan un papel fundamental no funcionamento normal do corpo humano”. Entre as súas funcións destacan as seguintes:
- Funcións esenciais. Cada vitamina ten funcións únicas e é esencial para procesos biolóxicos específicos. Por exemplo, a vitamina C é crucial para a síntese de coláxeno, a D é necesaria para a absorción de calcio e as vitaminas B xogan un papel vital no metabolismo enerxético.
- Promoción da saúde. As vitaminas tamén están asociadas coa prevención de enfermidades crónicas. Por exemplo, as vitaminas antioxidantes, como a C e a E, axudan a combater o estrés oxidativo e poden desempeñar un papel na prevención de enfermidades relacionadas co envellecemento.
- Fortalecemento do sistema inmunolóxico. Algunhas vitaminas, como a C e a D, son coñecidas por reforzaren as nosas defensas.
- Enerxía e vitalidade. As vitaminas do grupo B son esenciais para converter os alimentos en enerxía. Isto contribúe a manter altos niveis de vitalidade e favorece o funcionamento do sistema nervioso.
Unha ollada ás recomendacións de inxestión de vitaminas pode levarnos á confusión, xa que varían segundo as guías específicas. En Europa, estas pautas están marcadas pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), e en España pódense seguir as recomendacións do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Vitamina A
Nenos: 300-800 μg | Adultos: 800 μg | Séniores: 800 μg | Un exemplo para conseguila: cenoria (100 g, 942 μg)
Vitamina C
Nenos: 20-100 mg | Adultos: 90 mg para homes. 80 mg para mulleres | Séniores: 110 mg para homes. 95 mg para mulleres | Un exemplo para conseguila: kiwi (1 unidade, 90 mg)
Vitamina D
Nenos: 10 μg (400 UI) | Adultos: 15 μg (600 UI) | Séniores: 20 μg (800 UI) | Un exemplo para conseguila: sardiña (100 g, 17 μg)
Vitamina E
Nenos: 6-15 mg | Adultos: 11 mg | Séniores: 11 mg | Un exemplo para conseguila: Améndoas (un puñado, 10 mg)
Vitamina K
Nenos: 20-75 μg | Adultos: 70 μg para homes. 60 μg para mulleres | Séniores: 70 μg para homes. 60 μg para mulleres | Exemplo: brócoli (141 μg)
Do déficit ao exceso.
A FAO e todas as sociedades médicas destacan este papel esencial das vitaminas. Pero tamén que, ao tratarse de substancias que o noso organismo non pode sintetizar, debemos obtelas de fontes externas. Agora, “aprendemos mal a lección”, sinala Carmen Linares, farmacéutica e dietista-nutricionista. “É indiscutible que as vitaminas son esenciais para a saúde, pero a cantidade que necesitamos pódese e debe conseguirse facilmente cunha alimentación equilibrada e saudable. Fartarnos a suplementos é un erro, porque un exceso de vitaminas non só pode ser un gasto inútil para o peto, senón que tamén pode provocar problemas, desequilibrios e trastornos”.
Trátase de poñer vitaminas no seu lugar, e isto é algo que comeza a preocuparlle ás autoridades sanitarias. O último exemplo témolo na acción conxunta que o Departamento de Saúde do Goberno de Navarra e o Colexio Oficial de Farmacéuticos da rexión puxeron en marcha, unha iniciativa dirixida a garantir a administración segura de suplementos que conteñan vitamina D e a alertar de que, se se toma máis da necesaria, pode experimentar graves problemas de saúde debido á hipercalcemia resultante (niveis elevados de calcio no sangue).
O da vitamina D sérvenos como exemplo dos bandazos que temos dado neste tema da suplementación: nos últimos anos dérase a voz de alarma ao constatar que existe un déficit xeneralizado desta vitamina na poboación española. Pero, de aí, pasouse ao extremo contrario: segundo revela un estudo realizado por médicos de atención primaria e farmacéuticos de Castela e León, “existe unha elevada prescrición inxustificada de doses altas de vitamina D”. A situación levou a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) a emitir en 2019 unha nota informativa de seguridade alertando de “casos graves de hipercalcemia provocados por unha sobredose de vitamina D en pacientes en idade adulta e pediátrica”.
É posible unha sobredose?
Chegar á hipercalcemia non é doado, pero debemos ser conscientes de que consumir cantidades excesivas de vitaminas pode provocar unha condición coñecida como hipervitaminose. Iso si, aclara Carmen Linares, “isto é algo que só pode ocorrer cando o consumo se debe ao abuso de suplementos; mediante a dieta nunca chegaremos a pór en risco a nosa saúde”.
Isto é importante á hora de poñer en contexto as recomendacións vitamínicas diarias, que poden variar dependendo da idade, o sexo, a saúde e outros factores individuais. Unha ollada ás recomendacións nutricionais da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC) pódenos facer ver que basta con 80 mg ao día -o equivalente a un kiwi- para alcanzar a cantidade recomendada de vitamina C.
Cabe preguntarse, pois, que acontece se tomamos unha achega maior da que precisamos. Que pasa co exceso de vitaminas? Neste sentido, debemos distinguir entre dous grandes grupos de vitaminas:
- Hidrosolubles. Como o seu nome indica, disólvense en auga e son facilmente absorbidos no tracto gastrointestinal. Se non se empregan, elimínanse pola urina. Estas vitaminas son a C e todas as do grupo B. “Se non temos ningún problema metabólico e nos alimentamos correctamente, non necesitamos un suplemento de vitamina C. En lugar de beneficios, os suplementos só che suporán un gasto innecesario”, explica Deborah García Bello, doutora en Química e divulgadora científica. No caso da vitamina C, por exemplo, a cantidade que o teu organismo non precisa é eliminada polo ril en menos de catro horas.
- Liposolubles. Estas vitaminas disólvense en graxas e aceites. Son esenciais para o bo funcionamento do organismo e almacénanse nos tecidos adiposos (graxos) e no fígado. Trátase de vitamina A (retinol), vitamina D, vitamina E (tocoferol) e vitamina K. Estas vitaminas, almacénanse no corpo e son difíciles de eliminar, polo que poden acumularse até alcanzar niveis tóxicos. Polo tanto, a súa inxestión como suplemento á marxe da dieta debe ser recomendada por un médico.
A idea de que as vitaminas supoñen unha achega extra de saúde levou a moitas familias a pensaren na conveniencia de suplementar os seus fillos, cando desde Asociación Española de Pediatría se dan as seguinte pautas:
- As vitaminas están nos alimentos e unha dieta variada que inclúa ademais produtos crus, como froitas e determinadas verduras, garante unha achega máis que suficiente de vitaminas.
- É innecesario e mesmo pode ser prexudicial para a saúde tomar suplementos vitamínicos en forma de produtos farmacéuticos ou a base de plantas.
- Unha idea errónea estendida é que as vitaminas aumentan o apetito dos nenos. O apetito non se modifica coa administración de vitaminas, os medicamentos que si producen este efecto non achegan ningún nutriente esencial ao organismo, senón que simplemente provocan unha sensación “artificial” de querer comer (ademais de querer durmir) en quen os reciben.
- Non se lle debe facer ver aos nenos que necesitan tomar pastillas ou xaropes para estaren fortes e sans.
Por outra banda, os pediatras recomendan “a administración aos lactantes, durante o primeiro ano da súa vida, de suplementos de vitamina D en forma de gotas. Isto é especialmente importante nos meses de inverno e se vives en rexións con pouco sol, xa que esta vitamina se produce principalmente na propia pel, grazas aos raios solares”. As fórmulas adaptadas están tamén suplementadas con vitaminas, aínda que para recibir a cantidade recomendada sería necesario consumir máis dun litro de leite ao día, polo que a suplementación é necesaria nestes pequenos.
O exceso e a toxicidade.
Aínda que as vitaminas son esenciais para o normal funcionamento do corpo, un consumo excesivo a través dos suplementos (coa alimentación é practicamente imposible superar os niveis seguros) pode ter efectos adversos.
- Vitamina A. A administración de vitamina A de forma crónica, e en doses superiores ás recomendadas, pode producir un cadro de toxicidade caracterizado por fatiga, irritabilidade, cefalea, anorexia, febre leve, hemorraxias en diferentes tecidos e alteracións cutáneas. Nos nenos pode desencadear o peche precoz das epífises dos ósos longos, o que provoca descensos do tamaño. “Megadoses de vitamina A poden producir intoxicacións agudas que se caracterizarán por un cadro de sedación, mareos, náuseas, vómitos, arroibamento e descamación xeneralizada da pel. Nas persoas de idade avanzada, a marxe de seguridade cando administramos esta vitamina é pequena; polo tanto, hai que ter especial precaución e axustar ben as doses”, segundo expoñen os farmacéuticos Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano.
- Vitamina D. Niveis excesivos desta vitamina poden provocar niveis elevados de calcio no sangue, o que pode afectar os ósos, riles e outros órganos. Prescribir vitamina D sen xustificación clínica e sen revisión periódica pode provocar a aparición de efectos adversos –hipercalcemia, arritmias cardíacas, cálculos renais–, especialmente cando se utilizan presentacións de doses acumuladas”, afirman os investigadores Alfonso Díaz Madero e Maria Jesús Hernández Arroyo, membros da Sociedade Española de Farmacéuticos de Atención Primaria.
- Vitamina E. Aínda que as intoxicacións por esta vitamina non son habituais -é unha das menos tóxicas-, unha inxestión excesiva pode potencialmente interferir coa coagulación sanguínea e provocar hemorraxias.
- Vitamina K. Aínda que é pouco común, doses excesivas poden interferir con medicamentos anticoagulantes. A toxicidade é rara: a inxestión debe ser entre 50 e 100 veces superior á cantidade diaria recomendada.
- Vitamina B. En doses extremadamente altas poden causar efectos secundarios, dependendo da vitamina B específica.
- Vitamina C. Aínda que é rara, a megadose de vitamina C pode causar problemas gastrointestinais. Neste sentido, Deborah García Bello explica que “existe unha certa transformación do ácido ascórbico (vitamina C) en ácido oxálico e o seu sal –o oxalato de calcio–, que é bastante insoluble e pode crear cálculos renais. Por iso, se queres evitar o risco de padecer este problema, ou xa o padeces, non te suplementes con vitamina C, ou regula o seu consumo. Ademais, o seu exceso tamén pode provocar vómitos e diarrea”.
De novo, é importante destacar que o risco de toxicidade xeralmente provén de suplementos en lugar de alimentos naturais. A maioría das persoas obteñen as vitaminas que precisan a través dunha dieta equilibrada e non necesitan suplementos a non ser que haxa indicación médica.
É habitual que, ante estados de fatiga, debilidade ou falta de enerxía, adoitamos autoprescribir suplementos vitamínicos. Isto, no caso de persoas que xa están a tomar medicamentos para algunha outra condición, pode ser contraproducente, xa que algunhas vitaminas poden interactuar negativamente con certos medicamentos. As interaccións poden ter varias consecuencias, como diminuír a eficacia do medicamento, aumentar ou diminuír a absorción de nutrientes ou causar efectos secundarios non desexados.
- Vitamina C e aspirina. Grandes cantidades de vitamina C poden aumentar o risco de irritación gástrica cando se toman xunto con aspirina ou outros antiinflamatorios non esteroides (AINE).
- Vitamina D e medicamentos para a hipertensión. A vitamina D facilita a absorción do calcio, e algúns medicamentos hipertensos, como os bloqueadores das canles de calcio, poden acabar afectando os niveis deste mineral. Así mesmo, a vitamina D pode influír na regulación da presión arterial. En calquera caso, a relación entre a vitamina D e a presión arterial é complexa, e son necesarias máis investigacións para comprender completamente como afecta esta vitamina á hipertensión e á resposta aos medicamentos hipertensivos.
- Vitaminas E e K e anticoagulantes. Grandes cantidades de vitamina E poden aumentar o risco de hemorraxia cando se toman xunto con anticoagulantes. A vitamina K tamén pode interferir con medicamentos como a warfarina.
É fundamental consultar co médico sobre calquera suplemento vitamínico que esteamos a tomar e discutir posibles interaccións cos medicamentos prescritos.