Existe a cura contra a obesidade?
A epidemia de obesidade segue medrando a pasos axigantados en todo o mundo, pero ao mesmo tempo, a ciencia continúa a súa loita contra o tempo para deter o seu avance. Segundo o Estudo ENE-COVID de 2023, elaborado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, en España o 55,8 % da poboación maior de 18 anos ten sobrepeso (18,7 % obesidade e 37,1 % sobrepeso) e a prevalencia da obesidade severa ascende a case o 5 %. Este non é un problema estético ou de talle, senón un grave problema de saúde pública. A obesidade considérase unha enfermidade crónica e progresiva, que está relacionada coa aparición de trastornos metabólicos como diabetes, hipertensión, artrite, enfermidade do fígado graxo, algúns tipos de cancro e enfermidades cardiovasculares.
Nos últimos anos, a aparición de fármacos contra a obesidade, popularizados e trivializados por personaxes famosos que conseguiron reducir o seu sobrepeso grazas a este tipo de medicamentos, destapou unha revolución científica sen precedentes. Non son “inxeccións máxicas”, senón investigación e desenvolvemento farmacéutico con máis de dúas décadas de estudo e análise dos seus efectos en pacientes con diabetes tipo 2, que demostraron colateralmente a súa eficacia no tratamento de pacientes con sobrepeso, obesidade ou risco cardiovascular. A revista Science recoñeceu estes medicamentos, que imitan unha hormona intestinal chamada péptido similar ao glicagón-1, como o “avance científico do ano 2023”, o que podería ser unha esperanza para millóns de persoas que loitan contra o sobrepeso e as enfermidades relacionadas.
As causas da obesidade.
“Son fármacos para pacientes con sobrepeso e obesidade, que fracasaron con intentos anteriores; para as persoas que queren cambiar de vida, manteren hábitos de vida saudables, cun gran retorno da saúde. Báixase entre un 10 % e un 15 % de peso ao longo do tratamento, pero a farmacoloxía non é a solución. A clave está en acompañar o paciente na incorporación de hábitos saudables, en unidades especializadas, que fagan unha intervención global”, describe o doutor Cristóbal Morales, endocrinólogo e voceiro da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO). “Hoxe a obesidade non se pode definir polo peso nin polo índice de masa corporal (IMC), unha fórmula matemática que desde hai máis de 100 anos era
unha ferramenta para a detección. Temos que ir máis aló: observar a composición corporal, a acumulación de graxa, a composición muscular, a función metabólica, as complicacións mecánicas, os problemas articulares, os problemas mentais (sete de cada dez persoas teñen problemas de ansiedade e depresión), e comprender as bases psicolóxicas e biolóxicas da enfermidade. Temos xenes prehistóricos deseñados para aforrar enerxía, que agora se dan nun ambiente dunha sociedade obesoxénica que nos leva a todos a aumentar de peso”, engade.
Aprobados en España
- Obesidade: liraglutida (Saxenda).
- Diabetes tipo 2:
- Semaglutida (inxectable Ozempic e as pastillas Rybelsus).
- Dulaglutida (inxectable Trulicity).
Os que están por chegar
- Sobrepeso e obesidade: semaglutida (Wegovy), que xa conta coa aprobación da Axencia Europea do Medicamento. Supón un avance canto á maior redución de peso (un 15 % fronte ao 8 % con Saxenda).
- Diabetes tipo 2, obesidade e sobrepeso: tirzepatida (Mounjaro). Mostra unha redución de peso do 21 %.
Como funcionan estes medicamentos.
O principio activo do inxectable semanal Ozempic –receitado para a diabetes tipo 2– e Wegovy –que proximamente se comercializará para o tratamento do sobrepeso e a obesidade en España– é a semaglutida. Este composto imita o funcionamento da hormona GLP-1, que segrega o intestino ao dixerir os alimentos e que lle indica ao cerebro que estamos saciados e que non nos fai falta comer máis. “Cando a comida chega ao estómago, as nosas hormonas comezan a dar ordes de comer o suficiente, pero non demasiado, e metabolizar o que comemos. Mandan sinais ao fígado, páncreas e cerebro e producen saciedade precoz, o sinal de que xa non se ten máis fame”, describe Clotilde Vázquez, xefa do Departamento de Endocrinoloxía e Nutrición do Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz de Madrid. “Ademais, provoca outros efectos beneficiosos, menos coñecidos, a nivel de tecido adiposo, termoxénese, e como se metaboliza o que comemos no fígado. Por iso son tan bos fármacos, non producen tantos efectos secundarios como os antigos supresores do apetito, que xeraban máis tolerancia e máis efectos cardiovasculares máis desaconsellables”, explica.
Que di a evidencia científica?
De feito, nun estudo recente publicado por The New England Journal of Medicine, observouse que en pacientes con insuficiencia cardíaca e obesidade, o tratamento con semaglutida (2,4 mg) durante un ano produciu unha maior redución dos síntomas e limitacións físicas, melloras na función do exercicio e unha maior perda de peso que o placebo. Estímase, polo tanto, que esta familia de medicamentos pode ter un efecto protector cardíaco, protector renal e antiinflamatorio, co aval de que foron usados para tratar a diabetes tipo 2 durante máis de 20 anos.
“Entre os seus efectos secundarios adversos observamos problemas gastrointestinais como diarreas, náuseas ou vómitos a doses máis altas. O temido efecto rebote, volver recuperar o peso perdido, pode ocorrer se unha persoa foi tratada cun miligramo semanal de semaglutida, por exemplo, e de súpeto deixa de tomala”, explica a doutora Vázquez.
“A retirada faise sempre de forma moi gradual e intentando aumentar a termoxénese con exercicio físico e alimentación. Tamén sería desaconsellable en pacientes con risco de pancreatite ou dun tipo específico de cancro de tiroide, de orixe xenética”, sinala.
A Seguridade Social só receita Ozempic a pacientes que teñen, simultaneamente, diabetes tipo 2 e un índice de masa corporal superior a 30. Sen financiamento, este tipo de medicamentos custan entre 130 e 280 euros. O elevado custo mensual deste tipo de medicamentos e o desabastecemento poden influír na adhesión dos pacientes ao tratamento. A desesperación dos pacientes por atopar alternativas levantou as alarmas pola compra de medicamentos falsificados no mercado negro, segundo un informe da Axencia Europea do Medicamento, que advirte dos riscos para a saúde de comprar falsas plumas autocargadas de Ozempic que se venden no Reino Unido, Alemaña e Austria. A Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) tamén advertiu sobre o perigo de adquirir estes medicamentos “sen marca”, que poden conter ingredientes distintos da versión orixinal, con efectos sobre a saúde descoñecidos. Espérase que as próximas xeracións de medicamentos contra a obesidade, que serán aprobados e comercializados nos próximos meses e anos, poidan limitar os prezos, acabar co mercado negro e continuar coa loita contra a epidemia de obesidade.
Estes fármacos modifican unha hormona segregada polo intestino, o péptido similar ao glicagón tipo 1 (GLP-1), polo que tarda máis en degradarse. Hai receptores desta hormona en todo o noso corpo, polo que afecta a numerosos órganos:
Estómago
- Reducir o tempo do baleirado gástrico.
Cerebro
- Estimula o sistema nervioso central
- Aumenta a saciedade.
- Reduce a fame.
Corazón
- Efectos cardioprotectores.
- Mellora a función endotelial.
- Mellora a frecuencia cardíaca.
- Reduce os danos posteriores ao infarto.
- Aumenta a función ventricular esquerda.
Páncreas
- Aumenta a secreción de insulina.
- Maior biosíntese de insulina.
- Promove a proliferación de células beta.
Músculo
- Aumenta a absorción e almacenamento de glicosa.
- Máis sensibilidade á insulina.
Riles
- Aumenta a función renal.
- Prevén o dano renal.
- Efecto antihipertensivo
Tecido adiposo
- Reduce a produción hepática de glicosa.
- Mellora a utilización de glicosa e sensibilidade de insulina.
- Efecto lipolítico.
- Reduce os depósitos de graxa en adipocitos.
- Aumenta a termoxénese no tecido adiposo pardo ou marrón.
Fígado
- Menor secreción de glucagón.
- Baixa produción de glicosa.
Un paso máis.
A semaglutida non é o único ingrediente activo que se investiga para reducir o sobrepeso. O seguinte salto evolutivo na carreira farmacéutica contra a obesidade será a tirzepatida (de nome comercial Mounjaro), que é máis potente que a semaglutida e cuxos resultados en ensaios clínicos amosan unha redución do peso do 21 %. A súa función como fármaco para reducir o nivel de glicosa no sangue consiste en imitar o efecto de dúas hormonas, GLP-1 e GIP (polipéptido inhibidor gástrico), que estimulan a produción de insulina, retardan o baleirado gástrico e aumentan a primeira sensación de saciedade, polo que a inxestión de alimentos se reduce.
Segundo o último ensaio clínico, cuxos resultados acaban de ser publicados JAMA Network, este medicamento é eficaz na perda de peso e a redución de factores de risco asociados (hipertensión, colesterol, fígado graxo), pero cando se deixa o tratamento, todos os marcadores de risco empeoran e o paciente pode recuperar o peso perdido. Por que ocorre isto? Os expertos sinalan que a obesidade, como a diabetes, é unha enfermidade crónica que require cambios permanentes no estilo de vida e na alimentación. Nalgúns pacientes, será necesario manter o control farmacolóxico de por vida para evitar a recuperación de peso. A tirzepatida, concibida inicialmente para o tratamento da diabetes tipo 2, foi aprobada pola Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA, polas súas siglas en inglés) en Estados Unidos e recentemente revisada pola Axencia do Medicamento europea para ampliar a súa autorización no control do sobrepeso e da obesidade, pero non será ata 2024-2025 cando se poida comercializar en España.
O uso de medicamentos contra a obesidade pode causar un impacto inesperado na industria alimentaria. Nunha análise recente da consultora Morgan Stanley, calcúlase que en 2035 preto de 24 millóns de persoas en Estados Unidos (un 7 % da súa poboación) seguirán algún tipo de tratamento farmacolóxico contra o sobrepeso. Deste xeito, “as industrias de alimentos, bebidas e restaurantes poderían experimentar unha menor demanda, especialmente para alimentos pouco saudables e opcións ricas en graxas, doces e salgados”, resume o informe.
Adeus aos alimentos azucrados e graxos
As recentes enquisas realizadas pola empresa aos consumidores que seguen tratamentos con estes fármacos revelan unha redución no seu consumo de alimentos ricos en azucre e graxa, como doces, bebidas azucradas e pastelería. Segundo os seus datos, case a cuarta parte destes consumidores deixou de beber alcohol por completo e case o 20 % abandonou as bebidas azucradas. “A medida que máis persoas usen estes medicamentos, o consumo global destes produtos pode caer ata un 3 % para 2035”, prevé o informe.
Máis espazo para os alimentos saudables
Os analistas da consultora tamén observaron un aumento no consumo das categorías máis saudables en alimentación –como froitas, verduras, peixe e polo– en pacientes que seguen tratamento farmacolóxico contra a obesidade.
A cadea estadounidense de supermercados Walmart tamén ofrece datos similares na súa análise de mercado de agosto de 2023 realizada nas súas propias tendas. A cadea pode vender estes medicamentos nas súas farmacias, e iso permitiulle observar a relación entre o aumento da venda destes medicamentos e a redución do gasto en bebidas alcohólicas, doces e snacks. Como primeira consecuencia, algunhas empresas propietarias de marcas de cervexa, snacks e doces rexistraron perdas en bolsa tras facerse pública esta información.
Nos próximos anos, se os tratamentos farmacolóxicos contra a obesidade se estenden e se popularizan, a industria alimentaria terá que reconsiderar como afectará as súas contas o cambio de hábitos de consumo.