Tiroide. A glándula que goberna o noso corpo
A tiroide está presente en todas as fases da vida, mesmo desde a formación do feto no útero materno. É indispensable que todos os sistemas funcionen como deban”, explica Carlos Zafón, coordinador da Área de Tiroide da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN). A clave está na súa misión: producir unha serie de hormonas –as tiroides–, que son as verdadeiras artífices da regulación, coordinación e control de numerosas funcións corporais:
- Regulación do metabolismo. As hormonas tiroides inflúen en case todas as células do organismo e son necesarias para controlar as funcións dos nosos órganos.
- Desenvolvemento e crecemento. Son esenciais para o normal desenvolvemento do sistema nervioso central no feto e no crecemento e desenvolvemento de nenos e adolescentes.
- Regulación da frecuencia cardíaca e da contracción muscular. Teñen efectos sobre o sistema cardiovascular e o sistema músculo-esquelético.
- Control da temperatura corporal. Afectan a produción e a perda de calor do corpo.
Unha fábrica de hormonas.
As principais hormonas tiroides son a triiodotironina (T3) e a tiroxina (T4). A tiroide non “fabrica” estas hormonas a vontade nin mecanicamente, senón que a súa produción está regulada pola hormona estimuladora da tiroide (TSH), segregada pola glándula pituitaria en resposta á concentración de hormonas tiroides no corpo. Cando os nosos niveis de hormona tiroide diminúen, a pituitaria libera máis TSH para producir unha maior cantidade. Cando os niveis de hormona tiroide son altos, a TSH reduce a súa produción para diminuír a estimulación da tiroide. Por iso é tan interesante medir os niveis de TSH no sangue, xa que uns valores anormais poden indicar que existe un desequilibrio na función da tiroide: é dicir, que está a producir máis ou menos da conta.
Este equilibrio hormonal é ás veces descompensado debido ao mal funcionamento da tiroide. Estímase que ao redor do 5 % da poboación española padece un trastorno da tiroide. Deles, os máis frecuentes son o hipotiroidismo e o hipertiroidismo, que implican, respectivamente, unha deficiencia ou exceso na produción de hormonas.
O iodo é un elemento esencial para a síntese de hormonas tiroides, xa que inflúe directamente no organismo ao intervir en múltiples procesos metabólicos e ningún outro nutriente pode substituílo.
En España, a deficiencia de iodo non é a principal causa de hipotiroidismo. Aínda así, é importante ter en conta que o embarazo é un momento delicado. Segundo o Documento de consenso sobre el manejo de la disfunción tiroidea durante el embarazo, elaborado pola Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN) e a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO), “as necesidades nutricionais de iodo aumentan significativamente durante o embarazo para facerlle fronte á maior demanda de hormona tiroide que supón un aumento do gasto metabólico materno e fetal. As hormonas tiroides interveñen directa e indirectamente na maioría dos procesos de desenvolvemento neurolóxico do embrión e do feto”.
Por iso, é fundamental que as mulleres xestantes aseguren unha inxestión regular e suficiente de iodo, para o que se recomenda o consumo de sal iodada, peixe, leite e produtos lácteos. Se isto non se consegue mediante a dieta, pode ser recomendable tomar suplementos farmacolóxicos, sempre baixo a supervisión dun especialista.
Que pasa cando os niveis son baixos.
A ter baixos niveis de hormonas tiroides chámaselle hipotiroidismo e produce síntomas que poden variar significativamente dunha persoa a outra. “Son moi variables. Cos mesmos valores hormonais, algunhas persoas terán moitos síntomas e outras case ningún. Tamén son moi pouco específicos, é dicir, moitas persoas sen problemas de tiroide tamén os poden padecer”, explica Cecilia Sánchez Ragnarsson, do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Hospital Universitario Central de Asturias, en representación da Área de Traballo TiroSEEN. Estes síntomas inclúen fatiga, pouca tolerancia ao frío, tendencia a inchazo e aumento de peso, estrinximento, pel seca… “Algúns son tan frecuentes na poboación en xeral que a maioría das persoas que presentan algún deles non van ter hipotiroidismo, polo que se fai imprescindible sempre contar cun diagnóstico analítico”, comenta Sánchez.
E que o provoca? Entre as súas causas máis comúns atópase a enfermidade tiroide autoinmune ou a tiroidite de Hashimoto: o sistema inmunolóxico ataca por erro a glándula tiroide, provocando unha inflamación crónica da glándula tiroide e, finalmente, unha diminución da produción de hormonas tiroides. A extirpación cirúrxica (parcial ou total) da tiroide tamén provoca hipotiroidismo, e algúns tratamentos e terapias tamén poden acabar causándoo. En moitos países, a principal causa de hipotiroidismo é a deficiencia severa de iodo. En canto ao tratamento, é moi sinxelo: consiste en achegar por vía oral a tiroxina que falta, polo que hai que axustar a dose necesaria e abondará con tomar unha pílula diaria.
E se son moi elevados?
É o caso contrario: o hipertiroidismo. O seu diagnóstico ocorre ante a presenza dunha alta concentración de hormonas tiroides no sangue do paciente. Os seus síntomas máis comúns, que tamén poden variar dun paciente a outro, son nerviosismo, ansiedade, irritabilidade, cansazo, taquicardia, palpitacións, perda de peso, tremores nas mans, insomnio, intolerancia á calor, sudación excesiva e aumento do número de deposicións.
A causa máis frecuente nos mozos e mozas é a enfermidade de Graves, unha patoloxía inmunolóxica na que o organismo produce anticorpos que estimulan a secreción e liberación de hormonas tiroides. Caracterízase pola presenza de bocio difuso (aumento do tamaño da glándula). En canto ao tratamento, están dispoñibles medicamentos antitiroides, radioiodo ou cirurxía, dependendo da gravidade do hipertiroidismo, do tamaño do bocio e da idade do paciente.
Cando se diagnostica hipotiroidismo, o tratamento consiste en tomar tiroxina por vía oral. Non obstante, as persoas con este problema deben saber que certos alimentos poden alterar os niveis de hormonas tiroides no corpo ou que poden interactuar con este medicamento (lentificando ou acelerando a súa absorción):
- Soia. Contén compostos, chamados fitoestróxenos, que poden interferir coa función da tiroide. Recoméndase moderar a inxestión de produtos de soia, como a bebida de soia ou o tofu, especialmente se se consomen en grandes cantidades.
- Vexetais crucíferos. Vexetais como o brócoli, a coliflor, o repolo e as coles de Bruxelas conteñen bocióxenos, compostos que poden interferir coa absorción de iodo e afectaren a función da tiroide. Isto ocorre cando estas verduras se consomen crúas, polo que para comelas sen que dean problemas hai que cociñalas moi ben.
- Cafeína. En grandes cantidades pode interferir coa absorción de hormonas tiroides sintéticas nas persoas que toman medicamentos para trastornos da tiroide. Recoméndase limitar o seu consumo e consultar co médico sobre a cantidade segura.
- Algas. Sábese que as algas, especialmente as algas mariñas, o dulse e o wakame, son unha fonte de iodo. A súa inxestión pode provocar un exceso de iodo no noso organismo (o que pode empeorar os síntomas do hipertiroidismo ou a inflamación da glándula tiroide en persoas con hipotiroidismo autoinmune). Tamén poden interferir coa absorción de medicamentos.
Outra condición: os nódulos.
Segundo a Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía e Cirurxía de Cabeza e Pescozo (SEORL CCC), a prevalencia de nódulos tiroides é moi elevada na poboación xeral, xa que “a probabilidade de atopar un nódulo á palpación é aproximadamente do 5 %, cifra que alcanza o 70 % cando se trata de atopar un nódulo oculto mediante ecografía”.
Ante o achado dun nódulo tiroide, o primeiro é establecer se se trata dun tumor benigno ou maligno (o 90 % dos nódulos son benignos e o 95 % asintomáticos). Se é benigno, o tratamento dependerá da evolución e, se aumenta excesivamente de tamaño, a intervención cirúrxica para extirpar a tiroide é a solución.
Un cancro de crecemento lento.
O cancro de tiroide trátase dun tumor maligno que se localiza dentro desta glándula e orixínase cando as células tiroideas crecen de maneira descontrolada. Segundo os datos da Asociación Española de Cancro da Tiroide, en España diagnostícanse entre 4.000 e 5.000 casos ao ano. Ademais, explican que, “a diferenza doutros tumores, a maioría dos cancros de tiroide, en concreto, os cancros diferenciados de tiroide, presentan un crecemento lento. Unha vez que o paciente é tratado, os resultados son alentadores: a maioría dos cancros de tiroide elimínanse completamente con cirurxía e tratamento, dependendo do seu tipo”.
Por que hai cada máis casos?
Nos últimos 40 anos, os diagnósticos de problemas de tiroide triplicáronse. Significa isto que tamén se triplicou o número de casos ou é só consecuencia de que cada vez se fagan máis probas e, polo tanto, se diagnostican mellor? É unha cuestión difícil de aclarar, recoñece Zafón: “É certo que as enfermidades da tiroide se detectan cada vez máis en fases moi precoces; está claro que, se os atopas antes de que haxa síntomas, é porque o vas buscar”.
De botarmos a vista atrás, comprobamos que a solicitude de probas de hormonas tiroides era unha rareza. Hoxe, porén, forman parte da rutina das nosas análises. Así, a xeneralización destas probas, mesmo antes de que aparecesen os síntomas, fixo que se diagnostiquen cada vez máis casos do que se coñece como hipotiroidismo subclínico. Este tipo de hipotiroidismo prodúcese cando se observa un aumento da TSH, pero tanto a T4 como a T3 teñen concentracións normais. Neses casos, que se debe facer? Debe darse tratamento farmacolóxico? “Por consenso, cando a TSH simplemente está elevada, non hai que facer nada; de feito, no 50 % dos casos acaba normalizándose. Trátase de observar a evolución e, cando se ve que non hai volta atrás e que en pouco tempo poden aparecer os síntomas, xeralmente comézase a administrar medicación”, comenta Carlos Zafón.
Os disruptores endócrinos.
Pero, máis aló desta avalancha de diagnósticos, hai máis posibles razóns detrás deste aumento dos casos de disfuncións tiroides. Entre eles, os coñecidos como disruptores endócrinos, substancias químicas que poden interferir no sistema endócrino do organismo imitando ou bloqueando a acción das hormonas que o noso organismo produce de forma natural, entre elas as hormonas tiroides.
Hai moitos estudos científicos que asociaron os trastornos da tiroide con disruptores como os ftalatos, os bifenilos policlorados, os organoclorados, o bisfenol e os retardantes de chama bromados. O problema é que estas substancias atópanse na auga, no aire, en produtos químicos industriais, nos produtos de coidado persoal, nos materiais de consumo… É dicir, en todas partes.
A nosa tiroide está a enfermar por estes microplásticos e contaminantes? “É un tema moi complexo. Sábese que afectan á súa función, pero é realmente difícil definir canto e ata que punto. Estamos sometidos a moitos disruptores endócrinos e dependerá da cantidade, do tempo de exposición e da vulnerabilidade individual. Non hai unha situación de causa-efecto clara, sobre todo porque son exposicións a moi longo prazo”, sinala Zafón.
E hai máis dúbidas sobre os trastornos da tiroide. Por exemplo, sabemos que tomar tiroxina por vía oral proporciónalle ao organismo a cantidade necesaria de hormonas, pero, non estamos con iso a tratar só a consecuencia da disfunción e non as causas? “A maioría dos casos de hipotiroidismo débense á tiroidite de Hashimoto, unha enfermidade autoinmune que ataca e destrúe a glándula. Coñecemos o mecanismo, pero non o que o pon en marcha”, explica Zafón.
Tampouco se sabe por que estas enfermidades son máis frecuentes nas mulleres que nos homes. Aquí, unha vez máis, o foco céntrase nas patoloxías autoinmunes, “que ocorren con moita máis frecuencia no sexo feminino por causas descoñecidas para nós. Supoñemos que interveñen outros factores hormonais propios da muller, pero é certo que hai unha gran diferenza de prevalencia entre homes e mulleres”, conclúe Carlos Zafón.
A relación entre os trastornos da tiroide e a saúde mental é complexa, especialmente porque os síntomas tanto do hipotiroidismo como do hipertiroidismo adoitan ser confusos e poden suxerir unha enfermidade psiquiátrica.
- No hipotiroidismo son frecuentes a astenia psicomotora, o letargo, a somnolencia e os trastornos cognitivos, como a perda de memoria e a falta de concentración, todos eles moi frecuentes na depresión.
- O hipertiroidismo pode provocar hiperactividade con taquicardia, nerviosismo, crises vasomotoras e irritabilidade, que se poden confundir con ansiedade, ataques de pánico ou episodios de manía ou hipomanía.
Segundo indica o psiquiatra Ángel Corona, “tanto nas enfermidades da tiroide como nas psiquiátricas, ás veces hai síntomas que se solapan e se confunden. Hai que saber diferenciar eses cadros”.