Verdade ou mentira: un brinde ao ano tamén fai dano

CHEGAN AS FESTAS E, CON ELAS, AS CAÑAS COS AMIGOS, OS VIÑOS NAS CEAS, OS CUBATAS DE SOBREMESA, OS DIXESTIVOS TRAS A SOBREMESA E O CAVA PARA OS BRINDES. ANTES DE COMEZAR A XUSTIFICAR O EXCESO CUN “UNHA VEZ AO ANO NON FAI DANO”, CONVÉN SABER QUE NON EXISTE UNHA CANTIDADE MÍNIMA DE ALCOHOL QUE SE POIDA INXERIR SEN PREXUÍZO PARA A SAÚDE E QUE NINGÚN DOS MITOS ENRAIZADOS NA SOCIEDADE QUE ASEGURAN BENEFICIOS TRAS O SEU CONSUMO RESULTA CERTO.
1 Decembro de 2019
GettyImages 856984604

Verdade ou mentira: un brinde ao ano tamén fai dano

Unha copa ao día non prexudica / Falso

A cantidade mínima de alcohol que podemos consumir sen prexuízo para a saúde é cero. Esta é a principal conclusión do maior estudo sobre os efectos do alcohol (Alcohol use and burden for 195 countries and territories, 1990-2016). Desde 2008, a Organización Mundial da Saúde (OMS) non establece un consumo mínimo recomendable de alcohol.

Por que a lei permite conducir con 0,5 mg/l de alcohol en sangue (o equivalente a unha cervexa e media nos homes e unha para as mulleres)? Unha cousa é establecer o estado de embriaguez, é dicir, coñecer o límite a partir do cal os efectos do alcohol comezan a afectar a unha persoa (por debaixo do límite legal xa se observan alteracións nas capacidades) e outra é sinalar a cantidade de alcohol que necesitamos para danar a nosa saúde.

Segundo as últimas evidencias científicas, cada gramo de alcohol que entra no noso corpo é nocivo, xa que unha vez que accede ao torrente sanguíneo alcanza todos os órganos e sistemas do organismo. O mencionado estudo, publicado en The Lancet, sinala que os posibles efectos protectores que se asocian co consumo de alcohol se anulan ante un risco maior de desenvolver diferentes tipos de cancro.

Beber cervexa ou viño é máis san que beber un ron ou unha xenebra / Falso

As bebidas fermentadas (cervexa e viño) teñen case sempre menor graduación que as destiladas (ron, xenebra, whisky, licores…). A absorción do alcohol tamén é máis lenta cando tomamos algunha das primeiras. Pero, en termos de saúde, o que importa é a cantidade de alcohol que cada bebida lle proporcione ao organismo, é dicir, a suma de alcohol puro que inxiramos.

O alcohol en cada bebida mídese pola súa graduación, é dicir, pola porcentaxe de alcohol puro que contén (a súa concentración cada 100 ml). Eses gramos de alcohol calcúlanse a través desta ecuación: cantidade de alcohol inxerida (ml) x graduación da bebida x 0,8 (coeficiente que corresponde ao peso específico do alcohol) dividido entre 100. Se unha persoa bebe 100 ml dun viño de 13 graos, a cantidade de alcohol absoluto que inxerirá sería a seguinte:

100 ml x 13 x 0,8 / 100 = 10,4 g de alcohol puro

Unha copa de whisky ou brandy (50 ml) posúe uns 20 gramos de alcohol puro, o dobre que unha copa de viño. Pero, se bebemos unha botella de viño (750 ml), consumiremos uns 75 gramos de alcohol puro. Canto máis alcohol puro tomemos, moito peor será para a nosa saúde.

As mulleres metabolizan peor o alcohol / Verdadeiro

Polo xeral, a composición corporal dos homes –teñen máis auga nos tecidos, máis músculo e menos graxa– é diferente que a das mulleres. Desta composición depende que o alcohol afecte (emborrache) máis ou menos, ademais do peso corporal (cantos máis quilos, resultará máis difícil) e de ter o estómago cheo.

O alcohol dilúese no corpo en proporción á cantidade de auga que teña o organismo. O corpo feminino, ao ter menor proporción de auga e maior graxa, fai que o alcohol quede máis concentrado, polo que o nivel de alcoholemia será moito maior ca nos homes.

Tamén existen diferenzas en canto á capacidade para producir a enzima alcoholdeshidroxenasa (encargada de metabolizar o alcohol). As mulleres, en xeral, presentan menor cantidade desta enzima, polo que é posible que, ata a igual peso e cantidade de alcohol inxerida, se emborrachen máis rápido.

Canto máis doce, peor

As bebidas destiladas azucradas –as doces como o anís, o ponche, os licores de sabores ou dixestivos– e os combinados, que inclúen os refrescos, amplifican o efecto do alcohol: o azucre favorece a absorción do alcohol no noso corpo.

Un tinto ao día é bo para o corazón / Falso

Este mito nace coa publicación dalgúns estudos que durante anos destacaron o beneficioso efecto que teñen certos compoñentes do viño tinto, como os polifenoles e o resveratrol. Os primeiros, substancias responsables da cor e da estrutura dos tintos, ao ser antioxidantes, protéxennos fronte á oxidación que pode terminar danando as nosas células. O consumo de resveratrol podería estar relacionado cun menor risco de inflamación e coagulación do sangue, o que tería un efecto protector en enfermidades cardíacas.

Outros estudos tamén aseguran que o viño tinto podía baixar a tensión dos hipertensos. Todo isto desmentiuse con nova e máis precisa (e independente) literatura científica que asegura que, para que unha persoa se beneficie do que lle poderían proporcionar estas substancias, tería que beber centos de copas de viño ao día, algo que, evidentemente, esnaquizaría o fígado e provocaría unha cirrose. Sinxelamente, se se queren tomar antioxidantes, resulta máis fácil acudir a unha dieta rica en froitas e verduras.

Un consumo moderado de cervexa posúe certas propiedades nutricionais / Falso

Unha lata de cervexa de 330 ml contén, na súa maioría, auga (307 ml) e proporciónanos 140 kcal: delas, só 46 proveñen dos hidratos de carbono disoltos e das súas escasas proteínas. O resto, obtéñense tras a metabolización do alcohol. Durante anos, ademais, moitos estudos enfatizaron os efectos beneficiosos da composición do zume de cebada: fonte de ácido fólico, vitamina B, flúor, silicio e polifenoles.

Os especialistas aconsellan que, se iso é o que se persegue co seu consumo, outros alimentos como o cacao, os froitos secos, as verduras de folla verde, os alimentos integrais, especias como o cravo ou a pementa negra, as olivas ou o aceite de oliva virxe, todos eles posúen un contido moito máis elevado de vitaminas e antioxidantes, sen proporcionarlle nin un gramo de alcohol ao organismo.

A bebida branca non engorda / Falso

Ao contrario: todas as bebidas alcohólicas son fortemente calóricas, malia ter un baixo poder nutricional (calorías baleiras). Por cada gramo de alcohol, o noso corpo obtén 7 kcal, unha cantidade relativamente elevada se a comparamos coas 4 kcal/g que obtemos dos hidratos de carbono ou as proteínas. Isto significa que, cantos máis gramos de alcohol puro conteña unha bebida (e as destiladas son as que posúen maior graduación), máis calorías lle proporcionaremos ao organismo.

Se mesturamos a bebida destilada cun refresco, ás calorías do alcohol haille que engadir as que proporciona o azucre destes produtos. A xenebra, por exemplo, dependendo da marca, conta cunha graduación duns 40 grados por cada 100 ml e uns 32 gramos de alcohol puro, que hai que multiplicar polas 7 kcal que proporciona cada gramo de alcohol. En total, por 100 ml de xenebra, proporcionaríalle ao organismo unhas 224 kcal, ás que habería que sumarlle as 30-35 kcal dunha tónica (100 ml).

 

Fontes: Ricardo Franco Vicario, presidente da Academia de Ciencias Médicas de Bilbao, e Pablo García, cardiólogo. Alcohol use and burden for 195 countries and territories, 1990- 2016, publicado en The Lancet.

Uns grolos de risco

O consumo de alcohol está relacionado con máis de 60 enfermidades, entre as que se atopan as hepáticas, metabólicas, diferentes tipos de cancro ou demencia. Cada ano, 1 de cada 50 persoas morren en España por causa directa do alcohol.