Mochilas lixeiras, costas sas

Son a mellor opción para cargar o material escolar, por diante das carteiras e dos carriños, sempre que non pesen máis do 10% do peso corporal do neno
1 Outubro de 2010
Img salud listado 701

Mochilas lixeiras, costas sas

O saber non ocupa lugar, pero si peso. Moitos nenos en idade escolar sófreno acotío. Cada día deben transportar cadernos, dicionarios e libros demasiado pesados para unhas costas aínda inmaturas. Estímase que un 50% dos nenos e un 70% das nenas de entre 13 e 15 anos xa sufriu nalgunha ocasión dor de costas. As porcentaxes varían dun sexo a outro porque as nenas teñen, por norma xeral, menos masa muscular, porque tenden a queixarse en voz alta sobre a dor de costas ao seren máis comunicativas, e ás veces, tamén porque interpretan como dor lumbar unha dor de orixe menstrual. Isto eleva considerablemente o risco de que padezan esta dor de xeito crónico na etapa adulta, tal e como alerta a Fundación Kovacs, especializada no coidado das costas. Para evitalo, os expertos insisten en que cómpre alixeirar o peso das mochilas, que en ningún caso debe exceder o 10% do peso corporal do neno, e apostar por alternativas como os libros por fascículos ou os soportes dixitais.

A mochila máis axeitada e o seu uso

Mentres se fraguan as futuras aulas dixitais, os pais deben prestarlles atención ás recomendacións dos expertos en costas para que as dos seus fillos non se resintan. As elaboradas pola Escola de Costas de EROSKI CONSUMER (http://escuelas.consumer.es/web/es/espalda), a Fundación Kovacs na web das Costas (http://www.espalda.org) e as diversas asociacións de pais e nais son algunhas delas. Todas insisten en que alén de que os libros e o material escolar se poidan levar en carteiras, carriños, bandoleiras ou bolsos, a mellor opción é a mochila. As carteiras non son as máis recomendables, xa que cargan todo o peso sobre un só ombreiro e obrigan a adoptar posturas asimétricas. No tocante ás mochilas de rodas ou carriños, aínda que non están desaconselladas de todo, deben ter unha asa regulable á altura do neno para que poida transportalos de maneira cómoda e ergonómica. Ademais, no canto de tirar do carriño cunha soa man, o neno debe aprender a empurrar coas dúas mans cara a diante. É o modo menos daniño para a súa saúde lumbar, xa que pola contra téndese a torcer as costas.

Non máis do 10% do peso corporal

Un de cada tres escolares de máis de seis anos transporta un peso, entre a mochila e o seu contido, equivalente ao 35% do seu peso corporal. O aconsellable é que o neno non cargue con máis do 10% do seu peso corporal. Isto significa que un estudante de 40 quilos non pode levar máis de 4 quilos sobre as súas costas. Cando se supera este límite máximo recomendado, increméntanse entre 1,3 e 3,4 veces as molestias lumbares.

Por esta razón, a Fundación Kovacs e a Organización Médica Colexial (OMC) deseñaron o pasado ano a campaña “Non lle deas as costas ás túas costas”, dirixida a estudantes de entre 13 e 15 anos. Este ano lanzaron unha campaña dirixida a escolares de menor idade. Aínda que a dor de costas sexa menos frecuente en nenos máis pequenos (aféctalle ao 10% antes dos 10 anos), a súa incidencia aumenta a partir da primeira década da vida. Por esta razón, difundiron consellos de prevención a idades máis temperás. Para iso, mentres que na ocasión anterior utilizaron o “Conto das costas” para concienciar os adolescentes sobre este problema, o obxecto desta campaña é un conto titulado “O lumbago de Xoán”, dirixido a nenos de entre 6 a 8 anos. A ferramenta pódese consultar a través da Web das Costas (www.espalda.org).

Consellos fronte ao pupitre e o ordenador
  • Postura: o neno ten que sentar o máis pegado posible á cadeira. A súa postura é correcta se ao apoiar os pés no chan, os xeonllos se manteñen ao mesmo nivel ou por riba das cadeiras. É recomendable cambiar de postura con frecuencia e erguerse e camiñar, se é posible, cada 45-60 minutos.
  • Mesa de estudo: o seu deseño debe permitir introducir as pernas por completo debaixo dela e a altura ten que ser a axeitada para que o estudante poida apoiar os antebrazos nela.
  • Cadeira: é preferible que sexa regulable en altura e con rodas, xa que se pode adaptar en función do crecemento do neno e permite que apoie os pés no chan. O respaldo ha de ser alto para que o pescozo tamén descanse. Fronte ao ordenador, hai que situar a cadeira o máis preto posible do teclado co fin de que o neno non teña que se inclinar cara a adiante.
  • Pantalla: débese colocar a 45 cm de distancia da cabeza e do corpo do neno, á altura dos ollos ou mesmo un pouco por baixo.
  • Teclado: a elevación do teclado sobre a mesa non debe superar os 25 ° nin se debe traballar con el sobre os xeonllos. A súa correcta colocación debe permitir apoiar en liña recta os pulsos e os antebrazos en relación a este, cos cóbados flexionados uns 90°.
  • Rato: hai que elixir o rato axeitado para o tamaño das mans dos nenos.

Alixeirar a mochila: fascículos e soportes dixitais

Son numerosos os especialistas que advirten sobre a necesidade de alixeirar o peso das mochilas. Entre as aternativas que propoñen está a de colocar consignas nas escolas para reducir o transporte diario do material escolar, elaborar libros por fascículos e o uso das novas tecnoloxías tanto na escola como na casa. Para este mesmo curso, algunhas editoriais de libros de texto xa comezaron a publicar o seu material por fascículos. En Murcia, por exemplo, xa se realizou unha experiencia piloto e presentáronse libros en módulos.

A dixitalización progresiva das aulas é outra das iniciativas que muda o panorama diario dos escolares. Pouco a pouco, substituísense os contidos en papel por soportes dixitais como CD e a posibilidade de que os estudantes descarguen dunha páxina web os materiais que precisen.

Causas máis comúns da dor de costas nos escolares

A dor de costas non se pode atribuír a un só factor, como o peso das mochilas, aínda que este contribúe ao seu desenvolvemento de maneira considerable. Algúns desencadeantes da dor lumbar son o mobiliario escolar inadecuado (porque obriga a adoptar malas posturas), a inactividade física e o sedentarismo dos escolares, xa que implica unha perda de forza nos músculos das costas e eleva o risco de padecer dores. Durmir sobre superficies demasiado duras ou demasiado brandas, que non permiten unha boa adaptación da curvatura das costas e fan que esta se arquee, é outra circunstancia que tamén inflúe.

A solución para contrarrestar o risco de padecer esta doenza é sinxela: alixeirar o peso da mochila dos escolares, adquirir o mobiliario de estudo axeitado e ergonómico e durmir sobre unha superficie de descanso de firmeza intermedia. Sen esquecermos o deporte. Practicar exercicio para fortalecer as costas é fundamental. O correcto é facelo coa supervisión dun adestrador cualificado. E é que o deporte mal executado tamén comporta riscos para a columna do neno.

Como debe ser a mochila ideal?
  • É fundamental que teña o tamaño apropiado para a idade e tamaño de cada neno. Se é demasiado grande tende a encherse todo o espazo e a súa carga prexudica as costas.
  • O peso, xunto co contido, non debe exceder o 10% do peso corporal do neno.
  • A armazón ten que ser semibranda para que se adapte á anatomía do estudante.
  • Debe incorporar tirantes anchos e acolchados (dun mínimo de 4 cm de ancho) para regular o respaldo, que tamén debe ser acolchado. O cinto é outro dos accesorios imprescindibles. Fixa a mochila á cintura e evita que oscile. O máis conveniente é que sexa tamén acolchado.
  • A mochila ten que conter un sistema de fixación de clip no peito ou na cintura. Mellora a posición do corpo ao transportar o peso e facilita a súa carga sobre os dous ombreiros.
  • É preferible optar por modelos que dispoñan de varios compartimentos para organizar mellor a carga.
  • O material do que estea fabricado é outro dos elementos que se deben valorar. Debe ser ríxido e forte para que resista o peso.

Así e todo, unha mochila que cumpra todos estes requisitos non serve de nada se non se utiliza de maneira correcta.

Claves para facer un bo uso da mochila:

  • Cargar só o necesario. Ao remate da xornada, revisar e limpar a mochila para eliminar todo o que quedara esquecido nela.
  • O material máis pesado e voluminoso debe estar pegado ás costas, colocado de xeito vertical.
  • O neno debe cargala sobre os dous ombreiros, co peso repartido entre os dous, para adoptar unha posición ergueita.
  • En contra do que se recomenda habitualmente, o mellor non é colocala tan arriba como sexa posible -entre as omoplatas ou as pas-, senón abaixo, na zona lumbar ou entre as cadeiras. Debe levarse amarrada o máis pegada posible do corpo.
  • Non é aconsellable cargar a mochila por unha soa asa, como unha carteira, xa que a asimetría da carga fai que se flexione a columna.
  • Se a mochila está moi cargada, ao erguela débese soster coas dúas mans, dobrar os xeonllos e facer forza coas pernas para alzala.
  • En traxectos longos e ao subir ou baixar escaleiras é conveniente utilizar as correas do peito e da cintura para que a mochila quede ben suxeita. Ademais, convén asegurarse de que os tirantes queden ben axustados para que o peso descanse sobre as vértebras dorsais.

Fonte: EROSKI CONSUMER, Fundación Kovacs e F.A.P.A. Francisco Giner de los Ríos