A pel da devesa
O horizonte tisnado de verde ata onde enxerga a vista prepárase para espirse. Artesáns dun oficio ancestral quitaranlle a pel ao bosque. O que noutras árbores non supera o milímetro nas sobreiras pode alcanzar os 25 centímetros: a codia, que se saca e se transforma mudando o nome por cortiza. De aí que o súa recolleita anual se coñeza como A saca da cortiza. É o material sobresaínte que permite conservar embotellado o zume de uva maxicamente fermentada e descuberto por frei Dom Pérignon.
A sobreira chega á idade adulta aos 25 anos, tempo en que se lle arrinca a súa pel adolescente, rugosa, percorrida por gretas, irregular e trabada ao tronco. Sobre a súa nudez comeza a medrar de novo a pel, pero haberán de pasar nove anos para recuperar a súa epiderme. No momento da circulación do zume, os ‘sacaores’ executan o estonado sen tocaren o tronco. Con forza, habilidade e respecto cosen a árbore con machados, de arriba abaixo, buscan a incisión vertical e limpa que procura unha cortiza fina, regular e homoxénea. A escena repetirase ao longo de máis dun século. Aos 150 anos a sobreira avellentada morre.
Os ‘sacaores’ precisan media hora para estonaren a árbore. Cédenlle a quenda ao tallador, que é quen parte a cortiza en tiras pequenas que facilitan o seu transporte e aseguran que non rompan mal. O axuntador amoréaas e o carrexador cárgaas. Así que os camións están cargados, diríxense ás fábricas, que aínda hoxe resisten ao triunfo das alternativas sintéticas á cortiza.
De todos os produtos que se extraen da cortiza, a rolla é o máis valioso e a razón da industria da cortiza. Confórmana arredor 600 empresas, moitas delas familiares ou explotacións medianas, que lle dan emprego a tres mil persoas. O proceso de transformación é complexo e mecanizado e, cada día máis competitivo, ábrese a novos mercados. Portugal é o principal importador, seguido de Francia e de Alemaña, e entran moi forte Chile e Sudáfrica, países onde o viño comeza a ser un referente.
Grazas á súa estrutura e composición química, as propiedades da cortiza son numerosas. É un material lixeiro, elástico, de gran poder calorífico, doado manexo, illante e, ademais, 100% natural e reciclable. A calidade final dunha rolla depende principalmente do tipo de cortiza empregada. Para a súa conversión é precisa unha segunda fervedura. Co aumento do nivel de auga na cortiza, aumenta tamén o seu volume, e así pasa á adega, onde permanece unha semana e se prepara para a torada. Mediante o corte cunha coitela circular, sepáranse tiras de cortiza, de anchura lixeiramente superior á lonxitude da rolla que se pretende fabricar. Así que remata este proceso, penéiranse, é dicir, sepáranse as rollas con defectos das útiles. As rexeitadas incorporaranse a outros procesos, nos que a cortiza se converte en colmea, illantes, parqués e outros elementos de construción, xuntas de automóbiles, calzado, papel e ata tecido de moda.
Cando a codia xa é unha rolla, procédese a reparar o resultado. Por unha banda, este termo refírese a recuperar as rollas con defectos corrixibles, pero tamén se amplía á explotación da sobreira de xeito sostible. Trátase de executar unha selvicultura que aproveite a devesa de tal xeito que se asegure a persistencia do solo, do arboredo e da vida salvaxe. E así, ano a ano no horizonte verde, o castaño dos troncos perderase na codia e mudará a laranxa. Amosará a pel núa da devesa.