Sonia Castañeda, directora da Fundación Biodiversidade

"Somos o país con máis biodiversidade e máis espazos de Rede Natura 2000 de Europa"

1 mayo de 2016
Img entrevista listado 1109

Como definiría vostede o termo “biodiversidade”?

Estamos rodeados de biodiversidade no noso día a día. Está na nosa casa, na nosa neveira, na nosa caixa de urxencias, na roupa etc. Falar de biodiversidade é falar de xenes, de especies, de ecosistemas.

Este mes celébrase o Día Mundial da Biodiversidade.

A biodiversidade é importante porque é necesaria para que haxa vida no planeta. Sen ecoloxía non hai economía; de feito, o 40% da economía mundial depende de ter uns ecosistemas sans. E tamén é benestar social, xa que dela depende que teñamos medicamentos, alimentos, téxtiles etc.

Como consumidores, en que nos afecta a perda de biodiversidade?

A realidade é que perdemos especies, e convén lembrar que cada elo da cadea da vida cumpre unha función. Ademais, descende a cantidade de alimentos e a variedade de especies agrícolas e mariñas que consumimos.

Como rebatería a quen non lle importa que desaparezan especies, mentres non sexan as poucas que consome?

Pensar así é un erro. Todas as especies cumpren unha función nos ecosistemas, xa que nos achegan uns servizos que fan posible a vida no planeta e fan que a nave Terra na que vivimos funcione. Imaxine que non é consumidor de mel e que lle dese igual que desaparecesen as abellas. O consenso científico sinala que, se iso ocorrese, a vida no planeta non sería posible porque as abellas cumpren unha función de polinización esencial. Se todas as abellas se puxesen en folga, facer o seu traballo custaríanos miles de millóns de euros. Ademais, cada vez que desaparece unha especie, podemos estar perdendo a cura dunha enfermidade concreta.

E non só perdemos especies coñecidas, senón tamén descoñecidas.

Así é. O mundo descoñecido é maior ca o coñecido. Cada especie conta, mesmo as que non coñecemos.

Que podemos facer como consumidores para evitar a perda de biodiversidade?

Moito. Podemos ser consumidores responsables co medio ambiente, valorar que e canto consumimos, evitar a xeración de residuos, reducir, reutilizar e reciclar, controlar o uso da auga e da enerxía, consumir produtos sustentables etc. Os consumidores temos un poder de cambio moi importante, marcamos a pauta do que se produce.

España é o país con máis biodiversidade de Europa, segundo a súa fundación. Que datos destacaría?

Somos ricos en biodiversidade. Por unha banda, temos máis de 85.000 especies: o 50 % das especies animais de Europa e o 80 % das especies de plantas vasculares. Ademais, o 30 % do territorio español forma parte da Rede Natura 2000, unha rede europea de espazos naturais de alto valor ecolóxico, e un 8 % do noso espazo mariño está protexido.

Que medidas se toman para coidar a biodiversidade en España e frear a súa perda?

Moitas. Desde a Fundación Biodiversidade, traballamos no desenvolvemento de proxectos no marco do territorio. Coas nosas convocatorias, apoiamos cada ano unhas 250 entidades por toda España, que axudan a coñecer, conservar e sensibilizar sobre a biodiversidade.

Que logros salientaría en conservación e recuperación de biodiversidade?

Un dos máis importantes nos últimos anos foi a conservación do medio mariño. Pasamos de protexer o 0,5 % dos nosos mares ao 8 %, grazas ao proxecto Life+Indemares, que se atopa á vangarda no ámbito europeo da protección mariña. Finalizou en 2014 e con el conseguiuse descubrir novas especies ou que España conte cunha Rede Natura 2000, con máis de 7000 hectáreas mariñas protexidas. Por outra banda, no ámbito terrestre, mediante os proxectos para protexer o rato de almiscre ou a pita do monte, conséguese coñecer máis estas especies e protexer o seu hábitat.

Como afrontaría críticas como a de que non se fai o suficiente pola biodiversidade en España?

É certo que queda moito por facer e que hai moitos retos, pero non se pode negar que no noso país se desenvolven moitas iniciativas no ámbito público e privado. Non debe ser casualidade que sexamos o país con máis biodiversidade e máis espazos de Rede Natura 2000 de Europa. A sociedade está cada vez máis sensibilizada en materia ambiental, hai moi boas noticias que nos animan a seguir conservando a biodiversidade.