Antonio Aretxabala, xeólogo e profesor na Universidade de Navarra

"O fracking é unha estafa"

1 junio de 2015
Img entrevista listado 1029

Ten moi clara a súa postura…

O fracking resultou ser unha estafa. A burbulla explotou e deixou unha gran cantidade de residuos e débedas, aínda que quizais hai xente que puido lucrarse nos movementos especulativos intermedios. De todos os xeitos, nin é a salvación, nin os Estados Unidos son autosuficientes enerxeticamente falando, tal e como se dixo.

Entón, cal é a realidade?

A Axencia Estadounidense da Enerxía recoñece que as 127 grandes empresas de extracción de hidrocarburos (por calquera método) acumulan débedas de billóns de dólares desde 2010. É un problema que afecta a toda a produción de enerxía. Desde 2005, o petróleo está en caída libre. O fracking ou as áreas bituminosas de Canadá (un tipo de petróleo non convencional e moi contaminante) son intentos desesperados de manter unha economía baseada en queimar combustible fósil.

Os defensores do fracking argumentan que se desinforma a poboación.

Din o mesmo que hai uns anos, pero xa se publicaron moitos estudos. O fracking é unha novidade en canto a tecnoloxía de extracción, pero é máis do mesmo: queimar combustible para xerar enerxía.

Daquela, acábase o petróleo?

Sempre haberá petróleo. O problema é que a enerxía necesaria para extraelo é cada vez maior. Confúndese recurso con reserva. A mediados do século XX, podíanse extraer cen barrís de petróleo e gastábase o equivalente a un barril. Hoxe en día, cun barril extráense quince, e iso nas mellores reservas de Arabia Saudita. Xa non hai petróleo doado de extraer. Co fracking, necesítanse dous barrís de petróleo para extraer un e isto conséguese endebedándose. A xente debería preocuparse polo problema de subministración enerxética que haberá nos vindeiros dous ou tres anos. As xeracións futuras terán que pagar esta desfeita.

Comentouse que a baixada do prezo do petróleo se produciu polos produtores convencionais para sacar do mercado as empresas de fracking.

Os prezos baixan porque a actividade económica está a caer de maneira brutal. Hai grandes stocks de petróleo acumulado que non se venden porque non hai demanda de enerxía, e non por unha suposta guerra maquiavélica entre os países árabes e os Estados Unidos, Rusia ou Venezuela.

Opoñerse ao fracking é unha cuestión máis económica ca ambiental?

Non, éo en todos os sentidos. Aínda así, en realidade, hai que reformularse o actual modelo económico, non podemos mantelo co fracking nin co resto de combustibles fósiles.

Que habería que facer?

Primeiro, informar a sociedade para ter o diagnóstico e reaccionar. Segundo, os responsables institucionais deberían estar ben asesorados. E, terceiro, pensar nun mundo en decrecemento, no que o petróleo doado de extraer xa se acabou.

As renovables poderían mitigar estes problemas?

Se o cambio de modelo económico tamén é social, si, sempre que estes recursos estean dispoñibles. Por exemplo, en Alemaña, os edificios son autosuficientes enerxeticamente, mentres que isto en España se penaliza.

O ministro de Industria, Enerxía e Turismo apoia o fracking porque asegura que, deste xeito, dependemos menos das importacións.

En España, a factura da luz é estratosférica porque hai que manter o sistema. Mentres, en Alemaña, hai pouco, houbo momentos nos que se regalou a luz pola gran produción da enerxía solar fotovoltaica.

Os defensores do fracking destacan o enorme potencial de España.

O fracking é un sumidoiro enerxético e a débeda crece cada vez máis. A esperanza é que as tecnoloxías poidan lograr que o que agora non é rendible o sexa no futuro, pero é ciencia ficción. Con Canarias pasou algo similar. Alguén se lucrou con esas prospeccións para descubrir que había dúas bolsas que non valían nada. Son movementos especulativos.

Malia todo, é optimista co futuro?

As sociedades teñen capacidade para sobrepoñerse ás peores situacións. Temos varias posibilidades enerxéticas se se suman as renovables. Habería que baixar o nivel de consumo, non precisamos un 4×4 para ir mercar o pan nin temos que traer os kiwis de Zelandia. Pódese ser feliz e ter un alto nivel de vida gastando só un 20 % da enerxía actual. Non é tan difícil, e é sustentable.