Parece que os medicamentos homeopáticos se regularán a través dunha nova orde ministerial, que opina sobre isto?
Pasariamos da regulación provisional que existe dende 1994 a unha regulación definitiva e sempre consonte os criterios europeos. Falta coñecer os detalles para facer unha valoración completa, por isto é mellor ser prudente e esperar a coñecer todas as condicións.
De que están compostos os medicamentos homeopáticos?
Trátase de substancias de orixe vexetal, animal ou mineral que foron experimentadas seguindo o protocolo específico da homeopatía para coñecer o seu potencial terapéutico. Os medicamentos prepáranse en laboratorios e dispénsanse en farmacias. Están incluídos como tales na Lei do medicamento de 2006, onde se recoñecen oficialmente as súas características específicas.
Hai quen di que se basean nun efecto placebo…
Nalgúns países de Europa están no seu sistema de Seguridade Social. Cada día, crece a demanda polo éxito que ten a súa aplicación nos nenos pequenos. Consolidouse como un sistema terapéutico no eido mundial que atende máis de 300 millóns de usuarios, e está recoñecido oficialmente pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Toda esta realidade tan complexa non pode concluírse de forma simplista dicindo que se trata só dun placebo.
Que argumentos sosteñen a homeopatía como medicina?
O primeiro argumento é a súa vixencia despois de máis de douscentos anos. O segundo é, sen dúbida, a súa eficacia en multitude de cadros clínicos: cefaleas, asma, dermatite, rinite, bronquite, cadros infecciosos de repetición, enfermidades crónicas como artrite reumatoide, esclerose múltiple, fibromialxia etc. O terceiro é que se desenvolven traballos experimentais tanto a nivel clínico, coma a nivel físico e químico e en farmacia, e tamén se fai investigación básica en veterinaria e en cultivos celulares, animais e vexetais.
Por que hai tantas voces en contra da homeopatía?
Non son tantas as voces en contra e descoñezo as razóns ocultas polas que algunhas persoas lanzan infundados ataques contra a homeopatía. A realidade é que os argumentos que utilizan evidencian un gran descoñecemento sobre esta. Tamén é difícil falar cando os prexuízos bloquean toda posibilidade de diálogo.
Ser médico homeópata significa relegar a medicina convencional?
Quero deixar claro que primeiro somos médicos e, por diferentes razóns, eliximos a homeopatía como unha forma de medicina que nos proporciona un marco específico para exercer a nosa profesión. Entre nós hai moitos especialistas, médicos de familia, persoas con teses de doutoramento… Non exercemos a homeopatía en contra de ninguén, senón como unha opción posible dentro do contexto xeral da medicina. En moitos casos, tamén de forma complementaria.
Que cre que lle falta á homeopatía, como ciencia, para que se respecte tanto como a medicina convencional?
Sería importante que houbese posibilidades económicas para desenvolver máis traballos neste ámbito. De todos os xeitos, o respecto é unha actitude que debería ir por diante ante todo o que descoñecemos.
Que lles diría aos que están en contra?
Non vou lanzar ningunha mensaxe porque non estou en contra de ninguén. Hoxe en día, hai moitas causas nobres polas que loitar. Estamos nun momento difícil no que son necesarias todas as enerxías para axudar a moita xente que o necesita.
Quen regula o prezo?
Os laboratorios e os fabricantes de medicamentos homeopáticos axustan os prezos segundo o custo da súa elaboración.
Coa nova norma, deberanse adquirir con receita?
Aínda falta por dar este paso e os médicos homeópatas estámolo a formular como necesario para algúns tipos de medicamentos homeopáticos.