Doutor Carlos Casabona, pediatra experto en nutrición infantil, autor de "Ti elixes o que comes".

"É inxusto culpar os comedores escolares da epidemia de sobrepeso infantil da nosa contorna"

1 septiembre de 2014

Quen elixe o que comen os nenos na escola?

As empresas que prestan o servizo de comedor escolar (rexistradas e homologadas) contan con dietistas-nutricionistas titulados que son os que deseñan os menús.

Melloraron eses menús?

Si, en calidade e en variedade. Estas empresas saben que son miradas con lupa debido á sobrealimentación que reina actualmente na infancia e seguen con máis fidelidade ca nunca as recomendacións dos expertos en nutrición e dos organismos oficiais. A maioría dos comedores preocúpanse por ofrecer alimentos con menos sal, por cociñar e aderezar sobre todo con aceite de oliva, por adaptar os menús ás estacións, por incluír pratos rexionais ou tradicionais e por evitar o abuso de sobremesas demasiado azucradas.

Como valora este menú escolar real? De luns a venres: dous días, legumes; outros dous, hidratos de carbono (arroz e pasta); un día á semana, sopa; outro peixe, outro salchichas, outro hamburguesa e outro albóndegas. De sobremesa, froita e iogur en días alternos.

Regular, tirando a mal. Un menú semanal debe ter verdura ou ensalada completa como primeiro prato, polo menos nunha ocasión. Ademais, é recomendable que as guarnicións que acompañen a carne ou o peixe nos segundos pratos sexan verdura, ensalada ou hortalizas. Un día á semana, aconséllase un segundo prato que leve ovo (por exemplo, tortilla de cabaciña). A carne con elevado contido en graxa (como salchichas, hamburguesas e albóndegas) só se recomenda unha vez á semana. Finalmente, a froita fresca de tempada debe estar presente 4 ou 5 días á semana e hase de deixar a opción láctea para só un día por semana e de maneira opcional. Estas recomendacións non se cumpren nese menú.

Este menú custa 102 euros ao mes, que lle parece?

O custo diario sería de 4,63 euros. Os prezos varían moito entre as comunidades: as máis económicas son Canarias e Asturias, que roldan os 3 euros, e as máis caras son Aragón, Navarra e Cataluña, con prezos entre os 6,10 e os 6,80 euros.

Como se elaboran os menús?

A confección mensual ou trimestral dos menús faise consonte unhas directrices moi detalladas que proveñen das axencias ou consellerías de saúde pública de cada comunidade autónoma. Despois, isto revísao o organismo oficial correspondente que pode esixir modificacións. As guías son minuciosas: detallan dende a duración mínima do tempo que lle deben dedicar os nenos a comer (30 minutos), ata as cores que debe ter o menú para captar a súa atención (3, como mínimo).

Os pais teñen información suficiente sobre alimentación?

Falta información sobre a avultada cantidade de quilocalorías e sobre o desequilibrio na proporción de hidratos, graxas e proteínas que presentan centos de produtos ofertados por unha industria alimentaria, máis pendente dos seus balances económicos ca da nosa saúde nutricional.

Como se explican as elevadas taxas de sobrepeso e obesidade infantil?

Son das máis altas do mundo. É desalentador que isto suceda nun país que foi un modelo nutricional avalado pola comunidade científica por ter as froitas, as hortalizas e os legumes como base da alimentación diaria. Actualmente, a dispoñibilidade continua de produtos con sabores intensos (por ter moito azucre, sal ou graxas), con alta densidade calórica e co baixo prezo co que se ofertan, unido a unha publicidade eficaz, ubicua e agresiva, provocou un cambio drástico nas pautas de alimentación. A sobrealimentación é un signo dos nosos tempos.

Quen ten máis responsabilidade na alimentación infantil, o comedor escolar ou a familia?

Nun ano, só un 9 % das tomas alimenticias dun neno teñen lugar no comedor escolar. Isto implica que o resto das inxestións (un 91 %) as xestiona a familia. Por isto, a responsabilidade final do estado nutricional dun neno recae sobre ela. O colexio só debe complementar a tarefa educativa do ámbito familiar e, nas coordenadas actuais de mellora dos comedores escolares, é inxusto culpalos da epidemia de sobrepeso infantil da nosa contorna. Se a mesma lupa que usan moitos pais e a Administración cos comedores escolares a utilizasen coa alimentación das fins de semana de moitos nenos, teriamos que impoñer miles de “multas familiares” por excesos de alimentos e produtos con moito azucre, graxas e sal.