É mellor casar ou facerse parella de feito?
Non hai unha fórmula mellor ou peor, senón que depende de factores persoais, sociais e relixiosos (entre outros) que fan propios quen formalizan a súa relación.
As parellas de feito xogan con desvantaxe?
Trátase de figuras diferentes, xa que se o matrimonio ou a parella de feito tivesen os mesmos efectos, non tería sentido diferencialos. Pero o importante é que se está recoñecendo a natureza xurídica das parellas de feito, e achegándoa á do matrimonio. A unión de feito non ten outro propósito que o de convivir como o fan os cónxuxes. Hai que adaptar todos eses dereitos.
Cal é a desvantaxe máis importante respecto ao matrimonio?
Para os efectos legais, un dos maiores obstáculos é o da pensión de viuvez, que é máis difícil cando conviviches durante anos sen estar casado. Para gozar deste dereito é case obrigatorio estar inscrito no rexistro, ter un nivel de ingresos baixo e unha duración de convivencia determinada, entre outros requisitos que varían segundo cada comunidade. Outra desvantaxe incumbe ás herdanzas, pero queda resolta a través do testamento.
Suscítolle un escenario: “Se comprei eu o piso, que pasa si son unha parella de feito e me separo?”
Algunhas comunidades, como Madrid, permítenlles ás parellas de feito escriturar os pactos que rexerán durante e logo da convivencia. En caso de non facelo, o normal é que ambos os membros soporten as cargas de xeito equitativo e en función da súa capacidade económica. No entanto, habería que estudar as achegas de cada un para determinar os posibles dereitos de crédito que poidan ter respecto do outro.
E se son un matrimonio?
Neste caso, depende de se estamos en réxime de gananciais ou de separación de bens, pero en xeral, como indica o Código Civil, “cada debedor responde persoalmente co seu patrimonio”. Se non fose suficiente, poderíase solicitar o embargo dos gananciais.
Se acheguei máis á conta común e me separo, que diferenzas hai?
As achegas poderían repartirse por igual á hora de liquidar. En xeral é así, salvo que acreditemos que achegamos máis diñeiro. Para iso, son moi importantes os extractos bancarios, xa que permiten demostrar a orixe e destino dun capital. No matrimonio, depende de novo de se é réxime de gananciais ou separación de bens.