Que lles acontece ás abellas?
O seu declive é un síntoma dos abusos da agricultura industrial e o seu círculo vicioso de monocultivos extensos, fertilizantes artificiais, tóxicos contra as pragas e eliminación da biodiversidade. Para unha maior produtividade, o campo convértese nunha fábrica de alimentos uniformes.
A UE impuxo unha moratoria de uso para varios pesticidas. Será suficiente?
Ademais dos neonicotinoides, crecen as sospeitas sobre outros axentes tóxicos comúns nos campos. Requiriranse longos informes científicos e lentas lexislacións, mentres as abellas e miles de especies polinizadoras perden a batalla da vida tras unha evolución de cen millóns de anos.
Por que son tan importantes as abellas?
As abellas son indicadores da saúde dos nosos ecosistemas e o elo terrestre que garante a reprodución das plantas. O impacto económico non é menor, pois o 84 % da colleita europea depende dos polinizadores. Sen eles, non sobrevivirían plantas tan importantes para o ser humano como pode ser o arroz.
Cal é o seu estado actual?
Están en declive en todo o planeta, agás nalgunhas zonas illadas. Os apicultores a duras penas conseguen repoñer as súas perdas. Ademais, a demanda de abellas crece a máis velocidade que a oferta. Hai lugares sen abellas e os campesiños polinizan á man cada flor das maceiras, das amendoeiras etc. China ten tres grandes rexións sen polinizadores.
E en España?
Segundo a última enquisa europea, a mortalidade é menor ca nos países do norte. Pero moitos apicultores non declaran a morte de parte das súas colmeas para non perderen as subvencións da UE para medicamentos. As rexións dependentes de usos agrarios intensivos son as que máis sofren, aínda que isto afecta todo o territorio peninsular. As abellas teñen unha enorme mobilidade en España, debido ao intercambio de colmeas e ao destacado mercado da transhumancia.
Fálase da avespa asiática como unha ameaza máis. Ata que punto o é?
Esta especie invasora, a Vespa velutina nigritorax, é unha ameaza certa no sur de Francia, no norte de Portugal e, en España, na cornixa cantábrica e nas rexións pirenaicas. Este tártago acaba cunha colmea en poucas horas para alimentar con abellas as súas larvas. Hai plans de actuación en todas as zonas afectadas e espérase frear a súa expansión. Dende os medios de comunicación e internet, foméntase a persecución do tártago europeo -Vespa vrabro- que, ademais de inocente, é a nosa principal arma de contención, xa que defende o seu territorio fronte ao invasor.
Pódese vivir da apicultura?
España é a principal produtora de mel de Europa. Hai 23.000 apicultores, dos que só o 20 % teñen explotacións profesionais. Andalucía, Estremadura e Valencia concentran o 62 % do sector. A extracción do mel centra o 90 % do negocio, a diferenza doutros países, diversificados co resto de produtos da colmea: propóleos, cera, pole, xelea real, cría de abellas ou a apitoxina, o seu veleno. Para manter unha explotación que permita o autoemprego, hai que achegar entre 50.000 e 80.000 euros. As abellas non son doadas de gobernar. Moitos apicultores noveis abandonan no primeiro ano. Hai que estudar moito e traballar polo menos un ano como voluntario nas colmeas dun profesional experimentado.
Que medidas deberían tomarse para mellorar o estado das abellas?
As mesmas que para mellorar a saúde e a seguridade alimentaria das persoas. Hai que inducir un cambio no modelo de produción agraria. Con máis diversidade de plantas, necesitaranse menos toneladas de químicos. Tamén cómpre un plan de formación dos apicultores e unha lexislación sanitaria que force os afeccionados a notificar as enfermidades das súas abellas e a aplicar as medidas axeitadas.
Nalgúns países póñense colmeas nas cidades para salvar as abellas e para producir mel de calidade. Que opina?
As abellas teñen máis saúde nas cidades, en cuxos parques e espazos teñen máis diversidade floral e onde moitos agrotóxicos están prohibidos. A experiencia doutros países non podemos comprobala aínda en España, xa que a lexislación prohibe a súa presenza nas cidades. Se chegase o momento, habería que evitar introducir especies que nada teñen que ver co noso ecosistema. En todo caso, só poden esperarse beneficios para todos.
Que poden facer os cidadáns?
Limitar o uso de produtos químicos-fitosanitarios, asegurar a subministración de alimentos de calidade para os polinizadores, apoiar a apicultura, crear conciencia para influír na agricultura, nas autoridades e nas empresas, e construír redes para traballar xuntos.