Gasolina, gasóleo, eléctrico… O debate está na rúa. Que recomenda vostede?
A mellor opción é a que máis se axuste ás necesidades, ao orzamento e aos gustos do condutor, así como ao uso que lle vaia a dar. Recoméndolle un coche de gasolina a alguén que non percorra máis de 15.000 quilómetros ao ano, metade en cidade e metade en estrada. Un diésel e ata un de gas (natural comprimido ou licuado de petróleo) a quen faga entre 20000 e 30000 quilómetros, en percorridos maioritariamente interurbanos.
E se imos facer un uso sobre todo por cidade?
Entón, o eléctrico pode ser unha boa opción. Pero o coche de combustible aínda é economicamente moito máis rendible. E se é novo, ningunha das restricións de circulación que se anuncian lles afectaría, polo menos durante os primeiros oito ou dez anos, que é o seu período de amortización.
Se vou viaxar moito, que modelo escollo?
Un diésel (ata coas anunciadas subidas fiscais) ou un de gas (natural comprimido ou licuado de petróleo) se vas facer entre 20000 e 30000 quilómetros, en percorridos maioritariamente interurbanos
Pero uno dos principais retos do coche de combustible é reducir as súas emisións.
Sen dúbida. Pero a redución debe ser real e ademais o consumidor ten que recuperar a confianza perdida tras os escándalos do dieselgate das medicións de contaminación de varias marcas de vehículos.
A que lle atribúe a caída nas vendas de diésel en España?
Por unha banda, á perda de confianza dos consumidores neste tipo de vehículos a raíz do dieselgate. Por outra, á incerteza xerada pola difusión de noticias que anunciaban importantes incrementos dos impostos que gravan o diésel. Pero, sobre todo, ás declaracións imprudentes de responsables políticos anunciando o fin do diésel sen fixar datas nin establecer plans de reconversión. Tamén ás restricións de circulación que pretenden implantar diversos concellos e comunidades sen aclarar que o problema da contaminación non son os diésel, senón os coches antigos e mal mantidos.
De feito, as principais cidades españolas e europeas limitaron o uso dos coches máis contaminantes, en especial gasolina e diésel antigos.
Son favorable a estas medidas, porque hai que perseguir sen escusas o obxectivo de reducir ao máximo os niveis de contaminación e mellorar a calidade do aire. Pero deben ir acompañadas duns plans claros de reconversión, que llo poñan fácil ao consumidor.
Cre vostede que se manterá a tendencia crecente do eléctrico e chegará a desbancar ás opcións de gasolina ou diésel?
Si, pero tardará aínda varios anos. Aínda non se dan as condicións necesarias para facer máis atractivo un coche eléctrico fronte a un de combustión. Para que iso ocorra, teñen que ser máis accesibles. Un vehículo eléctrico resulta un 80 % máis caro que os seus equivalentes de combustión; o usuario ten que dispoñer dunha praza de aparcamento (en España só un 30 % a ten), e a recarga é ineficiente. Cun minuto de carga dun coche diésel pódense percorrer 100 quilómetros, mentres que un eléctrico só percorrería un quilómetro. Ademais, a rede de puntos de recarga públicos é insuficiente e o investimento para a instalación de electrolineiras resulta pouco atractiva porque o xestor de cargas non obtén un adecuado retorno do seu capital. No entanto, o coche eléctrico ten ao seu favor unha tecnoloxía de 150 anos e un custo de mantemento un 40 % inferior aos de combustión: por exemplo, non se rompen nin a correa de distribución, nin o catalizador, os filtros de partículas a caixa de cambios ou o embrague. E o custo por quilómetro resulta entre tres e seis veces máis barato que un diésel ou gasolina.
Os defensores do eléctrico aseguran que, aínda que comprar un vehículo sexa máis caro -non baixa de 20 000 euros-, co tempo amortízase debido ao baixo prezo de mantemento e combustible. Ao final, aseguran que o coche tradicional supón un investimento maior
Os cálculos realizados polos servizos económicos da Asociación de Automovilistas Europeos non evidencian esa afirmación, e demostran que o custo por quilómetro dun vehículo de gasolina (incluíndo os custos de amortizados), sae máis rendible que o do seu equivalente eléctrico. E iso, sen incluír o custo dunha praza de garaxe, que é necesario ter.
Cre que chegou xa momento de comprar un coche eléctrico?
Si, pero para un sector do mercado aínda minoritario: condutores de percorridos netamente urbanos, así como para empresas e autónomos de pequeno reparto.
Entón, cre que o coche eléctrico non está preparado para substituír por completo ao coche tradicional.
Neste momento, non. Para que iso ocorra, ten que darse o mesmo fenómeno que no século pasado desencadeou Henry Ford coa produción en serie: en 1909 un Ford T custaba en 600 dólares; quince anos máis tarde o seu prezo reduciuse a 250. Ademais, ten que ampliarse a duración das baterías, a rede pública de recargas e unificar os tipos de conector.
Cales son hoxe as vantaxes de escoller un coche tradicional de combustible, gasolina ou diésel fronte ao eléctrico?
O prezo, a autonomía e os puntos de subministro. Son moito máis baratos, poden percorrer moitos máis quilómetros sen recargar e unha gasolineira atópase en calquera punto de Europa.
Pídolle un pouco de autocrítica: cal é o maior problema de comprar hoxe un coche de combustible en lugar dun eléctrico?
Sen dúbida, a contaminación, pero tamén a incerteza de non saber ata cando o vai a poder utilizar, o que provoca unha inxustificada depreciación do seu valor no mercado de ocasión.
Vostede recomenda os coches de gas?
Si, para un tipo de usuario que realice uns 30 000 km e teña preto unha estación de servizo onde o fornezan. Se quedas sen gas porque non tes preto un punto de recarga, só tes que utilizar o segundo depósito de gasolina.